Volve a Xarotos Gran Fondo: sorpresas e diversión sobre rodas

A segunda edición da Xarotos Gran Fondo 2022 chega este domingo, 21 de agosto, cargada de sorpresas, premios e diversión sobre dúas rodas.

A proba, organizada polo Club Master da Louriña en colaboración co Concello do Porriño, foi presentada hoxe polo alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, o presidente do Club Master da Louriña, Juan Álvarez, o triatleta Gustavo Rodríguez e Rafael Pérez, responsable de Lasal Cocinas.

“Trátase dunha proba ciclodeportiva sen paradas obligatorias, na que o ritmo e os límites os pon cada corredor”, explicou o alcalde, quen encomiou a iniciativa do Master da Louriña xa que “conxuga deporte e ocio cunha perfecta organización e permítenos ademais descubrir as marabillosas paisaxes que nos rodean e que moitas veces, pese a estar cerquiña, descoñecemos”.

A Xarotos conta este ano con dous percorridos:   Xarotos Gran Fondo, de 132 km e 3.000 metros de desnivel acumulado, e a Xarotos Medio Fondo, de 76 km e 1.400 m de desnivel.

“Este ano modificouse un pouco o percorrido para facelo máis atractivo e a competición centrarase na subida, o resto será para divertirse e disfrutalo. Haberá tramos cronometrados para que cada corredor poida consultar os seus tempos e levalos impresos nos diplomas finisher”, explicou o presidente do club organizador, Juan Álvarez, quen destacou que “De todos os eventos que organizamos a Xaroto é un dos que máis ilusión nos fai, pola complexidade na organización, a gran afluencia de participantes e sobre todo pola ilusión que lle fai á xente, ten unha enorme aceptación”.

A saída será ás 9 h na praza Arquitecto Antonio Palacios e contará coa participación do triatleta Gustavo Rodríguez, que animou a todo o mundo a participar deste “día entre amigos, sen a tensión da competición”. Rodríguez subliñou que iniciativas como esta “son unha maneira diferente de dar a coñecer a zona que é espectacular para a práctica do ciclismo. Por iso cantos máis sexamos mellor o pasaremos”.

Pola súa banda, Rafael Pérez reiterou que “como sempre é unha satisfacción apoiar estas iniciativas, e sobre todo se son como esta, que conxugan o aspecto deportivo co lúdico á perfección. Imos disfrutar dun día distinto”.

Premios, trofeos e regalos

A primeira regla do ciclismo é a diversión e por iso a organización asegurouse de que todo o mundo o pase ben. A música acompañará aos corredores ata a cima e para iso, a organización, conta cun grupo de música na subida, e tamén cun impertinente “tío do mazo” e simpáticos emojis. Ao longo do recorrido os puntos de avituallamento marcarán a diferencia e haberá un fin de festa por todo o alto á chega no Porriño cun montón de sorpresas e sorteos.

 

O II Torneo Internacional de Tenis Mesa Concello do Porriño reunirá a 200 deportistas

Este sábado arranca no polideportivo municipal o II Torneo internacional de Tenis Mesa Concello do Porriño con máis de 200 tenistas de mesa en acción chegados de diferentes puntos da xeografía española e portuguesa. 

O alcalde, Alejandro Lorenzo, presidiu hoxe o acto de presentación do torneo, que contou coa presencia do Vicepresidente da Federación Galega de Tenis de Mesa, Enrique Barreiro, o presidente do club Tenis de Mesa CRC, Juan Celeiro, o directivo do Club, Hector Díaz, a representante da directiva do Círculo Recreativo Cultural, Nuria Maquieira, o patrocinador Fernando Godoy, do Grupo Godoy Maceira, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez.

O presidente do club organizador, Juan Celeiro, explicou que o torneo arrancará ás 10 h do sábado, día no que se disputarán todas as categorías desde a pre-benxamín ata veteranos +60. O domingo, á mesma hora, comezará a última xornada, a correspondente á categoría absoluta.

“O obxectivo é conseguir que sexan dous días de festa para o noso deporte e por iso queremos facer partícipes á maior cantidade posible de xogadores e afeccionados”, apuntou Celeiro, “Animamos a todo o mundo a achegarse e descubrir como é o noso deporte, que é un pouco descoñecido pero moito máis divertido e espectacular do que a xente imaxina”.

Pola súa banda, o Vicepresidente da FGTM, Enrique Barreiro, puxo en valor ao club organizador. “Para celebrar eventos desta magnitude fan falta tres cousas: vontade, que ao Tenis Mesa CRC lle sobra; capital humano, que no Porriño haino, e apoio institucional, que aquí tamén o hai e de maneira importante”, apuntou, “E aquí pasa unha cousa que nunca vira, é é que normalmente comezase de maneira modesta para ir crecendo, e no Porriño, apostouse desde o primeiro momento por facelo ben e  organizar un torneo á altura dos mellores que hai en Galicia”.

O concelleiro de Deportes, Abel Estévez, reiterou os parabéns ao club e o apoio incondicional do Concello do Porriño. No mesmo sentido se expresou o alcalde, Alejandro Lorenzo, destacando o traballo do club Tenis Mesa CRC para “dar a coñecer entre a veciñanza do Porriño un deporte que aínda que todos sabemos del é pouco coñecido. Proba diso é que cada vez son máis as fichas no club e máis porriñeses e porriñesas que o practican e por iso, conta con todo o apoio do Concello para calquera iniciativa que impulsen”.

Este verán zumba e ioga para todos na praza do Concello

O deporte ocupará a praza do Concello este verán. A fin de promover a actividade física e dar unha alternativa de ocio saudable á veciñanza, profesionais cualificados impartirán clases de Zumba e Ioga para quen queira disfrutar do  fresquiño da última hora dos días de verán facendo deporte.

Esta actividade forma parte da oferta de ocio do Concello do Porriño e desenvólvese de forma gratuíta, aberta e sen necesidade de inscrición previa. As clases daranse durante todo mes de agosto, os martes e xoves de 21 h a 22 h as de zumba e os mércores á mesma hora as de ioga.

O policía local do Porriño, Javier Rodríguez, proclámase campión do mundo en Rotterdam

Javier Rodríguez, axente da Policía Local do Porriño, proclamouse esta fin de semana campión do mundo en ciclismo nos XIX Xogos Mundiais de Policías e Bombeiros, que se disputaron na cidade holandesa de Rotterdam.

O axente é un veterano deste evento, no que compite dende o ano 2003 colleitando éxitos: catro medallas de ouro, tres de prata e dúas de bronce. Este ano, suma un novo ouro tras impoñerse na súa disciplina.

Este evento bianual, aberto á participación tanto de persoal en activo como de xubilados das forzas de seguridade e bombeiros de todo o mundo, é o segundo con maior participación a nivel mundial, só por detrás dos Xogos Olímpicos.

Desta vez acudiron á cita algo máis de 10.000 atletas de máis de 80 países. Os xogos constan de 63 disciplinas que van dende o ciclismo ao atletismo, pasando polo baloncesto, tenis, natación… e outras específicas destes corpos de intervención como a carreira vertical, tiro policial ou subida de escaleiras.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, felicitou ao axente por este novo éxito que “coñecendo a Javi seguro non será o último” .

168 DEPORTISTAS DISPUTARÁN MAÑÁ O VII TRÍATLON CONCELLO DO PORRIÑO

168 atletas disputarán mañá sábado a sétima edición do Tríatlon Concello do Porriño, unha cifra que ratifica a capacidade de convocatoria que ten este evento deportivo.

Entre eles, reputados deportistas como o Campión do Mundo de Tríatlon e padriño da proba, Iván Raña, o piloto local que disputou o Paris-Dakar, Xacob Agra, ou Borja Gómez, ciclista pontareano con síndrome de Down que comezou a pedalear con seis anos e este sábado competirá en igualdade de condicións cos máis grandes da modalidade.   

A proba absoluta dará comezo no porto deportivo de Tui ás 16:30 h para a categoría masculina e cinco minutos despois para a feminina. Os triatletas nadarán no Miño 750 m e, unha vez saian da auga dirixiranse ás instalacións da Comandancia Naval do Miño onde estará instalada a primeira transición para coller a bicicleta e sair rumbo ao Porriño. Tras completar os 20,2 km de percorrido entre Tui e O Porriño atoparanse coa última transición na rúa Domingo Bueno, onde cambiarán as rodas polas zapatillas e encararán os 5 km restantes de circuito urbano.

Cabe destacar que un operativo de seguridade e tráfico formado por máis de 200 persoas entre voluntarios, Protección Civil, Policía Local e Garda Civil, encargarase de asegurar que a proba se desenvolva sen incidencias.

As pistas municipais de tenis xa contan con vestiarios totalmente equipados

Os tenistas do Club Tenis Porriño e todos aqueles que fan uso das pistas municipais de tenis dispoñen xa de vestiarios totalmente equipados. Ata o de agora, os usuarios e usuarias destas instalacións carecían dun lugar apropiado para cambiarse e asearse tras a práctica deportiva e tiñan que desprazarse ao polideportivo municipal.

“Os vestiarios están xa están abertos e ambos contan con aseo adaptado independente, e tamén está en uso xa o almacén que se dispuxo nas mesmas instalacións”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, que reiterou que “esta era unha obra tan reclamada polos usuarios como necesaria” e insistiu en que “o mantemento e acondicionamento das instalacións deportivas ocupa un lugar destacado na nosa axenda , non só  para deportes maioritarios senón para todas as disciplinas”.

O rexedor, acompañado polo concelleiro de Deportes, Abel Estévez, o Secretario Xeral para ao Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, o xefe provincial de Deportes, Daniel Benavides, e o presidente do Club Tenis Porriño, Agustín Doval, visitaron as novas instalacións. Para acometer estas obras, cuxo importe ascendeu a 48.389,49 euros, o Concello do Porriño asinou un convenio de cooperación coa Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, en virtude do cal, o ente autonómico aportou preto de 40.000 euros e o restante foi asumido polo Concello con fondos propios.

 

 

IVÁN RAÑA, PADRIÑO DO VII TRÍATLON CONCELLO DO PORRIÑO

O vindeiro sábado 16 de xullo centos de atletas percorrerán os 25.950 km de circuito do Tríatlon Concello do Porriño, entre eles, o Campión do Mundo, Iván Raña que ademais de participar este ano apadriña o evento.

Este mediodía presentouse a proba deportiva,  que tras o parón derivado da pandemia chega a súa sétima edición, coa presenza do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, os concelleiros de Deportes do Porriño e Tui, Abel Estévez e Rafael Estévez, respectivamente, o Comandante Naval do Miño, Pablo Redondo Belzunce, o Sarxento Primeiro do Posto de Tráfico do Porriño, Daniel Castelo Baz, o Director Deportivo da Fegatri, Carlos David Prieto e o padriño da proba, Iván Raña. Tamén estiveron presentes representantes dos clubs colaboradores.

“Este será o meu primeiro Triatlón como alcalde e é toda unha honra ter contado co respaldo e colaboración total do tecido deportivo do Porriño para os que non teño máis que palabras de agradecemento”, afirmou o alcalde, “Moitísimas grazas a todos e todas os voluntarios e voluntarias, clubs deportivos, Protección Civil, Policía Local, Garda Civil, Concello de Tui, Xunta de Galicia, a todos os que facedes que posible que un evento desta magnitude teña lugar na nosa vila”. O rexedor, lembrou que a inscrición sigue aberta ata as 23:49 h do 12 de xullo e que “a día de hoxe son preto de 200 os inscritos” , animando a todo aquel que queira a “participar e competir, nada máis e nada menos, que cun campión do mundo”.

Pola súa banda, Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete, destacou o nivel desta proba que, na súa séptima edición demostra “o deporte non para, que o deporte galego loita contra todas circunstancias e continúa grazas á disciplina”. Lete Lasa quixo poñer en valor a figura de Iván Raña “pioneiro do triatlón galego e grazas ao cal esta modalidade hoxe en día é o que é en Galicia”.

O concelleiro de Deportes do Porriño, Abel Estévez, destacou que “retomar esta actividade é moi importante para nós”  xa que “podemos presumir de ter un tríatlon popular de alto nivel”.

No mesmo sentido se expresou o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, que afirmou que “este ano vai ser unha proba moi bonita” e agradeceu “en especial ao Comandante Naval do Miño xa que grazas a el poderemos ter unha proba de calidade, e tamén aos clubs tudenses, Policía Local e Protección Civil de Tui”

Como cada edición, o tramo de natación sprint é de 750 m, desenvolverase no río Miño fronte á sede da Comandancia Naval de Tui. O tramo de bici é de 20 km entre Tui e O Porriño e finalmente a carreira pedestre cun percorrido de 5 km que se disputa no casco urbano do Porriño.  

Na edición deste ano a iconografía e cartelería xira en torno á bandeira multicor sumándose, tal e como explicou o alcalde, ao “movemento en defensa da diversidade e pola igualdade de dereitos das persoas LGTBIQ+”, en definitiva, “un evento deportivo de alto nivel que reivindica unha sociedade máis libre e respectuosa”.

Mini Triatlón

Os máis pequenos tamén terán a súa proba: o Triatlón Mini. Disputarase o mesmo día en horario de mañá e poden participar os nenos e nenas de entre 4 e 10 anos acompañados por un adulto. O único requisito será saber nadar 25 m ininterrumpidamente e saber andar en bici.

Terán que completar 25 m na piscina municipal, 700 m en bicicleta dende a piscina ata a igrexa e alí farán a transición para encarar os 300 m de carreira a pé dende ata o Concello.

A inscripción está aberta ata o 13 de xuño ou ata completar as 45 prazas.

 

 

 

Pedaleando contra a ELA

Coincidindo co Día Mundial da ELA, que se celebra cada 21 de xuño, o porriñés José Manuel Domínguez “Tonono Bike” deu hoxe a primeira pedalada do seu reto persoal e social: 6000 km pola ELA.

Foi na praza Arquitecto Antonio Palacios, de onde partiu hoxe en bicicleta co obxectivo de recaudar polo menos 6.000 euros para axudar aos enfermos de ELA e ás súas familias, tantos como kilómetros percorrerá durante seis meses visibilizando unha enfermidade que afecta a moitas persoas.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, a concelleira de Sanidade, Carolina González, Pilar Guimeráns, representante de AGAELA , familiares e amigos, acompañaron a Jose neste importante momento.

“Coa miña bicicleta e o voso apoio percorrerei o perímetro de España para conseguir fondos que se destinarán na súa totalidade a axudar ás persoas que padecen esta enfermidade”, explicou Jose, “Sei de primeira man o necesaria que esta axuda para que estas persoas teñan unha vida digna, xa que está a afectar a un familiar e amigo, e penso que somos nós, os que gozamos de saúde, os que dalgún xeito debemos colaborar con eles”.

Por iso Jose, músico de profesión, adica a metade do ano ao seu traballo e a outra metade a loitar contra a Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) a golpe de pedal.

“O que vai facer Jose é digno de admiración, o seu altruismo e compromiso merece o respaldo de todos e todas, e que en cada pedaleo sinta que dende o Porriño o estamos apoiando”, afirmou Alejandro Lorenzo, “Por iso é necesario que todos e cada un de nós colaboremos na campaña de crowdfunding e difundamos o seu reto para que todo aquel que queira poida sumarse”.

A recaudación de fondos está a facerse a través da plataforma de crowdfunding Migranodearena :  https://www.migranodearena.org/reto/pedalear-6000-km-x-6000-x-ela. A totalidade do recaudado destinarase a axudar aos enfermos de ELA e ás súas familias a través da Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA).

A casa consistorial ilumínase pola ELA

O Concello do Porriño sumouse hoxe á campaña #LuzporlaELA impulsada por AGAELA en colaboración coa Confederación Nacional de Entidades de ELA (ConELA) con motivo do Día Mundial da ELA.  Hoxe a casa consistorial ilumínase en verde xunto a decenas de edificios e monumentos de toda España para visibilizar esta enfermidade e apoiar ás persoas, concienciando á sociedade sobre as dificultades que conleva no día a día.

Sobre a ELA

A ELA é unha enfermidade nerodexenerativa incurable, progresivamente incapacitante e mortal nun prazo de 3 a 5 anos dende o seu diagnóstico, pero isto son só datos obxectivos da enfermidade. A realidade é que en España cada día diagnostícanse tres novos casos de Esclerose Lateral Amiotrófica e falecen outras tres persoas en silencio.

A isto hai que sumar o custe medio dos coidados das persoas con ELA, que alcanza cifras moi elevadas anualmente, o que supón un problema económico inasumible para a mayoría das familias. A dificultade de detectar os síntomas iniciais a nivel de atención primaria e a complexidade do diagnóstico diferencial demoran usualmente o diagnóstico. En España, o tempo medio desde o primeiro síntoma ata o diagnóstico definitivo supera o ano.

Por iso, é importante potenciar a innovación e a tecnoloxía, apoiar e fomentar a investigación que nos permitirá atopar a orixe, o diagnóstico rápido e a cura.

 

 

 

 

 

A Piscina Municipal permanecerá pechada uns días tras detectarse baixos niveis de E.Coli na auga

A concellería de Deportes procedeu hoxe ao peche temporal da piscina municipal para subsanar unha contaminación das augas detectada nun dos controis rutinarios e obrigatorios realizados na mañá de hoxe.

Os mesmos arroxaron baixos niveis da bacteria E.coli polo que, por precaución tal e como marca a normativa sanitaria, as instalacións permanecerán pechadas para seguridade dos bañistas e para realizar ao tratamento da auga.

Como xa dixemos, os niveis detectados son moi baixos, polo que se levará a cabo un tratamento de choque leve e agardase que a piscina poida abrir en 48 horas. Unha realizado, farase unha nova analítica para asegurar que os niveis volven á normalidade antes de reabrir as instalacións.

A festa do fútbol sala base chega ao polideportivo do municipal do Porriño

O Porriño convertirase esta fin de semana en sede dun  importante evento deportivo.

O polideportivo municipal acollerá os días 10, 11 e 12 de xuño a fase previa do Campionato de de España de Clubes Base de Fútbol Sala na categoría benxamín. 

O evento foi presentado esta mañá polo alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, o Presidente do I.E.S Coruxo F.S., Pachi Comesaña, o coordinador de Base do Coruxo e Borja Arca, representante da Federación Galega de Fútbol.

Concentra aos catro equipos da zona norte, galegos , castelán, cántabro e asturiano que se xogan unha praza para estar na fase final do Campionato.

“É un pracer para nós acoller esta competición que concentra aos catro equipos da zona norte que se xogan a praza para estar na fase final”, afirmou o alcalde, “Somos o Concello do Deporte e temos claro que para poder selo é necesario apostar sempre pola base e poñer en valor aos pequenos en pequenas que comezan a disfrutar da práctica deportiva”.

Serán catro os clubs que participen: C La Folia FS, Real Oviedo SAD, CD Intersala FS e o anfitrión, o IES Coruxo FS. “O noso representante, o IES Coruxo, elexiu este maravilloso pavillón do Porriño para disfrutar do futbol sala durante esta fin de semana e para que disfrutemos con eles”, apuntou Borja Arca.

Por último, o coordinador de base do Coruxo, Javier Hernández, asegurou que están “moi ilusionados e intentaremos dar o mellor de nós para poder levarnos o mellor dos premios, que sería pasar á final”.