O Concello do Porriño e a Deputación asinan un convenio por un importe de 800.000€ para levar adiante a actuación no módulo de atletismo que ten un coste de 1.000.000€

Carmela Silva asinou está mañá 21 convenios cos alcaldes e alcaldesas da provincia dos 25 concellos que disporán de 15 millóns de euros para obras singulares dentro do Plan de reequilibrio territorial do ente provincial.

A presidenta da Deputación subliñou a “celeridade” da administración provincial para  poñer a disposición dos concellos estes fondos e a dos concellos en aprobar os seus proxectos que permitirán que os entes locais podan, de maneira inmediata, licitar as obras incluídas neste plan.

No caso do Porriño, a Deputación de Pontevedra achegará 800.000€, como sinala o convenio asinado pola alcaldesa, Eva García de la Torre, que estivo acompañada polo concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, para levar a cabo a actuación no módulo de atletismo, cuxo custe total é de 1.000.000€.

A presidenta da Deputación, acompañada pola alcaldesa, Eva García de la Torre, inaugura as melloras do Campo de Fútbol do Carballo, en Atios

A presidenta da Deputación, acompañada polo deputado de Cooperación, David Regades, e pola alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e o Concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, asistiu esta mañá á inauguración das novas obras do Campo de Fútbol do Carballo, instalacións empregadas polo U.D. Atios onde habitualmente adestran máis de 250 deportistas de equipos de todas as categorías.

No acto, Carmela Silva subliñou a importancia destas obras sinalando que “demostran o noso compromiso total e absoluto co deporte, porque constrúe sociedades mellores onde nenas e nenos aprenden moitos valores e porque neste século o deporte xa converteuse nunha revolución social. Con estas obras pasamos dun campo que estaba en condicións deplorables a un espazo moi digno para nenos e nenas, porque aquí hai nenas e ten que haber moitas máis xa que nós apostamos por equipos mixtos”, dixo a presidenta, que agradeceu ao Concello do Porriño esta aposta “unha decisión máis que adecuada e que a mi como presidenta me fai moi feliz”

Eva García de la Torre, agradeceu á presidenta da Deputación “a empatía coa que recibe este tipo de solicitudes. Estamos a falar dunha infraestrutura deportiva que era imprescindible mellorar e con fondos propios do Concello sería moi difícil. Era un campo que non so estaba en condicións espantosas, senón que ademais causaba lesións aos rapaces e ás rapazas que xogaban aquí. É unha obra fantástica e unha inversión moi importante”, sinalou.

As obras da reforma fixéronse ao abeiro do Plan Concellos 2016 e a cos fondos do PICEI cun importe total de máis de 100.000€. Co Plan Concellos levouse a cabo a construción dunha edificación baixo as gradas existentes para ao equipamento existente de vestiarios, aseos  e outros servizos necesarios para o seu normal funcionamento.

Con estas obras, orzamentadas en 70.464,90 euros, dótase a planta baixa de dous vestiarios principais para xogadores de distintos sexos, dous máis para os equipos das escolas de fútbol e outros dous de árbitros. Así como dous almacéns, unha sala de masaxe e oficinas. Os dous vestiarios con maior superficie contan cun aseo adaptado independente.

En canto á obra realizada ao abeiro do PICEI, valorada en 30.221,93€, fíxose unha grada de 40 x 7 m en formigón prefabricado e dotada dunha cuberta curva autoportante de chapa prelacada, catro bancadas de formigón e peche posterior. Tamén executouse unha explanada de aglomerado asfáltico, unha caseta de baños públicos, unha beirarrúa cuberta de acceso a vestiarios.

O deportista Daniel Fernández fai unha parada no Porriño na súa ruta de 180 quilómetros en bici, nun so día, para darlle visibilidade ao Alzheimer

Daniel Fernández Cerzón fixo unha parada este venres no Porriño na ruta que comezou hoxe e e que ten coma obxectivo darlle visibilidade ao Alzheimer e, ao tempo, recadar fondos para a Asociación Galega de Familiares de Enfermos de Alzheimer (Afaga).

O deportista de Gondomar, que saíu de Vigo ás 9 e media da mañá tiña coma desafío facer 180 quilómetros en bicicleta seguindo por Redondela, Mos, Porriño, Ponteareas, Salceda, Tui, A Guarda e Nigrán e volvendo a Vigo.

Daniel, que foi recibido diante do Concello pola alcaldesa, Eva García de la Torre, a concelleira de Igualdade e Benestar, Soledad Girón, o concelleiro de Comercio, Medio Ambiente e Urbanismo, Marcelino Coto, e o presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, ademais doutros representantes da asociación, xa completara outros dous desafíos igual de duros: o pasado mes de maio estivo correndo 24 horas sen parar por Praia América e o mes pasado fixo o mesmo no Parque de Castrelos, en Vigo.

Suspendida a actividade de ‘Ciclismo Infantil’ programada para este sábado, día 16, nas pistas de Torneiros

Manuel Carrera, concelleiro de Deportes, informa de que a actividade de Ciclismo Infantil, programada para este sábado, día 16, ás 4 e media da tarde nas pistas de Torneiros, ven de suspenderse.

O Club Ciclista Spol informou o pasado 28 de agosto á Federación Galega de Ciclismo que renunciaba a esa proba y non o comunicou ao Concello ata esta mesma semana cando na data deste sábado a Federación xa programara outra proba en Ponteareas, polo cal non se podía organizar xa a do Porriño.

Manuel Carrera confirma que as outras probas anunciadas están confirmadas. O venres, día 29 deste mes, ás 8 da tarde, polo casco urbano do Porriño, a ‘Carreira Nocturna Festas do Cristo’, que este ano conta cunha novidade: a participación de ciclistas de categoría cadete, e a ‘Festa da Bicicleta’, o domingo 1 de outubro, dende ás 10 e media da mañá, con saída dende a Praza de Antonio Palacios.

A ‘Carreira Nocturna’ de ciclismo das ‘Festas do Cristo’ será polo centro do Porriño o venes, día 29, dende as 8 da tarde

A ‘Carreira Nocturna’ de ciclismo, que forma parte da programación das Festas do Cristo, disputarase na data anunciada: o venres 29 de setembro, dende as 8 da tarde, pero será polo Centro do Porriño e non nas Pistas de Torneiros, como se anunciara.

As demais probas ciclistas manteñen os lugares, datas e horarios, adiantados na presentación das Festas do Cristo e que figuran nos programas oficiais: o sábado, día 16, ás 4 e media da tarde, nas Pistas de Torneiros, ‘Ciclismo Infantil’ e o domingo 1 de outubro, con saída ás 10 e media da mañá dende a Praza de Antonio Palacios, a ‘Festa da Bicicleta. Marcha popular’.

Preto de 80 actos, actividades, actuacións ou probas deportivas, propostas do programa das ‘Festas do Cristo 2017’

Preto de 80 actos, propostas, actividades, actuacións ou competicións deportivas, están previstas durante a duración das Festas do Cristo deste ano que abrangue máis aló dos días centrais das mesmas chegando ata o vindeiro 1 de outubro, data na que está prevista a celebración do Encontro Internacional de Aeromodelismo, por suposto en Pontellas.

Segundo salientou este martes a alcaldesa, Eva García de la Torre, na presentación do programa, as Festas do Cristo 2017 queren “chegar a todas as veciñas e veciños e atender a a diferentes sensibilidades e os gustos”, co único obxectivo de que os asistentes ás mesmas pasen unhas horas de lecer.

Acompañada por representantes de  ‘Montando O Cristo’, ‘O Cristo do Rap’ e a cantante local Xoana, que terán un importante papel nas propostas desta edición das Festas, a alcaldesa subliñou que nas mesmas haberá exposicións, teatro, concertos- coma os de Antonio Serrano, Argonad Band, Xoana e MQM Band, Uxía & Javier Ruibal ou Camela; pasando por DJ, bandas de música-coma as de Vincios, a Agrupación Musical do Rosal, A Cultural de Arcade ou a Unión Musical de Valladares-, charangas, unha Festa Medieval, , orquestras, espectáculos de humor, coma o que protagonizará Cándido Pazó, espectáculos para cativos, xigantes e cabezudos, o Festival da Cultura Urbana ‘O Cristo do Rap’, o Festival de Rock ‘Montando o Cristo’ e os actos relixiosos dende o día 22, co punto central ca Procesión do Santo Cristo da Agonía o día 24.

García de la Torre salientou a importancia do deporte, “con maiúsculas”, nas Festas do Cristo deste ano, con encontros de Balonmán, feminino e masculino, Patinaxe, Fútbol, co Torneo Festas do Cristo, Tenis, Kung-Fu, Atletismo, Gimnasia Rítmica, Baloncesto, Aeromodelismo ou Ciclismo.

En relación con esta última disciplina, a alcaldesa quixo acabar con todas as dúbidas e comentarios xurdidos nos últimos días e subliñou que “disputaranse todas as probas e concentracións tradicionais”: o sábado, día 16, ás 4 e media da tarde, nas Pistas de Torneiros, ‘Ciclismo Infantil’; o venres día 29, no mesmo lugar, ás 8 da tarde, a ‘Carreira Nocturna Festas do Cristo’ e o domingo 1 de outubro, con saída ás 10 e media dende a Praza de Antonio Palacios, a ‘Festa da Bicicleta. Marcha popular’.

A rexedora, logo de insistir en que as Festas do Cristo “queren integrar a todo o mundo”, repetiu que “son para que todos bailemos, para que esteamos en moitos lugares, para que non paremos, para que nos movamos e para que o pasemos ben”.

14 pilotos competirán por levarse o vindeiro sábado, día 5 de agosto, o ‘II Open Internacional Concello do Porriño F5J2017’ de Aeromodelismo

Catorce pilotos teñen confirmada a súa participación, o vindeiro sábado, día 5 de agosto, no ‘II Open Internacional Concello do Porriño F5J2017’ de Aeromodelismo, que terá lugar en Pontellas dende as 10 e media da mañá, organizado polo Club Furaventos do Porriño.
 
Trátase de sete españois e sete portugueses que contenderán nesta proba valedeira para o Trofeo Ibérico e, coma novidade, para o ‘Intertour’.
 
Os participantes son:
José Araújo Liga Aer. do Cávado (Portugal)
José Antonio Orviz Central de Asturias (España)
Carlos Casqueiro Furaventos (España)
Luis M González Radiocontrol Sevilla (España)
José M Quintas Araxiñas (España)
José Rocha Liga Aer. do Cávado (Portugal)
Oscar Lopes Liga Aer. do Cávado (Portugal)
Rui M. Paiva LIPA (Portugal)
Vitor Gandarela Liga Aer. do Cávado (Portugal)
Alejandro Martínez Central de Asturias (España)
Gonzalo Moreno Estepona (España)
José Enrique Palacios Las Marismas (España)
Nuno Mota Liga Aer. do Cávado (Portugal)
António Coutinho LIPA (Portugal)
 
Dada a ausencia de Julio Contreras, líder do certame, os portugueses Óscar Lópes, Rui Paiva y José Araujo terán unha boa oportunidade de aumentar as súas opción para levarse o trofeo final o vindeiro mes de setembro en Madrid.

O xadrez volveu ás rúas da man do Programa Municipal, con partidas de 10 minutos de duración

Este xoves, o xadrez volveu ás rúas do Porriño: na Praza de Antonio Palacios, 24 xogadoras e xogadores compiten polos 3 trofeos e 24 medallas ao ritmo ‘frenético’ do “Blitz”, con partidas de 10 minutos que porán a proba aos participantes.
 
Parte coma favorito o porriñés Lucas Represas, do IES Pino Manso, o único xadrecista que conta con ranking internacional, pero agárdase moita emoción durante as cinco rondas de xogo.
 
Esta actividade é parte do Programa Municipal de Xadrez, impulsado pola concelleira de Educación, Lourdes Moure, seguindo a recomendación do Parlamento Europeo de incorporar o xadrez ao desenrolo dos rapaces para potenciar as súas capacidades e valores.

Hernán Sío, integrante do Club Ximnasia Porriño, campión de España de Aro, prenderá a chama de Porrigalia

Hernán Sío, integrante do Club Ximnasia Porriño, que o pasado mes de xuño proclamouse campión de España de Aro, subcampión con mans libres e medalla de bronce xeral na categoría alevín, será quen encenda o ‘pebeteiro’ de Porrrigalia 2017.

Hernán xunto con todas as integrantes do Club Ximnasia Porriño- que este ano clasificouse por primeira vez para o Campionato de España-, recibiron a homenaxe do Concello pola excepcional tempada, sendo recibidos polo alcalde accidental e concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, o a concelleira de Educación e Xuventude, Lourdes Moure.

Hai que lembrar que Porrigalia, que se celebra dende o vindeiro venres, día 21, ata o domingo, 23, ten ao grupo ‘Obus’, unha das lendas do ‘heavy metal’ en España, como a ‘estrela’ desta edición.

A banda, integrada polo cantante ‘Fortu’ Sánchez, o guitarrista Paco Laguna, o batería Carlos Mirat e o baixista Fernando Montesinos, actuará o vindeiro sábado, día 22 de xullo, ás 23:30 horas, como anuncia xa na súa páxina web.

Outra das actuacións importantes desta edición será a de Astarot, o grupo galego ‘heavy’ que cumpre neste 2017 os seus primeiros 34 anos de vida, e que chegará a Porrigalia o venres, día 21 de xullo ás 22:45 h. no mesmos escenario que os ‘Obús’: na rúa Domingo Bueno.