O Concello rende homenaxe aos integrantes do Club Ximnasia Porriño

O alcalde accidental do Porriño, e concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, xunto coa concelleira de Educación e Xuventude, Lourdes Moure, recibiu este venres oficialmente no Concello, aos integrantes do Club Ximnasia Porriño, que este ano clasificouse por primeira vez para o Campionato de España, e que ten entre os seus integrantes a Hernán Sío, de 9 anos, campión de España de Aro, subcampión con mans libres e medalla de bronce xeral na categoría alevín.

Manuel Carrera felicitou aos ximnastas pola súa “entrega, ilusión e capacidade” que, subliñou son os piares nos que se basea o “excelente” resultado que acadaron no pasado Campionato de España, e nas anteriores competicións nas que participaron.

Carrera, ex ciclista profesional, subliñou a “grande dificultade e o enorme mérito” que ten chegar a este nivel e, logo de amosar o “orgullo que sentimos todas as porriñesas e porriñeses”, agradeceu que estes deportistas foran quen de levar o nome do Porriño ao máis alto.

Nas súas palabras, o alcalde accidental quixo ter un recoñecemento especial ao labor das adestradoras, “elas son as que os ensinan e as que saben cómo facer que sexades quen de dar o mellor de vos”, comentou ao tempo que pediu un aplauso para a súa adicación e a súa aportación constante e desinteresada.

De seguido, e logo de recibir un galano de mans dos concelleiros, os integrantes do Club Ximnasia Porriño coñeceron o Concello por dentro, dende o Salón de Plenos ate o despacho da alcaldesa e o famoso balcón que da á Praza do Arquitecto Antonio Palacios.

Conta atrás para o Triatlón Concello do Porriño,

Conta atrás para unha das grandes probas do calendario deportivo galego: o Triatlón Concello do Porriño,

Ás 12 menos cuarto da mañá do vindeiro sábado 27 de maio os protagonistas serán os participantes no ‘Mini Triatlón’ que, acompañados sempre dun adulto, nadarán 25 metros na piscina do Polideportivo Municipal para a continuación prepararse para a saída en bicicleta (12.00 h) ata a Igrexa de Santa María. Alí deixarán as súas bicis e prepararanse para tomar a saída en carreira (12.15 h) cara á Praza Arquitecto Antonio Palacios, onde estará situada a meta.

O prazo para inscribirse finaliza o venres 26 de maio, os interesados poden achegase á piscina municipal para formalizar a súa participación e moi importante non esquecerse do gorro, bañador, chanclas antiesvarantes e casco.

Polo que atangue á proba absoluta, a saída será dende o porto deportivo de Tui pero, a diferenza do ano pasado, a primeira transición, na que os triatletas collerán a bicicleta tras nadar 750 metros no Miño, será no interior das instalacións da Comandancia Naval e non no embarcadoiro.

A segunda transición volve a rúa Domingo Bueno, onde logo de facer pola PO-342 os 20 quilómetros que separan Tui do Porriño, os triatletas deixarán as súas bicicletas e iniciarán unha carreira de 5 quilómetros dando dúas voltas a un circuíto urbano ata rematar a proba diante do Concello.

O prazo de inscrición estará aberto ata as 23.59 h. do próximo martes, día 23, e o seu custo é de 10 €, para os federados -cadetes gratis- e de 22 €, para os que fagan licenza dun día -10€+12€ -cadetes 6€-.

O Balonmano Porriño rende homenaxe ao ex alcalde Barros

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e o concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, asistiron este sábado no Pavillón Municipal ao acto de homenaxe a José Manuel Barros, quen fora alcalde da vila durante 23 anos.

O clube Balonmano Porriño quixo agradecer o labor do ex alcalde e o seu apoio ao deporte porriñés durante o seu longo mandato, facéndolle unha homenaxe no descanso do encontro que o enfrontaba ao Balonmano Porriño e ao Aula Valladolid.

Os fillos do alcalde Barros recibiron un agasallo que lembraba o traballo do seu pai e o recoñecemento das xogadoras, adestradores e directivos do Balonmano Porriño que marcaron un fito na súa historia: a chegada á División de Honra do equipo hai xa 20 anos.

V Triatlón CONCELLO DO PORRIÑO

Despois do éxito da pasada edición a Concellería de Deporte en colaboración co Concello de Tui, pon en marcha a quinta edición do Triatlón Tui – Porriño. O deseño da edición de 2016 acadou un alto grado de satisfacción entre os 350 participantes que disfrutaron dun río espectacular, unha ruta en bicicleta polo Val do Louro e unha carreira a pé polas rúas do centro do Porriño. Nesta edición impoñémonos o reto de ampliar os parámetros de calidade acadados, tendo en conta a experiencia de anteriores edicións estamos seguros de poder garantir unha tarde perfecta para todos.

Infórmate na Web:
http://triatlonconcellodoporrino.com/

Xadrez

Sábados de 11:00 a 13:00 h. e xoves de 18:00 a 20:00 h. 2016
Centro Cívico
Retómase a actividade de xadrez, o martes día 4 de outubro, ás 18:00 h. na segunda planta do Centro Cívico do Porriño, onde os interesados e interesadas poderar aprender, xogar e mellorar os seus coñecementos, e tambén, coñecer as actividades programadas para a formación, organización e competición durante o Curso Escolar. A entrada é libre e de balde, só con rexistrarse no lugar.

O calendario de actividades de xadrez desenvolverase os sábados de 11:00 a 13:00 h. e xoves de 18:00 a 20:00 h., de outubro a maio.