O Campo do Lourambal será escenario, dende o vindeiro día 18, do ‘3º Curso de Monitor de Fútbol Base’, organizado pola Federación Galega de Fútbol coa colaboración do Concello do Porriño

O Campo do Porriño Industrial, Lourambal, será o lugar elixido pola Federación Galega de Fútbol para o desenrolo do 3ºCurso de Monitor de Fútbol Base, que empezará o vindeiro día 18 de xuño, e que cunha duración de 65 horas habilitará aos asistentes para adestrar nas categorías inferiores.

A presentación deste curso tivo lugar no Concello do Porriño coa presencia da alcaldesa, Eva García de la Torre, o concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Gustavo Falqué, o coordinador do Porriño Industrial C.F., Claudio Giráldez, o Director da Escola de Adestradores da Federación Galega de Fútbol, Manuel Mosquera, e o coordinador dos cursos do Baixo Miño, José Manuel Mosquera.

As persoas interesadas en participar neste curso, que ten un custo de 150€, deben ter,cando menos, 16 anos de idade e poden inscribirse  entrando na páxina web da Federación Galega,  www.futgal.es.

O vicepresidente da Federación Galega de Fútbol salientou a aposta decidida pola preparación dos adestradores para que “as nenas e nenos que practican este deporte estean nas mellores mans e inicien a súa formación neste primeiro ciclo que pode seguir ata a titulación UEFA”.

Os responsábeis da Escola de Adestradores coincidiron na importancia que ten o feito de que os novos técnicos transmitan aos seus xogadores e xogadores, amaís de coñecementos para que sexan mellores deportistas, e valores para que, ademais, mellores persoas.

Pola súa banda, Manuel Carrera, que foi deportista profesional, logo de felicitar ao Porriño Industrial polo seu ascenso, subliñou que no Porriño, na actualidade, hai máis de 1.000 licencias de futbolistas, “un número moi importante…non sei de concellos de 20.000 habitantes, coma o noso que teñan un número tan alto de fichas, ás que hai que engadir as dos resto das modalidades que se practican na nosa vila”.

Por último a alcaldesa, quen amosouse segura de que ao éxito do Porriño Industrial se sumará o do Atios, lembrou a constante colaboración do Concello do Porriño e a Federación Galega de Fútbol, e transmitiu a súa felicitación porque ademais de en aspectos deportivos, este curso “contribúa á formación de persoas, en valores coma a solidariedade, o esforzo, a amizade, a entrega ou o compañeirismo”.

Eva García de la Torre reiterou que O Porriño é o ‘Concello do Deporte’ e, logo de facer un repaso aos éxitos dos equipos e dos deportistas porriñeses este ano, indicou que o Goberno local adica 1 millón de euros anuais, “sobre un total dos 17 millóns que temos nos orzamentos” a subvencionar aos clubs e as prácticas deportivas no noso concello.

Suspendida a VI edición do ‘Triatlón Concello do Porriño” por mor da explosión en Tui

O Goberno local do Porriño, dacordo cos organizadores da VI edición do ‘Triatlón Concello do Porriño”, logo da explosión ocorrida no barrio de Paramos, en Tui, veñen de decidir a suspensión da proba que ía disputarse o vindeiro sábado día 26 de maio. Hai que lembrar que parte do percorrido do triatlón  estaba previsto que transcorrise polo concello de Tui.

O Goberno local do Porriño e a organización da proba, estudan posibles datas para a súa celebración.

Máis de 200 triatletas tomarán a saída o vindeiro sábado, día 26 de maio, no VI Triatlón Concello do Porriño

Máis de 200 triatletas– o número aínda pode aumentar dado que o prazo de inscrición non remata ata as 12 da noite de mañá– tomarán a saída o vindeiro sábado, día 26, no Triatlón Concello do Porriño.

A proba, que foi presentada este luns, pola alcaldesa, Eva García de la Torre; o concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, o presidente da Federación Galega de Triatlón, Óscar Suris; o Comandante Naval do Miño, Ignacio Tobarra García; o Cabo da Garda Civil de Tráfico da agrupación do Porriño, Alberto Pérez, e o deportista, Kike Morán, chega a este ano a súa sexta edición sendo, segundo o propio presidente da Federación Galega, unha das máis importantes que se disputan en Galicia.

Kike Morán salientou a importancia de que xunto coas e cos triatletas que disputarán a proba central, haxa 45 rapazas e rapaces de 4 a 10 anos que competirá no ‘MiniTriatlón’, o cal salientou, asegura a permanencia desta modalidade.

Son os máis cativos os primeiros que abrirán a competición, ás 12 menos cuarto da mañá, na piscina Municipal, nadando 25 metros; de seguido, montarán nas bicicletas para facer 700 metros, pasando polo Cristo dos Cachos, ata a Igrexa de Santa María e, finalmente, correrán 300 metros ata a Praza de Antonio Palacios, diante do Concello.

Pola súa banda, os triatletas que competirán na proba absoluta, sairán ás 5 da tarde-categoría masculina e 5 e 10 minutos, a feminina- do Porto Deportivo de Tui para nadar 750 metros no Miño; logo farán a primeira transición na Comandancia Naval do Miño, collendo a bicicleta para completar 20 quilómetros ata a rúa Domingo Bueno onde, xa na segunda transición, sairán correndo para completar, nun circuito polo centro do Porriño, 5 quilómetros de carreira.

Estímase que os primeiros clasificados fagan un tempo por debaixo da hora e que prácticamente todos os competidores completen a proba en 1 hora e 30 ou 1 hora 40 minutos.

Manuel Carrera, que foi ciclista profesional, amáis de subliñar a esixencia desta proba, transmitiu a súa noraboa a todos os participantes, clubes, organizadores, colaboradores, patrocinadores  e voluntarios que fan do Triatlón do Porriño, unha cita xa imprescindible no calendario deportivo.

Carrera tivo unha lembranza especial para a triatleta porriñesa Meri Ferreira, participante habitual nesta proba, que morreu o ano pasado.

Pechou o acto a alcaldesa amosando a súa ledicia pola alta participación feminina, reclamando para as mulleres o mesmo trato e o mesmo espazo que os homes e asegurando que as participantes e os participantes contarán, como sempre, co agarimo e o calor das veciñas e veciños do Porriño.

Rematadas as obras na cuberta do Pavillón Municipal, anunciadas polo concelleiro de Deportes, e que supuxeron na práctica a reforma de todo o teito do mesmo

Tal  e como adiantara o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, as obras de mantemento que precisaba a cuberta do Pavillón Municipal quedaron rematadas a finais do mes pasado logo de que “fose posible acometelas unha vez que as condicións climatolóxicas o permitiron”.

Carrera subliña que estes traballos precisaban para a súa realización “varios días seguidos sen choiva”, como explicara xa a usuarios do pavillón, veciños e á Corporación en resposta a preguntas formulada no Pleno da mesma.

As obras, explica Manuel Carrera, realizáronse sobre as dúas ‘alas’ do pavillón, de 250 metros cadrados cada unha, e requiriron a retirada da anterior impermeabilización, a malla que había debaixo dela e picar unha cuberta de formigón de 20 centímetros de groso. Logo de rematada esta tarefa, procedeuse á substitución das tubaxes de fibrocemento por unhas novas de pvc, á cobertura da parte superior do inmoble cunha primeira capa de ‘polibreal’, a colocación doutra de ‘geotextil’, un material permeábel e flexible de fibras sintéticas, principalmente polipropileno e poliéster, unha segunda capa de ‘polibreal’ e, finalmente, pedregullo.

Así mesmo a nova cuberta conta cunha chapra illante que, ao mesmo tempo, protexe o teito  contra a acción dos paxaros, do sol e das correntes de aire.

Rematados os traballos, elimináronse, finalmente, as goteiras nos baños, a cafeterías, a oficinas adicadas ao balonmán, salas e a oficina do encargado xeral do pavillón.

200 ciclistas participarán esta fin de semana na II Challenge As Rías Baixas de ciclismo que percorrerá os concellos de Mos, Ponteareas e O Porriño

Douscentos corredores procedentes de distintos lugares de toda España, de Portugal e, por suposto, de Galicia, tomarán a saída o vindeiro sábado, día 21, na II Challenge As Rías Baixas de ciclismo, para máster e júnior, que cubrirá algo máis de 160 quilómetros pasando polos concellos de Mos, Ponteareas e O Porriño.

A proba, presentada este mércores no Concello do Porriño polos concelleiros de Deportes de Mos, Julia Loureiro, Ponteareas, Benito Márquez, e O Porriño, Manuel Carrera, xunto co director da organización, Juan Álvarez e Guillermo Sande, en representación da Federación Galega de Ciclismo, transitará o sábado por Mos, saíndo ás 10 e media da mañá do Centro Recreativo e Cultural de Torroso-sobre unha distancia final de 68,7 quilómetros; – e por Ponteareas, iniciándose ás 5 da tarde no Parque Avisoureira, para cubrir 8,7 quilómetros.

O domingo, día 22, os ciclistas sairán da rúa Domingo Bueno, no Porriño, ás 10 e media da mañá e se agarda que cheguen á meta no mesmo lugar, sobre a 1 da tarde, logo de facer un percorrido que pasará polo sur da provincia.

Esta proba, organizada polo Club Máster da Louriña, e que conta co patrocinio dos tres concellos e da Deputación de Pontevedra, ademais de numerosas firmas comerciais, permitirá, por primeira vez, coma salientou o representante da Federación Galega, “xuntar corredores novos de Ponteareas, que conta con tres gañadores da Volta a España, Mos, que ten un gañador do Tour de Francia, e O Porriño, un berce de ciclistas”.

Os tres concelleiros coincidiron en comprometer o seu apoio á Challengue As Rías Baixas, dado que permite impulsar a práctica do ciclismo, abrir a competición á categoría xuvenil e facer que percorra aldeas e lugares de cada un dos tres concellos.

O Porriño felicita a Ricardo Baz recente subcampión de Europa de Jiu Jitsu

O Concello do Porriño felicitou oficialmente a Ricardo Baz Pereira, recente subcampión de Europa de Jiu Jitsu, na especialidade NO-GI (sen kimono). O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, recibiu este mércores a Ricardo e transmitiulle “o recoñecemento e admiración de todas as porriñesas e porriñeses por este importantísimo logro”.

Ricardo Baz, veciño de Atios, fíxose con dúas medallas no Campionato de Europa de Jiu Jitsu disputado o 23 de marzo en Roma: unha de bronce na categoría absoluta e a de prata en Peso Medio.

Baz, que empezou na modalidade MMA, da que foi campión de Galicia, na actualidade compite e adestra con dous equipos, o GFTeam Vigo, na variante Jiu Jitsu con kimono e no Independiente Club de Lucha, co  que é campión galego de Grappling.

Manuel Carrera asegurou que este “excelente resultado” no Campionato de Europa “vén a engrandecernos coma concello do Deporte que dende agora conta cun dos mellores especialistas desta modalidade deportiva en toda Europa que leva o nome do Porriño por todo o mundo ”.

A intención da Concellería de Deportes, sinalou Carrera, é a de facilitar toda axuda posible para que Ricardo Baz poida acudir aos vindeiros campionatos mundiais e de Europa, aos que desprazouse ata hoxe cos seus propios medios; “favorecer que poida dar clases no Porriño, enfocadas á defensa persoal, especialmente dirixida a mulleres”, e lograr unha achega económica para a compra dun tatami.

Este domingo máis de 2.500 corredores tomarán a saída na 12ª Interrunning do Porriño

Máis de 2.500 corredores, dende cativas e cativos de 4 anos, ata atletas de elite tomarán a saída na 12ª edición da Interrunning do Porriño, que percorrerá as rúas do casco urbano dende as 10 da mañá deste domingo, día 18 de marzo.

Na presentación oficial da proba, Fredi Velasco, un dos seus organizadores, adiantou que a carreira romperá, de novo, co seu teito de participantes e confirmará que se trata dunha das citas máis importantes, tanto en Galicia coma no conxunto de España.

Por cuarto ano, a proba está homologada pola Federación Española de Atletismo, “o que supón que as marcas que se obteñan nela estarán rexistradas a nivel nacional e internacional”; nunha edición máis haberá un circuíto de 5 quilómetros, “aberto ao todo o público co fin de facilitar que queira poida achegarse a esta modalidade”-que este ano verá aumentado o número de corredores en máis dun 25%- e, tamén de novo, haberá unha representación de pícaros de menos de 4 anos, “200 en total”, que participarán nas modalidades de  ‘Pitufos’ e ‘Chupetes’.

Como xa é tradicional, a Interrunning colabora con SOS Porriño, hai que lembrar que o ano pasado lograra 4 toneladas de alimentos non perecedoiros e que neste 2018 pide aos participantes que leven  un quilo de produtos de alimentación, especialmente azucre, aceite, leite e cacao.

Coma novidade deste ano, a Interrunning  será transmitida en directo, por streaming –podes seguila premento aquí-e os locais do Porriño poñerán nas súas pantallas a carreira para que os seus clientes poidan seguir a mesma comodamente.

O concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, salientou a importancia que ten a Interrunning e o feito de que o traballo que comezaron hai xa doce anos un grupo de xoves apaixonados polo exercicio físico, sexa hoxe “un exemplo para todos os que amamos  o deporte en todas as súas modalidades”.

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, lembrou que probas como esta “poñen ao Porriño no mapa, tanto no de Galicia coma no nacional” e amosan, dunha banda, o dinamismo e forza do Porriño e,doutra, “que o deporte e os valores que transmiten son esenciais para a formación das persoas”.

Horarios

Os horarios de competición se abrirán ás 10 da mañá coa saída, dende Domingo Bueno dos “Chupetes” –nenas e nenos nados dende 2014-e cadetes –dos anos 2003 e 2004-, que percorrerán distintas distancias; os atletas das restantes categorías, dende xuvenil-nados  en 2001 e 2002-, júnior -1999 e 2000-, Promesa -1996, 1997 e 1998-, ademáis de sénior e veteráns -dende 35 anos- e superveteráns –máis de 46 anos- empezarán a súa proba, na mesma rúa Domingo Bueno, ao redor das 12 menos vinte.

Os dorsais pódense retirar en Intersport Porriño este sábado dende as 10 da mañá ás 8 da tarde, ou o mesmo domingo, día da carreira, de 9 a 11 da mañá, na saída.

O Porriño presenta oficialmente este mércores a 12ª edición da Interrunning

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, o concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, xunto con Fredy Velasco, Luis Martínez e David Ferreira, membros da organización da proba, presentan este mércores, día 14 de marzo, ás 13:30 h. no Salón de Plenos do Concello do Porriño, a 12ª edición da Interrunning, que este ano xuntará a 3.000 participantes.

A proba disputarase o vindeiro domingo, día 18, pola mañá, no casco urbano  do Porriño que fará de circuíto para os cativos e adultos e, por segundo ano, adáptase para menores e atletas populares que queiran empezar o seu camiño no atletismo correndo unha distancia de 5 quilómetros.

A proba absoluta, sobre un circuito de 10 quilómetros, homologado pola Real Federación Española de Atletismo, contará coa asistencia de atletas de elite que achegaranse ao Porriño para bater a marca da mesma e confirmar que este é o percorrido máis rápido de Galicia.

O concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, visita o novo circuito de Calistenia e Street Workout que funciona xa no Porriño

O concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, fixo unha visita ao novo circuíto de Calistenia e Street Workout que funciona xa no Porriño e que permitirá a aquelas persoas que o desexen, en xeral, e en especial os practicantes destes destas disciplinas, poder exercitarse neste ‘perímetro’, especialmente deseñado e pensado para estas modalidades.

O mesmo, situado no parque da ‘Travesía do Matadoiro’, para a realización de “exercicios específicos e outros complementarios para persoas que practican deporte ao aire libre”, salientou Manuel Carrera, quen lembrou que este circuíto pódese incluír en zonas de fitness ampliando a variedade de exercicios e “facendo unha rutina de adestramento máis completa”, algo que, subliñou fora moi demandado por rapazas e rapaces do Porriño.

Coma demostraron varios dos deportistas que acudiron ao novo parque a exercitarse, o mesmo conta con ‘barras altas’, que están pensadas para tonificar a musculatura de brazos, ombreiros e costas; un banco de abdominais, para mellorar a forza e os músculos superiores do abdome, ou unha estrutura de flexións, con dúas barras horizontais de distinta altura para realizar flexións de brazo.

Carrera lembrou a “aposta incesante, decidida e constante” do Goberno local polo exercicio e a actividade física e por todas as modalidades “que fan que O Porriño sexa recoñecido coma o ‘Concello do Deporte’ por excelencia en Galicia, algo que, sinalou, pódese ver “na calidade dos nosos equipos, das súas xogadoras e xogadores, dos nosos atletas, adestradores e árbitros”.

55 veciños do Porriño visitan Balaídos invitados polo Celta e asisten ao partido contra o Betis

Cincuenta e cinco veciños do Porriño visitaron este luns o estadio de Balaídos e asistiron ao partido entre o Celta e o Betis-que gañaron os celestes por 3 goles a 2-, dentro do programa ‘Eurorrexión Celeste’, impulsado polo clube.

Os asistentes, entre os que estaban a alcaldesa, Eva García de la Torre, e o concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, visitaron o Museo do Celta e tiveron ocasión de pasar uns minutos co presidente do clube, Carlos Mouriño.