O concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, fixo unha visita ao novo circuíto de Calistenia e Street Workout que funciona xa no Porriño e que permitirá a aquelas persoas que o desexen, en xeral, e en especial os practicantes destes destas disciplinas, poder exercitarse neste ‘perímetro’, especialmente deseñado e pensado para estas modalidades.

O mesmo, situado no parque da ‘Travesía do Matadoiro’, para a realización de “exercicios específicos e outros complementarios para persoas que practican deporte ao aire libre”, salientou Manuel Carrera, quen lembrou que este circuíto pódese incluír en zonas de fitness ampliando a variedade de exercicios e “facendo unha rutina de adestramento máis completa”, algo que, subliñou fora moi demandado por rapazas e rapaces do Porriño.

Coma demostraron varios dos deportistas que acudiron ao novo parque a exercitarse, o mesmo conta con ‘barras altas’, que están pensadas para tonificar a musculatura de brazos, ombreiros e costas; un banco de abdominais, para mellorar a forza e os músculos superiores do abdome, ou unha estrutura de flexións, con dúas barras horizontais de distinta altura para realizar flexións de brazo.

Carrera lembrou a “aposta incesante, decidida e constante” do Goberno local polo exercicio e a actividade física e por todas as modalidades “que fan que O Porriño sexa recoñecido coma o ‘Concello do Deporte’ por excelencia en Galicia, algo que, sinalou, pódese ver “na calidade dos nosos equipos, das súas xogadoras e xogadores, dos nosos atletas, adestradores e árbitros”.