O Porriño recupera a clásica ciclista “A Nocturna”

O Concello do Porriño anuncia que o vindeiro venres 10 terá lugar a clásica ciclista “A Nocturna” que contará cunha participación de 250 deportistas distribuídas/os en oito categorías. Esta proba, que se celebra sempre ao abeiro das Festas do Cristo, recupera o seu sitio no calendario ciclista nacional, despois do paro causado pola pandemia en 2020.

A Federación Española de Ciclismo inclúea entre as probas clásicas da categoría elite. Non obstante, o concelleiro de Deportes, David Alonso, anunciou que “o propósito do Concello é acadar que esta carreira sexa declarada unha clásica histórica, tendo en conta as condicións do circuíto e as súas peculiaridades por celebrarse de noite e por eliminación”.

O circuíto no que se celebrará “A Nocturna”, con saída e chegada na praza do Concello, discorre por un percorrido de 1.000 metros polas rúas do centro da vila nas que haberá restricións de aparcadoiro e cortes de tráfico, segundo anunciou a Policía Local. Achegamos unha imaxe co aviso da Policía Local.

A competición comezará ás 18 horas e rematará ás 23 horas. O club ciclista porriñés “Louriña Cycling Team” é o encargado de organizar o evento e o seu presidente, Juan Álvarez, é un dos antigos gañadores desta proba.

A alcaldesa recibiu á ciclista Ana María González Cuña, campioa de España de BTT XCM

A alcaldesa, Eva García recibiu e felicitou a ciclista porriñesa Ana María González Cuña, do Mitto X-Sauce Team, que se proclamou campioa de España BTT XCM da categoría Master 40B feminina o pasado 29 de agosto en Lalín. Anteriormente xa fora subcampioa de España (2018 Logrosán, Estremadura) e bronce dúas veces (2016 en Cataluña e 2015 en Aragón) nas súas respectivas categorías.

Ana María González é unha das deportistas patrocinadas polo Concello do Porriño, no seu caso dende o ano 2016, polos seus méritos deportivos.

No seu palmarés subliñamos outros premios:

-Bronce Master 40 feminino Campioa de España BTT Ultra maratón 2019

-Champion Master 40 feminino Taça de Portugal XCM 2019

-Champion Master 40 feminino Open de España BTT Maratón 2017

-Master de campión galego de maratón en 2019 e 2015

-Campioa galega Master 40 de Ultra maratón 2016

-Champion Galicia Master Maratón Cup en 2018 e 2016

 

A Policía Local realizará cortes de tráfico de mañá e tarde nas rúas afectadas polo paso da Volta Ciclista a España

A Policía Local do Porriño anuncia que este sábado 4 de setembro, coa ocasión do paso da etapa da Volta Ciclista a España, realizará cortes de tráfico, en horarios de mañá e tarde, nas rúas afectadas polo paso da carreira.

Como consecuencia deste evento deportivo tamén haberá restricións de aparcadoiro nas rúas afectadas unha hora antes do paso dos ciclistas.

A folla de ruta desta etapa contempla dous pasos polo Porriño. O primeiro será ao redor das 14 horas. A caravana entrará no Porriño pola avenida de Galicia, seguirá pola rúa Domingo Bueno ata o cruzamento coa estrada de Torneiros e logo continuará pola estrada provincial EP-2402 de Torneiros a Mosende.

O segundo paso por Porriño será arredor das 17 horas. Os ciclistas entrarán no termo municipal, procedentes de Gondomar, a través de Chenlo.

Continuarán cara á Abelenda pola estrada PO-331 ata o Cristo de Belén para seguir cara a Mos.

 

A alcaldesa desexou “moita sorte e éxitos” ao fútbolista porriñés Gabriel Freiría que vai xogar na Serie B do fútbol sala italiano

A alcaldesa recibiu hoxe no seu despacho a Gabriel Freiría, fútbolista porriñés de 23 anos que se vai incorporar á disciplina do Júnior Domitia, equipo da Serie B do “Calcio a 5” (fútbol sala) con sede en Castel Volturno, na rexión italiana da Campania.

O caso de Gabriel é o primeiro dun xogador local, formado nas categorías inferiores do Porriño Industrial que é fichado por un club italiano de fútbol sala.

Gabriel comezou no fútbol once pero en 2016 o equipo “Talleres ABC” de Coruxo de fútbol sala  ofreceulle fichar con eles e aí arrancou a súa andaina nesa modalidade. Xogou coa selección de Galicia na categoría xuvenil. Nas dúas últimas tempadas, Gabriel Freiría xogou no Leis de Pontevedra.

Eva García desexoulle “moita sorte e éxitos” na súa estrea no país italiano e entregoulle como agasallo un libro sobre o arquitecto porriñés Antonio Palacios “para que te lembres da túa vila”, manifestou a alcaldesa.

O concelleiro de Deportes agarda que “nos vindeiros anos a Xunta tamén aposte por Porriño para unha etapa da Volta Ciclista a España”.

O equipo feminino porriñés “Cocinas LaSal Louriña Cycling Team”, que ten o Concello como principal patrocinador institucional, iniciou hoxe a súa participación na Volta Ciclista a Portugal, proba incluída no calendario internacional da “UCI World Tour”. Uxía Fernández, María Toba, María Coya, Cristina Torres e Marta Barbeito forman o conxunto porriñés que  participará na volta portuguesa ata o domingo 5.

A invitación ao equipo porriñés “constitúe un motivo de ledicia e satisfacción para o Concello e un resultado máis da aposta pola promoción do deporte, nomeadamente do ciclismo, que desenvolveron os sucesivos gobernos municipais nos últimos anos”, declarou David Alonso, concelleiro de Deportes.

O edil engadiu que “a nosa liña é seguir con esa política de apoio e coido que vai sendo hora de que a Xunta de Galicia valore tamén apostar por unha etapa da Volta Ciclista a España no Porriño que merecemos por promoción e inversión no deporte do ciclismo”, manifestou Alonso Bargiela.

Falta texto

A equipa feminina porriñesa “La Sal Cocinas Louriña” invitado a participar na vindeira Volta Ciclista a Portugal

A equipa feminina de ciclismo elite do club porriñés “La Sal Cocinas Louriña Cycling Team” vén de recibir a invitación dos organizadores da Volta Ciclista a Portugal para participar na ronda lusitana que comezará o vindeiro 1 de setembro coa presentación dos participantes en Lisboa. A equipa feminina porriñesa competirá xunto cos mellores clubs profesionais e de elite de España, Portugal e do resto de Europa.
“Recibir esta invitación ao club que preside Juan Alvarez Cerdeira, supón un recoñecemento á labor que están a realizar co apoio de patrocinadores privados e públicos, entre os que destaca o Concello do Porriño que é o principal sponsor institucional cun contrato de patrocinio de 15.000 € anuais máis outras achegas por organización de probas deportivas”, manifestou David Alonso, concelleiro de Deportes.
Para o concelleiro “esta invitación á equipa feminina do ‘La Sal Cocinas Louriña’ evidencia que a política de apoio, particularmente ao deporte feminino que levamos a cabo dende o goberno municipal que preside Eva García acada resultados”, manifestou Alonso Bargiela.

Presentada a primeira edición do “Torneo Internacional de Tenis de Mesa Concello do Porriño”

A alcaldesa, Eva García xunto co concelleiro de Deportes, David Alonso realizaron hoxe a presentación da primeira edición do Torneo Internacional de Tenis de Mesa “Concello do Porriño”. Tamén asistiu José Luis Cabaleiro, presidente da Federación Galega de Tenis de Mesa e directivos do Club de Tenis de Mesa CRC Porriño e do Círculo Recreativo Cultural onde se realizou a presentación.

A alcaldesa felicitou aos organizadores “por un primeiro éxito que xa supón a capacidade de convocatoria amosada co número de inscritos” e garantiu que será un torneo “que vai ter continuidade nos vindeiros anos”, manifestou Eva Garcia que reivindicou que “O Porriño segue no mapa grazas aos moitos eventos deportivos, culturais e de outra índole” que se organizan no noso concello, rematou a alcaldesa.

O evento reunirá máis de 250 participantes de todas as categorías procedentes de toda España e de Portugal.
A competición terá lugar na vindeira fin de semana nos pavillóns 1 e 2 do Polideportivo Municipal.

A Concellería de Deportes patrocina o “I Torneo Internacional de Tenis de Mesa Concello do Porriño”

 

A vindeira semana será presentada a primeira edición do “Torneo Internacional de Tenis de Mesa Concello do Porriño” que terá lugar os días 21 e 22 de agosto no Polideportivo Municipal , segundo anuncia a Concellería de Deportes que dirixe David Alonso.
Neste evento internacional agardase a participación de 240 deportistas de clubs de tenis de mesa de toda Galicia, doutras comunidades autónomas e de Portugal.

A competición vaise desenvolver nos dous pavillóns do Polideportivo Municipal. Coas actuais restricións poderán asistir 300 espectadores por pavillón, aínda que descontando a reserva de espazo para técnicos, familiares e acompañantes dos deportistas, o aforamento real de público será de 130 espectadores por pavillón.

O torneo que abrangue todas as categorías é organizado polo Club de Tenis de Mesa CRC Porriño. Conta co Concello como patrocinador principal e coas colaboracións do Círculo Recreativo Cultural, Federación Galega de Tenis de Mesa, Xacobeo 2021 e Xunta de Galicia.

A Piscina Municipal pechada en agosto

 

Lembramos aos usuarios que a Piscina Municipal do Porriño permanece pechada desde hoxe, luns 2 de agosto e ata o martes 31. A instalación reabrirá o mércores 1 de setembro.
Desde o pasado 1 de xullo, fíxose cargo da explotación da Piscina, a empresa “Soom Management” que foi a gañadora do proceso de licitación que se resolveu en marzo.
Esta empresa, que actualmente leva tamén as piscinas municipais de Marín, Boiro e Cangas, foi a plica máis valorada, cunha oferta anual de 508.000 € e subrogou ao persoal actual, de 24 traballadores, desta instalación.

Policía Local e Protección Civil traballan nos preparativos do 54º Rallye Rías Baixas

 

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de O Porriño encargarase a partir das nove da noite de hoxe de avisar aos establecementos de hostalería da rúa peonil para que recollan as súas terrazas, a fin de facilitar o valado e sinalización do recinto que acollerá mañá sábado a comitiva de participantes na 54ª edición do Rallye Rías Baixas.
Os voluntarios da agrupación que dirixe Suso Gónzalez “Carrola”, deixarán sinalizado esta noite o recinto que mañá sábado recibirá os tres reagrupamentos de vehículos participantes que están previstos en tres quendas horarias: 11,28 a 11:58; 15,40 a 16:10; e finalmente de 18:54 a 19:09.
A Policía Local, pola súa banda, restrinxirá o tráfico pola rúa Pío XII e prohibirá o estacionamento de vehículos para garantir o acceso dos participantes ao recinto dos reagrupamentos. E xunto con Protección Civil realizarán labores de vixilancia e seguridade no transcurso dos tramos cronometrados que durante a mañá e a tarde do sábado terán lugar polo termo municipal porriñés.
Finalmente Protección Civil tamén colaborará coa dotación do Parque Comarcal de Bombeiros do Porriño en previsión de calquera accidente no que fose necesaria a súa intervención.
O evento automobilístico ten ao Concello do Porriño como unha das institucións que máis anos leva colaborando coa proba, tanto de xeito económico como na loxística.