#Porrigalia2017 Millerios de persoas saen ás rúas do Porriño para desafiar aos romanos

Porrigalia 2017 segue este sábado, día 22, pero con algúns cambios, por mor da choiva, na programación prevista para hoxe.

A loita romana,anunciada para a 1 da tarde, pasa ás 6 da tarde, no mesmo lugar: a Praza de Antonio Palacios; rematada a loita darán comezo os Xogos- Tiro de corda, Tragabolas, Cuadrigas, Tres en raia, Canasta, Tiro, Esquis Comunitarios e Tiratacos-, tamén na Praza de Antonio Palacios.

‘Pekegalia e Bebegalia’, anunciados para as 6 da tarde fronte á Igrexa de Santa María do Porriño, adiántanse ás 4 da tarde, no mesmo lugar.

Mantense na súa hora o concerto dos míticos ‘Obús’, que comezará ás 23:30 h. en Domingo Bueno.

Este venres, milleiros de persoas participaron no primeiro día de Porrigalia 2017 que quedou aberto co ‘Defile das Civilizacións’, que saíu ás 9 da noite da Capela de San Sebastián e rematou diante do Concello, na Praza de Antonio Palacios, na que se instalaran gradas e unha pantalla xigante para a ocasión.

Romanos, galos, exipcios, vikingos, celtas, gregos e castrexos, desfilaron diante do público, montados a cabalo, bailando, facendo piruetas, brincando e desafianzo o poderío do exército de Roma, que ‘conquistou’ o centro da vila coas súas lexións.

Pasadas as 10 da noite, o campión de España de Aro, integrante do Club Ximnasia Porriño, Hernán Sío, xunto coa alcaldesa, Eva García de la Torre, prendeu o pebeteiro, situado na porta principal do Concello, dando por inaugurada esta nova edición de Porrigalia.

De seguido, na rúa Domingo Bueno, empezou o concerto banda galega Astarot, ‘a lenda viva do rock galego’, que tocou os temas do seu novo traballo e os xa históricos do grupo, atendendo as peticións do público.

A Policía Local informa dos cortes de tráfico no casco urbano pola celebración de Porrigalia

Co gallo da celebración de Porrigalia, dende este venres, día 21, ao vindeiro domingo, 23 de xullo, a Policía Local informa de que será necesario cortar ao tráfico varias rúas do casco urbano do Porriño.

O Venres, día 21, dende as 7 da mañá, estará cortada a circulación na rúa Domingo Bueno, dende a ‘Rotonda Aloques’ ata a rúa Pío XII, nos dous sentidos. Ao mesmo tempo estará aberto un desvío, so para turismo, pola rúa Pinar; os autobuses e camións farano pola Autovía.

As paradas de buses manteranse en: Avenida de Galicia, en todos os sentidos, ‘La Casilla’, cruce de Salceda, e quedarán suprimidas as paradas entre ‘La Casilla’ e Aloques. As paradas sentido Porriño-Ponteareas, non estarán afectadas.

Domingo 23 de xullo.– dende as 10 da mañá abrirá ao tráfico a rúa Domingo Bueno.

A rúa Manuel Rodríguez quedará cortada á circulación ata Leandro Diz, dende as 7 da mañá do venres, para a instalación das casetas de Porrigalia, ata o domingo, día 23 ás 10 da noite.

Polo que se refire aos garaxes que estarán afectados polas restricións de circulación e cortes de tráfico, os seus usuarios deberán consultar á Policía Local.

Todo o programa de ‘Porrigalia 2017’ que dende o venres ao domingo ateigará O Porriño de diversión

Xa está todo listo para o comezo de ‘Porrigalia 2017’ que dende este venres, día 21, ata o domingo, 23 de xullo, ateigará as rúas do Porriño de animación, traxes de época, comparsas, castrexos, romanos, galos, exipcios, vikingos, gregos e celtas, música e a exhibición dos atletas que participarán nos xogos.

Durante eses tres días, os participantes na festa deste ano terán a ocasión de asistir a Demostracións de Oficios Artesanais, na Praza do Cristo. Nela estarán Mestres especializados en Cantería, Cerería, Ebanistería e Cestería, que compartirán o seu saber e coñecemento co público.

O venres, 21, o programa empezará ás 9 da noite co ‘Desfile das Civilizacións’, dende a Capela de San Sebastián ata a Praza de Antonio Palacios. Nesta praza terá lugar, ás 10 da noite, da man do Campión de España de Aro, Hernán Sío, o ‘Aceso do Pebeteiro’.

Ás 10 e cuarto da noite chegará o Pregón do Anunciatis e ás 11 menos cuarto será a hora da actuación do grupo galego de heavy ‘Astarot’, na rúa Domingo Bueno.

O sábado, día 22, ‘Porrigalia 2017’ espertará ás 11 da mañá co Anunciatis polas rúas do Porriño e a ‘Animación na Rúa’, que chegará ata as 11 da noite, a cargo da Asociación Cultural ‘Os Zoqueiros’ do Porriño’, a ‘Charanga Os Imperiais’ e Os Festicultores.

De 11 da mañá a 1 da tarde, desenrolarase ‘Pekegalia’ e ‘Bebegalia’, fronte á Igrexa de Santa María do Porriño.

Ás 11 e media darán comezo os Xogos, na Praza de Antonio Palacios. Este ano os atletas medirán as súas forzas, pericia, habilidade e preparación  no Tiro da Corda, Tragabolas, Cuadrigas, Tres en Raia, Canasta, Esquís Comunitarios e Tiratacos.

Á 1 da tarde chegará o intre do Combate de Loita Romana, na Praza de Antonio Palacios e dende as 6 da tarde ata as 10 da noite, seguirá adiante ‘Pekegalia’ e ‘Bebegalia’, fronte á Igrexa de Santa María.

Ás 11 e media da noite dará comezo o concerto estrela deste ‘Porrigalia 2017’ o de ‘Obús’, a mítica banda integrada polo cantante ‘Fortu’ Sánchez, o guitarrista Paco Laguna, o batería Carlos Mirat e o baixista Fernando Montesinos.

O domingo, día 23, ás 11 da mañá empezará o Anunciatis polas rúas da vila; a esa mesma hora dará comezo ‘Animación na Rúa’-que seguirá ata as 11 da noite- da man da Asociación Cultural ‘Os Zoqueiros’ do Porriño’,a Asociación Cultural San Xurxo, de Mosende, e a Charanga Os Imperiais.

De 11 a 1, estará en marcha ‘Pekegalia ‘ e ‘Bebegalia’, fronte á Igrexa de Santa María do Porriño.

Ás 11 e media empezará o ‘Desfile de Comparsas’, dende a Capela de San Sebastián á Praza de Antonio Palacios.

De 6 da tarde a 11 da noite volve ‘Pekegalia’ e ‘Bebegalia’, fronte á Igrexa de Santa María; ás 6 da tarde empezará a Final dos Xogos e a posterior entrega de Trofeos e Medallas.

O final da Porrigalia 2017, co apagado do pebeteiro será ás 10 da noite, co Desfile da Garda Pretoriana, dende a Capela de San Sebastián á Praza de Antonio Palacios que dará paso, ás 11 da noite, ao Espectáculo de luz e lume de Troula Animación, polas rúas do Porriño, xusto antes do concerto de ‘Pa Ti Ma Na’ , ás 12 da noite, na Praza de Antonio Palacios.

Hernán Sío, integrante do Club Ximnasia Porriño, campión de España de Aro, prenderá a chama de Porrigalia

Hernán Sío, integrante do Club Ximnasia Porriño, que o pasado mes de xuño proclamouse campión de España de Aro, subcampión con mans libres e medalla de bronce xeral na categoría alevín, será quen encenda o ‘pebeteiro’ de Porrrigalia 2017.

Hernán xunto con todas as integrantes do Club Ximnasia Porriño- que este ano clasificouse por primeira vez para o Campionato de España-, recibiron a homenaxe do Concello pola excepcional tempada, sendo recibidos polo alcalde accidental e concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, o a concelleira de Educación e Xuventude, Lourdes Moure.

Hai que lembrar que Porrigalia, que se celebra dende o vindeiro venres, día 21, ata o domingo, 23, ten ao grupo ‘Obus’, unha das lendas do ‘heavy metal’ en España, como a ‘estrela’ desta edición.

A banda, integrada polo cantante ‘Fortu’ Sánchez, o guitarrista Paco Laguna, o batería Carlos Mirat e o baixista Fernando Montesinos, actuará o vindeiro sábado, día 22 de xullo, ás 23:30 horas, como anuncia xa na súa páxina web.

Outra das actuacións importantes desta edición será a de Astarot, o grupo galego ‘heavy’ que cumpre neste 2017 os seus primeiros 34 anos de vida, e que chegará a Porrigalia o venres, día 21 de xullo ás 22:45 h. no mesmos escenario que os ‘Obús’: na rúa Domingo Bueno.

A Biblioteca Municipal do Porriño pechará o mes de agosto polas tardes e aproveitará para adaptarse á nova Rede de Bibliotecas de Galicia

A Biblioteca Municipal do Porriño foi escollida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia para integrarse na renovada Rede de Bibliotecas de Galicia baseada na plataforma Koha, un software libre de código aberto. Grazas aos novos cambios que se porán en marcha este verán, a biblioteca porriñesa poderá ofrecer ás súas usuarias e usuarios novos servizos e novas facilidades.

Este importante proxecto permitirá establecer un carné único de lector válido para todas as bibliotecas públicas desta rede, polo que os usuarios e usuarias da institución porriñesa pasarán automáticamente a poder usar os servizos de máis de 70 bibliotecas de toda Galicia. Ademáis, a Biblioteca do Porriño integrará a súa base de datos no catálogo colectivo da Rede, polo que os seus usuarios e usuarias poderán consultar e acceder nunha única páxina web a milleiros de novos recursos dispoñibles, entre eles, á colección de libros electrónicos da plataforma dixital GaliciaLe. Ademáis, poderase acceder a un espazo personal online para consultar históricos de préstamo, realizar reservas, renovacións e outras funcionalidades, e ampliarase o número máximo de préstamos dende os tres exemplares actuais a cinco.

Este novo impulso aos servizos bibliotecarios suporá un notable esforzo técnico e de mellora tecnolóxica, polo que a biblioteca aproveitará a menor afluencia de visitantes no mes de agosto para levalos a cabo.

Deste xeito, dende o 7 de agosto ao 1 de setembro pechará en horario de tarde, permanecendo aberta polas mañás entre as 08:00 e as 14:00 de luns a venres. A biblioteca e o Concello do Porriño queren agradecer a todos os seus usuarios e usuarias a súa comprensión por este cambio puntual, motivado pola posta en marcha destes novos servizos e funcionalidades dos que poderán disfrutar xa a partir do mes de setembro.

‘Obús’ e ‘Astarot’ estrelas do Porrigalia 2017 que pechará Troula Animación

‘Obus’, unha das lendas do ‘heavy metal’ en España, creada a principios da década dos 80 do século pasado, será a ‘estrela’ de Porrigalia 2017, que se celebra no Porriño do 21 ao 23 de xullo.

A banda, integrada polo cantante ‘Fortu’ Sánchez, o guitarrista Paco Laguna, o batería Carlos Mirat e o baixista Fernando Montesinos, actuará o vindeiro sábado, día 22 de xullo, ás 23:30 horas, como anuncia xa na súa páxina web.

Outra das actuacións importantes desta edición será a de Astarot, o grupo galego ‘heavy’ que cumpre neste 2017 os seus primeiros 34 anos de vida, e que chegará a Porrigalia o venres, día 21 de xullo ás 22:45 h. no mesmos escenario que os ‘Obús’: na rúa Domingo Bueno.

O sábado, 22, marcará tamén o inicio do ‘Xogos Olímpicos’, que se disputarán ese día e o domingo día 23 e que nada teñen que ver cos do ano pasado. Nesta edición de Porrigalia os mesmos serán xogos populares nos que pode participar calquera persoa: tiro de corda, traga-bolas, cuadrigas, tres en raia, canastra, tiro, esquís comunitarios e tiratacos.

Polo que se refire ás comparsas, estas serán un dos centros da edición de Porrigalia deste ano e dende o luns pasado, día 10, está  inscrición das mesmas e das asociacións culturais e veciñais, que deben de estar integradas por un mínimo de 10 compoñentes para optar aos premios por participación. O devandito prazo estará remata o martes, 18 de xullo, e as inscricións poden facerse de luns a venres en horario de 2 a 6 e media da tarde.

A cantidade a repartir por premios acadará un orzamento máximo de 6.000€, sendo, pola participación de 200€ para comparsas de 10 a 19 compoñentes; 350€ se teñen de 20 a 39 integrantes; 600€, se a forman de 40 a 55 persoas, e 800€ se son de 56 a 80 membros. Os premios para as mellores serán de 2.000€ para a vencedora, de 1.500 para a segunda clasificada e de 500€, para a terceira.

Por último, o peche da edición de Porrigalia 2017 estará a cargo de Troula Animación e o seu impaciéntante espectáculo de ‘errantes, o vindeiro día 23 de xullo. No mesmo participarán 1 zancudo, mestre de cerimonias, o Orlok, os Power-Skip, 8 percusionistas,  e dous portadores,que ofrecerán ao público unha impresionante ceremonia de música, fume, luces, lume e pirotecnia.

Convocado o Certame de Fotografía ‘Viaxando’ 2017

Un ano máis, Oficinas Municipais de Información Xuvenil (OMIX) DO Porriño, A Guarda, Gondomar, O Rosal, Tomiño, Salceda de Caselas, Baiona e o Espazo Xove de Tui, organizan o Certame de Fotografía Viaxando, que este ano chega a súa 11º edición.

Este concurso está destinado a mozos e mozas de 12 a 35 anos, sendo a data límite de presentación das fotografías o 22 de setembro de 2017.

O tamaño das fotografías debe ser de 20×30 centímetros e a temática ten que ter relación co título do certame, “Viaxando”. Este ano o premio para o gañador, ou gañadora, será unha tablet.

As persoas interesadas en participar poden obter máis información na OMIX do Porriño, no Centro Cultural Municipal, chamando ao teléfono 986337624 ou enviando un correo ao enderezo omix@oporrino.org.

Xa está activo o grupo de ‘Conversa en Alemán’ na Biblioteca Municipal do Porriño

Xa está activo o grupo de conversa en alemán na Biblioteca Municipal do Porriño. Se che interesa o idioma alemán, dende a biblioteca bótante unha man: xa podes ir aos grupos de conversa en alemán que se celebran todos os martes de 6 e media a 7 e media da tarde.

Non tes que inscribirte previamente: soamente tes que presentarte no horario indicado e intervir libremente co resto dos participantes.

Esta actividade está dirixida a persoas que xa teñan un certo dominio da lingua alemá, que queiran perder o medo a falar nese idioma, ou simplemente practicar os seus coñecementos nun ambiente distendido e informal. Non se trata de clases de idioma, senón un espazo no que conversar con outras persoas interesadas.

O grupo de conversa en alemán é un proxecto piloto que a Biblioteca Municipal pon en marcha pensando na programación anual de 2018. Polo de agora trátase dun grupo libre, sen presencia de coordinador e para o cal xa contamos con varios participantes. No caso de que a resposta dos usuarios e usuarias sexa axeitada, a Biblioteca Municipal incluirá un grupo de conversa coordinado con profesor na súa programación de 2018.

Aberto ao público o Parque Infantil do Cristo, logo dunha reforma integral e a colocación dun novo bambán para persoas con diversidade funcional

Dende este xoves está aberto ao público o parque infantil do Cristo logo dunha reforma total do mesmo que abrangue a arranxo duns bambáns e substitución doutros, a retirada do chan de área e a colocación dun novo xogo adaptado a persoas con diversidade funcional, como adiantara o concelleiro de Parques e Xardíns, Orlando Márquez, hai unhas semanas.

En total, o Concello investiu neste proxecto, desenrolado por HPC Ibérica, un total de 34.000€, incorporando un novo chan de caucho continuo ‘anti-impacto’, o devandito bambán para persoas con diversidade funcional– orzamentado en 4.000€- o peche do perímetro e a colocación de entradas ‘anti-can’.

Orlando Márquez, que este xoves estivo acompañado por Israel Mercader, que como noutros traballos do Concello, asesorou neste proxecto sobre integración e accesibilidade, sinalou que nas vindeiras semana empezará o labor para acondicionar tamén os parques do Centro Social de Atios,  de Orbenlle, e A Forna, na parroquia de Budiño, os do centro social de Pontellas, o de Fontevella, na rúa Pío XII, ou o do Matadeiro, á beira do Louro.

Aprazada a proxección da película ‘Hotel Transylvania 2’, programada para este xoves, 6 de xullo, na Praza de Antonio Palacios

A proxección da película ‘ Hotel Transylvania 2’, que estaba programada para este xoves, día 6 de xullo, ás 10 e media da noite, na Praza de Antonio Palacios, ven de quedar aprazada por mor das condicións climatolóxicas.

Nuns días coñecerase a nova data fixada para a exhibición deste filme que poden ver todos os públicos.