Xa está activo o grupo de conversa en alemán na Biblioteca Municipal do Porriño. Se che interesa o idioma alemán, dende a biblioteca bótante unha man: xa podes ir aos grupos de conversa en alemán que se celebran todos os martes de 6 e media a 7 e media da tarde.

Non tes que inscribirte previamente: soamente tes que presentarte no horario indicado e intervir libremente co resto dos participantes.

Esta actividade está dirixida a persoas que xa teñan un certo dominio da lingua alemá, que queiran perder o medo a falar nese idioma, ou simplemente practicar os seus coñecementos nun ambiente distendido e informal. Non se trata de clases de idioma, senón un espazo no que conversar con outras persoas interesadas.

O grupo de conversa en alemán é un proxecto piloto que a Biblioteca Municipal pon en marcha pensando na programación anual de 2018. Polo de agora trátase dun grupo libre, sen presencia de coordinador e para o cal xa contamos con varios participantes. No caso de que a resposta dos usuarios e usuarias sexa axeitada, a Biblioteca Municipal incluirá un grupo de conversa coordinado con profesor na súa programación de 2018.