14 pilotos competirán por levarse o vindeiro sábado, día 5 de agosto, o ‘II Open Internacional Concello do Porriño F5J2017’ de Aeromodelismo

Catorce pilotos teñen confirmada a súa participación, o vindeiro sábado, día 5 de agosto, no ‘II Open Internacional Concello do Porriño F5J2017’ de Aeromodelismo, que terá lugar en Pontellas dende as 10 e media da mañá, organizado polo Club Furaventos do Porriño.
 
Trátase de sete españois e sete portugueses que contenderán nesta proba valedeira para o Trofeo Ibérico e, coma novidade, para o ‘Intertour’.
 
Os participantes son:
José Araújo Liga Aer. do Cávado (Portugal)
José Antonio Orviz Central de Asturias (España)
Carlos Casqueiro Furaventos (España)
Luis M González Radiocontrol Sevilla (España)
José M Quintas Araxiñas (España)
José Rocha Liga Aer. do Cávado (Portugal)
Oscar Lopes Liga Aer. do Cávado (Portugal)
Rui M. Paiva LIPA (Portugal)
Vitor Gandarela Liga Aer. do Cávado (Portugal)
Alejandro Martínez Central de Asturias (España)
Gonzalo Moreno Estepona (España)
José Enrique Palacios Las Marismas (España)
Nuno Mota Liga Aer. do Cávado (Portugal)
António Coutinho LIPA (Portugal)
 
Dada a ausencia de Julio Contreras, líder do certame, os portugueses Óscar Lópes, Rui Paiva y José Araujo terán unha boa oportunidade de aumentar as súas opción para levarse o trofeo final o vindeiro mes de setembro en Madrid.

Este xoves, día 3, na Praza de Antonio Palacios, proxección da película ‘Trolls’

Este xoves, día 3 de agosto, ás 9 e media da noite, na Prza Arquitecto Antonio Palacios, ‘Trolls’, unha película do ano 2016, para todos os públicos.

Coñecidos polos seus pelos de cores, tolos e máxicos, os Trolls son as criaturas máis felices e alegres que irrompen no mundo da canción. Pero o seu mundo de arco da vella e cupcakes cambiará para sempre cando o seu líder Poppy (Anna Kendrick) debe embarcarse nunha misión de rescate que a levará moi lonxe do único mundo que sempre coñeceu.

A fin de semana Budiño celebra a Festa na honra a San Salvador

A vindeira fin de semana,  sábado e domingo, 5 e 6 de agosto, organizada pola Comisión de Festas San Blas de Budiño 2018, a parroquia de Budiño celebra a Festa na honra a San Salvador. A mesma empezará ás 11 da mañá do sábado coa misa cantada pola Coral Polifónica do Centro Cultural A Forna e a procesión co grupo de gaitas ‘O son da Forna de Budiño’.

O domingo, logo da misa, ás 2 da tarde chegará a hora do ‘Xantar Popular’ no Torreiro da Forna. Pódense facer as reservas chamando aos teléfonos 605 209 580, preguntando por Balbino, ou ao 653 623 037, preguntando por Vanessa.

Dende as 6 da tarde ‘Verbena’ amenizada pola Orquestra Estrellamar e o Trío Surprise.

Chenlo prepara a ‘IX Festa do Cabrito ao Espeto’, que se celebrará o vindeiro domingo, día 6 de agosto

O vindeiro domingo, 6 de agosto, Chenlo celebrará a “IX Festa do Cabrito ao Espeto”. O campo de fútbol, en Chan da Carreira, será o escenario deste evento que permite recuperar a forma tradicional de cociñar o cabrito nesta zona.

A implicación de todos os vecinos que participan na organización consiguen que, na súa novena edición, a Festa do Cabrito de Chenlo sexa xa un referente na provincia. Dende a organización esperan repetir o éxito das pasadas e recibir a unhas 2.000 persoas .

A partir das 11 da mañá terá lugar unha degustación de pinchos, e dende primeira hora, a comisión organizadora comezará a asar os cabritos que, arredor da 1 e media da tarde, se servirán na comida popular.

Os prezos serán os mesmos da anterior edición: 20€ por cada ración de cabrito, 12€ a ración de churrasco, 180€ un cabrito enteiro e 90€ medio cabrito. Todas as racións inclúen empanada, patacas, bebida, pan, café e un pedazo de rosca.

Durante toda a xornada amenizará a festa un grupo de gaiteiros e, xa pola tarde actuará o grupo musical 3.COM e levarase a cabo o sorteo dun Cabrito dos Cabreiros de Chenlo e varios agasallos entre todos os asistentes.

O evento completarase coa Ruta Cabalar que se desenvolverá pola tarde, a partir das 5, e a actuación musical e dj Mark Novo.

Millerios de persoas gozaron en Porrigalia que este domingo despediuse ata 2018

Porrrigalia 2017 rematou este domingo con varios dos eventos máis agardados destes días de festa: a final dos Xogos, que este ano consistiron en Tiro de Corda, Tragabolas, Cuadrigas, Tres en Raia, Canasta, Tiro, Esquis Comunitarios e Tiratacos; o Desfile das comparsas, e o espectáculo de luz e fume de Troula Animación.

As finais dos xogos desta edición de Porrigalia estiveron moi disputados e houbo que agardar seica ata as últimos intres das distintas probas para coñecer aos gañadores, que recibiron os seus trofeos e medallas de man da alcaldesa, Eva García de la Torre.

Se os xogos levaron a emoción as gradas do ‘circo’, instalado na Praza de Antonio Palacios, diante do Concello, o desfile dos romanos, galos, exipcios, vikingos, celtas, castrexos e gregos, estivo aínda máis discutido, posto que todos eles amosaron a súa imaxinación, a súa arte, a súa orixinalidade e a súa forza.

O agardado desfile da Garda Pretoriana, xusto antes do apagado do Pebeteiro, co que se remataba o Porrigalia 2017, foi un dos espectáculos máis aplaudidos destes días xunto co impresionante montaxe de ‘Troula Animación’.

Orcos, trolls e animalias… seres saídos da máis profunda escuridade dos tempos, envolveron aos asistentes no seu delirio de bengalas, instrumentos de percusión, fume, iluminación, levando aos presentes a unha peregrinación eterna, sorprendente e fantástica polas rúas do Porriño.

A noite dixo adeus ao son de ‘Pa ti na ma’, coas mellores versións de flamenco, para despedir esta edición de Porrigalia que viuse completa coa Animación na rúa, a cargo da Asociación Cultural Os Zoqueiros do Porriño, a Charanga Os Imperiais a Asociación Cultural San Xurxo de Mosende e Os Festicultores.

Ademais, os miles de asistentes tiveron a oportunidade de coñecer a arte dos Oficios Tradicionais, da Loita Romana, do rock dos galegos de Astarot ou comprobar que Obús segue soando como hai tres décadas.

#Porrigalia2017 segue co ‘Desfile de Comparsas’ e as Finais dos Xogos antes do peche da man de Troula Animación e ‘Pa ti na ma’

Porrigalia seguiu este domingo co Desfile de Comparsas, que saíu preto do mediodía da Capela de San Sebastián cara á Praza de Antonio Palacios, no que, sen dubida, foi un dos momentos máis salientabéis da edición deste 2017. 

Centos de persoas seguiron o desfile, no que participaron representantes de todas ‘civilizacións’ presentes en Porrigalia.

Así mesmo, os membros da Asociación Cultural Os Zoqueiros, da Charanga Os Imperiais e da Asociación Cultural San Xurxo, de Mosende levaron a música por todo o casco urbán dentro de ‘Animación na Rúa’, que seguirá ata as 11 da noite.

Pola tarde chega o momento da emoción coa Final dos Xogos e a Entrega de Trofeos e Medallas, na Praza de Antonio Palacios; o Desfile da Garda Pretoriana-dende a Capela de San Sebastián ata o Concello- e o apagado do pebeteiro.

Ás 11 da noite o Espectáculo de Luz e Lume de Troula Animación percorrerá as rúas da vila antes de que na Praza de Antonio Palacios empece, ás 12 da noite, o Concerto de ‘Pa ti na ma’, co que quedará pechado este Porrigalia 2017.

#Porrigalia2017 O comezo dos Xogos, que este domingo celebran as finais, e o concerto dos míticos ‘Obús’, encheron o Porriño este sábado

Aínda que este sábado empezara con choiva, obrigando á organización a facer algún cambios no programa, centos de persoas saíron á rúa para seguir gozando de Porrigalia 2017, que arrancou con animación na rúa, a cargo da Asociación Cultural Os Zoqueiros do Porriño, a Charanga Os Imperiais e Os Festicultores.

O público non quixo perderse o Combate de Loita Romana, e tanto as gradas coma os soportais da Praza de Antonio Palacios estaban ateigados para seguir os combates que serviron de ‘aperitivo’ ao arranque dos Xogos.

Nestes, os ‘atletas’-que este domingo disputan a final dende as 6 da tarde- mediron a súa forza, elasticidade, habilidade e preparación no Tiro de corda, Traga-bolas, Cuadrigas, Tres en raia, Canasta, Tiro, Esquís Comunitarios e Tiratacos.

Á mesma hora, diante da Igrexa de Santa María, daban comezo as actividades de ‘Pekegalia’ e ‘Bebegalia’, que seguiron toda a tarde.

Chegadas as 11 e media da noite, saíron aos escenario de Domingo Bueno os míticos ‘Obús’, que amosaron que, coma si os vellos rockeiros nunca morren, no ‘heavy’ pasa o mesmo. Centos de incondicionais da banda integrada polo cantante ‘Fortu’ Sánchez, o guitarrista Paco Laguna, o batería Carlos Mirat e o baixista Fernando Montesinos, cantaron os seus temas máis coñecidos e coñeceron os máis novos deste grupo que leva máis de tres décadas de música.

Este domingo, dende as 11 da mañá, Os Zoqueiros, a Cultural San Xurxo de Mosende e a Charanga Os Imperiais xa puxeron en marcha ‘Animación na rúa’; seguen as demostracións de Oficios Artesanais-canteiría, cerería, ebanistaría e cestería- na Praza do Cristo; de 11 da mañá a 1 da tarde, fronte á Igrexa de Santa María, empeza ‘Pekegalia e Bebegalia’.

Un dos momentos máis agardados de Porrigalia 2017 será o ‘Desfile de Comparsas’ dende as 11 e media da mañá-con saída dende a Capela de San Sebastián cara ao Concello-, e outro as finais dos xogos-seguidas das entregas de trofeos e medallas-, na Praza de Antonio Palacios, dende as 6 da tarde.

Ás 10 da noite chegará a hora do Desfile da Garda Pretoriana e apagado do pebeteiro, ás 11, polas rúas do casco urbano, o Espectáculo de luz e lume de Troula Animación, e as 12 da noite o concerto de ‘Pa ti na ma’, na Praza de Antonio Palacios.