O vindeiro domingo, 5 de agosto, a Entidade Local Menor de Chenlo celebrará a X Festa do Cabrito ao Espeto.

Como cada primeiro domingo de agosto, o campo de fútbol en Chan da Carreira será escenario desta festa gastronómica que, grazas ao esforzo e implicación dos veciños e veciñas de Chenlo, xa se ten consolidado como evento de referencia na comarca e en toda a provincia.

Chenlo conta con repetir o éxito acadado nas anteriores edicións e recibir a unhas 2.000 persoas, tal e como explicaron os organizadores do evento durante o acto de presentación na Casa Cultural de Chenlo.

Manuel Alejandro Lorenzo, alcalde pedáneo, invitou  a todo o mundo a achegarse este domingo a Chenlo e compartir eles esta festa “que xa é patrimonio cultural de todos os veciños e veciñas”.

A festa comezará ás 11 da mañá coa degustación de pinchos e a actuación dun grupo de gaitas,  mentres empezan a asarse os cabritos que se degustarán na comida popular que terá lugar á 1 e media da tarde. A organización ten disposto un tobogán acuático para combater a vaga de calor e gozar da actuación do grupo Os Cabritos de Chenlo.

Outro dos pratos fortes fortes deste ano chega da man de Víctor Fábrega, “Tucho”, cos seus monólogos facendo as veces de pregoeiro. Xa pola tarde haberá moitos agasallos e sorpresas, ademais do tradicional sorteo cabrito dos Cabreiros, nunha tarde que estará amenizada polo grupo 3.COM.

Está previsto que se asen uns 100 cabritos, ademais de 200 quilos de churrasco.  Os precios das racións non variarán dos pasados anos: 20€ por cada ración de cabrito, 12€ por ración de churrasco, 3€ o pincho, 180 un cabrito enteiro e 90€ medio cabrito…por suposto, todas as racións inclúen empanada, patacas, bebida, pan, café e rosca.

Tres días de lecer, entretemento, música, diversión e xogos, proposta de ‘Porrigalia 2018’ que ‘tomará’ as rúas do Porriño do día 20 ao 22 deste mes

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e a concelleira de Festexos, Soledad Girón, presentaron este venres a ‘Porrigalia 2018’, a 5ª edición desta festa que ‘tomará’ O Porriño entre os días 20 e 22 xullo e que  terá coma grandes citas os concertos de ‘Mojinos Escozíos’, o venres, día 20, e de ‘Ses’ o 21 que, coma salientou a alcaldesa toca en Porrigalia grazas á contribución da Deputación de Pontevedra, que asume o seu caché.

Soledad Girón indicou que Porrigalia mantén o seu carácter de celebración aberta a todas as idades e, neste sendo, a súa programación está pensada para que as veciñas e veciños poidan gozar da mesma nas rúas,con actividades nas que pode participar toda a familia.

Venres, día 20

A festa empezará ás 9 da noite do venres co ‘Desfile da Garda Pretoriana’, entre San Sebastián e o Concello, diante do cal será o aceso do pebeteiro, que este ano fará a atleta porriñesa Carla Guisande.

De seguido, chegará o momento da ‘Animación’ por parte dos ‘Gardas de Ent’, xusto antes da actuación de ‘Mojinos Escozíos’ na rúa Domingo Bueno (22:30h.).

Sábado, día 21

O sábado 21, empezará coa ‘Animación na rúa’, ás 11 da mañá na Praza de Antonio Palacios, seguida da Exhibición de Cetrería, unha proposta que recupérase nesta edición de Porrigalia e, de novo, o Desfile da Garda Pretoriana’. Xa pola tarde-ás 6- será o momento da ‘Exhibición de loitas e xogos’, diante do Concello, ao tempo que ábrese, ata as 9 da noite, fronte á Igrexa de Santa María, ‘Pekegalia e Bebegalia.

A tarde seguirá coa Exhibición de Cetrería, a actuación pola rúa de ‘Festicultores Troupe’, dende as 8, e ás 10 e media, no escenario de Domingo Bueno, a actuación de ‘Ses’.

Domingo, 22

O domingo, día 22, ao mediodía, Pablo Trasno empezará animando o día na Praza de Antonio Palacios; de seguido unha nova Exhibición de Cetrería, antes da Butukada e a Charanga polas rúas da vila.

Ás 6 da tarde, diante do Concello, ‘Exhibición de loitas e xogos’ e as ‘Finais dos xogos’-tiro de corda, traga-bolas, carreira de ovos, tres en raia, canastra, puntería, tiro de menhir e serpe de globos-; de novo, ‘Exhibición de cetrería’, ás 7 e media, Animación e, ás 10 da noite, na Praza de Antonio Palacios, Espectáculo de Clausura e Lume, da man de Deabru Beltzak, con ‘Les tambors de Feu.

A concelleira de Festexos, subliñou que ‘Porrigalia 2018’, aposta tamén por ‘Obradoiros participativos’, aos que pode sumarse todo o mundo, e que teñen coma obxectivo o entretemento, este ano serán de pedra, petroglifos, forxa, cestería, cerámica coiro e madeira.

Este luns, día 9 de xullo, no Porriño, o ‘Mago Teto’

O vindeiro luns, día 9 de xullo, ás 8 da tarde, na Praza de Antonio Palacios, diante do Concello, as personas que se acheguen á mesma poderán gozar co Mago Teto, un dos magos máis veteranos e relevantes a pesar da súa xuventude. Habitual na televisión desde os seus comezos, goza de grande popularidade e recoñecemento.

Trátase dun mago con espectáculos de rúa (como O Afiador) ou de gran formato para teatros (A Maxia da Santa Compaña) e todoterreos como o seus clásicos ʻTolemaxiasʼ e “Perto de Ti”.

Despois de tres anos xogando con outras artes escénicas nos seus espectáculos, como a música en directo, o teatro, a danza… na “Maxia da Santa Compaña” e “O Afiador”, retorna a esencia do ilusionismo en estado puro cun espectáculo cheo de efectos novidosos tocando todas as disciplinas da maxia (dende efectos de maxia de cerca ata grandes ilusións, pasando polo mentalismo, a manipulación…) sempre acompañados de situacións absurdas e surrealistas cun toque canalla.

Publicadas as bases do Concurso de Comparsas e Coplas de ‘Porrigalia 2018’

O Concello vén de publicar as Bases e Convocatoria para a concesión de premios a Comparsas e Asociacións Culturais e Veciñais do Porriño que participen na celebración de ‘Porrigalia 2018’.

As presentes bases que rexirán a Convocatoria do Concurso de Comparsas e Coplas estarán suxeitas á Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de subvencións, RD. 887/2006, de 21 de xullo polo que se aprobar o regulamento da devandita lei e demais normativa de aplicación.

Publicadas as bases para a colocación dos postos en ‘Porrigalia’ que se celebrará os días 20, 21 e 22 deste mes de xullo no Porriño

O Concello vén de publicar as bases para a colocación dos postos  en Porrigalia que se celebrará no Porriño os días 20, 21 e 22 deste mes de xullo.

A solicitude de inscrición, dacordo coas mesmas bases, pode descargarse na web porrigalia.gal ou ben recollela no Centro Cultural Municipal do 9 ao 13 de xullo en horario de 9 da mañá a 2 da tarde.

 

O Porriño honra a figura de don Fidenciano Palacín na súa ’10ª Festa do Chouripán’ que se celebra este sábado, día 23 de xuño

A Praza de San Sebastián acolle este sábado, día 23 de xuño, dende as 7 da tarde, a ’10ª edición da Festa do Chouripán’ na que os asistentes poderán degustar o tradicional “chouripán”-a 2,5€ con bebida- elaborado de xeito artesanal con producto do país e co tradicional “Pan do Porriño”, que suministran varias panaderías da vila.

Coma xa é tradición, a  Festa do Chouripán contará coa súa fogueira de San Xoan, que acenderase as 12 da noite,  e con animación musical e cultural para facer máis agradable a experiencia.

Este ano a Festa terá un evento especialmente emotivo: a colocación da placa da nova praza Fidenciano Palacín. Trátase dunha inicativa que a asamblea de socios da Asociación de Veciños aprobou no ano 2016, e que reivindica a figura de don Fidenciano Palacín, veciño do barrio, impulsor de moitas iniciativas sociais e culturais  e moi coñecido por ser o antigo carteiro do Porriño.

A solicitude da Asociación de Vecilños foi aprobada en Pleno da corporación municipal do Porriño por unanimidade de todos os grupos da corporación local e asumida polo goberno local, a través da concellería de Urbanismo, que dirixe Marcelino Coto.

Ás 7 da tarde será a a inauguración pública da placa que vai renomear a praza anexa a capela de San Sebastián do Porriño, que pasará a denominarse, Praza Fidenciano Palacín. E que coma subliña a presidenta da Asociación de Veciños, Carmen Rodríguez, “faise realidade un acordo da nosa asamblea en recoñecemento á laboura dun veciño destacado e agradecemos a todos os partidos da corporación o seu apoio a esta proposta”.

O Goberno local, xunto coa Asociacion de Hostaleiros e a de Comerciantes do Porriño (ACIPOR), pon en marcha unha campaña para a organización do ‘I Pinchoneno’, aprobado polo Pleno Infantil

O Concello do Porriño  está a traballar na iniciativa de participación infantil e adolescente, enmarcada na candidatura do Porriño ao recoñecemento de ‘Cidade Amiga da Infancia’, de UNICEF, que trata  de facer un concello máis transparente e próximo, pero sobre todo pretende coñecer as opinións, intereses e necesidades dos veciños e veciñas máis novos, co compromiso de que estas serán atendidas.

Froito deste traballo é a creación do ‘Consello Municipal de Infancia’, que representa a tódolos nenos, nenas e adolescentes do Porriño e  que acordou no último Pleno, entre outras iniciativas, a realización de un Pinchorriño Infantil, que se chamará “Pinchoneno’.

O  “Pinchoneno’, que  tería lugar os días  14 e 15  do mes de setembro,  de 7 da tarde a 10 da noite, coincidindo coa antesala das  festas locais, foi unha proposta que saíu dos propios escolares e que logo de ser traballada nas aulas, e debatida, foi aprobada por unanimidade no Pleno infantil do pasado mes de abril.

O Concello quere atender e darlle resposta a esta iniciativa que serviría para reforzar a nosa candidatura ao recoñecemento outorgado por UNICEF e para isto, precisaríamos contar coa participación e colaboración do seu colectivo.

Aqueles hostaleiros que decidan sumarse a esta iniciativa e colaboren no proxecto, serán recoñecidos  a nivel local pola distinción que se lles otorgará desde o Concello coma ‘Socios impulsores  do 1º Pinchoneno’,  informando de  dita distinción  a Unicef ,  o  dereito a publicidade conxunta e cartelería e poder dispoñer do invitado  – Participante do programa de televisión Master Chef –  para a visita ó seu local  e promocionar ó seu pincho durante os dous días que dura a actividade.

O Goberno local confía no compromiso do sector hosteleiro do Porriño coa infancia, apoiando esta iniciativa xurdida dende os propios nenos e nenas porriñeses e que sen dúbida contribuirá a incrementar a imaxe e prestixio da nosa vila a nivel gastronómico e hostaleiro, involucrándonos todos para situar a O  Porriño como un referente no respecto e atención aos dereitos dos nenos e das nenas.

Os hostaleiros e hostaleiras interesados en en participar ou en recibir máis información poden dirixirxe  aos seguintes teléfonos: 986337624 de 15:00-19:00 horas.- OMIX do Concello; .- 986334000 de 9:30-14:00 horas, Asociación de Comerciantes e Industriais deo Porriño (ACIPOR), ou contactando con José Manuel Fernández, presidente da Asociación de Hostaleiros do Porriño. O prazo de inscrición remata o  mércores  día 20  de xuño.

 

 

O Porriño, escenario do ‘6º Festival de Bandas de Música de Escolas’

O Círculo Recreativo e Cultural do Porriño será o escenario do ‘6º Festival de Bandas de Música de Escolas’, que terá lugar o vindeiro sábado, día 9 de xuño, ás 8 e media da tarde.

No mesmo participarán, conxuntamente, cun programa de Bandas Sonoras de películas: a  Banda da Asociación Piloñesa Musical de la Fuente de Infiesto-Asturias e a Banda da Escola Municipal de Música do Porriño.