Noemí Fernández, a cantante porriñesa que representará a España no certame musical europeo “Tour Music Fest” que se vai celebrar en Roma o vindeiro sábado día 7, recibiu unha bandeira de máns do Concello que levará á capital italiana.

A alcaldesa e membros do goberno municipal entregaron á cantante local a bandeira co lema “O Concello do Porriño con Noemí” que ela vai levar consigo a Roma e que confía en mostrar ante as cámaras se acada o triunfo no concurso.

Noemí competirá cos representantes do Reino Unido, Italia, Malta e Suiza. A cantante porriñesa de tan só 17 anos acadou participar na final do “Tour Music Fest” superando a máis de noventa concursantes procedentes doutras comunidades na proba nacional que se celebrou en Madrid. Noemí gañou coa súa interpretación de “Rise up” na que tamén tocou o piano.

Se Noemí gaña en Roma acadaría unha beca universaritaria para continuar os seus estudos musicais en Estados Unidos ademáis dun premio en metálico de 10.000 euros, a grabación dun single, un videoclip e unha xira promocional.

A súa volta de Roma, Noemí Fernández vai volver actuar no Porriño como fixera onte con motivo do acendido do alumeado de Nadal. Será na Festa “Pre-Finde Ano” que terá lugar o día 30.