Programaciòn das ‘Festas do Cristo 2017’, para este luns, día 25 de setembro

Este luns, día 25, dentro da programación das ‘Festas do Cristo 2017’-que pode consultarse na web ecultura.net- Obradoiros Infatís na Carpa do Roxy de 12 a 14:00h. e de 17:30 a 20:30; antes, no Parque do Cristo, primeiro pase da Banda Cultural de Arcade; dende as 6 da tarde, Charanga Turres Band, polas rúas do centro.

A película ‘Canta’, suspendida o sábado día 23, proxectarase finalmente este luns, ás 6 da tarde na Carpa do Roxy.

Ás 8 e media da tarde, tamén no Parque do Cristo, nova actuación da Banda Cultural de Arcade; ás 9 e media, na Praza de Antonio Palacios, ‘América Tributo’ e Banda de Nash no Espectáculo Tributo a Queen e as 10 e media da noite, volta a Banda Cultural de Arcade á Praza do Cristo.

O xornalista e escritor porriñés Diego Giráldez pregoeiro das ‘Festas do Cristo 2017’, este sábado día 23

Este sábado, día 23, ás 12 e media do mediodía, na Praza de Antonio Palacios, o escritor Diego Giráldez, será o encargado de ler o pregón co que darán comezo as Festas do Cristo 2017.

Diego Giráldez (O Porriño, 1976), é licenciado en Historia da Arte, exerceu o xornalismo en distintos medios escritos e dixitais. Durante cinco anos, traballou na redacción do xornal ‘A Peneira’ dirixindo unha das súas cabeceiras comarcais e coordinando o seu suplemento cultural, ‘Kalaikia’ a nivel galego. Ao tempo, colaboraba como columnista de opinión cos xornais ‘A Nosa Terra’ e ‘Xornal de Galicia’ e, a través de reportaxes culturais, co El País. Na actualidade, escribe no diario Praza Pública -formando parte do seu consello de redacción- e na revista ‘Luzes’.

Ten varios libros publicados relacionados coa historia do Porriño, dirixiu a revista de recuperación histórica local ‘Malladoura’ e fundou e dirixiu o ‘CanZine’, a publicación oficial do Festival de Cans.

En 2016, a editorial Xerais publicou o seu primeiro traballo literario “Galería de saldos”.

En 2010, recibiu o Premio Literario “José Saramago” de relato curto. En 2011, no Porriño, concedéronlle o Premio Círculo “Cultura”. En 2015, fíxose co primeiro accésit do Certame Nacional de Narracións Breves “Modesto R. Figueiredo” e en 2016 gañou o premio literario “Manuel Murguía”, o máis importante certame de relato curto de Galicia. Nos premios “Fervenzas Literarias” de 2016, o seu libro “Galería de saldos” foi elixido polos lectores o segundo mellor traballo de narrativa galega e Diego Giráldez “mellor autor galego do ano”.

A Policía Local informa dos cortes do tráfico e prohibicións para aparcar polas Festas do Cristo

A Policía Local informa de que co gallo das ‘Festas do Cristo’, procederase ao corte do tráfico rodado e non se permitirá estacionar en varias rúas do centro do Porriño.

O venres, día 22: dende as 3 da tarde, non se poderá aparcar na rúa Parque Infantil, dende o cruzamento coa rúa Salgueira, na beira esquerda en dirección a Vigo; tamén estará prohibido estacionar, dende as 3 da tarde, na rúa Pío XII, dende o cruzaemnto da rúa Fontevella con Ramón González; tamén en Manuel Rodríguez-dende o Celtiña ata a floristería Dina-nas, dúas beirarrúas, dende as 9 da noite.

Ese mesmo día, dende as 10 da noite estará cortada ao tráfico esta rúa dende o cruzamento do Celtiña ata Leandro Diz (Bar Colleo con Pinzas).

Sábado, dia 23: dende as 10 da mañá, estará prohibido estacionar na rúa Parque Infantil, dende a rúa Salgueira, na marxe esquerda, sentido Vigo; dende as 3 da tarde, tamén na rúa Pio XII, dende o cruzamento de Fontevella con Ramón González; dende as 9 da noite non se poderá aparcar en Manuel Rodríguez, dende o Celtiña ata a Floristería Dina-nas dúas beirarrúas-.

Ese mesmo día estarán cortadas ao tráfico : dende as 9 da mañá Domingo Bueno, ata o cruzamento con Pío XII; dende as 9 da noite, a mesma rúa ata o cruzamento de Fernández Areal; tamén estarán cortadas, dende as 9 da noite as rúas Pío XII e Ramón González, ata chegar a Leandro Diz.

Domingo, día 24: prohibido aparcar, dende as 10 da mañá, na rúa Manuel Rodríguez, dende o Celtiña ata a Floristería Dina, nas dúas beiras.

Cortadas ao tráfico, dende as 10 da mañá, as rúa Pio XII, Ramón González, Manuel Rodríguez ata o cruzamento con Leandro Diz.

Luns, día 25: dende as 10 da mañá estarán cortadas ao tráfico Pio XII, Ramón González e  Manuel Rodríguez, ata a rúa Xogo da Ola.

#FestasdoCristo, este martes, Antonio Serrano e o mércores, Cándido Pazó e a actuación de Xoana e MQM Band

Este martes, día 19, dentro da programación das ‘Festas do Cristo 2017’, ás 10 da noite, na Carpa do Roxy, actuación de Antonio Serrano e o mércores, día 20, no mesmo lugar, sesión dobre: ás 8 da tarde Cándido Pazó e o seu espectáculo de humor e, ás 10, Concerto de Xoana e MQM Band.

Antonio Serrano é un virtuoso do seu instrumento, unha das maiores promesas do jazz español actual e un dos músicos de sesión máis solicitados do país. Dotado dunha asombrosa facilidade técnica e uns profundos coñecementos teóricos, Serrano mostra así mesmo unha enorme versatilidade musical que queda fielmente reflectida no seu amplo historial de colaboracións. O armonicista móvese con idéntica soltura en ámbitos musicais tan distantes entre si como o jazz, flamenco, pop e clásica.

Compartiu escenario con grandes artistas como Barbara Hendricks ou Placido Domingo, con orquestras sinfónicas de toda Europa, a Wynton Marsalis, Lou Bennet oToots Thielemans a Vicente Amigo, Clarles Benavent e o gran Paco de Lucía entre moitos outros.

Cándido Pazó (Vigo, 1960), é un actor, autor teatral, guionista de series televisivas e director de escena con numerosos espectáculos estreados e premiados, entre os que destacan: O Merlo Branco (Premio Xeración Nós de Teatro Infantil 1989) Commedia, un xoguete para Goldoni …

É autor da maior parte das súas historias -inda que tamén as recolle da tradición e da literatura- e ten querencia polo chamado conto tabernario ou de tertulia: enfiados de anécdotas, sucesos e personaxes dos que demostran que a realidade supera á ficción.

Aos seus 18 anos, Xoana está inmersa nun proxecto musical que ten coma principal aliada á lingua galega, promocionando o uso desta coa axuda de ritmos coma o pop, o rock, o jazz, o funky e mesmo o reggae. En proceso está Dardos, o disco co que pretende irromper no mundo da música e utilizar esta coma un medio de denuncia. Todas as cancións xiran arredor de temas actuais que precisan ser escoitados e que mellor que a música para invitar a realizar cambios!

 

O escritor e xornalista porriñés Diego Giráldez lerá o pregón das Festas do Crsito o vindeiro sábado día 23

O vindeiro sábado, día 23, ás 12 e media do mediodía, na Praza de Antonio Palacios, o escritor Diego Giráldez, será o encargado de ler o pregón co que darán comezo as Festas do Cristo 2017.

Diego Giráldez (O Porriño, 1976), é licenciado en Historia da Arte, exerceu o xornalismo en distintos medios escritos e dixitais. Durante cinco anos, traballou na redacción do xornal ‘A Peneira’ dirixindo unha das súas cabeceiras comarcais e coordinando o seu suplemento cultural, ‘Kalaikia’ a nivel galego. Ao tempo, colaboraba como columnista de opinión cos xornais ‘A Nosa Terra’ e ‘Xornal de Galicia’ e, a través de reportaxes culturais, co El País. Na actualidade, escribe no diario Praza Pública -formando parte do seu consello de redacción- e na revista ‘Luzes’.

Ten varios libros publicados relacionados coa historia do Porriño, dirixiu a revista de recuperación histórica local ‘Malladoura’ e fundou e dirixiu o ‘CanZine’, a publicación oficial do Festival de Cans.

En 2016, a editorial Xerais publicou o seu primeiro traballo literario “Galería de saldos”.

En 2010, recibiu o Premio Literario “José Saramago” de relato curto. En 2011, no Porriño, concedéronlle o Premio Círculo “Cultura”. En 2015, fíxose co primeiro accésit do Certame Nacional de Narracións Breves “Modesto R. Figueiredo” e en 2016 gañou o premio literario “Manuel Murguía”, o máis importante certame de relato curto de Galicia. Nos premios “Fervenzas Literarias” de 2016, o seu libro “Galería de saldos” foi elixido polos lectores o segundo mellor traballo de narrativa galega e Diego Giráldez “mellor autor galego do ano”.

A Policía Local está a levar a cabo unha estreita vixilancia do cumprimento da Ordenanza de Convivencia que contempla multas por non recoller os excrementos dos cans ou deixar refugallos fora dos contedores

As concellerías de Seguridade e Limpeza veñen de iniciar unha Campaña de Sensibilización e Concienciación Ambiental que abrangue, ademais, o coidado dos espazos públicos, tanto no casco urbano coma nas parroquias, sublimando a importancia da separación selectiva dos residuos.

O obxectivo é o de promover e potenciar o valor e a necesidade social da reciclaxe, potenciando  o papel activo das veciñas e veciños, facilitándolles, dende o Concello, a súa colaboración coa finalidade de mellorar a separación do lixo, xa na casa, así coma o correcto verquido dos  refugallos orgánicos que será, obrigatoriamente, en bolsas que teñen que deixarse nos colectores que o Concello ten para elo.

Ademais, como xa anunciara o concelleiro de Limpeza, Orlando Márquez, co gallo da colocación de parte das novas papeleiras en diferentes partes do Porriño,  a Policía Local está a realizar xa unha especial vixilancia da recollida por parte dos seus donos dos excrementos que os cans deixen nas rúas.

Neste eido, o novo xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez,  subliña que a propia Ordenanza Municipal Reguladora da Convivencia Cidadá, Limpeza de Vías Públicas e Recollida de Residuos “contempla sancións de ata 1.500€ polo seu incumprimento”.

O novo xefe da Policía Local, logo de que se repetisen os casos de aparición fora dos lugares sinalados ou en días e horas que non son os regulamentados de desproveitos voluminosos, lembra que para a súa recollida “é preciso avisar ao Concello, fixando o día e a hora para que se faga a retirada, atopándose o Punto Limpo habilitado no Polígono da Granxa, de luns a venres,en horario de mañá”.

Tamén no caso de que se deixen estes refugallos voluminosos, coma mobles, restos de obras e sobrantes de materiais de construción ou electrodomésticos, fora dos lugares indicados, ou en horarios que non foran pechados co servizo municipal de Limpeza, os axentes da Policía Local procederán a realizar a correspondente denuncia.

Este venres abre ao público no Centro Cultural Municipal a exposición fotográfica ‘Viaxando’

Dende o venres 15 de setembro, e ata o vindeiro 9 de outubro, como parte das actividades da programación das ‘Festas do Cristo 2017’,poderá visitarse na OMIX do Concello-situada na planta baixa do Centro Cultural Municipal-, a exposición de fotografía “Viaxando” que amosa os traballos presentados ao Premio de fotografía do mesmo nome.

Este Certame, conxuntamente coa exposición itinerante, está organizado por noveno ano consecutivo polas Oficinas de Información Xuvenil (OMIX) dos concellos do O Porriño , O Rosal, Tomiño, A Guarda, Baiona, Salceda de Caselas, Gondomar e o Espazo Xove de Tui dentro do traballo en rede que veñen realizando anos atrás.

Este ano participaron un total de 20 artistas de idades comprendidas entre os  12 a 30  anos e a foto gañadora foi ‘La Frontera entre el cielo y la tierra’, da guardesa Cristina Araujo.

A ‘Carreira Nocturna’ de ciclismo das ‘Festas do Cristo’ será polo centro do Porriño o venes, día 29, dende as 8 da tarde

A ‘Carreira Nocturna’ de ciclismo, que forma parte da programación das Festas do Cristo, disputarase na data anunciada: o venres 29 de setembro, dende as 8 da tarde, pero será polo Centro do Porriño e non nas Pistas de Torneiros, como se anunciara.

As demais probas ciclistas manteñen os lugares, datas e horarios, adiantados na presentación das Festas do Cristo e que figuran nos programas oficiais: o sábado, día 16, ás 4 e media da tarde, nas Pistas de Torneiros, ‘Ciclismo Infantil’ e o domingo 1 de outubro, con saída ás 10 e media da mañá dende a Praza de Antonio Palacios, a ‘Festa da Bicicleta. Marcha popular’.

Preto de 80 actos, actividades, actuacións ou probas deportivas, propostas do programa das ‘Festas do Cristo 2017’

Preto de 80 actos, propostas, actividades, actuacións ou competicións deportivas, están previstas durante a duración das Festas do Cristo deste ano que abrangue máis aló dos días centrais das mesmas chegando ata o vindeiro 1 de outubro, data na que está prevista a celebración do Encontro Internacional de Aeromodelismo, por suposto en Pontellas.

Segundo salientou este martes a alcaldesa, Eva García de la Torre, na presentación do programa, as Festas do Cristo 2017 queren “chegar a todas as veciñas e veciños e atender a a diferentes sensibilidades e os gustos”, co único obxectivo de que os asistentes ás mesmas pasen unhas horas de lecer.

Acompañada por representantes de  ‘Montando O Cristo’, ‘O Cristo do Rap’ e a cantante local Xoana, que terán un importante papel nas propostas desta edición das Festas, a alcaldesa subliñou que nas mesmas haberá exposicións, teatro, concertos- coma os de Antonio Serrano, Argonad Band, Xoana e MQM Band, Uxía & Javier Ruibal ou Camela; pasando por DJ, bandas de música-coma as de Vincios, a Agrupación Musical do Rosal, A Cultural de Arcade ou a Unión Musical de Valladares-, charangas, unha Festa Medieval, , orquestras, espectáculos de humor, coma o que protagonizará Cándido Pazó, espectáculos para cativos, xigantes e cabezudos, o Festival da Cultura Urbana ‘O Cristo do Rap’, o Festival de Rock ‘Montando o Cristo’ e os actos relixiosos dende o día 22, co punto central ca Procesión do Santo Cristo da Agonía o día 24.

García de la Torre salientou a importancia do deporte, “con maiúsculas”, nas Festas do Cristo deste ano, con encontros de Balonmán, feminino e masculino, Patinaxe, Fútbol, co Torneo Festas do Cristo, Tenis, Kung-Fu, Atletismo, Gimnasia Rítmica, Baloncesto, Aeromodelismo ou Ciclismo.

En relación con esta última disciplina, a alcaldesa quixo acabar con todas as dúbidas e comentarios xurdidos nos últimos días e subliñou que “disputaranse todas as probas e concentracións tradicionais”: o sábado, día 16, ás 4 e media da tarde, nas Pistas de Torneiros, ‘Ciclismo Infantil’; o venres día 29, no mesmo lugar, ás 8 da tarde, a ‘Carreira Nocturna Festas do Cristo’ e o domingo 1 de outubro, con saída ás 10 e media dende a Praza de Antonio Palacios, a ‘Festa da Bicicleta. Marcha popular’.

A rexedora, logo de insistir en que as Festas do Cristo “queren integrar a todo o mundo”, repetiu que “son para que todos bailemos, para que esteamos en moitos lugares, para que non paremos, para que nos movamos e para que o pasemos ben”.