O Concello amplía o prazo para participar na Batalla de Debuxantes “Improvisdado”

A Concellería de Cultura e Festas e a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) informan da ampliación do prazo para participar na “Batalla de Debuxantes Improvisdado”, convocada polo Concello do Porriño.

O prazo de presentación de propostas que comezou o 1 de maio, amplíase ata o 31 de agosto.

Lembramos que esta convocatoria está dirixida a debuxantes con idades comprendidas entre os 12 e os 45 anos, de nacionalidade española ou estranxeira. Terán que desenvolver de xeito profesional ou aficionado algunha das seguintes disciplinas artísticas relacionadas coa pintura: ilustración, graffiti, tatuaxe, banda deseñada ou outras técnicas de debuxo de man alzada.

A convocatoria lanzouse o 30 de marzo dende a Concellería de Cultura e a través da Oficina Municipal de Información á Xuventude (OMIX), durante o pasado estado de alarma “como un estímulo para os creativos, para que puideran traballar dende as súas casas pese ao confinamento”. 

Para facilitar a participación, pódense facer os debuxos na casa e ser enviados por vía telemática e ademais, a inscrición é de balde. Os debuxos deberán presentarse por vía electrónica en formato JPG ou PDF cunha resolución igual ou superior a 1.200 px por 1.200 px. Deberán enviarse escaneados ao correo info@vellaescola.com indicando como asunto: InscriciónConcurso ImprovisDado”.

De entre todos os debuxos presentados serán seleccionados os artistas que concorrerán á final que sí será presencial, que está prevista para celebrarse o 19 de setembro. Terá unhas regras específicas e unha dotación económica en premios que se detallan nas bases da convocatoria que pódese consultar tanto nesta web do Concello coma na web do departamento de Cultura.

Deixamos ligazón para interesados/as

Batalla de debuxantes “ImprovisDado”

Galería de imaxes das Festas de San Bieito 2020

Unha visita guiada ao cultivo de vimbieiras de Julia De La Cal foi unha das actividades máis sobranceiras das que tiveron lugar onte coa ocasión das Festas de San Bieito 2020.


Despois da visita, na Praza de San Sebastián, Julia de la Cal mantivo unha conversa para achegar á cestería ao público que acudiu, entre os que estaban os concelleiros do goberno municipal, Pedro Pereira e Cami Moreira.


Ademais tamén celebrouse un concerto musical a cargo do dúo “Lagoa Folk”, na praza de San Bieito.

 

O sábado 11 comezará una edición reducida e axeitada á “nova normalidade” das Festas de San Bieito


A Concellería de Cultura e Festas ven de anunciar o programa das Festas de San Bieito que este ano terán un formato máis reducido e axeitado aos protocolos sanitarios obrigados polo “Covid-19”, no que atinxe ao tipo de espectáculos que se poden ofrecer e ao aforo restrinxido.

O programa festivo recolle sete eventos. Comezará o sábado 11 coa actuación da arpista Marta Quintana, prevista ás 21 horas na praza de San Bieito. Ese mesmo día, de noite, haberá sesión de cinema na rúa, coa proxección da película galega “O que arde”, dirixida por Óliver Laxe e que valeulle a unha das protagonistas, Benedicta Sánchez, para gañar o premio “Goya” á mellor actriz revelación. O pase da película realizarase o sábado 11 na praza de San Sebastián, a partir das 23 horas.

O domingo 12 está programada a actuación do grupo vigués “Xardín desordeado” que musicaliza poesía en galego con diferentes ritmos, dende o bolero, pasando polo “swing” e ata o “blues”. Terá lugar ás 21 horas na praza de San Bieito.

A concelleira responsable da organización, Cami Moreira subliña que a maior novidade que se contempla no programa deste ano é a visita guiada ao cultivo de vimbieiras de Julia De La Cal que terá lugar o luns 13, festivo local no Porriño. A comitiva sairá dende a praza de San Bieito, a partir das seis da tarde.

Julia e Marcelo de Faia Educación Ambiental serán os encargados de realizar esta visita coas explicacións pertinentes respecto desta materia. Require de inscrición previa a través do correo electrónico cultura@oporrino.org (hai que descargar o documento de inscrición ).

DEIXAMOS ENLACE PARA DESCARGAR

Os menores de idade deberán ir acompañados dun adulto responsable dos mesmos. A inscrición levarase a cabo por orden de remisión dos correos electrónicos, ata un máximo de 30 participantes. Para participar nesta actividade é obrigatorio o uso de máscara. É recomendable levar gorro e auga.


O mesmo luns, polo serán, a partir das 21 horas, Julia de la Cal manterá unha conversa para achegar á cestería ao público que acuda á Praza de San Sebastián onde se celebrará.
O luns, ás 20 horas haberá tamén un concerto musical a cargo do dúo “Lagoa Folk”, na praza de San Bieito. E o remate da programación será unha tirada de fogos artificiais, a partir das 23 horas.

Unha sesión de cinema na rúa, en Torneiros, pechará a programación “A praza non se apraza”.

A Concellería de Cultura e Festas anuncia o cuarto e último evento da programación “A praza non se apraza, fin do confinamento” que terá lugar este domingo día 5,  ás 22,30 horas da noite.

Será unha sesión de cinema na rúa, en Torneiros. Proxectarase na traseira da igrexa de San Rosendo. Aforo, 100 persoas.

A película elixida é “O apóstolo”, un film de animación en 3D, dirixido por Fernando Cortizo na que participan poñendo as súas voces, actores e actrices galegas tan sobranceiros como Luis Tosar, Xosé Manuel Oliveira “Pico”, Carlos Blanco, Celso Bugallo, Isabel Blanco, Manuel Manquiña e colaboran artistas non galegos coma Héctor Alterio, Gabino Diego, Terele Pavez, Jorge Sanz, Geraldine Chaplin e Paul Naschy na que foi a súa última actuación antes de morrer.   

Entre os moitos galardóns acadados por esta película, subliñar os seis premios “Mestre Máteo” que obtivo en 2013, ano no que tamén estivo nomeada para os premios Goya.

Con este ciclo “A praza non se apraza”, a Concellería que dirixe Cami Moreira quixo “amosar o agradecemento do Concello a veciñanza do Porriño que fixo máis levadío o tempo de confinamento a causa da pandemia”. 

Dende o 13 de xuño, ofrecéronse dous concertos a cargo do grupo musical “KAF” e a actuación da pianista Ana Belén Rodríguez, en diferentes enclaves urbanos da vila, sen público. 

 

INSTRUCIÓNS PARA SOLICITAR A CITA PREVIA PARA O REXISTRO XERAL

Lembramos que pódese acadar por teléfono, chamando ao número 986 335 000 e solicitando cita.

Ou a través desta páxina web, na pestana “sede electrónica” (non é necesario ter certificado dixital, só un correo electrónico), e seguir estas instrucións do proceso:

Acceda á páxina web do concello (www.oporrino.org)
Seleccione “SEDE ELECTRÓNICA”
Seleccione “CITA PREVIA”
Seleccione “Rexistro”
Seleccione a axenda “Rexistro 1”
Seleccione a data dispoñible que desexe
Seleccione o horario dispoñible que desexe
Seleccione “CONTINUAR”

Adxunta-mos un gráfico para visibilizar as instrucións.

A Escola Municipal de Música abre a preinscrición para o curso 2020/2021


O Concello do Porriño, a través da Concellería de Cultura informa que a partires de mañá mércores 1 e ata o 20 de xullo pódense solicitar prazas na Escola Municipal de Música do Porriño.

Segundo informa o departamento que dirixe Cami Moreira, “este ano como novidade a folla de solicitude de praza pode descargarse na páxina web do Concello (está ao pé desta nova).

Entregarase no Rexistro Xeral do consistorio, mesmo previa solicitude de cita. Para solicitar a cita previa hai varias opcións: chamar ao teléfono 986335000 e solicitar cita; ou por internet, na sede electrónica do Concello do Porriño (non é necesario ter certificado dixital, só facilitar un email.

Tamén pódese acceder á folla de solicitude de praza a través da web do departamento municipal de Cultura. Deixamos o correspodente enlace.



Para o vindeiro curso 2020/2021, a oferta da Escola Municipal do Porriño acolle a nenos e nenas dende os 4 anos en Música e Movemento, e ademais de Linguaxe Musical para nenos, mozos e adultos, ofrece as especialidades de violín, viola, violoncelo, percusión, guitarra, piano, canto, gaita, óboe, clarinete, saxofón, frauta travesera, fagot, trompa, trompeta, bombardino, trombón, tuba, percusión tradicional, e conta con agrupacións como Banda, Orquestra de Cordas, Música Tradicional e Coral Infantil así como Coral Polifónica de adultos.

A matrícula definitiva realizarase no mes de setembro unha vez que se publiquen as listas de admitidos. Intentarase respectar os horarios deste curso no próximo na medida do que sexa posible coa aplicación dos protocolos COVID-19 e as medidas de limitación de aforo que se impoñan.

http://ecultura.net/wp-content/uploads/2020/06/Solicitude-de-praza-novos-ingresos.pdf

Deixamos tamén as seguintes instrucións para os trámites de cita previa e descarga da folla de solicitude

 

Terceiro concerto do ciclo “A praza non se apraza”

A Concellería de Cultura e Festas anuncia o terceiro concerto musical, sen público na rúa, do ciclo “A praza non se apraza”. Será este sábado 27, ás 22 horas e, de novo, a cargo do grupo “KAF”.  

A Concellería que dirixe Cami Moreira precisa que “trátase de amosar o agradecemento do Concello á veciñanza que fixo máis levadío o tempo de confinamento”. 

Os concertos ” A praza non se apraza” comezaron o pasado 13 de xuño cunha primeira actuación do grupo “KAF” e continuaron o pasado sábado coa actuación da pianista Ana Belén Rodríguez. 

A praza non se apraza: concerto para agradecer á veciñanza

Este sábado, ás 21 horas, haberá un concerto musical a cargo do grupo KAF. Un evento convocado baixo o lema “A praza non se apraza”. Que terá lugar sen público na rúa, segundo precisa a Concellería de Cultura e Festas, polas restricións que aínda están vixentes nesta fase do Plan de Desescalada.
A concelleira Cami Moreira explicou que “trátase de amosar o agradecemento do Concello á veciñanza que fixo máis levadío este tempo de confinamento”.

Estrea da primeira Sala de Estudo Municipal


Esta mañá tivo lugar a estrea da primeira Sala de Estudo Municipal, creada polo Concello do Porriño, nas instalacións do Centro Cívico, na rúa Domingo Bueno,. nº 13. A sala de estudo funciona inicialmente cun horario de 8,30 a 14,30 horas, de luns a venres, e coas garantías de seguridade sanitaria polo COVID-19.

A súa creación é unha iniciativa da Concellería de Cultura que dirixe Cami Moreira. Ca súa ubicación no Centro Cívico, baleirouse á Biblioteca Municipal, separando o estudo da lectura, o que permitirá gañar espazo na Biblioteca para implementar novos servizos.

Segundo explicou a concelleira, “este novo espazo vén complementar á Biblioteca Municipal, coñecida polo seu labor e sentido de pertenza tanto de porriñesas e porriñeses, como da contorna”. “Ao mesmo tempo esta separación de espazos con funcións diferenciadas, dará solucións, tanto ás persoas que buscan un lugar para estudar comodamente e en silencio, coma que a Biblioteca Municipal recupera o seu espazo para implementar os servizos bibliotecarios a todas as persoas que queiran gozar do fondo bibliográfico”, engadiu Cami Moreira.

Concello e Panadeiros do Porriño valoraron realizar unha mostra en outubro e outras accións promocionais


Goberno municipal e panadeiros do Porriño valoraron hoxe a posibilidade de realizar no mes de outubro, unha Mostra do Pan que palie a suspensión da quinta Feira anual, cancelada pola pandemia do Covid-19.


A mostra tería lugar nun único día, probablemente un domingo, nun recinto pechado que podería ser o Pavillón Municipal, o que permitiría establecer controis de acceso e un circuíto de percorrido de entrada e de saída para facer cumprir a garantías sanitarias que se establezan para entón.


Esta posibilidade valorouse na reunión que Cami Moreira, concelleira de Cultura e Festas e Sergio Casal, concelleiro de Comercio mantiveron cos representantes do sector de panadeiros do Porriño. Acudiron Luís Miguel Iglesias, de “A Maquía”; José Manuel Fernández, de “O Forno de Mosende” e Claudio, de “Panaderia Argibay”, acompañados por Noelia Conde, xerente da asociación empresarial ACIPOR.


En vindeiras semanas, ambas partes madurarán esta e outras posibilidades de colaboración. Entre elas, acordouse que a Concelleira de Cultura dea un pulo ao selo “Pan do Porriño” que está actualmente en proceso de certificación. Sería con accións promocionais que inclúan “algún tipo de exposición referida por exemplo á historia dos fornos de pan na vila”, manifestou Cami Moreira, ao termo da reunión.