Presentada a II “Batalla de Debuxantes Improvisdado”, un certamen único e singular organizado polo Concello

Hoxe presentouse a segunda edición da “Batalla de Debuxantes Improvisdado”, un certame “singular e único que organiza o Concello do Porriño coa intención de crear novas formas de expresión artística, querendo romper estándares e normas non escritas da arte”, segundo anunciou Cami Moreira, concelleira de Cultura, Mocidade e Festas.

Para esta segunda edición “vaise simplificar o método de inscrición a través dun formulario nunha páxina web específica do concurso Improvisdados que ademais terá vídeos da edición anterior e un capítulo de preguntas frecuentes”, explicou Pablo Castiñeira, responsable de “Vella Escola”, entidade produtora do certame. A páxina web estará dispoñible de xeito inmediato.

Outra dúas novidades serán o aumento da bolsa de premios para os finalistas e o escenario onde terá lugar a final, que este ano representará un taller mecánico, cun coche incluído, como se pode ver na maqueta nunha imaxe adxunta. Precisamente ese escenario da final mudará este ano. Trasladase ao Parque do Cristo.

Cami Moreira manifestou que “no Porriño temos certa tendencia a localizar moitos eventos na praza do Concello e pensamos que é bo explorar outras zonas a ver como funcionan cun evento de visualización tan plástica”, segundo a concelleira.

Este concurso lanzouse no 2020, no primeiro estado de alarma como un estímulo para os creativos, para que puideran traballar dende as súas casas pese ao confinamento. Realizouse unha convocatoria por redes sociais para debuxantes que, de xeito profesional ou aficionado, desenvolveran algunha disciplina artística relacionada coa pintura. Entre os debuxos presentados, seleccionáronse seis artistas que concorreron á final celebrada nas Festas do Cristo nun escenario habilitado na praza do Concello. O artista alcumado “O Ras”, de Pontevedra foi o gañador daquela.

Mañá presentase a segunda edición do certame “Batalla de Debuxantes Improvisdado”

A Concellería de Cultura e Festas que dirixe Cami Moreira anuncia a presentación mañá xoves, en roda de prensa, da segunda edición do certame “Batalla de Debuxantes Improvisdado”. A comparecencia terá lugar ás 12 horas no salón de plenos do Concello e xunto coa concelleira, participarán Noelia de la Fuente, responsable da Oficina Municipal de Información á Xuventude (OMIX) e Pablo Castiñeira, responsable de “Vella Escola”, entidade productora do certame.

Este concurso lanzouse por primeira vez no 2020, no primeiro estado de alarma “como un estímulo para os creativos, para que puideran traballar dende as súas casas pese ao confinamento”, como explicou entón Cami Moreira. Realizouse unha convocatoria por redes sociais para debuxantes que, de xeito profesional ou aficionado, desenvolverán algunha disciplina artística realacionada coa pintura. Entre os debuxos presentados, seleccionaronse seis artistas que concorreron á final  celebrada nas Festas do Cristo nun escenario habilitado na praza do Concello. O artista alcumado “O Ras”, de Pontevedra foi o gañador daquela.

Segunda quenda do ciclo “Marzo de Sábados Teatrais” coa representación de “Interferencia varada”

 

O vindeiro día 13 terá lugar a segunda quenda do ciclo “Marzo de Sábados Teatrais”, espectáculo teatral en liña, coa representación da peza “Interferencia varada”, a cargo de “Xerpo”, a partir das 21 horas.

Require inscrición previa. Ata a media noite do venres 12, as persoas interesadas terán que enviar un correo electrónico ao enderezo xerpoteatro@xerpocultural.com indicando o nome, apelidos e teléfono de contacto para facer a reserva.

Deixamos ligazón coa web do departamento de Cultura

Ciclo “Marzo de sábados teatrais”. Obra: “#InterferenciaVarada”

Primeira quenda do ciclo “Marzo de Sábados Teatrais”: “Gregor-e”


Tratase do primeiro dos espectáculos teatrais en liña que “XERPO” representará para todos aqueles e aquelas que se inscriban previamente e queiran seguir a función mediante a aplicación “Zoom”.


O prazo para inscribirse rematará hoxe venres 5 a media noite. A solicitude realiza a través de correo electrónico dirixido ao enderezo correo: xerpoteatro@xerpocultural.com

Deixamos ligazón coa web do departamento de Cultura para máis información

Ciclo “Marzo de sábados teatrais”. Obra: “Gregor-e”

Reapertura da biblioteca do Porriño: unha biblioteca sempre na vangarda

Entrar na Biblioteca do Porriño xa non é un ritual dedicado ao silencio e as lámpadas de lectura, reservado para ás persoas de oposicións ou universidade entregadas aos seus exames.

A Biblioteca é algo moi diferente hai máis dunha década. Abriu portas, habilitou espazos a outros perfís de persoas usuarias e, amais de emprestar libros, ofrece material audiovisual, cómics e gratuidade da conexión a internet; incluso nos últimos anos,… mesmo foi territorio adolescente.

Durante este tempo de incerteza marcado pola covid 19, a Biblioteca do Porriño malia a distancia continuou co servizo de préstamo da colección, acadando cifras moito máis positivas do esperado, incluso gratamente sorprendentes.

A Concellería de Cultura, dirixida por Cami Moreira Fontán, da que depende a Biblioteca Municipal, aproveitou este tempo para reinventar os espazos e adaptalos a unha nova realidade conectada ao mundo da lectura, sendo este, o servizo bibliotecario por excelencia a perseguir polas bibliotecas .

A SALA XERAL, transformouse, coa adecuación do seu mobiliario, nun espazo de socialización e participación cidadá, que convive cunha colección ecléctica de distribución máis atractiva, co crecemento da colección bibliográfica de referencia, e contando cun incremento dos centros de interese existentes.

Ao mesmo tempo, equipamos a biblioteca con tabletas e portátiles que substitúen ás antigas CPUs, unha actualización dos equipos informáticos que reverte no uso da nosa comunidade bibliotecaria.

Ademais, a biblioteca implementará eFilm, unha plataforma de préstamo audiovisual en streaming; que usando só a tarxeta da biblioteca poderás acceder a miles de películas, series, curtas e moito máis.

eFilm conta cun catálogo coa mellor selección de cine español, cine europeo, cine independente e cine clásico. En breve, tamén contará con: concertos e cursos de idiomas legais e gratuítos para toda a colectividade adscrita á Biblioteca do Porriño

Cómpre destacar o CLUB DE LECTURA, unha proposta que continúa, agora tamén en liña con gran éxito. E estamos de estrea cunha nova actividade, un CICLO DE CINEMA,  con pases no último venres de cada mes coordinado por Rebobina Asociación Cultural.

Unha atención especial merece a PÁXINA WEB da biblioteca https://bibliotecadoporrino.com, onde podemos consultar; diferentes trámites persoais, a colección dixital, unha selección de recursos web como GaliciaLe, seccións interesantes, como son: noticias clasificadas por idiomas, idade ou xénero literario, seleccións temáticas e recomendacións, moi apreciadas pola poboación lectora.

Proseguindo coas innovacións, instalouse unha CAIXA DE DEVOLUCIÓNS  no exterior do edificio, achegado á praza de aparcamento reservada durante 15 minutos para realizar trámites rápidos na biblioteca, axudando a resolver problemas de estacionamento.

Isto amplía o servizo de devolución de libros ás 24 horas do día, os sete días da semana, os 365 días do ano, cumprindo cos obxectivos de desenvolvemento sostible e promovendo o benestar garantido para a veciñanza.

Unha das grandes novidades que presenta a Biblioteca Municipal é a SALA DE ESTUDO, situada na planta baixa do edificio do Centro Cívico, onde a poboación que precise da temperatura e luz adecuadas, de silencio e comodidade para concentrarse nos seus estudos, atopara o lugar idóneo.

Dous espazos, dous diferentes usos. A actividade de estudar é altamente exclusiva e de ningún xeito compatible coas actividades dunha biblioteca pública, entendida coma un espazo de convivencia onde, ao redor da lectura, a información e o lecer creativo, as persoas de todas as idades, ou niveis de formación, atópanse facendo comunidade, servíndonos das instalacións e recursos documentais creamos un centro vivo ao servizo da comunidade.

 

Concellería de Cultura anuncia o ciclo “Marzo de sábados teatrais”

A Concellería de Cultura anuncia o ciclo “Marzo de sábados teatrais” que comezará o vindeiro día 6, unha programación axeitada á pandemia global que sufrimos que tamén afecta ao mundo da cultura, que debe reinventarse con iniciativas artísticas anovadoras.

Nesta ocasión XERPO tráenos unha proposta teatral compatible cos tempos de corentena; chamada “TEATRO CONFINADO”.

Linguaxes e códigos moi distintos entre si, que emerxen, mantendo a esencia teatral do directo, nun espectáculo online.

O público desde o seu sofá, nas súas casas, experimenta un espectáculo escénico ao vivo a través da, xa recoñecida , aplicación Zoom.

Deixamos ligazón coa páxina web de Cultura para consultar a programación 

Ciclo “Marzo de sábados teatrais”

 

24 de febreiro, Día de Rosalía. O Concello adicará un video mapping á escritora referente absoluta da cultura galega

A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística anuncia que este mércores, 24 de febreiro, día de Rosalía de Castro, con motivo do 184 aniversario do seu nacemento, realizarase un vídeo mapping na praza do Concello, adicado á escritora e poeta, referencia absoluta da cultura galega.
A actividade desenvolverase a partir das 19.30 horas.
Deixamos ligazón coa web de Cultura para máis detalles.

Día de Rosalía de Castro. Video Mapping adicado á escritora e poeta galega

“Rap con Rosalía”, actividade desenvolvida nos institutos do Porriño

O Concello do Porriño súmase á celebración do Día de Rosalía, 24 de febreiro, co fin de homenaxear o nacemento da figura máis relevante da literatura galega no seu 182º aniversario.

A Oficina Municipal de Información a Xuventude (OMIX) xunto coa Concellería de Cultura do Porriño coordinaron unha acción divulgativa nos centros de educación secundaria para que se escoite a poesía de Rosalía transformada en rap.

“RAP CON ROSALÍA”  é o nome do proxecto desenvolvido nos centros de ensino secundario do Concello do Porriño durante os días 22 e 23 febreiro en horario lectivo e nas que participaron as mozas/os de 1º e 2º da ESO

Ofrecéronse catro obradoiros formativos de Rap en galego, de 90 minutos por sesión, nos que se traballaron diferentes recursos didácticos para aprender a escribir e interpretar rimas en galego e con temáticas de interese para a mocidade combinadas con diferentes textos e poesías de Rosalía de Castro, adaptándoos a ritmos de 4×4 para poder “rapealos” colectivamente sobre unha base musical urbana.