O IES Ribeira do Louro acolleu onte a entrega do V Premio Vidal Bolaño, que este ano recoñeceu a José Luis Baños de Cos pola súa obra “Lume”, unha obra moi acaída pola temática e pola linguaxe empregada para a súa representación ou lectura nos centros de ensino secundario.

Acompañando ao gañador estiveron o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, a secretaria do premio e profesora do instituto porriñés, Raquel Castro, e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.

Tal e como explicou Raquel Castro o xurado do Premio de Textos teatrais Roberto Vidal Bolaño, destacou da peza “que é unha obra que aborda o tema das diversas violencias sociais, como a homofobia ou a violencia de xénero, das que todas as personaxes sofren as consecuencias”. Tamén a escrita “cunha dramaturxia que mestura relato e drama, dalle relevancia ás partes grupais, onde a xeito de coro clásico agroma a conciencia social”.

Pola súa banda, Francisco Castro, quixo agradecer ao Concello do Porriño o seu compromiso xa que “son cinco anos xa apostando por este premio que xa podemos dicir que está consolidado” e ao IES Ribeira do Louro “por ser vangarda e referencia do teatro xuvenil en Galicia”.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo destacar a importancia “dos valores que trasmite a obra gañadora, Lume, xa que a concienciación social é parte da esencia deste premio, achegando a través do teatro a importancia do respecto aos mozos e mozas”. Lorenzo rematou destacando que “o Premio Vidal Bolaño é xa parte da nosa identidade cultural. Chegou para quedarse situando ao Porriño no centro da dramaturxia xuvenil e por iso dende o Concello o seguiremos respaldando”.

O gañador, José Luis Baños de Cos, explicou a dureza de escribir esta obra “que foi xurdindo pouco a pouco a través da realidade, que moitas veces supera a ficción en dureza. Creo que é necesario falar do acoso, da violencia de xénero… xa que é unha forma tamén de loitar contra elas”.

José Luis Baños de Cos , natural de Jerez de la Frontera, é Licenciado en en Antropoloxía Social e cursou estudos sobre teatro social e teatro do oprimido. Autor da obra “O faiado”, da compañía O Cubo Teatro, “A espera”, de Titereficcións, e “Suite up”, de Fanfarra Teatro. En 2028 gañou o I Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle coa obra “O círculo”, e en 2019, A pegada de Microteatro, convocada por ESAD Galicia, con “Cheas de Bestas”. Tamén o XIV Premio Abrente do MIT de Ribadavia con “Asfixia”. En 2020 gañou o III Premio Vidal Bolaño pola súa obra “A cámara escura”.