Ante as previsións meteorolóxicas para o vindeiro venres 30 a celebración do Pre Fin de Ano no Porriño trasládase á rúa Domingo Bueno. Alí, instalarase unha gran carpa de preto de 1.000 m2 que acollerá todas as actividades da programación.

Como estaba previsto a festa dará comezo ás 11:30 h da mañá cos pequenos e pequenas como protagonistas xa que terán o seu Pre Fin de Ano Infantil con actividades e animación a cargo das As Maimiñas, unha sesión DJ Mini e concurso de atuendo polo que é importante que veñan ben elegantes para participar. Por suposto, as doce badaladas soarán para despedir o ano a cargo do grupo porriñés King Kids, que farán unha previa do concerto que ofrecerán pola tarde. Haberá cotillón especial para todos!.

Arredor das 19 h dará comezo o concerto dos  King Kids e de seguido comezará a soar baixo a carpa a música das rondallas de Atios e Pontellas. Pero a festa non para e de seguido comezará a soar a música da orquestra La Fórmula que, xunto a actriz Rebeca Stones e ao reputado dj Michael Chenlo, que actuará despois, serán os encargados de de dar as badaladas coas que diremos adeus ao 2022 e recibiremos o novo ano. Por suposto haberá uvas e cotillón para facelo por todo o alto.