Un Porriño unido pola diversidade

 

  • Tradicional concurso de paraugas, andaina simbólica, lectura de manifesto e música folk para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade

O Porriño, 3 de decembro de 2025.- O Porriño celebra hoxe o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que cada ano se conmemora o 3 de decembro, cunha xornada marcada pola participación, a creatividade e a reivindicación dos dereitos das persoas con diversidade. A previsión meteorolóxica obrigou a trasladar ao pavillón municipal todas as actividades previstas inicialmente para as rúas da vila e a Praza do Concello.

Aceesca foi a gran protagonista da xornada, acompañada de usuarios e alumnado doutros centros como Afaga, Cogami, IES Pino Manso e os colexios Ribeira, Antonio Palacios e Hermanos Quiroga. Tódolos participantes realizaron unha pequena andaina simbólica no interior do pavillón, á que se sumou tamén a veciñanza, a concelleira de Política Social Teresa Veloso e o alcalde Alejandro Lorenzo que sinalou que “hoxe é un día para poñer en valor o que nos fai únicos, para lembrar que a diversidade constrúe O Porriño que queremos: inclusivo, accesible e cheo de oportunidades. É unha alegría conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade acompañados de todos vós. Gracias por estar aquí e por facer desta mañá un espazo de convivencia e respecto; gracias tamén ás familias, profesionais e veciñanza pola súa implicación e cariño. O voso traballo, a vosa forza e, sobre todo, a vosa diversidade enriquece e dá sentido ao Porriño que construímos cada día”, rematou dicindo.

A continuación celebrouse o tradicional concurso de paraugas, no que se puideron contemplar diversos deseños todo eles con mensaxes reivindicativas, resultando gañador o elaborado polos escolares do CEIP Antonio Palacios. O momento central da xornada foi a lectura do manifesto do grupo de autoxestores de Aceesca, “Os Dez de Porriño”, que fixeron un chamamento contundente a derrubar barreiras e garantir os dereitos das persoas con diversidade. No seu texto, lembraron que “non só é un día para celebrar a nosa fortaleza, senón tamén para esixir os cambios necesarios que nos permitan formar parte da sociedade dunha maneira plena, activa e equitativa”. Reivindicaron tamén a necesidade dun traballo digno, a accesibilidade universal física e cognitiva, e unha sociedade que respecte dereitos fundamentais como o da non discriminación, a ter familia, saúde con atención especializada, identidade propia, liberdade de expresión, privacidade, vivenda digna e unha vida independente. “Queremos que se escoite a nosa voz e que se respecten os nosos dereitos. Reivindicamos todo isto porque desexamos vivir nunha sociedade na que a diversidade sexa sinónimo de oportunidades para todos e todas”, proclamaron.

A xornada rematou con música, coa actuación do grupo de folk de Aceesca, que puxo o peche a unha mañá de convivencia e sensibilización colectiva. Desde a organización agradeceron o apoio nesta loita compartida.

 

 

 

O Concello convoca o V Concurso Infantil de Postais de Nadal

 

  • O certame está dirixido á cativada de 3 a 14 anos e o prazo de entrega é do 5 ao 26 de decembro, na caixa de devolución de libros ou na biblioteca

O Porriño, 3 de decembro de 2025.- O Concello do Porriño, a través da Concellería de Educación e Normalización Lingüística, xunto coa OMIX, vén de anunciar a posta en marcha do V Concurso Infantil de Postais de Nadal, unha iniciativa dirixida a toda a infancia porriñesa de entre 3 e 14 anos, coa finalidade de promover a creatividade, a expresión artística e o uso da lingua galega nestas datas tan especiais.

O certame establece tres categorías por franxa de idade —de 3 a 6 anos, de 7 a 11 anos e de 12 a 14 anos— e convida á creación dunha postal física de temática de Nadal. As nenas e nenos poderán empregar calquera técnica creativa empregando ceras, acuarelas, colaxe, carbón ou materiais vexetais, agás purpurina. A postal deberá incorporar obrigatoriamente unha mensaxe en galego, valorándose de forma especial a expresión creativa mediante rimas, cantigas, refráns ou frases feitas propias desta época do ano. O tamaño máximo permitido será o formato A5.

As postais deberán entregarse entre o 5 e o 26 de decembro, introducidas nun sobre pechado, na caixa de devolución de libros da Biblioteca Municipal do Porriño ou na propia biblioteca. Todas as obras recibidas serán posteriormente expostas ao público no Centro Cultural Municipal e nas redes sociais do Concello ao longo das festas do Nadal.

O xurado valorará a técnica creativa, o uso da lingua galega e a composición xeral da postal, de acordo cos criterios apropiados a cada grupo de idade.

O concurso contará con tres premios por cada categoría, consistentes en lotes de material escolar. A relación de persoas premiadas farase pública na derradeira semana do ano e a entrega de premios será o día 2 de xaneiro de 2026.

Desde a Concellería de Educación e Normalización Lingüística e a OMIX anímase a toda a cativada do municipio a participar nunha actividade que fomenta tradición, creatividade e o orgullo pola nosa lingua.

O Concello do Porriño continúa así a anunciar iniciativas para este Nadal, que virán acompañadas dunha completa programación festiva con actividades destinadas a toda a veciñanza, que se dará a coñecer nos vindeiros días.

 

O Porriño amplía o espazo expositivo dedicado a Antonio Palacios co acondicionamento dunha nova sala

 

  • A Xunta de Galicia destina máis de 140.000 euros para a adecuación dun novo local contiguo á sala xa existente, que permitirá acadar preto de 200 m² dedicados á figura do arquitecto porriñés

O Porriño, 2 de decembro de 2025.- O futuro Museo Antonio Palacios no Porriño dá un paso fundamental coa ampliación do seu espazo expositivo. A Xunta de Galicia vén de aprobar un investimento de máis de 140.000 euros destinado ao acondicionamento dun novo local de 86,50 metros cadrados, contiguo á Sala de Exposicións Antonio Palacios, o que permitirá duplicar a superficie destinada a difundir a obra e o legado do arquitecto porriñés, acadando unha superficie próxima aos dos 200 metros cadrados.

Este novo impulso chega mentres o Concello ultima a apertura da sala principal, de 107,88 metros cadrados, que albergará a mostra permanente con materiais inéditos, debuxos, planos, maquetas e documentos procedentes tamén de exposicións actualmente en Madrid, pendentes de traslado ao Porriño.

“Levamos tempo traballando para que a Sala de Exposicións Antonio Palacios sexa un espazo á altura do legado do noso arquitecto máis universal. Esta ampliación, que nos permitirá duplicar a superficie expositiva, é unha excelente noticia e reforza o compromiso compartido coa Xunta de Galicia para crear un museo de primeiro nivel”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo, á vez que destaca que esta ampliación permitirá unha mellor organización museográfica e unha maior capacidade para mostrar materiais inéditos, “imos dispoñer de preto de 200 metros cadrados que nos permitirán ofrecer unha experiencia máis completa, con novas pezas, documentos e maquetas que están pendentes de chegar de Madrid. Queremos que O Porriño se converta nun referente para coñecer a vida e obra de Antonio Palacios e hoxe damos un paso decisivo nesa dirección.”

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Concello do Porriño asinaron o convenio, ao cal se lle deu o visto e prace no último Consello da Xunta, a través do cal se acondicionará este local, situado na rúa Antonio Palacios, co obxectivo de acadar unha futura musealización conxunta dos dous espazos. As actuacións incluirán melloras na fachada acristalada e traseira, illamentos, pavimentos, instalación eléctrica, iluminación, climatización e a ampliación da zona elevada onde se situará a maqueta do emblemático Plan para Vigo de Antonio Palacios. Segundo o convenio asinado, a Xunta destinará 3.630 euros en 2025 para a redacción do proxecto e dirección da obra, e 136.935 euros en 2026 para a execución das obras.

O alcalde celebra este novo investimento como “un paso de xigante para situar ao noso concello no lugar que merece dentro da traxectoria vital e profesional de Antonio Palacios”.

O Porriño acende o Nadal cunha festa multitudinaria con neve, confeti, chocolate e moita música

 

  • Numeroso público deuse cita este serán na Praza do Concello onde os usuarios de Aceesca, Afaga, Vide e centros de día lideraron a conta atrás que iluminou o municipio cun milleiro de luces led, seguida de neve artificial, confeti e un concerto flashmob de artistas locais que puxeron voz, xunto co alcalde, da panxoliña “O Nadal no Porriño”
  • O teito de luces, cun deseño único, ofrecerá cada día, en varios pases, un espectáculo sincronizado de luz e son e habilitarase un autobús, con saída dende todas as parroquias, para que as persoas maiores e con diversidade poidan contemplar toda a decoración e iluminación de Nadal distribuída pola vila

O Porriño, 28 de novembro de 2025.- O Porriño viviu hoxe unha noite máxica coa celebración do acendido do Nadal, que se converteu nun acto multitudinario e cheo de emoción. O momento máis esperado tivo lugar logo das palabras de benvida dos usuarios de Aceesca, Afaga, Vide e dos centros de día do municipio, quen protagonizaron a conta atrás para premer o botón que acendeu un milleiro de luces led distribuídas polas rúas e prazas do casco urbano e por tódalas parroquias.

Laura e Ibai, de Aceesca, foron os encargados de dirixirse ao numeroso público que non quixo perderse esta festa de benvida do Nadal. “Estamos moi contentos de dar visibilidade ás persoas con discapacidade intelectual e de compartir con vós un momento tan especial”, sinalou Laura, mentres que o seu compañeiro agradeceu aos asistentes “por acompañarnos e por seguir construíndo entre todos un Porriño máis inclusivo. Para nós é unha honra estar aquí hoxe e sentir o cariño de toda a xente. Agardamos que estas luces enchan as rúas de ilusión e alegría”.

O alcalde Alejandro Lorenzo dirixiuse á veciñanza sinalando que “hoxe non só acendemos luces… hoxe acendemos emoción, ilusión e inclusión. Gracias a todos e todas por estar hoxe aquí, gracias aos nosos protagonistas e gracias a todo O Porriño por facer deste Nadal algo inesquecible”, desexando “moi boas festas a todos e todas!”

O evento contou cun espectacular ambiente invernal, con neve artificial e confeti, e os asistentes puideron desfrutar de chocolate quente con churros mentres contemplaban a decoración luminosa, entre a cal destaca o gran teito de luces instalado na zona peonil, que sorprendeu a maiores e pequenos. Esta atracción, cun deseño único, ofrece un espectáculo sincronizado de luz e son, de 10 minutos de duración, que se repetirá cada día en varios pases, de luns a xoves será ás 19.00 e 20.00 horas, e os venres, sábados, domingos e festivos ás 19.00, 20.00, 21.00 e 22.00 horas. Ademais, habilitarase un autobús, con saída dende todas as parroquias, para que as persoas maiores e con diversidade poidan contemplar con comodidade toda a decoración e iluminación de Nadal distribuída pola vila.

Tralo acendido, tivo lugar un concerto a modo flashmob protagonizado por artistas locais, no que se estreou a panxoliña “O Nadal no Porriño”, coa participación especial do alcalde que tamén puxo voz ao tema. A noite continuou coa actuación estelar de Soraya, que ofreceu un espectáculo cheo de enerxía e ambiente festivo, seguido dunha sesión DJ que pechou a xornada con música e baile para tódolos públicos.

Teatro, música coral e os grandes éxitos do pop rock

A actividade cultural continúa, de xeito paralelo, durante a fin de semana no Porriño. Maña sábado, o Centro Cultural de Cans acollerá ás 17.30 horas a representación de “A Leira”, a cargo da compañía Fontevella Teatro. A función contará con entrada libre e de balde ata completar prazas, unha obra divertida onde as paixóns e os sentimentos farannos reflexionar e rir a partes iguais.

Tamén mañá, ás 19.30 horas, celebrarase na Igrexa de San Rosendo de Torneiros o Encontro de Corais organizado pola Coral Polifónica Agarimo con motivo do seu 30º aniversario. Esta cita tan especial reunirá as voces das corais O Son dos Cantares de Mos, Polifónica Allegro de Vigo, Pedra Blanca de Cesantes e a dos propios anfitrións.

A programación completase o domingo, 30 de novembro, ás 17.00 horas, na Praza Arquitecto Antonio Palacios, cun concerto dedicado aos grandes éxitos do pop e do rock. A Agrupación Musical do Porriño e a cantante Lucía Lugrís ofrecerán unha actuación pensada para todos os públicos.

 

O Concello premia a mellor decoración e iluminación de Nadal en vivendas e comercios

  • O prazo de inscrición está aberto ata o 12 de decembro e as bases completas poden consultarse na web municipal e no taboleiro de anuncios

O Porriño, 28 de novembro de 2025.- O Concello do Porriño informa de que xa están publicadas as bases do Concurso de iluminación e deseño dos escaparates de Nadal nos establecementos comerciais e nas vivendas, unha iniciativa que busca fomentar o espírito festivo, impulsar a creatividade da veciñanza e destacar o papel do comercio local nestas datas tan especiais.

O prazo de inscrición xa está aberto e rematará ás 14.00 horas do 12 de decembro. A participación é gratuíta e poderá formalizarse a través do Rexistro Municipal ou mediante o envío da solicitude ao correo electrónico rexistro@oporrino.org.

O certame contempla tres categorías: establecementos comerciais, onde se valorará a decoración de escaparates e fachadas; vivendas, premiando a mellor decoración exterior visible desde a vía pública e comunidades de veciños e veciñas, neste caso renuncian a un posible premio individual e valorarase tamén a decoración exterior.

As decoracións deberán estar instaladas antes do 12 de decembro e permanecer visibles ata o 7 de xaneiro de 2026. Ademais, os participantes deberán enviar fotografías ou vídeos (en disposición horizontal) da súa decoración ao mesmo correo empregado para a inscrición.

A valoración combinará un 80% da cualificación do xurado —composto por representantes municipais e especialistas en decoración— e un 20% da votación popular, que se realizará a través das redes sociais do Concello entre o 16 de decembro e o 4 de xaneiro.

O Concello outorgará diversos premios económicos nas tres categorías, que oscilan entre os 250 e os 900 euros. O resultado final farase público o 5 de xaneiro, ás 12.00 horas, nun acto que terá lugar na Praza do Concello ou no Salón de Plenos.

O Concello do Porriño anima a todas as persoas, establecementos e comunidades a participar e contribuír a crear unha atmosfera de Nadal única nas rúas e fogares do municipio.

bases concurso de nadal

Soraya protagoniza o acendido do Nadal no Porriño cun concerto

 

  • Usuarios de Aceesca, Afaga, Vide e dos centros de día do municipio serán os encargados, mañá ás 20.15 horas, de pulsar o botón que prenderá un milleiro de luces distribuídas polo casco urbano e tódalas parroquias
  • Haberá contacontos interactivo, a estrea dunha panxoliña a cargo de artistas locais, música dj e moitas outras sorpresas

O Porriño, 27 de novembro de 2025.- O Porriño vivirá mañá unha das xornadas máis especiais do ano cunha gran festa de benvida ao Nadal, na que a música e a iluminación serán as dúas grandes protagonistas. O acto central será o acendido do alumeado, previsto para as 20.15 horas na Praza do Concello, e que marcará o inicio dunha programación chea de emoción e espírito festivo que se dará a coñecer máis polo miúdo nos vindeiros días.

Os eventos comezarán ás 18.30 horas coa representación do contacontos interactivo de Lalá Teatro “Un conto de Nadal”.  O momento máis simbólico chegará co acto do acendido que, un ano máis, suporá un xesto especialmente emotivo e inclusivo ao seren un grupo de usuarios de Aceesca, Afaga, Vide e centros de día do municipio os encargados de premer o botón que iluminará o Nadal. Farano ao carón do teito de luces de 30 metros de lonxitude, 7 de alto e 8 de ancho, composto de 75.000 microleds, que ofrecerá todos os días un espectáculo sincronizado de luces e son, unha das grandes novidades decorativa deste ano. Son un total 157 arcos luminosos, 2.176 elementos decorativos, 990.422 unidades de led e unha superficie total iluminada de 27.650,43 metros cadrados, distribuída polas rúas e prazas do centro urbano, así como por diferentes puntos singulares de tódalas parroquias do municipio.

A festa continuará co concerto “Voces do Porriño” protagonizado por distintos artistas locais coa estrea da panxoliña “O Nadal no Porriño” que traerá consigo varias sorpresas.

Soraya dará continuidade a esta noite máxica, subíndose ao escenario para ofrecer un espectáculo cheo de enerxía, música e ambiente festivo a partir das 21.30 horas. E como broche de ouro, sesión DJ dende ás 22.30 horas.

O alcalde Alejandro Lorenzo destaca que “este acendido é moito máis ca un acto oficial, é unha festa de benvida a unhas datas moi especiais e un momento para compartir xuntos. Queremos que o Nadal no Porriño sexa participativo, inclusivo e cheo de vida. Será o comezo dunha programación extensa e ilusionante que temos preparada para este Nadal. Queda moito por diante e animamos a todos os veciños e veciñas, maiores e pequenos, a participar e desfrutar de todas as actividades que se celebran a partir de mañá”.

O Concello aposta un Nadal máis pola conciliación das familias

 

  • O vindeiro luns ábrese o prazo de inscrición para o campamento dirixido á cativada de 3 a 12 anos
  • As prazas están limitadas a 50 e outorgaranse por orde de entrada no rexistro presencial ou telemática

O Porriño, 26 de novembro de 2025.- Un ano máis, O Porriño vístese de Nadal cunha proposta pensada para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das familias do municipio. Dende a Concellería de Igualdade ponse en marcha o Campamento de Nadal “Anímate e vén a xogar connosco”, un espazo seguro no que os máis pequenos e pequenas poderán desfrutar destas datas tan especiais a través do xogo e de actividades orientadas a fomentar valores como a cooperación, o respecto, a empatía e a solidariedade.

O campamento desenvolverase os días 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro e o 2, 5 e 7 de xaneiro, en horario de 08.30 a 14.30 horas, en instalacións municipais, sendo o punto de entrega e recollida o CEIP Xosé Fernández López. Está dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos e a o número máximo de participantes é de 50, tendo preferencia os empadroados no Porriño.

O prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns, 1 de decembro, ás 09.00 horas e pecharase o día 8 de decembro, tamén ás 09.00 horas. As familias interesadas deberán cubrir o modelo oficial de solicitude, dispoñible na web do Concello ou no Rexistro, e presentalo xunto coa documentación requirida, de xeito presencial ou de maneira telemática a través da sede electrónica. As prazas outorgaranse por rigoroso orde de inscrición.

FOLLA DE INSCRICIÓN E BAREMO CAMPAMENTO DE NADAL 2025

O Porriño apoia a Beatriz Quintela antes da súa participación no certame nacional de beleza RNB

 

  • O alcalde Alejandro Lorenzo recibiuna hoxe no Concello e desexoulle moita sorte de cara a gala que se celebrará o vindeiro sábado en Santiago de Compostela

O Porriño, 26 de novembro de 2025.- O alcalde de O Porriño, Alejandro Lorenzo, mantivo esta mañá un encontro con Beatriz Quintela, candidata que representará ao municipio no certame nacional de beleza RNB España, nun encontro destinado a trasladarlle o apoio institucional antes da súa participación.

Beatriz Quintela, de 36 anos, está a cursar o Grao Superior en Comercio Internacional, formación que compaxina coa súa paixón polos certames de beleza. Segundo explica, decidiu formar parte do RNB (Reinado Nacional de Beleza) porque “é unha oportunidade tamén para as mulleres adultas, xa que antes había límites de idade, e tamén me axuda no meu futuro profesional: non se trata só da imaxe, senón de ter unha boa oratoria e saber transmitir”.

A candidata xa conta cun destacado percorrido neste ámbito, posto que foi gañadora do certame Mrs  Universal Woman Galicia 2023, un título que supuxo un importante impulso á súa traxectoria.

A pesar de ser natural de Vigo, Beatriz mantén un vínculo moi forte co Porriño, o seu pai criouse no municipio e a súa familia paterna viviu tradicionalmente no barrio da Pereira, onde residían os seus avós. Por iso, afirma que representar ao concello “é unha maneira bonita de homenaxear as miñas raíces e a historia da miña familia”.

Esta será a súa primeira participación no RNB, aínda que xa competiu noutros certames nos que chegou a ser gañadora. Para ela, o máis importante é “gozar da experiencia, coñecer xente que comparte esta afección e aproveitar a oportunidade de abrir portas e transmitir unha mensaxe durante o reinado”. De resultar clasificada, accedería ao certame nacional de España, previsto para o vindeiro ano.

O certame galego celebrarase este sábado en Santiago de Compostela, nunha gala que constitúe a última fase autonómica. A concursante que resulte gañadora representará ao seu concello e tamén á provincia, obtendo directamente a praza para participar no certame nacional de España previsto para o vindeiro ano. O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou o mérito persoal e o compromiso da candidata, sinalando “o valor de acompañar a persoas que representan con orgullo o nome do Porriño”.

O Concello do Porriño deséxalle a Beatriz Quintela moita sorte de cara ao certame.

O Concello apoia ao artista local Rapper, un dos 19 seleccionados de toda España para un campamento musical de referencia

  • O artista porriñés participa no VIII Flowpegao Campus, un punto de encontro para os novos talentos da música urbana
  • Rapper prepara o lanzamento do seu disco “5 razones 5 sentidos por un mismo motivo”, previsto para o vindeiro mes de marzo

O Porriño, 22 de novembro de 2025.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recibiu esta semana ao artista porriñés Jorge Fernández, coñecido artisticamente como Rapper, que vén de ser escollido entre os 19 artistas emerxentes seleccionados en toda España para participar nun dos campamentos musicais máis destacados do panorama actual, o VIII Flowpegao Campus.

A iniciativa, que comezou onte en Castilla-La Mancha e que remata mañá domingo ofrécelle a Jorge unha experiencia intensiva de creación e aprendizaxe na que pode traballar en cinco estudos de gravación xunto a produtores e compositores de primeiro nivel, convive durante dous días con artistas consolidados e profesionais clave do sector, recibe masterclasses especializadas, grava un ou varios temas con beat exclusivo, participa en entrevistas profesionais e obtén material audiovisual pensado para impulsar a súa visibilidade e consolidar o seu proxecto musical.

Durante o encontro mantido no Concello, Alejandro Lorenzo expresoulle a Jorge Fernández o apoio total do consistorio neste momento clave da súa traxectoria, subliñando que para o Porriño é un orgullo que un talento local destaque nun espazo de proxección estatal. “No Porriño hai moito talento e Jorge é un exemplo claro. Para nós é unha satisfacción poder darlle apoio e visibilidade nun paso tan importante da súa carreira. Estamos convencidos de que vai aproveitar esta oportunidade e deixar o nome do Porriño en moi bo lugar”, declarou o alcalde.

Pola súa banda, o veciño de Cans, de 33 anos, mostrou o seu entusiasmo e agradecemento polo respaldo recibido: “Estou moi ilusionado. Para min é unha oportunidade enorme poder compartir espazo con profesionais que levo anos admirando. Vou aprender moito e tamén poderei ensinar o que estou facendo. Agradezo de corazón ao Concello do Porriño por estar aí, por recoñecer o meu traballo e por axudarme a darlle visibilidade. Sinto o apoio do meu pobo e iso motívame aínda máis”.

Ademais, o artista subliñou que quere aproveitar ao máximo esta experiencia para preparar un 2026 “que vén moi forte”, xa que o vindeiro mes de marzo publicará o seu novo disco, titulado “5 razones 5 sentidos por un mismo motivo”. O traballo incluirá colaboracións destacadas, tanto a nivel local —como a de Rack Eterno— como internacionais, entre elas a do artista El Completo Rd. “Todo o que estou aprendendo aquí vai servirme para chegar ao lanzamento do disco no mellor momento posible”, engadiu.

O Concello deséxalle ao artista unha experiencia inspiradora e os maiores éxitos neste paso decisivo da súa carreira.

A biblioteca municipal emprega a forza dos contos para loitar contra o acoso escolar

  • O Concello presenta o segundo volume do proxecto de biblioterapia infantil “Contos que curan”, unha serie de boletíns temáticos que teñen como obxectivo axudar a previr, identificar e xestionar problemas e trastornos entre a cativada de 3 a 12 anos
  • Nesta ocasión, ofrécese unha selección de setenta e sete contos apropiados para tratar o bullyIng amosando o inmenso valor que a lectura pode ter no campo da saúde mental

O Porriño, 19 de novembro de 2025.- O aumento dos problemas e trastornos mentais representa un desafío para o futuro da humanidade, e actuar na idade infantil resulta clave para atallalo. Todos os axentes sociais poden traballar neste obxectivo desde o seu campo de acción, facendo posible unha vida máis alentadora para os nosos nenos e nenas. No que respecta ao ámbito das bibliotecas, estas teñen a oportunidade de colaborar coa biblioterapia: unha disciplina que usa os libros con finalidade terapéutica, e que nos últimos tempos está amosando o inmenso valor que a lectura pode ter no campo da saúde mental.

A biblioteca do Porriño, comprometida na construción social da súa comunidade, presenta o segundo volume do proxecto “Contos que curan”, un programa de biblioterapia infantil que pretende axudar a previr, identificar e xestionar distintos problemas e trastornos infantís en nenos e nenas entre os 3 e os 12 anos.

Cada boletín ofrece un repertorio de contos de ficción seleccionados, clasificados e recomendados. Desta volta, o número 2 céntrase no acoso escolar, un tipo de violencia entre iguais que afecta a un de cada dez nenos en España. O boletín reúne 77 contos que poden atoparse na propia biblioteca municipal, pensados para apoiar a familias, educadores e profesionais da saúde na súa mediación terapéutica.

“As bibliotecas non só son espazos de lectura, tamén son espazos de coidado, de empatía e de aprendizaxe emocional. Con este proxecto queremos contribuír á saúde mental da nosa infancia desde o que mellor sabemos facer: ofrecer libros que axudan a comprender e a curar”, explica o autor e bibliotecario municipal, David Pérez Rego.

Pola súa parte, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, salientou que “o Concello está firmemente comprometido co benestar dos máis pequenos e coa creación dunha sociedade máis xusta e solidaria. A través da lectura, podemos educar na empatía, no respecto e na convivencia”.

O boletín número 2, titulado Acoso Escolar, explica que o bullying pode ser verbal, social ou físico, e subliña a importancia de actuar con todos os roles implicados: acosador, vítima e testemuña. Ademais, incide en que denunciar o acoso non é ser “acusón”, senón un acto de valentía e solidariedade.

Afortunadamente, no mercado hai moitos contos que presentan estes aspectos nas súas historias, e neste novo boletín de “Contos que curan” ofrécese unha coidada selección de setenta e sete títulos apropiados para traballar o tema, ordenados segundo a idade recomendada.

“Queremos que a biblioteca sexa un espazo seguro e de encontro, tamén un recurso de axuda para as familias e o profesorado. Os nenos de hoxe son quen forxarán a sociedade do futuro”, engadiu Pérez Rego.

O proxecto “Contos que curan” continuará proximamente co volume 3, dedicado á timidez, e consolídase como unha iniciativa pioneira en biblioterapia desde o ámbito municipal.