Preto de mil rondalleiros poñen o broche de ouro ao Nadal porriñés

O Porriño puxo onte o broche final aos festexos do Nadal 22-23 ao son das rondallas. Preto de mil rondalleiros e rondalleiras de dez agrupacións do Porriño, Mos, Tui, Nigrán e Gondomar puxeron en pé ao público que ateigou o pavillón municipal, que colgou o cartel de aforo completo.
 
Participaron a Rondalla da Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios (Gondomar), a Rondalla Nosa Merced de Chaín (Gondomar), a Rondalla Santiago de Parada (Nigrán), a Asociación Club Rondalla Santiaguiño de Guizán (Mos), a Rondalla Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos (Mos), Rondalla Círculo Recreativo e Cultural de Torroso (Mos), Rondalla Círculo Recreativo e Cultural de Herville (Mos), a Asociación Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro (Tui) e as anfitrionas, a Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios e a Asociación Cultural Musical Rondalla de Pontellas.
 
O certame foi retransmitido en directo a través das redes sociais do Concello do Porriño, onde contou cun nutrido número de espectadores virtuais, alcanzándose as 5.000 visualizacións.
 
Ante a gran afluencia coa que conta este evento, para que todo se desenvolvera sen incidencias habilitouse o pavillón 2 do polideportivo municipal para que os rondalleiros e rondalleiras que participaban puideran seguir dende alí o certame a través de dúas pantallas con emisión en directo mentres tomaban un chocolate quentiño.

A Cabalgata dos Reis Magos encherá de maxia O Porriño o 5 de xaneiro

O Concello do Porriño ten o pracer de anunciar a visita das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente. Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán ao Porriño en camello o día 5 de xaneiro. Irán acompañados dun enorme séquito formado polos seus paxes reais, a rondalla de Atios, a rondalla de Pontellas, o Tren do Nadal,  os seus amigos da Patrulla Canina e moitos persoaxes que farán as delicias dos máis pequenos e pequenas na noite máis máxica do ano.

Os Reis sairán nas súas carrozas cara o centro ás 18 h da rúa Doantes de Sangue. Percorrerán Antonio Palacios, continuarán por Domingo Bueno, Fernández Areal, Manuel Rodríguez e Ramón González ata chegar á praza Arquitecto Antonio Palacios.  As súas Maxestades repartirán 1000 kg de caramelos sen glute para os nenos e nenas.

Unha vez alí, subirán á Casa Consistorial onde recibirán ás nenas e nenos que se acheguen a saudalos, escoitarán os seus desexos, collerán as súas cartas e conversarán con eles antes da máxica visita que lles farán pola noite.

Recomendacións de seguridade

  1. Non utilizar o paraugas para recoller os caramelos. O seu mal uso pode ser perigoso.
  2. Non baixen das beirarrúas nin salten os valados de seguridade. Manterse a unha distancia prudencial das carrozas é sempre unha boa opción.
  3. Lembren que unha carroza parada pode poñerse en marcha en calquera momento, así que é mellor non deixar que as crianzas se acheguen a elas.
  4. É importante colocar ás crianzas en lugares seguros e a unha distancia prudente das carrozas.
  5. Non distraer aos conductores que levan os vehículos da Cabalgata.
  6. Non perder de vista ás crianzas. Pode soar obvio pero telos localizados en todo momento evitará algún que outro susto.
  7. É recomendable que as crianzas leven anotado nunha pulseira ou tarxeta o seu nome e un teléfono de contacto por sí se perden.
  8. Explicar aos nenos e nenas que deben facer no case de perderse: dirixirse a un axente da Policía Local ou a un voluntario de Protección Civil.

O Pre-Fin de ano trasládase á rúa Domingo Bueno, onde se instalará unha gran carpa para festexar pese á choiva

Ante as previsións meteorolóxicas para o vindeiro venres 30 a celebración do Pre Fin de Ano no Porriño trasládase á rúa Domingo Bueno. Alí, instalarase unha gran carpa de preto de 1.000 m2 que acollerá todas as actividades da programación.

Como estaba previsto a festa dará comezo ás 11:30 h da mañá cos pequenos e pequenas como protagonistas xa que terán o seu Pre Fin de Ano Infantil con actividades e animación a cargo das As Maimiñas, unha sesión DJ Mini e concurso de atuendo polo que é importante que veñan ben elegantes para participar. Por suposto, as doce badaladas soarán para despedir o ano a cargo do grupo porriñés King Kids, que farán unha previa do concerto que ofrecerán pola tarde. Haberá cotillón especial para todos!.

Arredor das 19 h dará comezo o concerto dos  King Kids e de seguido comezará a soar baixo a carpa a música das rondallas de Atios e Pontellas. Pero a festa non para e de seguido comezará a soar a música da orquestra La Fórmula que, xunto a actriz Rebeca Stones e ao reputado dj Michael Chenlo, que actuará despois, serán os encargados de de dar as badaladas coas que diremos adeus ao 2022 e recibiremos o novo ano. Por suposto haberá uvas e cotillón para facelo por todo o alto.

“O PORRIÑO PEQUE FEST” abre as súas portas con inchables, obradoiros e moitas actividades para os nenos e nenas

A ilusión das nenas e nenos son o motor do Nadal e por iso, o Concello do Porriño preparou unha gran festa infantil para poñer o broche e final ás celebracións: O Porriño PequeFest.

Así, o día 7 de xaneiro o pavillón municipal (pista 2) abrirá as súas portas para que os pequenos e pequenas disfruten de inchables, obradoiros, photocall con mascotas, animación e xogos.

O acceso será gratuíto en horario continuado de 12 a 20 h.  “Nestas datas tan especiais queremos ofrecer alternativas de ocio aos nenos e nenas para que disfruten das súas vacacións escolares”, afirmou a concelleira de Educación, Carolina González, “Gran parte da nosa programación de Nadal vai dirixida a eles/as, como non podía ser doutra forma, xa que son os pequenos/as os que poñen a maxia a estas datas “.

Pola súa banda,  o alcalde, Alejandro Lorenzo, convidou “a todos os nenos/as do Porriño a visitar O Porriño Peque Fest e disfrutar dunha xornada que nace por e para eles, para que poidan compartir e disfrutar xuntos do Nadal do noso pobo antes de volver ao cole”.

 

José Luis Baños de Cos recibe o V Premio Vidal Bolaño pola súa obra “Lume”

O IES Ribeira do Louro acolleu onte a entrega do V Premio Vidal Bolaño, que este ano recoñeceu a José Luis Baños de Cos pola súa obra “Lume”, unha obra moi acaída pola temática e pola linguaxe empregada para a súa representación ou lectura nos centros de ensino secundario.

Acompañando ao gañador estiveron o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, a secretaria do premio e profesora do instituto porriñés, Raquel Castro, e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.

Tal e como explicou Raquel Castro o xurado do Premio de Textos teatrais Roberto Vidal Bolaño, destacou da peza “que é unha obra que aborda o tema das diversas violencias sociais, como a homofobia ou a violencia de xénero, das que todas as personaxes sofren as consecuencias”. Tamén a escrita “cunha dramaturxia que mestura relato e drama, dalle relevancia ás partes grupais, onde a xeito de coro clásico agroma a conciencia social”.

Pola súa banda, Francisco Castro, quixo agradecer ao Concello do Porriño o seu compromiso xa que “son cinco anos xa apostando por este premio que xa podemos dicir que está consolidado” e ao IES Ribeira do Louro “por ser vangarda e referencia do teatro xuvenil en Galicia”.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo destacar a importancia “dos valores que trasmite a obra gañadora, Lume, xa que a concienciación social é parte da esencia deste premio, achegando a través do teatro a importancia do respecto aos mozos e mozas”. Lorenzo rematou destacando que “o Premio Vidal Bolaño é xa parte da nosa identidade cultural. Chegou para quedarse situando ao Porriño no centro da dramaturxia xuvenil e por iso dende o Concello o seguiremos respaldando”.

O gañador, José Luis Baños de Cos, explicou a dureza de escribir esta obra “que foi xurdindo pouco a pouco a través da realidade, que moitas veces supera a ficción en dureza. Creo que é necesario falar do acoso, da violencia de xénero… xa que é unha forma tamén de loitar contra elas”.

José Luis Baños de Cos , natural de Jerez de la Frontera, é Licenciado en en Antropoloxía Social e cursou estudos sobre teatro social e teatro do oprimido. Autor da obra “O faiado”, da compañía O Cubo Teatro, “A espera”, de Titereficcións, e “Suite up”, de Fanfarra Teatro. En 2028 gañou o I Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle coa obra “O círculo”, e en 2019, A pegada de Microteatro, convocada por ESAD Galicia, con “Cheas de Bestas”. Tamén o XIV Premio Abrente do MIT de Ribadavia con “Asfixia”. En 2020 gañou o III Premio Vidal Bolaño pola súa obra “A cámara escura”.

Cinemaldea regresa en novembro para levar as curtas do Festival de Cans ás aldeas

O Festival de Cans e o Concello do Porriño promoven este ano unha  nova edición de Cinemaldea, unha iniciativa que achegará ás zonas rurais do municipio unha selección das curtametraxes premiadas na última edición.

É o segundo ano consecutivo que se pon en marcha esta idea que busca achegar o cine e as novas e novos creadores ás parroquias rurais que habitualmente non teñen acceso ao cinema. O pasado ano celebrouse por vez primeira e, malia estar aínda baixo as restricións da pandemia, máis de 200 persoas asistiron ás proxecións físicas nas diversas aldeas.

Dado o éxito da convocatoria do pasado ano, o Concello do Porriño convidou de novo a todas as asociacións que o desexasen, a formar parte da segunda edición de Cinemaldea. En total sete foron as asociacións culturais e veciñais do Concello do Porriño que se sumaron. As proxeccións arrancarán esta fin de semana e continuarán todas as fins de semana do mes de novembro.

Este sábado 5 de novembro, ás 20 h, terá lugar a primeira das proxeccións no Centro Cultural As Mimosas de Carracido e o domingo ás 18 h no Centro Cultural San Xurxo de Mosende. As seguintes datas serán en Chenlo, o domingo 13 de novembro, na Asociación Casal-Chan de Budiño o venres 18 de novembro e en Cans o domingo 20 de novembro. As dúas últimas que pecharán o mes e o ciclo, serán  no Centro Cultural de Atios o sábado 26 de novembro e na Forna de Budiño o 27 de novembro. Todas as proxeccións serán de acceso gratuíto ata completar o aforo.

Curtas preseleccionadas nos Premios Goya

Este ano dase ademais a circunstancia que as dúas curtas que levaron dous dos premios principais na última edición do Festival de Cans, foron preseleccionadas a pasada semana entre as curtametraxes que optarán aos Premios Goia á mellor curta de ficción, previo paso a unha creba final na que quedarán catro. Tanto “Rompente” de Eloy Domínguez SErén, que levou o Premio do Xurado en Cans, como “La Entrega” de Pedro Díaz, que levou o Premio do Público, estarán na carreira polos Goya e poderán verse nesta nova edición de Cinemaldea. Ademais destas dúas curtametraxes, nestas sesións de cinema no rural tamén se poderán ver “Devoradora de nenos” de Fran X. Rodríguez, que levou o Premio Aisge á mellor interpretación masculina para o coñecido actor Santi Prego, e o documental “18 Cans, mayoría de idade” da realizadora Isaura Docampo, que plasma o espítitu da anterior edición do Festival de Cans, coas veciñas e veciños, a organización e actores, actrices e directores que pasaron polo certame-

Noemí Fernández, gañadora de `Tes Talento?´

A porriñesa Noemí Fernández alzouse onte co primeiro premio desta edición do concurso musical Tes Talento?: 500 euros e a grabación dun tema.

O xurado deu como gañadora a esta moza tras unha interpretación maxistral do tema de Dreamgirls, “One night only”. “Todas as voces que escoitamos eran marabillosas, pero a de Noemí preponderaba sobre as demais e emocionounos a todos nas súas dúas intervencións”, destacou o voceiro do xurado, Carlos Tresandí. 

O segundo posto foi para o mosense Iker Faure, que conquistou ao público e xurado cun tema da súa autoría “Hasta que tú quieras” e o terceiro para a porriñesa Lucía Samoelle e a súa persoal interpretación de “La despedida”.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, foi o encargado de entregar os galardóns e aproveitou para dar a noraboa “a todos e todas as participantes que demostrastes que sen dúbida algunha aquí hai talento” e destacou “a boa acollida que teñen iniciativas como este concurso musical e todas aquelas actividades culturais que se propoñen, mostra de que O Porriño e a súa veciñanza ten unha enorme inquedanza cultural e, dende o Concello o respaldaremos”.

En total foron 12 os artistas que disputaron a final tras clasificarse nas dúas semifinais celebradas. O xurado, formado por Carlos Tresandí, Bienvenido Estévez, Carla Lourdes, Miriam Rodríguez e Felix da Silva, destacou a calidade artística de todas as propostas.

Xavi Arós, gañador do concurso infantil

Na modalidade infantil o gañador foi Xavi Arós, que se impuxo ao resto dos participantes coa súa interpretación do tema “SloMo”. En segudo lugar un grupo formado por Antón Pedreira, Fabio Ocampo, Javier Muíños e Mateo Pallares, os Generación M, que brillaron con “Miña Terra Galega”. Por último, Nora Rivas ocupou o terceiro posto tras interpretar “The one that got away”.

 

O porriñés Gabri Veiga apadriña a XXIX Festa dos Callos 2022

Tras un mes completo de festas o domingo 2 de outubro, no Recristo como é tradición, a Festa dos Callos do Porriño poñerá o broche de ouro á celebración das festas patronais.

A festa gastronómica por excelencia do Porriño chega este ano á súa vixésimo novena edición e o fai cun padriño de luxo: o futbolista porriñés Gabri Veiga. O centrocampista do RC Celta de Vigo foi o encargado de presentar hoxe oficialmente o evento, nun acto no que estivo acompañado polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o presidente da asociación de hostaleiros AHOSPOR, José Manuel Fernández, a presidenta da asociación de comerciantes ACIPOR, Juana Pérez, e concelleiros e concelleiras do goberno local.

Veiga animou agradeceu a toda a organización, Concello, hostaleiros e comerciantes do Porriño, “que fagan posible esta festa tan nosa e que seguro durará moitos anos máis” e animou a todo o mundo a “participar e degustar os callos este domingo no Porriño”.

Pola súa banda, o presidente de AHOSPOR,  explicou que este ano “serán 30 os locais que participarán na festa ofrecendo racións de callos para todos os gustos, cada local ten a súa maneira de preparalos e haberá unha gran variedade de propostas”.

No mesmo sentido se manifestou a presidenta de ACIPOR, que destacou que “hai tantas propostas como locais” polo que animou “a todo o mundo a probalas para decidir cal é a súa favorita”.

O prezo da ración será de 7 euros e incluirá a tradicional cunca desta edición e pan do Porriño.

Antes de dar comezo a degustación que se ofreceu na praza e na que participaron moitos veciños e veciñas que se achegaron ao Concello e nenos e nenas do CEIP Antonio Palacios que acudiron á presentación, o alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo poñer en valor unha festa “que ademais de ser unha tradición para todos nós supón un verdadeiro revulsivo para a economía local, atraendo a miles de persoas ás rúas do noso pobo”. Lorenzo destacou que “os callos son un prato de gran arraigo no Porriño e hai tantas formas de cociñalos como fogares hai na vila. Neste sentido temos a honra de ser pioneiros na posta en valor deste prato e fomos os primeiros en celebrar unha festa na súa honra”.

O rexedor concluíu convidando a” toda a veciñanza do Porriño e da contorna a ateigar as rúas do Porriño o vindeiro domingo e degustar o manxar que a hostalería porriñesa propón para nós”.

Volve o “Louro Valley Festival” con Maikel Delacalle como cabeza de cartel

O Porriño acolle mañá o regreso dun dos eventos musicais máis demandado, o “Louro Valley Festival”. O evento volve tras sete anos e o fai cun cartel de luxo: Maikel Delacalle, Groove Amigos, Traffic House, Khris Guez, Pitty, Diego Mariño e Samu Pexe.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, presidiu hoxe a presentación oficial do evento nun acto que contou coa presencia da Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, os concelleiros Bienvenido Estévez e Carolina González, e os DJs André Vázquez, de Groove Amigos, e Khris Guez.

“Retomar este evento despois de sete anos é algo que me emociona, xa que nace da ilusión e da iniciativa de artistas locais de primeiro nivel que apostan por facer no seu pobo un evento á altura dos mellores”, explicou o alcalde,  “A mocidade e a veciñanza en xeral do Porriño merecen alternativas de ocio de calidade”.

No mesmo sentido se expresou André Vázquez, de Groove Amigos e un dos impulsores do festival que agradeceu o “respaldo do Concello do Porriño, que sempre apoia con especial agarimo estas iniciativas para que a xuventude do Porriño teña no seu pobo actuacións deste nivel que normalmente só se organizan en grandes ciudades” e tamén a disposición da Xunta de Galicia, e en concreto da dirección xeral de Xuventude que patrocina o evento, por “promover festivais como o Louro Valley e tender a man sempre para ofrecer o mellor”. “É un verdadeiro pracer estar aquí hoxe tras sete anos”, concluíu André.

Pola súa banda, a Directora Xeral de Xuventude, agradeceu ao alcalde que “tivese a ben facernos esta proposta que está pensada de xeito moi directo para que a mocidade poida ter unha alternativa cultural e de ocio no marco das súas festas e que ademais permite establecer dinámicas de amizade e compañeirismo que compre retomar tras a pandemia”.

O rexedor, concluíu agradecendo á Xunta de Galicia a súa colaboración xa que “sen eles non sería posible” e aos representantes do evento a “súa profesionalidade e empuxe”. “Só resta convidarvos a todos e todas a disfrutar do regreso do festival e decir ben alto: Longa vida ao Louro Valley e Longa vida ás Festas do Cristo”.

O evento celebrarase este venres 23 de setembro no exterior do Pavillón Municipal e a entrada é gratuíta. As portas abriranse ás 23:30 horas.

José Luis Baños de Cos gaña o V Premio Roberto Vidal Bolaño

A quinta edición do Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño xa ten gañador: José Luis Baños de Cos, coa súa obra “Lume”.

Reunido o xurado do certame, organizado polo IES Ribeira do Louro e a editorial Galaxia en colaboración co Concello do Porriño, decidiu por unanimidade outorgarlle o premio ao ser unha obra moi acaída pola temática e pola linguaxe empregada para a súa representación ou lectura nos centros de ensino secundario.

O xurado, formado polo dramaturgo Ernesto Is, a actriz Cecilia Vázquez, o profesor do IES Ribeira do Louro, Delio García, e Raquel Castro, como secretaria, destacou da peza que sexa unha obra que aborda o tema das diversas violencias sociais , como a homofobia ou a violencia de xénero, das que todas as persoaxes sofren as consecuencias. A escrita, cunha dramaturxia que mestura relato e drama, dalle relevancia ás partes grupais, onde a xeito de coro clásico agroma a conciencia social.

Fotografía do autor: Eva Camba