O CRC acolle “Punto de Encontro”, a exposición dos traballos de `O Porriño ARTE´

O Círculo Recreativo Cultural acolleu onte a inauguración da mostra que recolle os traballos dos artistas da asociación O Porriño Arte.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acudiu onte ao acto inaugural da exposición “Punto de encuentro”, composta por 44 obras que acreditan o talento e boa técnica dos artistas que compoñen a asociación dirixida por Nuria Vilanova.

Andrea Cardoso, Rosa Pereira, Raquel Souto, Ana Carrera, Adela Crespo, Antía Lorenzo, Chola Amoedo, Pepa Carrera, Susana Carballas, Martina Caride, Breixo Paz, Mara Vicente e Candela Eiras expoñen o resultado do traballo de todo o curso.

“O Porriño é moito máis que o Concello do Deporte, tamén é o Concello da Cultura e proba diso son colectivos como O Porriño Arte que plasman sobre o lenzo a creatividade, o talento e a técnica artística da veciñanza do Porriño”, explicou o alcalde, “Por iso convídovos a todos a descubrir os seus traballos neste punto de encontro coa arte, que estou seguro non vos deixará indiferentes”.

A mostra permanecerá aberta ao público no Círculo Recreativo e Cultural do Porriño durante todo o mes de setembro, en horario de tarde.

A Escola Municipal de Música abre o prazo para formalizar matrícula o 13 de setembro

A concellería de Cultura, que dirixe Bienvenido Estévez, informou hoxe que dende o martes 13 ao venres 16 de setembro pódese formalizar a matrícula e reservar horarios na sede da Escola Municipal de Música (no Centro Multiusos de Torneiros), en horario de 16 a 21 h, segundo a preinscrición realizada no mes de xuño.

Da mesma forma, o alumnado de novo ingreso que teña feita a preinscrición poderá matricularse a partir das 20 h do xoves 15 e dende as 16 h do venres 16 de setembro.

As listaxes co nome, día e hora do alumnado preinscrito estarán expostas nas portas do Centro Cultural Municipal e da Escola Municipal de Música dende o luns 5 ao venres 9 de setembro.

Na formalización da matrícula cumpriranse as normas establecidas no protocolo anexo.

O alumnado sen preinscrición poderá matricularse a partir das 19:20 h do venres 16 de setembro ou a partir do día 19 de setembro de 16:30 a 18:30 h, sempre e cando queden prazas dispoñibles.

A oferta da Escola Municipal de Música do Porriño é a que se indica a continuación:

  • Música e movemento, de 4 a 7 anos de idade.
  • Linguaxe musical: nivel elemental e medio (entre outras materias),  dende os 8 anos en diante e sen límite de idade.
  • Especialidades instrumentais: violín, viola, violonchelo, guitarra, piano, canto, gaita, percusión tradicional, óboe, clarinete, saxofón, frauta traveseira, trompa, trompeta, bombardino, trombón, tuba e percusión sinfónica.
  • Agrupacións: banda, orquestra de corda, conxunto de música tradicional e corais de nenas/os e adultas/os.

As clases comezarán o luns 3  de outubro.

ANEXO CO PROTOCOLO PARA REALIZAR A MATRICULA:

  • As matrículas realizaranse en intervalos de entre 5 e 10 minutos. Rogamos a máxima puntualidade. Cada estudante ten a súa hora de matrícula e, unha vez pase a súa quenda, non poderá ser atendida/o.
  • Preferentemente entrará a formalizar a matrícula unha única persoa por estudante. No caso de familias con varios membros, recomendamos que sexa unha única persoa representante a que formalice a matrícula.
  • As persoas responsables de matricular as súas fillas e fillos deberán traer con eles toda a información e documentación necesaria, así como lapis ou bolígrafo para apuntar. Rogamos que leven varias opcións de horarios anotadas para axilizar o proceso da matrícula.
  • Non se poderá permanecer na escola máis tempo do indispensable para realizar a matrícula.

Arranca o ciclo de teatro amador Feteagal con catro obras no mes de agosto

O Porriño acolle o II Ciclo de teatro amador Feteagal, organizado polo Concello do Porriño e a Federación Teatral Afeccionada de Galicia en colaboración con Escena Amateur, con varias representacións programadas entre agosto e outubro nas que se poderá disfrutar de varios grupos galegos e de ámbito nacional.

A actuación que abre o certame teatral correrá a cargo de Coles Teatro, que representará “Pepa Loba” o xoves 11 de agosto, ás 23 h no parque Alameda (Avda. de Galicia). O venres 12, á mesma hora, no parque do Sol, Metátese Teatro presentará “Escola de Vaqueiras”.

As seguintes citas serán, o sábado 20 de agosto, ás 22h no barrio de San Benito, con “Tantos Anos de Silencio” de Esteta Teatro e o domingo 21 á mesma hora no parque do Cristo, Oreteiro Teatro presentará Arritmia.

Volve “TES TALENTO?” !

Grupos de música e solistas emerxentes terán unha nova oportunidade de promoción no Porriño: volve TES TALENTO?. 

Como nas anteriores edicións, o certame busca descubrir novos talentos e promover aos/as músicos/as emerxentes da contorna.

“Hai anos preguntámonos se había talento no Porriño e a resposta foi moi clara: hai talento! Hai moito talento na vila e o menos que podemos facer dende o concello é dalo a coñecer”, afirmou o alcalde, Alejandro Lorenzo. Así, tras anos sen convocarse, o novo executivo decidiu recuperalo atendendo á demanda da veciñanza.

A inscrición abrirase o día 16 de agosto e rematará o día 26 de agosto, de luns a venres en horario de 9 a 14 h nas dependencias do rexistro do Concello do Porriño.

Haberá dúas modalidades, infantil e adultos. En ambas poderán presentarse grupos ata un máximo de catro compoñentes e o tempo de actuación será de tres minutos como máximo.

Un xurado formado polo concelleiro de Festexos, tres especialistas no campo artístico musical e unha persoa funcionaria do Departamento de Cultura e Festexos que designe o Concello, será o encargado de outorgar os premios.

O gañador desta edición farase con 400 euros e a gravación dun tema ou vídeo promocional, o segundo cun premio de 250 euros e o terceiro cun premio de 150 euros. Para os tres finalistas infantís, un lote de produtos escolares e trofeo.

A fase preliminar (audicións pechadas ao público) celebrarase o día 3 de setembro. As/os seleccionadas/os disputarán as semifinais, que terán lugar o día 18 de setembro para a categoría infantil (menores de 16 anos) e os días 27 e 29 de setembro para adultos (de 16 anos en diante).

A gran final, na que se decidirán aos/as gañadores/as, terá lugar o día 2 de outubro. 

Todo listo no Porriño para festexar San Bieito

O Concello do Porriño celebra esta fin de semana unha das súas festas patronais: as Festas de San Bieito.

A programación arrancará o sábado 9 de xullo, a partir das 21 h, coa verbena a cargo do Grupo Trópico, a Orquestra Ritmo Joven e a sesión de DJ Samu Pexe. A música continúa o domingo 11 de xullo (21 h) da man de Antonio Barros, Dos pájaros y un trío e a sesión dj de Khris Guez.

O luns 11 de xullo, o día grande das festas, chega cargado de actividades. Ás 12 horas comezará a misa na honra a San Bieito seguida da procesión, amenizada pola Agrupación Musical do Porriño. De seguido, terá lugar aos pés da capela a tradicional poxa.

Xa pola noite, a partir das 21 h verbena a cargo do Grupo Distrito 7 e Orquestra Charleston Big Band. Pechará a sesión Dj Pitty.

Os máis pequenos poderán disfrutar tamén da festa da auga, inchables e animación infantil o domingo e o luns.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, animou á veciñanza do Porriño e dos concellos da contorna a visitar a vila e “disfrutar xunto aos veciños e veciñas de San Bieito destas festas con tanto arraigo”.

Os amantes do canto coral teñen unha cita este domingo no Porriño

Os amantes do canto coral teñen unha cita este domingo no Porriño. A Avenida de Galicia acollerá, a partir das 20 h,  o concerto no que participarán tres agrupacións porriñesas: a Coral da Asociación Veciñal Agarimo de Torneiros, a Coral Os Penediños de Atios e a Coral Polifónica San Blas de Budiño.

Esta última estará acompañada pola reputada Banda de Música de Alcalá de Guadaíra, de Sevilla con cuxo director, Ángel Lasheras, a coral de Budiño garda unha estreita relación.

A Escola Municipal de Música abre o prazo de matrícula a novos alumnos

A Escola Municipal de Música do Porriño abre o prazo de inscrición previa para o curso 2022/2023. Poderase solicitar praza entre o 1 de xullo e o 19 de xullo.

A folla de solicitude de inscrición pódese descargar da páxina web do Concello ou recoller no Centro Cultural Municipal de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas. Unha vez cuberta, poderase de modo presencial, no Rexistro Xeral do Concello do Porriño,  de luns a  venres (de 9 h a 14 h), ou de modo telemático a través da Sede Electrónica do Concello do Porriño.

Cabe destacar que a orde de entrega da inscrición será determinante na orde de matrícula.

 A oferta da Escola Municipal do Porriño é a que se indica:

  • Música e movemento, para nenos e nenas dende os 4 anos.
  • Linguaxe musical para nenas/os, mozas/os e persoas adultas.
  • As especialidades son: violín, viola, violonchelo, percusión, guitarra, piano, canto, gaita, clarinete, frauta traveseira, saxofón, óboe, fagot, trompa, trompeta, bombardino, trombón, tuba e percusión tradicional.
  • Tamén conta con agrupacións como a banda de música, a orquestra de corda, o grupo de música tradicional, a coral infantil e  a coral polifónica de persoas adultas.

A matrícula realizarase no mes de setembro, despois da publicación das listas das persoas admitidas.

Reserva solicitude praza Escola Municipal de Música

O Porriño recupera os seus xogos olímpicos: Volve Porrigalia!

O Porriño volve transformarse en sede dos xogos olímpicos que reúnen ás principais civilizacións. Galos, castrexos, exipcios, romanos e gregos loitarán esta fin de semana impoñerse nos VI XOGOS OLÍMPICOS DO PORRIÑO. PORRIGALIA 22.  

O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado polos concelleiros de Cultura e Comercio, Bienvenido Estévez e Antía Carrera, respectivamente, o presidente da Asociación de Hostaleiros do Porriño AHOSPOR, José Manuel Fernández e representantes de ANPAS, asociacións e clubs participantes na organización, presentaron esta mañá a programación do que sen dúbida é o evento do verán.

Porque Porrigalia vai moito máis alá duns xogos olímpicos, aunando o deporte con música, actividades infantís, gastronomía e espectáculos para todos os públicos.

“Se había unha actividade que creo merece a pena recuperar é Porrigalia, e así facíamo saber a veciñanza”, afirmou o alcalde, “Porque non só é festa, deporte e convivencia, senón tamén un verdadeiro revulsivo para a hostalería e o comercio local. Son días de divertirse, compartir e dinamizar a vila”. O alcalde quixo agradecer a implicación do tecido asociativo, hostaleiros, clubs deportivos e anpas que se volcaron nesta festa. “Sen eles non sería posible, Porrigalia é unha festa de todos e para todos”, concluíu.

Un agradecemento ao que se sumou o concelleiro de Cultura animando á xente a “divertirse,  gozar e vivir a fondo estes días no Porriño”.

Pola súa banda, o presidente dos hostaleiros quixo poñer en valor a iniciativa e o que supón para hostalería local. “Son 25 os locais que participarán da programación, transformándose para a ocasión”, explicou, “Recuperar Porrigalia para nós é moi importante, é o mellor evento de ocio e neste momento é moi necesario”.

 

“Xogos olímpicos”

Un dos eixos principais desta festa son os particulares Xogos Olímpicos nos que todo o mundo pode participar. As Olimpiadas do Porriño comezarán o venres 1 de xullo, ás 20 h, co Gran Desfile Olímpico coas ANPAS dos centros educativos do Porriño como protagonistas, acompañadas pola garda pretoriana romana, charangas e asociacións culturais, veciñais e sociais.

Ao rematar o desfile, o alcalde do Porriño recibirá ao Rei Castrexo Breogán (interpretado por Pepo Suevos, e será destronado, entregando por uns días o bastón de mando. De seguido, un dos momentos máis especiais co acendido da chama olímpica (22h).

O sábado 2 de xullo,  a xornada comezará cun gran desfile coronado co pregón de Maxi e a partir das 19 h na rúa Domingo Bueno, disputaranse as Olimpiadas Técnicas con probas de loita, carreiras de 100 m, carreiras de 4×100 m, salto de lonxitude, salto de altura e lanzamento de peso.

Xa o domingo 3 de xullo, pecharanse as olimpiadas coas probas olímpicas a partir das 10 h e os xogos populares  e exhibicións a partir das 19 h. Para participar é necesario inscribirse en www.porrigalia.org ou no mesmo día de maneira presencial na zona de xogos.

 

A música non faltará en Porrigalia

As Olimpiadas do Porriño terán tamén a súa banda sonora con varios concertos ao longo dos tres días que dura o evento. O venres actuarán as Girls Gang, King-Kids e Dj Pitty. O sábado Os Corivantes, A Banda da Loba e os DJs Javi Reina, Traffic House e Samu Pexe.

E como vén sendo tradición, o broche final correrá a cargo de Troula e o seu lume, que serán os encargados de devolver o bastón de mando ao Alcalde do Porriño.

TODA A PROGRAMACIÓN EN www.porrigalia.org 

A Escola Municipal de Música celebra o seu Festival de Fin de Curso

A Escola Municipal de Música do Porriño celebra mañá o seu Festival de Fin de Curso no que participarán todas a agrupacións.

O evento comezará ás 19 h na Praza Arquitecto Antonio Palacios e, en caso de choiva, trasladarase ao Círculo Recreativo Cultural.

Os asistentes poderán disfrutar das actuacións da Banda, do Conxunto de Cordas, do Colectivo de Guitarras, o Conxunto de Música Tradicional, as corais de nenos e adultos, así como dos grupos de Música e Movemento.

O Centro Cultural acolle a exposición dos traballos do alumnado do IES Ribeira do Louro

O Centro Cultural Municipal acolle a exposición dos traballos que os alumnos e alumnas do IES Ribeira do Louro desenvolveron durante este curso nas asignaturas de debuxo técnico e debuxo artístico.

A mostra foi inaugurada onte nun acto que contou coa presencia do alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, a profesora de Debuxo Técnico e Debuxo Artístico do IES Ribeira do Louro, María José Iglesias, e dos autores das obras.

Baixo a premisa de imaxinar un Porriño diferente, os mozos e mozas de primeiro a cuarto da ESO deseñaron proxectos arquitectónicos cos que transformar a contorna na que viven.

“O obxectivo era que aprendesen a proxectar doutra maneira e a ver O Porriño dunha forma diferente, máis moderna, actual, con máis luz…”, explicou a súa profesora, “Hoxe vemos aquí o resultado. Traballar duro pero traballar ben sempre é satisfactorio”.

O concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, felicitou aos mozos e mozas “por ter unhas ideas brillantes e a capacidade de plasmalas para deixar a súa pegada”. Unhas ideas que van dende aparcadoiros, parques, museos ou miradores que adaptarían O Porriño á visión da xuventude.

“É moi importante que as novas xeracións nos marquen o camiño a seguir coa súa creatividade e ilusións, coa súa maneira de ver o seu pobo e deseñar o seu futuro”, afirmou o alcalde, “Coa súa ilusión ilusiónannos a todos”.

A mostra pode visitarse na sala de exposicións do Centro Cultural Municipal (3º andar) ata o día 30 de xuño.