O Concello do Porriño duplicará a axuda anual a ACEESCA

O Concello do Porriño duplicará no 2024 a súa axuda anual á Asociación de Apoio a Persoas con Diversidade Intelectual ACEESCA. Así o anunciou hoxe o alcalde, Alejandro Lorenzo, no acto de presentación do proxecto da Escola Profesional Aceesca que se celebrou nas súas instalacións no polígono industrial de As Gándaras.
 
Así, a achega municipal a esta entidade social pasará de 10.000 euros anuais a 20.000, para facilitar o labor social que desempeñan no Porriño e en moitos concellos da contorna dende hai xa catro décadas.
“O traballo que realizan é imprescindible e permite que as veciñas e veciños do Porriño teñan a oportunidade de avanzar cara a plena inclusión”, destacou o rexedor, “Por iso contarán sempre co respaldo do Concello no que precisen. Asegurar que se cumpran os dereitos das persoas con diversidade é tamén unha aposta de futuro, xa que todas e todos somos membros activos desta sociedade”.
 
A primeira escola profesional adaptada de Galicia está no Porriño: ESCOLA PROFESIONAL ACEESCA
 
Lorenzo puxo en valor a importancia do proxecto da Escola Profesional que hoxe se presentaba ao tecido empresarial do Porriño salientou que “permitirá romper moitas barreiras que separan ás persoas con diversidade do seu dereito a traballar”.
 
Cabe destacar neste sentido que a Formación Dual Adaptada, que se impartirá nestas instalacións, é a fórmula máis acaída para capacitar ás persoas con discapacidade para o seu acceso ao mercado e así o demostra a experiencia colleitada por Aceesca dende a posta en marcha do seu proxecto piloto en 2019.
Os alumnos/as combinan dende o primeiro día formación no posto de traballo cun contrato remunerado a media xornada, baseado na metodoloxía aprender-facendo.
 
Aceesca conta dende o ano 2006 cun centro especial de emprego, Aceesca Emprego, e agora preséntase a nova marca do mesmo, LUME, cuxas principais actividades productivas son a Xardinería e a Limpeza e que na actualidade da traballo a 60 persoas.
 
Ante a imposibilidade de espacio para levar a cabo a variedade de especialidades formativas que require o mercado laboral, o Concello do Porriño cedeu un terreo no polígono de As Gándaras de 9000 m2 para a construción da Escola Profesional Aceesca. As instalacións contan cunha superficie construída aproximada de 3.000 m2, ademais da zona destinada á agrocompostaxe.
 
A primeira fase estará finalizada a mediados de 2024, podendo trasladarse xa a actividade actual, e quedando tan só pendente a zona de Restauración para unha segunda fase. O obxectivo é que estea finalizado a principios do 2025.

O Porriño activa o bono enerxético para paliar o gasto doméstico das familias

O Concello do Porriño vén de activar o Bono Enerxético, con axudas económicas directas para paliar as situacións de pobreza enerxética das familias do municipio.

Así o deu a coñecer hoxe o concelleiro de Benestar Social, Abel Estévez, que explicou que as persoas beneficiarias do programa recibirán unha axuda directa de 300 euros, que no caso das familias numerosas ascenderá a 450 euros.

 “Somos conscientes das dificultades que atravesan moitas familias e o elevado coste do subministro eléctrico resulta en moitos casos inasumible”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Con estas axudas buscamos aliviar a economía das persoas máis vulnerables”.

Poderán solicitala as persoas titulares dun contrato de subministro eléctrico ou enerxético, con vivenda habitual no Porriño, que figuren clasificadas nalgunha das modalidades de bono social eléctrico na data de solicitude.

Tamén outras persoas en situación de pobreza enerxética, como aquelas que non atopándose nalgún dos colectivos anteriores reúnan os requisitos de nivel de renda familiar de bono social eléctrico, pero non o teñan acadado por cuestións non imputables á propia persoa solicitante. Poderán tamén acceder ás axudas persoas que precisen do mantemento do subministro eléctrico para garantir a correcta cobertura de tratamentos médicos.

As axudas poderán solicitarse desde o vindeiro venres 23 de xuño ata o 15 de novembro de 2023 presentando unha solicitude no Rexistro Municipal do Concello do Porriño. Os impresos para solicitalo estarán a disposición da veciñanza nas oficinas do departamento de servizos sociais municipais (3º andar do edificio consistorial).

A unidade móbil de Coidados Porta a Porta atendeu xa a máis de 130 persoas no Porriño

O programa de Coidados porta a porta, que achega á veciñanza atención gratuíta en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria, está de novo no Porriño.

A unidade móbil estará aparcada nas inmediacións do Pavillón Municipal hoxe e o luns para atender aos veciños. Esta é a terceira parada que Coidados porta a porta fai na vila. Nas dúas anteriores, que tiveron lugar nos meses de maior e novembro do ano pasado, recibiron atención máis de 130 maiores do Porriño.

Esta mañá o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou esta mañá O Porriño e xunto co alcalde, Alejandro Lorenzo, valoraron cos profesionais que atenden no servizo o desenvolvemento do mesmo, e destacou a importancia que ten este programa para achegar servizos sociosanitarios ao carón dos fogares das persoas maiores, vivan onde vivan. Desta maneira evítase que teñan que facer longos desprazamentos para recibir estes coidados e ese lles facilita que poidan seguir vivindo na súa contorna.

Para acceder ás consultas deste programa soamente é necesario solicitar cita previa nos teléfonos 622 748 283 ou 623 546 992, ou ben a través do correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal

A Vida nun Click, gardando as lembranzas das persoas con alzhéimer

O centro cultural acolleu onte a proxección dos traballos de “A Vida nun Click” , a actividade interxeracional que levou a cabo o alumnado do IES Pino Manso e as persoas usuarias da Unidade Asistencial de Día de Afaga no Porriño.

O obxectivo desta actividade era escoitar as historias de vida dos maiores e recollelas nun soporte dixital de imaxe, texto e audio. En resumo, crear uns documentos de vida e axudar a que maiores e mozos se coñezan e valoren.

Despois de dous meses e cinco encontros nos que se apostou por conectar a curiosidade do alumnado coa xenerosidade e experiencia dos maiores, onte proxectáronse os vídeos.

Samu traballou con Dorinda, Paula con Lidia, Nash con Fita, Eloy con Carmen, Raúl con Mari Paz, Nabor con Rosa, Iago con María, Nerea e Sara con Fina, Iker con Naty, Isma con Manolo, Yoel con Pepe, Raúl con Cholo e Bryan con Esperanza. Onte disfrutaron xuntos do traballo.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo poñer en valor esta iniciativa “xa que traballando da man, implicando a todas as xeracións, será como consigamos avanzar e concienciar sobre esta enfermidade”. Lorenzo destacou que “moitas veces é complicado explicar aos mozos e mozas o que lle está a acontecer ao seu avó ou avoa, incluso aos maiores nos costa entendelo, e non se me ocorre mellor maneira de explicalo que que sexan eles mesmos quen o faga, os que conten o que sinten e o que lles está a pasar. Ademais, gardamos as súas historias. Nin o tempo poderá borrar xa estas lembranzas e por iso o valor deste traballo é incalculable”.

SOS Porriño adáptase ás necesidades para prestar un servizo máis xusto

O Goberno Municipal conseguiu onte o respaldo do pleno á proposta de modificación das bases que regulan o banco municipal de alimentos, SOS Porriño.

Tendo en conta que a actual situación socioeconómica agravou as condicións de precariedade e vulnerabilidade de moitas familias residentes no Porriño, a actividade do banco municipal de alimentos SOS Porriño debe adaptarse a este contexto.

“É necesario redefinir os requisitos e criterios económicos de acceso ao programa para poder prestar este servizo da maneira máis xusta e igualitaria posible. Trátase de que ninguén se quede atrás e sen respaldo na difícil situación económica que se presenta”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

A tal fin, impulsouse unha modificación das bases que permita un acceso máis acaído ao servizo. “Ata o de agora para acceder a esta axuda había un límite de ingresos de 579 euros para unha persoa que viva soa”, explicou o concelleiro de Benestar Social, Abel Estévez, “Con esta modificación deduciranse neste importe o aluguer ou hipoteca ata un límite de 400 euros”.  En definitiva, tal e como indicou o edil, “o que queremos é que un incremento no aluguer ou hipoteca non impida o acceso á axuda”.

O programa municipal de alimentos, SOS Porriño, atende na actualidade a unhas 150 familias, que reciben unha vez ao mes alimentos , con carácter xeral, aínda que tamén hai achegas a maiores en ocasións destacadas dependendo da dispoñibilidade de recursos.

SOS Porriño recibe 18.000 kg de alimentos da Cruz Vermella

O programa municipal de alimentos, SOS Porriño, que depende da concellería de Servizos Sociais, que dirixe Abel Estévez, vén de recibir 18.000 kg de alimentos da Cruz Vermella.

Trátase dunha das dúas achegas anuais que a organización social aporta ao banco municipal de alimentos no marco do programa de axuda alimentaria ás persoas máis desfavorecidas do Fondo de Axuda.

Recibíronse 2.586 caixas de alimentos non perecedoiros de primeira necesidade (aceite, alubias, arroz, cacao, conservas, leite, galletas, pasta, alimentación infantil…) que se destinarán ás 200 familias porriñesas  usuarias deste servizo .

“Traballamos para atender a todo aquel veciño que o necesite e para iso é esencial a colaboración de administracións, entidades e empresas, así como de toda a cidadanía que cada vez que facemos un chamamento responde dándonos verdadeiras mostras de solidaridade”, explicou o edil, Abel Estévez.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, puxo en valor o labor que se realiza dende o SOS Porriño destacando “o esencial deste servizo” e o compromiso do goberno local “de seguir impulsando o programa de alimentos para poder atender a todo aquel que o precise. A veciñanza do Porriño entende, e así  o demostra cada vez que pedimos axuda, que todos e cada un de nós podemos precisala nalgún momento e que aí debe estar o Concello para prestala. Non queremos que ningunha familia da nosa vila que atravese dificultades se vexa desamparada e seguiremos traballando para que iso non pase”.

O Porriño promove o envellecemento activo da man de AFAGA

O Concello do Porriño e AFAGA poñen en marcha o programa “Cultiva a mente” co obxectivo de previr a demencia e promocionar hábitos saudables a nivel cognitivo e emocional nas persoas maiores de 55 anos.

Trátase dun ciclo de obradoiros impartidos por un psicólogo con formación específica no desenvolvemento e execución de plans de prevención do deterioro cognitivo. Neles abordaranse diferentes cuestións como o envellecemento activo, a promoción das relacións sociais e prevención da soidade, a independencia e autonomía, a memoria, a atención e a orientación, entre outros.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de “promover o envellecemento activo e dotar aos nosos maiores das ferramentas necesarias para previr e detectar os primeiros sinais da demencia. Nestes momentos que vivimos, nos que moitas persoas se viron illadas polas restricións impostas pola pandemia, é máis necesario que nunca actuar e poñer en marcha iniciativas que permitan ás persoas maiores socializar e disfrutar tamén desta etapa da súa vida”.

O programa desenvolverase no Centro Sociocomunitario (Pío XII S/N) un día á semana,  concretamente os luns, e terán unha duración de dúas horas (de 10:30 a 12:30h).

Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar poden inscribirse xa chamando ao 986 337 624 ou a través dun Rexistro dirixido á Casa da Cultura.

“Alzheimer e outras demencias: que son e factores de prevención”, charla informativa no Centro Cultural

O próximo 18 de marzo ás 18h o Centro Cultural do Porriño acollerá unha charla de sensibilización sobre as demencias da man de AFAGA en colaboración co Concello do Porriño, a través das concellerías de Benestar Social e Terceira Idade  que dirixen Abel Estévez e Rosario Costas, respectivamente.

Maxi Rodríguez, psicóloga sanitaria de AFAGA Alzheimer e poñente, falará sobre os síntomas de alarma, mitos e realidades, para evitar confundir a demencia con outros trastornos mentais e aspectos clave para a súa prevención.

AFAGA e Concello danse a man para sensibilizar da demencia na sociedade e prestar a atención que necesitan e merecen as persoas que padecen alzhéimer e outras demencias e as súas familias.  

Concello e COGAMI traballarán da man por un Porriño máis accesible e inclusivo

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Servizos Sociais e Benestar Social, Abel Estévez,  reuníronse esta semana cos directivos de COGAMI, Celso Álvarez e Ángel Holguera, para definir vías de colaboración entre ambas entidades.

Os responsables municipais amosaron a súa vontade de estreitar a relación coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade,  plantexando varios proxectos a desenvolver en materia de accesibilidade, formación e inclusión das persoas con diversidade funcional.

“Nesta primeira toma de contacto púxose de manifesto por ambas partes a necesidade de traballar da man”, explicou o rexedor, “Quedan moitas barreiras por derribar e moito que traballar pola inclusión para que O Porriño sexa un lugar que ofreza a todas e todos as mesmas oportunidades”.

Baixo esta premisa, o novo executivo propón a elaboración dun Plan de Accesibilidade que permita acometer de maneira planificada a eliminación de barreiras arquitectónicas e garantir o cumprimento da normativa en obra pública. “Non queremos seguir poñendo parches, é necesario sentar unas bases de actuación para facer accesibles o centro urbano e as parroquias”, indicou Lorenzo.

Tamén se valoraron outras accións conxuntas dirixidas á inclusión efectiva, social e laboral, das persoas con discapacidade.