SOS Porriño adáptase ás necesidades para prestar un servizo máis xusto

O Goberno Municipal conseguiu onte o respaldo do pleno á proposta de modificación das bases que regulan o banco municipal de alimentos, SOS Porriño.

Tendo en conta que a actual situación socioeconómica agravou as condicións de precariedade e vulnerabilidade de moitas familias residentes no Porriño, a actividade do banco municipal de alimentos SOS Porriño debe adaptarse a este contexto.

“É necesario redefinir os requisitos e criterios económicos de acceso ao programa para poder prestar este servizo da maneira máis xusta e igualitaria posible. Trátase de que ninguén se quede atrás e sen respaldo na difícil situación económica que se presenta”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

A tal fin, impulsouse unha modificación das bases que permita un acceso máis acaído ao servizo. “Ata o de agora para acceder a esta axuda había un límite de ingresos de 579 euros para unha persoa que viva soa”, explicou o concelleiro de Benestar Social, Abel Estévez, “Con esta modificación deduciranse neste importe o aluguer ou hipoteca ata un límite de 400 euros”.  En definitiva, tal e como indicou o edil, “o que queremos é que un incremento no aluguer ou hipoteca non impida o acceso á axuda”.

O programa municipal de alimentos, SOS Porriño, atende na actualidade a unhas 150 familias, que reciben unha vez ao mes alimentos , con carácter xeral, aínda que tamén hai achegas a maiores en ocasións destacadas dependendo da dispoñibilidade de recursos.

SOS Porriño recibe 18.000 kg de alimentos da Cruz Vermella

O programa municipal de alimentos, SOS Porriño, que depende da concellería de Servizos Sociais, que dirixe Abel Estévez, vén de recibir 18.000 kg de alimentos da Cruz Vermella.

Trátase dunha das dúas achegas anuais que a organización social aporta ao banco municipal de alimentos no marco do programa de axuda alimentaria ás persoas máis desfavorecidas do Fondo de Axuda.

Recibíronse 2.586 caixas de alimentos non perecedoiros de primeira necesidade (aceite, alubias, arroz, cacao, conservas, leite, galletas, pasta, alimentación infantil…) que se destinarán ás 200 familias porriñesas  usuarias deste servizo .

“Traballamos para atender a todo aquel veciño que o necesite e para iso é esencial a colaboración de administracións, entidades e empresas, así como de toda a cidadanía que cada vez que facemos un chamamento responde dándonos verdadeiras mostras de solidaridade”, explicou o edil, Abel Estévez.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, puxo en valor o labor que se realiza dende o SOS Porriño destacando “o esencial deste servizo” e o compromiso do goberno local “de seguir impulsando o programa de alimentos para poder atender a todo aquel que o precise. A veciñanza do Porriño entende, e así  o demostra cada vez que pedimos axuda, que todos e cada un de nós podemos precisala nalgún momento e que aí debe estar o Concello para prestala. Non queremos que ningunha familia da nosa vila que atravese dificultades se vexa desamparada e seguiremos traballando para que iso non pase”.

O Porriño promove o envellecemento activo da man de AFAGA

O Concello do Porriño e AFAGA poñen en marcha o programa “Cultiva a mente” co obxectivo de previr a demencia e promocionar hábitos saudables a nivel cognitivo e emocional nas persoas maiores de 55 anos.

Trátase dun ciclo de obradoiros impartidos por un psicólogo con formación específica no desenvolvemento e execución de plans de prevención do deterioro cognitivo. Neles abordaranse diferentes cuestións como o envellecemento activo, a promoción das relacións sociais e prevención da soidade, a independencia e autonomía, a memoria, a atención e a orientación, entre outros.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de “promover o envellecemento activo e dotar aos nosos maiores das ferramentas necesarias para previr e detectar os primeiros sinais da demencia. Nestes momentos que vivimos, nos que moitas persoas se viron illadas polas restricións impostas pola pandemia, é máis necesario que nunca actuar e poñer en marcha iniciativas que permitan ás persoas maiores socializar e disfrutar tamén desta etapa da súa vida”.

O programa desenvolverase no Centro Sociocomunitario (Pío XII S/N) un día á semana,  concretamente os luns, e terán unha duración de dúas horas (de 10:30 a 12:30h).

Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar poden inscribirse xa chamando ao 986 337 624 ou a través dun Rexistro dirixido á Casa da Cultura.

“Alzheimer e outras demencias: que son e factores de prevención”, charla informativa no Centro Cultural

O próximo 18 de marzo ás 18h o Centro Cultural do Porriño acollerá unha charla de sensibilización sobre as demencias da man de AFAGA en colaboración co Concello do Porriño, a través das concellerías de Benestar Social e Terceira Idade  que dirixen Abel Estévez e Rosario Costas, respectivamente.

Maxi Rodríguez, psicóloga sanitaria de AFAGA Alzheimer e poñente, falará sobre os síntomas de alarma, mitos e realidades, para evitar confundir a demencia con outros trastornos mentais e aspectos clave para a súa prevención.

AFAGA e Concello danse a man para sensibilizar da demencia na sociedade e prestar a atención que necesitan e merecen as persoas que padecen alzhéimer e outras demencias e as súas familias.  

Concello e COGAMI traballarán da man por un Porriño máis accesible e inclusivo

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Servizos Sociais e Benestar Social, Abel Estévez,  reuníronse esta semana cos directivos de COGAMI, Celso Álvarez e Ángel Holguera, para definir vías de colaboración entre ambas entidades.

Os responsables municipais amosaron a súa vontade de estreitar a relación coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade,  plantexando varios proxectos a desenvolver en materia de accesibilidade, formación e inclusión das persoas con diversidade funcional.

“Nesta primeira toma de contacto púxose de manifesto por ambas partes a necesidade de traballar da man”, explicou o rexedor, “Quedan moitas barreiras por derribar e moito que traballar pola inclusión para que O Porriño sexa un lugar que ofreza a todas e todos as mesmas oportunidades”.

Baixo esta premisa, o novo executivo propón a elaboración dun Plan de Accesibilidade que permita acometer de maneira planificada a eliminación de barreiras arquitectónicas e garantir o cumprimento da normativa en obra pública. “Non queremos seguir poñendo parches, é necesario sentar unas bases de actuación para facer accesibles o centro urbano e as parroquias”, indicou Lorenzo.

Tamén se valoraron outras accións conxuntas dirixidas á inclusión efectiva, social e laboral, das persoas con discapacidade.

O novo goberno municipal potenciará a atención cidadá e a transparencia, e dedicará unha concellería á terceira idade

 

O alcalde Alejandro Lorenzo fixo público hoxe o reparto de responsabilidades e delegacións entre os seus concelleiros. Destaca a creación das áreas de Atención Cidadá e Transparencia que dependerán da concelleira Antía Carrera.

A subliñar tamén a creación da área de Terceira Idade que desenvolverá Ascensión Rosario Costas. Trátase dunha concellería específica para dar resposta ás necesidades dos nosos maiores e garantir que a nosa vila ofreza a calidade de vida que merecen, traballando conxuntamente co resto de departamentos.

DISTRIBUCIÓN DE ÁREAS E DELEGACIÓNS 

O propio alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo levará tamén as áreas de Economía e Persoal.

Abel Estévez, que será o primeiro tenente de alcalde dirixirá Seguridade, Policía Local, Protección Civil, Voluntariado, Deportes e Benestar Social.

Carolina González, segunda tenente alcalde, desenvolverá as delegacións de Educación, Uned e Programas Europeos; Igualdade; Sanidade e Normalización Lingüística.

Ramón Porto será o concelleiro responsable de Vías, Obras e Servizos

Antía Carrera levará Urbanismo, Patrimonio Municipal do Solo, Contratación, Comercio, Mercado, Atención Cidadá e Transparencia, e Medio Ambiente.

José Carlos González terá as competencias de Parques e Xardíns; Limpeza; Lixo e Cemiterios.

Bienvenido Estévez colle as competencias de Traída de Augas Veciñais; Asociacións; Parroquias; Novas Tecnoloxías; Xuventude; Cultura e Festas.

Por último, Ascensión Rosario Costas asume a nova área de Terceira Idade e ademais as deegacións de Industria, Turismo, Formación e Emprego.

“EQUIPO POR E PARA PORRIÑO”

As competencias repártense entre os oito concelleiros do equipo. A idea é desenvolver un traballo transversal e coordinado que beneficie á cidadanía”, explicou o alcalde.

Trátase de “un equipo por e para Porriño”, afirmou Alejandro Lorenzo como síntese do esquema de traballo que propón.

“Xorden problemas e demandas cotiáns que non afectan só a un ámbito senón ao conxunto do Concello e tamén a diversos sectores da poboación e por iso son necesarias actuacións integrais para optimizar os recursos dos que dispoñemos, aproveitar as sinerxías, e dar unha maior eficiencia e eficacia. calidade do servizo que prestamos”, engadiu o rexedor municipal.

Alejandro Lorenzo mostrouse satisfeito de ter un equipo cohesionado que traballe xunto e témolo“. E citou como proba diso” o traballo da brigada de Deportes que se encarga de arranxar os parques infantís; ou a cooperación das concellerías de Vías e Obras, Servizos, Limpeza Viaria, Parroquias e Asociacións nas actuacións urxentes de lavado e limpeza como a que hoxe se leva a cabo no entorno da Igrexa de Santa María”, concluíu Alejandro Lorenzo.

O persoal da Unidade Asistencial de Drogodependencias vacinouse hoxe

O persoal da Unidade Asistencial de Drogodependencias (U.A.D) do Concello do Porriño informa que acudiu hoxe ao Hospital Alvaro Cunqueiro para vacinarse coa primeira dose do inxectable de “Pfizer”. 
Os cinco traballadores da unidade municipal deberán recibir o 16 de de marzo, a segunda dose para a súa plena inmunización. 

Actualmente nesta unidade recíbense uns vinte pacientes por dia, xa sexa para consulta, tratamento ou control. Antes da pandemia, a media de persoas que acudían a esta unidade eran ó redor de 60 diarios pero os protocolos de seguridade anti-covid establecidos polo Servizo Galego de Saúde obrigaron a reducir.

A UAD do Porriño ten a súa dirección na rúa Domingo Bueno, 15- sótano, atende diariamente de luns a venres en horario matinal e de xeito gratuíto. Ofrece tratamento integral personalizado e multidisciplinar.

Atende a persoas con calquera tipo de adicción, xa sexa de sustancias legais (tabaco, alcohol) ou ilegais (cocaína, cannabis, opiáceos, etc) así como ludopatias e outras adiccións e que pertenzan a calquera concello da nosa área sanitaria.

 

 

O Porriño conmemora o 3 de decembro, Día das Persoas con Discapacidade

A casa consistorial do Concello do Porriño, luce desde hoxe  unha lona realizada polas persoas usuarias de ACEESCA coa ocasión de conmemorarse o 3 de decembro o Día das Persoas con Discapacidade. Con este motivo, mañá iluminaremos a fachada do concello en verde.

Neste ano, 2020, o lema do Día das Persoas con Discapacidade, é “Un día para todos” porque, segundo preconiza unha declaración institucional do Concello, “a discapacidade forma parte da condición humana, xa que todas as persoas, nalgún momento da nosa vida, podemos experimentar unha discapacidade temporal ou permanente;  e a sociedade ten que estar preparada para iso”.

“As persoas con discapacidade son a minoría máis grande do mundo e adoitan ter máis dificultades que outros grupos a todos os niveis, especialmente no acceso á educación, ao mercado laboral e ás dificultades económicas”, engade a declaración municipal.

“E isto débese á falta de recursos que lles faciliten a vida, como o acceso ao transporte ou o acceso á información, en caso de discapacidade sensorial. Todo isto, xunto coa discriminación social que ás veces existe na súa contorna e a falta dunha lexislación adecuada, dificultan a vida das persoas con discapacidade. Amais, as persoas con discapacidade son máis vulnerables á violencia.  As nenas e os nenos, con discapacidade son 4 veces máis propensas a ser vítimas de violencia, do mesmo xeito que as persoas adultas con problemas mentais”, conclúe a declaración institucional.

INSTRUCIÓNS PARA SOLICITAR A CITA PREVIA PARA O REXISTRO XERAL

Lembramos que pódese acadar por teléfono, chamando ao número 986 335 000 e solicitando cita.

Ou a través desta páxina web, na pestana “sede electrónica” (non é necesario ter certificado dixital, só un correo electrónico), e seguir estas instrucións do proceso:

Acceda á páxina web do concello (www.oporrino.org)
Seleccione “SEDE ELECTRÓNICA”
Seleccione “CITA PREVIA”
Seleccione “Rexistro”
Seleccione a axenda “Rexistro 1”
Seleccione a data dispoñible que desexe
Seleccione o horario dispoñible que desexe
Seleccione “CONTINUAR”

Adxunta-mos un gráfico para visibilizar as instrucións.