Preto de 80 actos, propostas, actividades, actuacións ou competicións deportivas, están previstas durante a duración das Festas do Cristo deste ano que abrangue máis aló dos días centrais das mesmas chegando ata o vindeiro 1 de outubro, data na que está prevista a celebración do Encontro Internacional de Aeromodelismo, por suposto en Pontellas.
Segundo salientou este martes a alcaldesa, Eva García de la Torre, na presentación do programa, as Festas do Cristo 2017 queren “chegar a todas as veciñas e veciños e atender a a diferentes sensibilidades e os gustos”, co único obxectivo de que os asistentes ás mesmas pasen unhas horas de lecer.
Acompañada por representantes de ‘Montando O Cristo’, ‘O Cristo do Rap’ e a cantante local Xoana, que terán un importante papel nas propostas desta edición das Festas, a alcaldesa subliñou que nas mesmas haberá exposicións, teatro, concertos- coma os de Antonio Serrano, Argonad Band, Xoana e MQM Band, Uxía & Javier Ruibal ou Camela; pasando por DJ, bandas de música-coma as de Vincios, a Agrupación Musical do Rosal, A Cultural de Arcade ou a Unión Musical de Valladares-, charangas, unha Festa Medieval, , orquestras, espectáculos de humor, coma o que protagonizará Cándido Pazó, espectáculos para cativos, xigantes e cabezudos, o Festival da Cultura Urbana ‘O Cristo do Rap’, o Festival de Rock ‘Montando o Cristo’ e os actos relixiosos dende o día 22, co punto central ca Procesión do Santo Cristo da Agonía o día 24.
García de la Torre salientou a importancia do deporte, “con maiúsculas”, nas Festas do Cristo deste ano, con encontros de Balonmán, feminino e masculino, Patinaxe, Fútbol, co Torneo Festas do Cristo, Tenis, Kung-Fu, Atletismo, Gimnasia Rítmica, Baloncesto, Aeromodelismo ou Ciclismo.
En relación con esta última disciplina, a alcaldesa quixo acabar con todas as dúbidas e comentarios xurdidos nos últimos días e subliñou que “disputaranse todas as probas e concentracións tradicionais”: o sábado, día 16, ás 4 e media da tarde, nas Pistas de Torneiros, ‘Ciclismo Infantil’; o venres día 29, no mesmo lugar, ás 8 da tarde, a ‘Carreira Nocturna Festas do Cristo’ e o domingo 1 de outubro, con saída ás 10 e media dende a Praza de Antonio Palacios, a ‘Festa da Bicicleta. Marcha popular’.
A rexedora, logo de insistir en que as Festas do Cristo “queren integrar a todo o mundo”, repetiu que “son para que todos bailemos, para que esteamos en moitos lugares, para que non paremos, para que nos movamos e para que o pasemos ben”.













Os voceiros do Grupo Municipal socialista no Concello do Porriño, Soledad Girón, do BNG, Pedro Pereira, e de EU-SON, Pedro Ocampo, ademaís do concelleiro Orlando Mázquez, estiveron presentes no acto ao que acudiron ducias de persoas, entre elas familiares dos represaliados, veciños, amigos e os alcaldes de Tui, Enrique Cabaleiro, e de Salceda, Marcos Besada.
Un monumento, obra do artista Marcos Escudero, lembra para sempre a Víctor Valverde Mayo, oficial primeiro do Concello do Porriño, Domingos Carpintero, Juan Grova, Marcelino Rey e Demetrio Pérez Mayo, gardas municipais, Adolfo Pérez Mayo, Juan Carpintero e Daniel Pérez Sebes, vixiantes de arbitrios, e Luciano Baladrón, porteiro, todos eles axustizados logo de ser sacados pola forza das súas casas e levados ata a ‘Volta da Moura’ en dúas quendas.
Os seus nomes están a carón da Oliveira na que cada 14 de abril, Día da República, por iniciativa da ‘Asociación Levada Libre’, de Tui, faise unha homenaxe ás persoas que asasinadas polos golpistas hai xa 81 anos.





















