O IES Ribeira do Louro acolleu unha acción polo clima do programa “DepoRúARTE”

 

A alcaldesa Eva García e a concelleira de Educación, Lourdes Moure compartiron visita con Olga García, deputada delegada de Cohesión Social, ao Instituto de Ensino Secundario Ribeira do Louro onde presenciaron o resultado final dunha “Acción polo Clima” realizada por alumnos e alumnas.


A intervención artística formou parte das actividades promovidas pola Deputación Provincial a través do programa “DepoRúARTE 2020” que ten por finalidade levar a cabo actividades educativas e de lecer que reforcen a conciencia pública do colectivo xuvenil.
No caso da acción no IES porriñés, consistiu nun mural pintado nunha das paredes do patio do centro docente por 19 alumnas e alumnos do curso 3º A da ESO.

 

 

A Policía Local vixiará polo cumprimento dos protocolos anti-Covid nos cemiterios do Porriño


O Concello, a través da Concellería de Seguridade, anuncia que coa ocasión da festividade do 1 de novembro, Día de Todos os Santos haberá un despregue da Policía Local en todos os cemiterios do Porriño.
Segundo indicou Lourdes Moure, a concelleira responsable, haberá un policía no acceso a cada un dos cemiterios, tanto no municipal de O Porriño como nos das respectivas parroquias.

Deste xeito darase cumprimento ao protocolo anti-Covid promulgado o pasado día 22 pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia que limita a catro persoas do mesmo grupo familiar e a 30 minutos de duración, as visitas aos cemiterios. O mesmo protocolo insta aos Concellos a tomar as medidas necesarias para garantir o cumprimento destas normas e e evitar as aglomeracións.

A Consellería de Sanidade recoñece á alcaldesa Eva García que O Porriño acadou 46 positivos por Covid

 

A alcaldesa de O Porriño, Eva García considera que a situación sanitaria do Porriño polo número de infectados por Covid “é verdadeiramente preocupante“, segundo valorou despois de recibir este mediodía datos concretos sobre a incidencia actual da pandemia no concello. O número de persoas infectadas ata onte é de 46 das que 19 son contaxios acaecidos entre o luns (12) e martes (7).

O Porriño permanece dende hai catro días no grupo de concellos en alerta vermella polo número de contaxios en relación coa a súa poboación.

A alcaldesa explicou que o Concello “adoptou medidas a maiores porque sabemos que hai sitios onde a xente non garda a distancia de seguridade. Foi a razón pola que pechamos os parques infantís; non `polos nenos senón polos maiores; ou a razón pola que ordenamos que as competicións deportivas sexan a porta pechada”.

Eva García engadiu que “sei que ás veces é difícil de aceptar esas medidas pero eu como responsable do que ocorra no concello do Porriño teño que tomar esas decisións para velar pola saúde de todos“.

Limitadas a catro persoas do mesmo grupo familiar e a 30 minutos de duración, as visitas aos cemiterios, segundo a normativa da Xunta


O Concello do Porriño informa á veciñanza da normativa decidida pola Xunta de Galicia que será de aplicación ás visitas aos cemiterios coa ocasión da festividade de Todos os Santos e Defuntos.


A normativa autonómica limita a catro persoas “do mesmo grupo familiar ou conviventes” as que poden acudir. E establece que a duración das visitas aos cemiterios “deberá ser o máis breve posible e, en ningún caso, debe ser superior aos 30 minutos”.


Engadimos ligazón co documento en “pdf” coa normativa da Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia.

Prevencion_cemiterios_Galicia

Non hai cambios, O Porriño segue en alerta vermella no mapa do Sergas

O Porriño é un dos dezaoito concellos da provincia de Pontevedra e preto de 40 de Galicia que se atopan no nivel 3 ou alerta vermella por número de infectados por Covid en relación a súa poboación. Por cuarto día consecutivo, O Porriño aparece no mapa de alertas do coronavirus que publica o Servizo Galego de Saúde na súa páxina web.


O Sergas informa dos datos actualizados ata as 18 horas do día anterior, neste caso ata onte martes 27. Sen detallar cantos infectados hai, o Sergas atribúe ao Porriño alerta vermella por máis de 21 casos diagnosticados nos últimos sete días.


En consecuencia, o goberno municipal mantén as restricións acordadas dende o pasado xoves 22. Lembramos:
– Suspensión do mercado ambulante dos martes
– Precinto dos parques infantís
– Circuítos de entrada e saída na Praza de Abastos.
– Suspensión de actividades culturais tanto nos recintos municipais como nas asociacións.
– Peche da Sala de Estudo Municipal
– Competicións deportivas federadas sen público en recintos pechados e ao aire libre.

Tamén como consecuencia dos protocolos, o pleno ordinario da Corporación Municipal celebrarase esta tarde en en sesión telemática, a partir das 18 horas.

A sesión plenaria ordinaria deste mes será telemática

A sesión plenaria ordinaria que celebrará este mércores a corporación porriñesa será telemática, en aplicación dos protocolos anti-covid, segundo decidiron a alcaldesa e os voceiros dos grupos políticos municipais.

A sesión comezará ás 18 horas e será retransmitida a través desta mesma páxina web, na mediateca municipal.

Deixamos ligazón coa orde do día en “pdf”. 

PLENO OCTUBRE 2020

 

Renovados os postes das bandeiras no balcón principal do Concello

 

Hoxe instaláronse os novos postes das bandeiras no balcón principal do Concello do Porriño. Retiráronse os anteriores, de madeira, que databan da época de Xosé Manuel Barros como alcalde, que estaban moi deteriorados. Substituíronse por outros de aceiro inoxidable que dignifican o aspecto da casa consistorial,  obra de Antonio Palacios, precisamente no día no que se conmemora o 75 aniversario. da morte do arquitecto porriñés.

 

Cunha ofrenda floral comezaron hoxe os actos do “Ano Arquitecto Antonio Palacios”

 

Coa colocación dunha coroa de dalias brancas e loureiro no cemiterio municipal, o Concello do Porriño comezou os actos do “Ano Arquitecto Antonio Palacios” coa ocasión do 75 aniversario do seu pasamento que se cumpre hoxe o 27 de outubro. 

Trátase dunha iniciativa das Concellerías de Cultura e Turismo que dirixen Cami Moreira e David Alonso, respectivamente que hoxe acudiron ao cemiterio a realizar a ofrenda ante a tumba de Palacios.

O Concello elaborou unha programación que se estenderá ata o 27 de outubro de 2021 e reunirá unha serie de actos e actividades culturais para divulgar a obra do recoñecido arquitecto porriñés.

Algúns deses actos terían que comezar hoxe pero adiáronse debido ás medidas restritivas anti-Covid. Entre elas, unha serie de visitas guiadas teatralizadas a obras de Antonio Palacios, así como un encontro de arquitectos sobre o significado do seu legado.

 

O Porriño segue por terceiro día consecutivo en alerta vermella


O Porriño segue hoxe martes 27 na relación de concellos de Galicia en alerta vermella ou nivel 3 por número de contaxios en función da súa poboación, segundo publica hoxe o mapa de situación do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Os datos están actualizados ata as 18 horas de onte luns.

Aínda que a autoridade sanitaria segue sen informar directamente aos concellos do número exactos de casos positivos, na web subliñase que O Porriño está en alerta vermella por ter máis de 21 casos diagnosticados.

Precisamente hoxe non se celebrou o mercado ambulante por decisión do goberno municipal. Foi unha das restricións que se decidiron dende o pasado xoves 22 e que se manteñen.

O Porriño segue en alerta vermella

Por segundo día consecutivo, o concello do Porriño mantense no nivel 3 ou alerta vermella por un aumento das infeccións por Covid.

O mapa de alertas actualizado diariamente na páxina web do Sergas volve situar hoxe ao noso municipio en vermello ao superar as 21 infeccións nos últimos sete días.

O goberno municipal mantén as restricións que decidiu o pasado xoves 22. Entre elas a supresión do mercado ambulante semanal que, polo tanto, non se celebrará mañá martes.