O goberno municipal acadou a aprobación plenaria e, polo tanto, aceptase a proposta realizada pola mesa de contratación para adxudicar á firma “Soom Management”, a explotación da Piscina Municipal.  Esta empresa, que actualmente leva as piscinas municipais de Marín, Boiro e Cangas, foi a plica máis valorada, cunha oferta anual de 508.000 € e adquire o compromiso de subrogar ao persoal actual, de 24 traballadores, da piscina municipal.

O acordo tomouse esta tarde pleno municipal ordinario de marzo, na sesión retomada no punto no que se suspendeu o pasado mércores. Votaron a favor os sete concelleiros presentes hoxe (4 do PSOE, 2 do BNG e Manuel Carrera da UDDL). Non acudiron os concelleiros e concelleiras dos restantes grupos municipais.

A alcaldesa Eva García explicou que a convocatoria respondía ao principio de “unidade de acto” recollido na lexislación municipal vixente e polo tanto a sesión retomábase e rematábase hoxe. “E o mesmo pleno coa mesma orde do día que se celebra en dúas sesión. Non hai nin nulidade nin ilegalidade nesta convocatoria”, rematou a alcaldesa que citou que “tamén ese é o criterio” do secretario xeral do Concello, Eduardo Portela.

Lembremos que na primeira parte deste pleno, tomáronse dous acordos salientables e ambos por unanimidade dos 17 concelleiros da corporación. Deste xeito acordouse que o Concello do Porriño habilite a liña de axudas económicas directas aos sectores máis afectados pola Covid, cunha asignación total de 140.000 €.  O plan, chamado “Porriño Impulsa 2021” está destinado á hostalería, comercio e autónomos, os máis afectados polas restricións derivadas da pandemia actual. Tamén aprobouse por unanimidade unha modificación do orzamento por unha cantidade de 108.000 € para afrontar as achegas municipais a varios programas de contratación de persoal subvencionado que suporán a creación de 196 postos de traballo.

Tamén na primeira deste pleno tomou posesión como nova concelleira do grupo municipal do Partido Popular, Ascensión Rosario Costas que cubre a vacante deixada por Ana María Paradela.