Dous axentes da Policía Local evitaron un suicidio desde unha ponte no polígono das Gándaras

Dous axentes da Policía Local do Porriño evitaron onte o suicidio dunha persoa que estaba na varanda da ponte de acceso á Autovía A55 co polígono das Gándaras. Grazas á colaboración cidadá recibiuse aviso de que unha persoa estaba agarrada pola parte exterior da varanda da ponte, “con claras intencións de arroxarse cara a vía do tren”, segundo sinala o atestado. Cando a patrulla policial chegou atoparon esa situación e tamén a un grupo de persoas que, a unha distancia prudencial, intentaban convencelo para que non se tirara. Nese intre circulaba un tren por debaixo da ponte.
Os dous axentes actuaron con rapidez e destreza. Mentes un deles empezou a falar coa persoa que pretendía tirarse, o outro policía agarrouno polos brazos e o pescozo para evitar que se lanzase e puideron retiralo da zona de perigo ata que chegou unha ambulancia e tralasdouno ata o Centro de Saúde.
A persoa protagonista desta tentativa de suicidio identificouse como un veciño de Salceda de Caselas, de 47 anos.

A alcaldesa reunirase en Madrid co “Adif” para coñecer as xestions para acadar fondos da UE para suprimir o paso a nivel

Eva García de la Torre viaxará o xoves a Madrid para manter unha reunión de traballo con responsables do “ADIF” (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias) a fin de coñecer de preto como están as xestións que realiza este organismo para acadar fondos para suprimir o paso a nivel do centro urbano do Porriño

“ADIF” xa anunciara que o o financiamento deste proxecto realizarase con fondos “Next Generation” da Unión Europea.

A alcaldesa terá a reunión o venres 28, ás 9,30 horas con María Luisa Domínguez, directora xeral de Planificación e Proxectos e outros directivos do ADIF.

Namentres este mediodía Eva Garcia comprobou, á altura da Praza de Abastos, o avance das catas xeotécnicas que realizan as empresas “GOC” e “Prointec”, contratadas polo ADIF para estes traballos. Os resultados destas sondaxes servirán para definir a solución que contemplará o proxecto de supresión do paso a nivel.   

Hoxe celebrase pleno municipal ordinario de maio

A aprobación definitiva do contrato coa empresa “Soom Management”, nova concesionaria da Piscina Municipal do Porriño é un dos asuntos que se tratarán no pleno municipal ordinario que celebrará esta tarde a corporación local, a partir das 18 horas.

A aprobación provisoria desa adxudicación decidiuse en marzo e hoxe vai para a súa ratificación. No seu día aceptouse a proposta realizada pola mesa de contratación para adxudicar á firma “Soom Management” que foi a plica mellor valorada, cunha oferta anual de 508.000 € e o compromiso de subrogar ao persoal actual de 24 traballadores desa instalación deportiva.

Tamén os corporativos coñeceran a proposta da mesa de adxudicación da licitación do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos e xestión do “Punto Limpo” do Concello, en favor da empresa “Valoriza Servizos Medio Ambientais”. 

Ademais o temario da sesión inclúe media ducia de mocións que se especifican na orde do día que se adxunta no seguinte “pdf”. 

Pleno Mayo 2021

 

 

 

Firmada na notaría a venda dunha parcela municipal á empresa “Iberembal”para a construcción dunha fábrica de envases metálicos

Eva García, alcaldesa do Porriño firmou este mediodía con Enrique Mastral, director xeral da empresa “Massilly Ibérica Iberembal”, a operación de compra venda dunha parcela municipal que a industria navarra adquire para construir unha fábrica no termo municipal.

O predio ten 13.335 metros cadrados de superficie dos que 10.668 son edificables con fins industriais. Localizase no PPI 7, na parroquia de Budiño.  A firma compradora vai construir unha factoría de envases metálicos para conservas alimenticias. O director xeral da firma manifestou que “temos en marcha un importante proxecto de futuro para o seu desenvolvemento nos mercados de Galicia e Portugal”

“Masilly Ibérica IBEREMBAL” fora a única empresa que presentou plica no prazo de presentación de ofertas que o Concello do Porriño convocara e que rematou en decembro de 2020.

A operación é por un importe de 960.000 euros (máis IVE) o que suporá un ingreso moi importante para a tesorería municipal que “se destinará a diversos investimentos no concello para a mellora da calidade de vida da veciñanza”, manifestou a alcaldesa, Eva Garcia ao remate da firma.

Instrucións para inscribirse como público para o vindeiro pleno municipal

O vindeiro pleno da corporación municipal do Porriño celebrarase o mércores 26 (18 horas) e volverá a ser público. Coa ocasión das restricións de aforamento e dado que o salón de plenos ten capacidade para 32 persoas, tan só se permitirán 10 persoas como público. As veciñas e veciños interesados en asistir deberán rexistrar a súa petición a través da aplicación “BandoMóvil O Porriño Informa”. Por estrito orde de chegada e ata esgotar a cota.
No caso de non ter a aplicación, pódese descargar en “Google Play” ou na “App Store”. E tamén é posible comunicar a través do email, dende a a web https://www.bandomovil.com/porrino

A Audiencia Provincial arquiva a causa xudicial emprendida polo voceiro municipal do PP pola compra dos locais a “Promocións Guanabara”

A Audiencia Provincial de Pontevedra arquivou a causa xudicial emprendida por Alejandro Lorenzo, voceiro municipal do Partido Popular por suposta prevaricación administrativa contra a alcaldesa e o goberno municipal do Porriño. O feito denunciado foi a compra dos locais a “Promocións Guanabara” que realizou o Concello do Porriño para acomodar unha aula asocíada da UNED e outros servizos municipais.

A resolución da Sala II da Audiencia Provincial confirma o primeiro sobresemento e arquivo da denuncia que xa decidiu en febreiro deste ano o Xulgado de Instrucción número 2 de Porriño. E concorda tamén coa posición da Fiscalía que tamén pediu o arquivo.

Agora a sentenza da Audiencia Provincial confirma de xeito definitivo a resolución previa do xulgado de instrucción que xa concluíu que no procedemento para o alugueiro e posterior compra dos locais se axustara á normativa e aos prezos de mercado coa emisión dos informes técnicos municipais favorables. Asimesmo, o tribunal asume que “por ningures quedara constancia de que os devanditos alugueiros e compras fosen innecesarios ou estivesen orientados a beneficiar a terceiras persoas, xa que todos os locais están ben preto do Concello do Porriño e resultaban idóneos para as súas finalidades”.

E remata a resolución da Audiencia sinalando que “a circunstancia de que, se os alugueiros se iniciaron en xullo de 2017 e en marzo de 2018 os resolveron de mutuo acuerdo o Concello do Porriño e a empresa ‘Guanabara’, puidese resultar estrano que esta última, aínda así, reclamase os alugueiros daquel periodo poderá ser discutible todo o que se queira, máis, precisamente por isto e en ausencia doutros aspecto, exclúe o presunto delito de prevaricación administrativa que se pretendía”.

A sentenza da Audiencia Provincial notificada esta fin de semana, chega xusto despois de que o Partido Popular puxera en cuestión a honorabilidade da Alcaldesa Eva García por esas operacións inmobiliarias do Concello coa mercantil “Guanabara” e das acusacións verquidas polo seu voceiro no pleno extraordinario que se celebrou o pasado mércores, a instancias do grupo municipal do PP.

A alcaldesa valorou esta resolución xudicial “con gran satisfacción por que as cousas van poñendose no seu sitio” e tratase da segunda decisión xudicial nunha semana que remata con denuncias feitas polo PP baseadas en insidias e calumnias verquidas contra mín acusándome da comisión dun sinfín de delitos”.

“Agardo que cedo vexamos algunha resolución xudicial semellante no que atinxe a a causa principal (desbroces) que chegue á mesma conclusión que esta sentenza da Audiencia Provincial e a anterior do Tribunal de Contas do Reino, e polo tanto poidamos sair airosos de tantas insidias”, valorou García de la Torre.  

Outorgada licenza de obras á empresa que vai xestionar a futura gardería do Polígono da Granxa

A empresa que vai xestionar a futura escola infantil no Polígono Industrial A Granxa dispón de licenza municipal do Concello do Porriño para executar as obras de acondicionamento do local cedido pola Zona Franca. O espazo ten una superficie de 448 metros cadrados e o orzamento estimado das obras é de algo máis de 55.000 euros.

A documentación aportada pola mercantil que dirixe Beatriz Cabaleiro informouse favorablemente e a licenza de obra outorgouse con data de onte, 20 de maio, firmada polo concelleiro responsable de Infraestruturas, Pedro Pereira.

Zona Franca cedeu e entregou as chaves en abril de seis locais na planta baixa do Centro de Servizos en A Granxa onde a firma “Trastes” xestionará una escola infantil con 74 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos, así como servizos complementarios de 3 a 8 anos.

A futura entrada en funcionamento desta gardería “atenderá unha vella demanda dos empresarios e traballadores dos polígonos industriais do Porriño. Como institucións públicas temos que favorecer e facilitar a conciliación familiar e laboral”, segundo declarou a alcaldesa, Eva García de la Torre.

 

Volve a Feira do Libro ao Porriño

Este venres, ás 11,30 horas e nas instalacións da Biblioteca Municipal, terá lugar a presentación da V Feira do Libro do Porriño, un evento cultural que volve ás rúas da nosa vila despois dun ano de parón forzoso pola pandemia.

Representantes da Federación de Libreiros de Galicia; María Victoria Alonso, Deputada provincial delegada de Cultura; Cami Moreira. Concelleira de Cultura do Porriño e máis, Eva García De La Torre, Alcaldesa do Porriño serán as persoas encargadas de facer a presentación.

A Feira que contará con cinco stands que se ubicarán na rúa peatonal fronte ao Concello, comezará o vindeiro xoves día 27.

Concello do Porriño e Federación de Libreiros organizan este evento que recibe, ademais, os apoios da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Pontevedra.

 

As visitas guiadas teatralizadas retoman os actos do “Ano Antonio Palacios” en lembranza do excepcional arquitecto porriñés

O Concello do Porriño anuncia o comezo das visitas guiadas teatralizadas pola obra e vida de Antonio Palacios coa ocasión do 75 aniversario do falecemento do excepcional arquitecto porriñés.

Levaranse a cabo unha serie de 10 visitas guiadas teatralizadas, percorrendo as obras realizadas polo arquitecto Palacios no casco urbano da súa vila natal. As visitas partirán do Templete de San Luis e incluirán a casa do Concello a Fonte do Cristo e a Botica Nova. Terán unha duración de 50 minutos e requiren de inscrición previa porque hai prazas limitadas.

As inscricións deben realizase a través de correo electrónico no enderezo cultura@oporrino.org. A partir do venres 21 e ata o xoves 27. A primeira destas visitas terá lugar o vindeiro sábado 29 de maio.

Coa colocación dunha coroa de dalias brancas e loureiro no cemiterio municipal ante a tumba de Palacios, o Concello do Porriño comezou o pasado 27 de outubro os actos do “Ano Arquitecto Antonio Palacios” coa ocasión do 75 aniversario do seu pasamento. O Concello elaborou unha programación que se estenderá ata o 27 de outubro de 2021 e reunirá unha serie de actos e actividades culturais para divulgar a obra do recoñecido arquitecto porriñés.

 

 

Convocadas comisións informativas municipais que prepararán o vindeiro pleno corporativo

A aprobación definitiva do contrato coa nova concesionaria da Piscina Municipal do Porriño é un dos asuntos que se tratarán nas comisións informativas que se celebrarán este venres 21, preparando o vindeiro pleno ordinario da Corporación que terá lugar o mércores 26. 

A aprobación provisoria desa adxudicación decidíuse en marzo e agora levase a pleno para a súa ratificación. O goberno municipal acadou a aprobación plenaria e, polo tanto, aceptouse a proposta realizada pola mesa de contratación para adxudicar á firma “Soom Management”, a explotación da Piscina Municipal.  Esta empresa, que actualmente leva as piscinas municipais de Marín, Boiro e Cangas, foi a plica máis valorada, cunha oferta anual de 508.000 € e adquire o compromiso de subrogar ao persoal actual, de 24 traballadores, desa instalación deportiva.

Adxuntamos documento “pdf” coas convocatorias e temarios das catro comisións municipais informativas que se celebrarán. 

1118_001