Eva Garcia de la Torre participará mañá xoves en Madrid, no Círculo de Belas Artes, na presentación do libro “Trazar la mirada, Cuaderno de Viaje de Antonio Palacios”, do que é autor o arquitecto Alvaro Bonet.
O acto vai ter lugar ás 19 horas, na sede do Círculo, un edificio de seis plantas na rúa Alcalá que é un deseño do propio Palacios. O presidente da entidade anfitrioa, Juan Miguel Hernández de León abrirá o acto e presentará á alcaldesa de Porriño. Ademais, intervirán Manuel Blanco Lage, director da Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid; Ana Belén Berrocal, enxeñeira de camiños e o autor, Alvaro Bonet.
A obra é editada pola firma “Engaiolarte” que xa publicara anteriormente “Unha viaxe por Galicia”, de Xosé Ramón Iglesias, por iniciativa do Concello do Porriño, despois de que a alcaldesa acadase a cesión dun fondo documental con debuxos orixinais de Antonio Palacios conservados en 11 cadernos e outro material de traballo do arquitecto porriñés.
Agora Alvaro Bonet, seguindo o traballo comezado polo profesor Moncho Iglesias, inclúe en “Trazar la mirada, Cuaderno de Viaje de Antonio Palacios” máis de 250 imaxes de paisaxes, monumentos e tipos humanos que permiten comprender mellor a dimensión artística do arquitecto porriñés.
Na súa intervención, a alcaldesa lembrará que O Porriño está a celebrar o “Ano Antonio Palacios” cunha serie de actos programados ata outubro. Actualmente e con moitísima aceptación, realízanse as visitas guiadas teatralizadas, con actores e acompañamento musical, que instrúen aos visitantes sobre a traxectoria e personalidade do arquitecto a través dun roteiro polas obras de Palacios na súa vila natal.