Presentada a primeira edición do “Torneo Internacional de Tenis de Mesa Concello do Porriño”

A alcaldesa, Eva García xunto co concelleiro de Deportes, David Alonso realizaron hoxe a presentación da primeira edición do Torneo Internacional de Tenis de Mesa “Concello do Porriño”. Tamén asistiu José Luis Cabaleiro, presidente da Federación Galega de Tenis de Mesa e directivos do Club de Tenis de Mesa CRC Porriño e do Círculo Recreativo Cultural onde se realizou a presentación.

A alcaldesa felicitou aos organizadores “por un primeiro éxito que xa supón a capacidade de convocatoria amosada co número de inscritos” e garantiu que será un torneo “que vai ter continuidade nos vindeiros anos”, manifestou Eva Garcia que reivindicou que “O Porriño segue no mapa grazas aos moitos eventos deportivos, culturais e de outra índole” que se organizan no noso concello, rematou a alcaldesa.

O evento reunirá máis de 250 participantes de todas as categorías procedentes de toda España e de Portugal.
A competición terá lugar na vindeira fin de semana nos pavillóns 1 e 2 do Polideportivo Municipal.

A alcaldesa critica que a Xunta volva penalizar á hostalería do Porriño que tan só poderá traballar co 30% do aforamento no interior dos locais

O Porriño é un dos concellos da área de Vigo que se atopa en nivel alto de restricións e como consecuencia a hostalería do municipio tan só poderá traballar co 30% do aforamento no interior dos locais a partires das 00:00 deste martes 17.

A decisión da Xunta de Galicia é consecuencia da negativa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a autorizar que se esixa o certificado de vacinación “Covid” aos clientes para acceder ao interior de cafeterías, bares, restaurantes e outros locais de hostalería. A raíz do fallo do Tribunal, a Consellería de Sanidade decidiu responder reducindo o aforamento no interior dos locais, baixando de 50 ao 30%. No que atinxe ás terrazas, seguirá no 50%.  E os establecementos de ocio nocturno continuarán pechados.

A alcaldesa do Porriño considera que “estas medidas non son de recibo e volven penalizar o sector da hostalería que xa foi castigado dabondo alongo destes meses”, valorou hoxe Eva García de la Torre. Segundo a rexedora que “o TSXG non lles dera a razón, non pode levar como consecuencia que se ceben no sector máis castigado por esta pandemia”.

García de la Torre interpelou á Xunta de Galicia a que “vacine masivamente, especialmente á xente nova, por que as vacinas son o verdadeiro remedio e, polo tanto, que deixen de prexudicar sempre aos mesmos”, rematou a alcaldesa.

O Concello colabora co Sergas para dispoñer un punto de tramitación e recollida de acreditacións de vacinación, no Centro Cívico Municipal

 

Desde esta mañá, no primeiro andar do edificio do Centro Cívico Municipal, está a funcionar un punto de tramitación e recollida de acreditacións de vacinación para a veciñanza de O Porriño. Trátase dunha colaboración que presta o Concello, a petición da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo, que solicitou a cooperación municipal cedendo un local onde establecer esta oficina.
É atendida por persoal contratado polo Sergas (Servizo Galego de Saúde). Non é precisa cita previa e atenden desde as 8:00 ata as 15:00. A oficina estará operativa, en principio, ata o martes 31 de agosto.
Os veciños e veciñas do Porriño que acudan a esta oficina deben levar a tarxeta sanitaria e o DNI para solicitar a acreditación de estar vacinados contra a Covid, documento ben impreso, ben en código QR, que se lles esixe actualmente para acceder ao interior dos locais de hostalería. O Porriño permanece desde a semana pasada en nivel de restricións alto e continuará unha semana máis, segundo anunciou onte o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Neste punto de atención no Centro Cívico, ademais de obter o certificado de vacinación, a veciñanza tamén poderá acadar outras prestacións como darse de alta nas aplicacións “Chave 365” e “E-Saúde” que dependen do Sergas.

A xunta de voceiros municipais debateu novas propostas de axuda á economía local e futuros convenios coas comunidades de montes

 

O alcalde accidental, Pedro Pereira presidiu hoxe a reunión da xunta de voceiros municipais que abordou dous asuntos: novas propostas de axudas á economía local e a negociación de convenios coas comunidades de montes.
O concelleiro de Promoción Económica, David Alonso solicitou aos restantes grupos da corporación que fixeran as súas propostas sobre que destino darlle aos cartos sobrantes do fondo de axudas Covid que ao longo deste ano repartiu o Concello entre establecementos de hostalería, comercio, autónomos e micro empresas que as solicitaron. A partida era de 140.000 € dos que se entregaron achegas por importe de 112.280 € polo que a cantidade nos disposta é de preto de 28.000 €.
Acordouse que o concelleiro daralle forma a unha proposta para habilitar unha convocatoria de axudas á que poderán presentarse establecementos, autónomos e micro empresas que non tiveran recibido anteriormente achegas desta liña de axudas ”Porriño Impulsa”.
Por outra banda, Pedro Pereira, en condición de concelleiro de Patrimonio Municipal informou aos voceiros dos grupos da corporación que está a negociar coas comunidades de montes. Trasladoulles un borrador de convenio coa comunidade de montes de Budiño que establece unha cesión de uso dos locais namentres non haxa unha resolución xudicial firme. Pereira Fernández informoulles que tamén está a traballar e negociar outro convenio similar coa comunidade de montes de Atios.

 

Convocada xunta de voceiros municipais para debater novas propostas de axudas á economía local e convenios coas comunidades de montes de Atios e Budiño

O xoves 5 celebrarase xunta de voceiros municipais, convocada ás 12,30 horas, con dous asuntos na orde do día que se comunicou aos grupos políticos da corporación.

Por unha banda trasladase á consideración dos voceiros municipais, a proposta de convenios coas comunidades de montes de Atios e Budiño, negociados polo concelleiro de Patrimonio Municipal, Pedro Pereira.

E por outro lado, por iniciativa do concelleiro de Promoción Económica, David Alonso debateranse novas propostas de axuda á hostalería e outros sectores da economía local cos cartos sobrantes do fondo de axudas Covid, dotado con 140.000 euros que se habilitaron polo Concello para este exercicio. Dese total abonáronse nestes meses trancorridos, 112.280 euros en axudas económicas directas á hostalería, comercio, autónomos e micro empresas que se destinaron polos solicitantes a pagos de alugueres, hipotecas, mercadorías, subministracións e gastos xerais. 

De xeito que hai un sobrante de algo máis de 27.000 euros para destinar ás novas propostas de axudas que se traten pola xunta de voceiros municipais. 

O luns recuperarase a atención presencial nas oficinas do Concello, sen cita previa, agás en Servizos Sociais

 

A partires do vindeiro luns 2 de agosto, as oficinas do Concello do Porriño recuperarán a atención presencial en todas as dependencias agás no departamento de Servizos Sociais. Nas oficinas de Servizos Sociais manterase un control de aforamento e requirira cita previa para atención, aínda que se simplificará a petición por teléfono ou en persoa.

A resolución adoptouse este mediodía na reunión da Comisión Municipal de Seguimento da Covid, que implementou o acordo que tomou o pleno da corporación local na sesión do pasado mércores.

Na reunión da Comisión de Seguimento da Covid que presidiu a alcaldesa, Eva García de la Torre comentáronse as medidas que a Xunta de Galicia aplicará no Porriño, nomeadamente no sector da hostalería, ao atoparse este concello no nivel alto de restricións.

A Comisión decidiu non aplicar medidas adicionais agás o incremento da vixilancia a cargo da Policía Local no mercado ambulante dos martes.

Ao termo da reunión a alcaldesa Eva García declarou o seu malestar porque “de novo sexa o sector da hostalería o que ten que cargar coa maioría das restricións”.

Convocada Comisión Municipal de Seguimento da Covid para este venres 30

A alcaldesa Eva García convocou reunión da Comisión Municipal de Seguimento da Covid que vai ter lugar este venres 30, ás 12 horas, de xeito `presencial, no Concello. Na devandita Comisión participan todos os grupos políticos da corporación porriñesa. 

A convocatoria responde ao anuncio realizado pola Xunta de Galicia de que O Porriño entrará en maiores restricións, nivel alto, a partires das 00:00 do sábado 31. O Porriño ten hoxe unha taxa de 736, con 146 casos en 14 días e 87 casos en 7 días. 

A alcaldesa lamentou que “de novo, sexa penalizada a hostalería porriñesa coas medidas anunciadas pola Xunta de Galicia”.  

En consonancia, a alcaldesa Eva Garcia anunciou que a comisión municipal de seguimento da Covid determinará actuacións a seguir cara á estrea de novas restricións na hostalería local.

 

Por outra banda, a Comisión de Seguimento implementará o acordo acadado pola corporación no pleno do mércores, a partires dunha moción presentada polo grupo EU SON e apoiada polos restantes grupos políticos, para recuperar a atención presencial nas oficinas do Concello e prescindir da obrigatoriedade da cita previa para diversos trámites.

A corporación aprobou por unanimidade o gasto de máis de 700.000€ en asfaltados e saneamentos; duplicar a achega ao Festival de Cans e retomar a atención presencial no Concello

A corporación municipal do Porriño aprobou por unanimidade dispoñer o gasto de 729.478 euros para obras de asfaltado e saneamento de vías municipais, segundo acordou o pleno ordinario de xullo celebrado onte. Trátase da primeira fase dun plan de actuación plurianual máis ambicioso valorado en máis de 2 millóns de euros.

Este primeiro paquete de actuacións financiase con remanente de tesourería. Foi negociado pola concelleira de Vías e Obras, Lourdes Moure cos demais grupos políticos da corporación local. A concelleira agradeceu nomeadamente ao Partido Popular e ao seu voceiro que “sexamos quen de chegar a acordos entre forzas políticas tan antagónicas” namentres Alejandro Lorenzo agradeceu á concelleira de Vías e Obras que “accedera a introducir as nosas propostas”.

BNG e EU SON votaron a favor, aínda que a voceira de Esquerda Unida, Patricia Sío expresou a súa discrepancia por non ter negociado a través da xunta de voceiros, en lugar de reunións bilaterais.

Ao remate da votación, a alcaldesa Eva García felicitou a concelleira de Vías e Obras polo consenso acadado.

 

Tamén por unanimidade, a corporación porriñesa aprobou duplicar a achega ao Festival de Cans, que pasará de 20.000 a 40.000 euros anuais, segundo a proposta que defendeu Cami Moreira, concelleira de Cultura. A cambio do incremento, o Concello deixará de gastar en prestar apoio loxístico ao Festival en valados, sinalización, carpas e outras; realizaranse polos responsables do Festival unha ducia de proxeccións en parroquias e barrios ao longo do ano, e haberá unha maior visibilidade nos actos do Festival do apoio institucional do Concello.

 

A través dunha moción presentada polo grupo EU SON e apoiada polos restantes grupos políticos, o pleno da corporación acordou por unanimidade recuperar a atención presencial nas oficinas do Concello e prescindir da obrigatoriedade da cita previa para diversos trámites. En consonancia, a alcaldesa Eva Garcia anunciou que convocará a comisión municipal de seguimento da Covid para determinar as actuacións a seguir e valorar a estrea de novas restricións na hostalería local, xa que O Porriño entra a partires do sábado 31, en nivel alto, por decisión da Xunta de Galicia.

O Porriño entrará en restricións de nivel alto a partires do sábado 31

 

O Conselleiro de Sanidade ven de anunciar este mediodía as novas restricións por concellos decididas pola Xunta de Galicia que entrarán en vigor ás 00:00 do vindeiro sábado 31 de xullo. O aumento de contaxios e da taxa de incidencia ocorrida no Porriño na última semana motiva que o noso concello entre en restricións de nivel alto, a partires do sábado.


Segundo establece a Xunta, a hostalería convencional (bares, cafeterías, restaurantes, mesóns e taparías) poderá abrir interior e exterior dos seus establecementos ao 50% de aforamento. A maior novidade é que para consumir no interior, os clientes deberán acreditar certificado de vacinación, PCR negativa ou test de antíxenos negativo. Tamén serve acreditar que se ten pasada a Covid nos últimos seis meses. Para consumir nas terrazas, non é precisa acreditación.
No que atinxe ao número de persoas, no interior, máximo 6; no exterior, máximo 10. Os establecementos deberán pechar ás 1:00 da madrugada.

Segundo os datos actualizados esta mañá polo Sergas, O Porriño presenta hoxe una taxa de incidencia de 710, con 141 casos nos últimos 14 días e 87 casos nos últimos 7 días.
Xunto co Porriño entrarán en nivel alto de restricións a partires do sábado os concellos veciños de Mos, Redondela e Soutomaior. Por outra banda, o concello de Baiona entrará o sábado en nivel máximo de restricións.

A Alcaldesa anuncia que pedirá a colaboración de todos os grupos municipais para elaborar un plan de redución das emisións á atmosfera

O Concello do Porriño xa dispón dunha achega de 10.900 euros, con cargo aos fondos FEDER da Unión Europea, para a redacción dun Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable, coñecido como “PACES”.

O propósito é elaborar un plan de medidas que deberá terse redactado antes do 3 de decembro, que recolla accións concretas a executar no Porriño para a redución das emisións á atmosfera.

Coa ocasión de que a Xunta de Galicia notificase ao Concello a concesión da achega, a alcaldesa Eva García declarou hoxe que vai convocar unha xunta de voceiros para “pedir a colaboración de todos os grupos municipais para que fagan chegar as súas propostas”, declarou a rexedora.

A alcaldesa considera necesario “un acordo de todos os grupos para levar a cabo accións nas materias máis sensibles sexa a contaminación por lindano, sexa o impacto das explotacións mineiras”, engadiu Garcia de la Torre.

O Porriño é un dos 271 concellos galegos que se adheriron ao Pacto Europeo das Alcaldías polo Clima e a Enerxía Sustentable, coordinado en Galicia pola Xunta. O acordo de adhesión adoptouse polo pleno da Corporación Municipal porriñesa a partires dunha moción presentada polo Partido Popular.

En consecuencia, O Porriño solicitou á Consellería de Medio Ambiente acollerse á liña de achegas convocada por ese departamento autonómico para a elaboración dun Plan de Acción que deberá contemplar medidas que contribúan a eliminación de emisións contaminantes e que comprometan ao Concello e á veciñanza porriñesa.