O Conselleiro de Sanidade ven de anunciar este mediodía as novas restricións por concellos decididas pola Xunta de Galicia que entrarán en vigor ás 00:00 do vindeiro sábado 31 de xullo. O aumento de contaxios e da taxa de incidencia ocorrida no Porriño na última semana motiva que o noso concello entre en restricións de nivel alto, a partires do sábado.


Segundo establece a Xunta, a hostalería convencional (bares, cafeterías, restaurantes, mesóns e taparías) poderá abrir interior e exterior dos seus establecementos ao 50% de aforamento. A maior novidade é que para consumir no interior, os clientes deberán acreditar certificado de vacinación, PCR negativa ou test de antíxenos negativo. Tamén serve acreditar que se ten pasada a Covid nos últimos seis meses. Para consumir nas terrazas, non é precisa acreditación.
No que atinxe ao número de persoas, no interior, máximo 6; no exterior, máximo 10. Os establecementos deberán pechar ás 1:00 da madrugada.

Segundo os datos actualizados esta mañá polo Sergas, O Porriño presenta hoxe una taxa de incidencia de 710, con 141 casos nos últimos 14 días e 87 casos nos últimos 7 días.
Xunto co Porriño entrarán en nivel alto de restricións a partires do sábado os concellos veciños de Mos, Redondela e Soutomaior. Por outra banda, o concello de Baiona entrará o sábado en nivel máximo de restricións.