O Porriño é un dos concellos da área de Vigo que se atopa en nivel alto de restricións e como consecuencia a hostalería do municipio tan só poderá traballar co 30% do aforamento no interior dos locais a partires das 00:00 deste martes 17.

A decisión da Xunta de Galicia é consecuencia da negativa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a autorizar que se esixa o certificado de vacinación “Covid” aos clientes para acceder ao interior de cafeterías, bares, restaurantes e outros locais de hostalería. A raíz do fallo do Tribunal, a Consellería de Sanidade decidiu responder reducindo o aforamento no interior dos locais, baixando de 50 ao 30%. No que atinxe ás terrazas, seguirá no 50%.  E os establecementos de ocio nocturno continuarán pechados.

A alcaldesa do Porriño considera que “estas medidas non son de recibo e volven penalizar o sector da hostalería que xa foi castigado dabondo alongo destes meses”, valorou hoxe Eva García de la Torre. Segundo a rexedora que “o TSXG non lles dera a razón, non pode levar como consecuencia que se ceben no sector máis castigado por esta pandemia”.

García de la Torre interpelou á Xunta de Galicia a que “vacine masivamente, especialmente á xente nova, por que as vacinas son o verdadeiro remedio e, polo tanto, que deixen de prexudicar sempre aos mesmos”, rematou a alcaldesa.