Defensa persoal para mulleres, O Porriño implícase contra a violencia machista

O Concello do Porriño segue traballando co obxectivo de sensibilizar á veciñanza en xeral da gravidade e dimensión do problema da violencia contra as mulleres e, á vez, avanzar na prevención destas condutas violentas. Neste eido, dende a concellería de Igualdade, que dirixe Carolina González, inclúen na súa folla rota tamén a necesidade de dotar ás mulleres das ferramentas necesarias para defenderse dun ataque adquirindo coñecementos de defensa persoal da man de persoal cualificado.

A proposta abrangue dúas iniciativas: unha dirixida ao alumnado dos centros de educación secundaria e unha segunda dirixida ás mulleres en xeral aberta a participación de todas aquelas que queiran formarse.

Hoxe desenvolveuse a primeira das sesións, no IES Pino Manso, na que participaron os alumnos e alumnas de primeiro de bacharelato. Comezaron cunha ponencia sobre a violencia machista da man de Juan Antonio Sagredo, fiscal en violencia de xénero do partido xudicial de Ponteareas con máis de 20 anos de experiencia. A continuación, da man de axentes da policía local e expertos en defensa persoal, comezou a sesión práctica na que as rapazas, acompañadas polos seus compañeiros de clase, aprenderon maniobras de defensa para solventar un posible ataque.

O día 2 a actividade desenvolverase no IES Ribeira do Louro.

As quendas abertas ao público serán os días 13, 20, 27 de abril e o 4 de maio, no pavillón municipal, e contarán coa intervención do maxistrado Juan José Trashorras, titular do Xulgado Penal número 1 de Pontevedra. Serán de 10 a 13 h.

Están dirixidas a mulleres, co fin de desenvolver máis confianza nelas memas e no seu entorno, implementar estratexias de preveción e detección de situacións de perigo, integrando na súa vida diaria hábitos de seguridade persoal e promovendo a súa confianza e autoestima.

Para participar non é preciso inscripción previa.

A Praza de Abastos abre de novo as súas portas cunhas instalacións totalmente renovadas

Tras un mes pechada por obras de mellora, a Praza Abastos do Porriño abriu as súas portas este martes e o fixo por todo o alto. Unha vez completados os traballos da primeira fase da mellora, que incluíron a renovación do pavimento, instalación de fontanería e eléctrica e reparación dos danos que presentaba a estructura, os praceiros e praceiras atenderon de novo aos centos de usuarios que hoxe pasaron polo mercado municipal para facer as súas comprar e coñecer as melloras.
 
O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Mercados, Antía Carrera, acompañaron á conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, que hoxe se uníu á inauguración. Con eles estiveron a xerente do Instituto Galego de Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, e a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, así como concelleiros e concelleiras do goberno local.
 
“Con esta reforma daremos ese salto de calidade que necesitaba a nosa Praza de Abastos para transformarse de novo no centro neurálxico do comercio da vila”, explicou o alcalde, “Estamos máis cerca de conseguir o selo de Mercado Excelente de Galicia e de que a praza sexa de novo o foco de dinamización económica que foi antaño. Contamos cunha ampla variedade de produtos de alta calidade á venta, unha representación de todos os sectores: florerías, froiterías, peixeiras, carnicerías… e un incontestable traballo dos nosos praceiros e praceiras. Só nos quedaba por tachar o único dos requisitos que estaba pendente dende hai décadas: a mellora das nosas instalacións”.
 
O rexedor incidiu en que se trata só da primeira fase dun proxecto global que “modernizará e dinamizará a praza” e en que iso non sería posible sen o respaldo da Xunta de Galicia “que apoiou sempre este proxecto” e sen o “dos nosos praceiros e praceiras, que dende o principio traballaron con nós man a man. Moitas grazas por isto e por facer pobo”.
 
A conselleira destacou tamén esta infraestrutura como “punto dinamizador do comercio e da economía da contorna” e felicitou ao alumnado traballador da especialidade de Cociña “Porremprego Cualifica II”, que prepararon in situ uns petiscos elaborados con produtos da Praza de Abastos que puido degustar toda veciñanza.
 
Tamén os nenos e nenas tiveron o seu espazo, participando en obradoiros para eles na contorna da praza onde aprenderon xogando sobre os productos que ofrece o mercado municipal.

O Porriño impulsa o programa dirixido ás familias “Educando en positivo”

O Concello do Porriño, a través da súa concellería de Educación, que dirixe Carolina González, impulsa o programa “EDUCANDO EN POSITIVO para o desenvolvemento da intelixencia emocional e o coidado da saúde mental”.

Dende o Concello buscan con esta actividade que as familias saiban como poden achegar valor, adquirir os coñecementos e habilidades relevantes para elas/eles e acadar os seus obxectivbos coa “Disciplina Positivia”. As persoas asistentes aprenderán a corrixir os comportamentos dos seus fillos/as a través de límites e normas desde o cariño e a empatía.

 Coñecerán as ferramentas que nos permitirán establecer un vínculo emocional con eles/elas e brindarlles seguridade e confianza. Deste xeito, poderán fomentar a súa autoestima, creatividade, comunicación, xestión emocional e resolución de conflitos.

 “Pódese educar sen medo, sen berros nin ameazas. Convidámosvos a crear unha conexión maravillosa co voso fillo/a a través destes obradoiros e da conferencia”, sinalou a concelleira.

O programa desenvolverase os días 4, 11, 18 e 25 de abril no Centro Cultural do Porriño e consta dunha xornada informativa e tres obradoiros.

O 4 de abril, ás 18:30 h, terá lugar a xornada informativa dirixida a familias con fillas/os de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos. Será a cargo de Vanesa Cal, psicóloga, e Carlos Rodríguez, terapeuta en PNL e Intelixencia emocional. A entrada é libre e de balde ata completar aforo.

Os obradoiros desenvolveranse os días 11, 18 e 25 de abril, de 18:30 a 20:30 h, no segundo andar do Centro Cultural. É necesario inscribirse xa que os grupos están limitados a 15 prazas e haberá que facelo presencialmente na xornada informativa.

Sumámonos un ano máis á Hora do Planeta

O Concello do Porriño súmase un ano máis ao apagón máis comprometido coa natureza e o clima. O vindeiro 23 de marzo as luces da Casa Consistorial apagaranse de 20:30 a 21:30h para darlle unha hora máis ao planeta.

Dende o Concello convidan á veciñanza a unirse a esta iniciativa que promove WWF a nivel mundial para reivindicar a necesidade de tomar medidas contra o cambio climático. Miles de vilas e cidades apagarán nese momento as luces dos seus principais edificios e monumentos.

O ano pasado foi o máis cálido da historia desde que se teñen rexistros. Este aumento da temperatura global traduciuse en fenómenos meteorolóxicos extremos como inundacións, olas de calor e incendios devastadores cada vez máis frecuentes. Sobran evidencias da crise climática e neste contexto a Hora do Planeta brinda ás persoas de todo o mundo a oportunidade de demostrar a súa preocupación pola degradación ambiental do planeta (quecemento global, pérdida de natureza, contaminación) e resaltar a necesidade de actuar.

 

 

AFAGA recupera para O Porriño a memoria do Entroido

“Porriñesas!! Porriñeses!! E os que veñen de fóra tamén!! Por fin chegou o día!!”. Así arrancaban o seu pregón os usuarios e usuarias de Afaga Alzheimer no Porriño para dar a benvida a ao Entroido na vila do Louro.

Javier, Fita, Lourdes, Merchi, Santiago e Elva, subiron ao balcón da Casa Consistorial para dar o pistoletazo de saída das festas. “Aínda que lle vimos aquí, non é por facerlle mal, vimos por lle anunciar que estamos de carnaval”, entonaron os pregoeiros. O ano pasado foron os nenos e nenas dos colexios os encargados de facelo e hoxe tocoulles a eles. “Menudo salto de xeración”, dixeron, “pero este Entroido celebramos a nosa diversidade e riqueza cultural. Por iso a xente de Afaga queremos reivindicar que nós tamén formamos parte deste día”.

Porque, tal e como reza o cartel deste ano “é un Entroido para todas e todos”.

“Aquí os anos non importan, sempre e cando a tradición continúe”, afirmaron os pregoeiros, “e nós de tradicións sabemosche muito ou non nos mirades. Mirade que disfraces bonitos fixemos en tan poucos metros cadrados”, aproveitando para pedir ao alcalde un novo local, “a ver se este ano, polo noso 30 aniversario, Caroca nos arranxa algo mellor”.

Como non podía ser doutra forma, a sorna non faltou no seu pregón. “A nosa vila é un lugar único onde cheira a…bueno, xa nos entendedes. A fariña non falta, a da panadería malpensados. E as comparsas, carrozas e participantes engaden a súa cor e encanto propio en cada recuncho das nosas rúas. A peatonal énchese de disfraces divertidos, música contaxiosa e bailes animados”. Lembrando tamén que “é unha oportunidade para compartir”.

“Como di o refran `Xente do Porriño tropa do carallo´ e xa que levamos a sona levamos o proveito”, concluíron chamando á xente a pasalo ben estas festas.

O broche final ao seu pregón o puxeron cantando, como debe ser, “O galo cando canta é día, imos de parranda de noite e de día. E nós que somos uns gandules imos de parranda de sábado a lunes. E nós que somos Porriño do imos de parranda cun vaso de viño”.

Pero non estiveron sós, os/as pregoeiros/as estiveron acompañados no balcón polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e a autora do cartel deste Entroido, Carmen Sebastián que foi a encargada de presentalos.

“Chorei moito da emoción o día que me enterei de uqe era a gañadora do concurso de carteis do Entroido”, contou Carmen aos seus veciños e veciñas que escoitaban atentos na praza, “Da emoción pasei á felicidade. Creo que son moi afortunada porque grazas á choiva o meu cartel durou moito máis tempo”.

A pequena prometeu ao seu pobo que seguirá “pintando, esforzándome e aprendendo” e quixo dar públicamente as grazas á súa profe Nuria e ao seu avó Carlos “porque eles son os que ensinan a pintar desde ben pequena”.  Antes de dar paso a Afaga desexou que “este Entroido 2024 quede grabado na memoria de todos e todas para sempre”.

Xornada de portas abertas na EDAR de Guillarei

O Consorcio de Augas do Louro e Aqualia organizan unha xornada de portas abertas con visitas guiadas á EDAR de Guillarei o próximo sábado 23 de marzo con motivo do Día Mundial da Auga.

Esta iniciativa pretende resaltar a importancia da auga como recurso imprescindible para o benestar da sociedade mostrando os procesos de depuración e o conxunto da xestión do ciclo urbano da auga, ademáis de sensibilizar sobre o problema da contaminación da auga e concienciar sobre a capacidade personal de axudar ao medioambiente.

Programaranse visitas en horario de mañá e tarde cos seguintes horarios:

·         10:00h visita laboratorio e proceso depuración (maiores 12 anos)

·         12:00h visita laboratorio e video proceso depuración (menores 12 anos acompañados)

·         16:00h visita laboratorio e proceso depuración (maiores 12 anos)

Os interesados poden enviar a súa solicitude indicando Nome, DNI, Concello de residencia, idade de cada un dos participantes e hora de visita ao correo contactoconsorcio@fcc.es

O luns abre o prazo para inscribirse no Campamento de Semana Santa

FOLLA DE INSCRICIÓN CAMPAMENTO SEMANA SANTA 24

FOLLA DE INSCRICIÓN CAMPAMENTO SEMANA SANTA 24

Este recurso está dirixido a nenos/as de idades comprendidas entre os 3 e os 14 anos (ambos incluídos) e ten un aforo limitado a 50 participantes. Desenvolverase en instalacións municipais os días 25, 26, 27 de marzo e o 1 de abril en horario de 8:30 a 14 h.

O prazo de isncrición abrirase o luns 18 de marzo ás 9 h e rematará o venres 22 de marzo á mesma hora. Pode realizarse a través da sede electrónica ou presencialmente no rexistro do Concello do Porriño.

A selección dos/as participantes realizarase previa baremación segundo a data e hora de presentación da solicitude. Terán prioridade os/as nenos/as empadroados/as no Porriño.

 

O comercio do Porriño celebra o Día do Pai con premios

Os comerciantes do Porriño celebran o Día do Pai sorteando varias tarxetas regalo.

Participar é moi doado. Desde hoxe e ata o 19 de marzo instalarán photocalls na rúa peonil, no barrio de San Benito e na rúa Antonio Palacios e toda aquela persoa que queira participar na campaña ten que facerse unha foto e subila as súas redes –Instagram e Facebook- etiquetando a CCA Morea

Entre todos os participantes sortearanse tres tarxetas regalo de 50 € para canxear nos establecementos pertencentes a Morea. Podes etiquetar tantas fotos como queiras e así terás máis opción! .

O sorteo realizarase o día 20 de marzo e anunciaranse os gañadores a través das redes sociais de CCA Morea, ACIPOR.

Ana Gómez recibida entre aplausos tras gañar as seis maratóns máis importantes do mundo

O reto de acabar as maratóns máis importantes e multitudinarias do mundo é moito máis que correr seis carreiras. Trátase dos coñecidos como ‘Abbot World Marathon Majors’, circuito que comprende as seis grandes maratóns entre las que figuran Tokio, Boston, Londres, Berlín, Chicago e Nueva York. Todo aquel ou aquela que o completa faise coa codiciada medalla de seis estrelas.

Só setenta españolas conseguiron este recoñecemento e, entre elas, xa se atopa unha porriñesa, Ana Gómez Sousa, que se uníu ao grupo da élite do atletismo hai unha semana tras completar a maratón de Tokio.

Ana é funcionaria do Concello do Porriño e os seus compañeiros e compañeiras seguen con entusiasmo a súa traxectoria deportiva. Á súa volta a casa, foi sorprendida entre aplausos por toda a plantilla municipal, concelleiros, concelleiras e o alcalde, Alejandro Lorenzo, que lle fixo entrega dun agasallo en recoñecemento polo seu logro, de parte dos seus compañeiros de traballo, do Concello do Porriño e do seu pobo, que sinte un enorme orgullo.

“A súa constancia, o seu empuxe e o enorme sentido de responsabilidade que ten fan que sexa merecedora deste e calquera outro recoñecemento. Ana é quén de conseguir todo o que se propoña e facer que os seus éxitos sexan motivo de ledicia para todos os que a rodeamos”, apuntou o alcalde, “É unha gran compañeira e unha gran persoa”.

Ana comezou no mundo do maratón hai case 10 anos, antes fixo baloncesto e montañismo. Atopouse co atletismo de maneira casual, cando unha amiga a animou a participar nunha carreira benéfica contra o cancro. Eses 5 km despertaron nela a inquedanza que a levou a ir máis a alá e correr a súa primeira maratón, a de Berlín. A día de hoxe, e con moitas máis no seu haber, a porriñesa conta cun palmarés envidiable no que destaca ser a primeira española en entrar en meta na Maratón de Chicago (2019) e ser primeira na súa categoría e terceira na xeral na Maratón de Tromso (Noruega), a maratón de Nova York ou a recén conquistada maratón de Tokio.

Obter información sobre o estado das túas xestións co Concello é agora moito máis fácil

O acceso dos cidadáns e empresas á información do estado das súas xestións con esta entidade está dispoñible xa a través da Carpeta Cidadá do Goberno de España (https://carpetaciudadana.gob.es). Unha nova canle que ven a sumarse á sede electrónica municipal.

Tal e como explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, este avance estratéxico foi posible “grazas a un traballo previo de optimización e normalización dos procedementos municipais, co obxectivo de aportar unha maior eficiencia na prestación de servizos á veciñanza e ofrecer unha información veraz, actualizada e de calidade”. O Concello recibiu un total de 75.198,92 euros do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática a través dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e NextGeneration da Unión Europea. Estas subvencións están destinadas á transformación dixital e modernización das entidades locais.

A adopción da tecnoloxía na xestión administrativa non só simplifica os trámites, senón que tamén axiliza os procesos, reducindo tempos e mellorando a accesibilidade por parte da cidadanía.

A mellora das canles de comunicación coa cidadanía é unha premisa baixo a cal traballa o executivo, polo que xa traballa en varias iniciativas a maiores que como esta reflicten o compromiso do Concello coa modernización e a adaptación ás necesidades actuáis, ofrecendo canles de comunicación e acceso á información municipal desde calquera dispositivo electrónico.

Pódese consultar o vídeo de mostra na seguinte ligazón “Vídeo demo”