Acordo plenario

A corporación municipal acordou no último pleno ordinario, unha reprobación á alcaldesa polo sucedido no pleno extraordinario do venres 22 de outubro. O acordo chegouse, por maioría, con 10 votos do Partido Popular e EU SON, o grupo municipal que fixo a proposta por moción. O PSOE, BNG e UDDL votaron en contra.

O acordo acadado censura á alcaldesa “por actitude antidemocrática e impropia do seu cargo” e “polo abuso reiterado da súa posición de poder nos plenos”, segundo refire o texto da moción aprobada.

O acordo adoptado tamén esixía que o Concello o difundise nos medios informativos e nas redes sociais do Concello.

A alcaldesa acordou co ADIF que a sección subterránea para eliminar o paso a nivel sexa de 320 metros

A alcaldesa Eva García e os técnicos de ADIF especificaron hoxe nunha reunión telemática que o tramo de lousa que cubrirá o ferrocarril para eliminar o paso a nivel actual teña unha lonxitude de 320 metros. De xeito que a alcaldesa conseguiu que prosperase a petición municipal e que ADIF amplíe a lousa por outros 120 metros (60 por cada lado) con respecto á proposta inicial que aparecía no proxecto de obra, que era de 200 metros.

“Significa que co soterramento do tren imos gañar un espazo público moi importante que incluso nos permitirá abrir unha nova rúa e dar máis permeabilidade a esa zona, tanto para o uso peonil como para o tráfico de vehículos”, dixo Eva García, ao final do encontro.

“Debemos traballar neste sentido: mellorar o proxecto na medida do posible e resulte realizable porque moitas veces o ideal está reñido co que é factible”, valorou a alcaldesa.

A partir de agora, o seguinte paso xa será a negociación e sinatura dun convenio entre ADIF e o Concello do Porriño para determinar as condicións económicas da obra, que podería ter un orzamento aproximado de 22 a 24 millóns de euros segundo determinen finalmente os técnicos.

Respecto ao financiamento da obra por parte da administración central, asegurouse á alcaldesa que se achegará dentro dunha partida xenérica de ADIF nos próximos Orzamentos Xerais do Estado.

Audio coa valoración da alcaldesa despois da reunión. 

 

Mozas e mozos do Porriño participarán no II Encontro de Consellos da Infancia e Adolescencia de Galicia

Por segundo ano consecutivo, O Porriño súmase ao Encontro Autonómico de Consellos da Infancia e da Adolescencia, organizado por UNICEF Comité Galicia que vai ter lugar mañá venres 22 e o sábado 23. O encontro desta volta será telemático para protexer o benestar das persoas participantes.

O Porriño xunto cos demais concellos galegos declarados “Cidades Amigas da Infancia”, está convidado a participar para que nenos, nenas e adolescentes fagan as súas propostas á Xunta de Galicia. Por Porriño participarán cinco mozos e mozas que son: Nicolás Freiría Casal, Kiara Vázquez Lescano, Laura Carmona García, Alex Loureiro López e Carla Godoy Magalhaes. 

Este ano versarán sobre o medio ambiente. Segundo informa a OMIX do Porriño que coordina a participación dos representantes locais, nestes dous días estarán debatendo e elaborando propostas para que a nosa comunidade autónoma sexa un lugar máis sostible, verde, menos contaminante e teña en conta a participación da xente máis nova.

No mes de novembro, unha persoa de cada concello pertencentes aos grupos de participación, levarán todas as propostas que traballen estes dous días, ao pleno infantil que celebrará o Parlamento de Galicia o día 16.

O edificio consistorial, alumeado en rosa para conmemorar o Día Mundial contra o Cancro de Mama

O 19 de outubro celébrase o Día Mundial contra o Cancro de Mama. Por este motivo, este martes, á noitiña, o edificio do Concello do Porriño ten unha iluminación especial en rosa claro, tanto na fachada principal como na lateral.

A OMIX do Porriño xunto coas Concellerías de Educación, e de Cultura e Igualdade, e o Consello Municipal de Infancia e Adolescencia animan a toda a poboación porriñesa a compartir nas redes sociais, a campaña para motivar ás mulleres a realizar autodiagnóstico co cancelo #DiaInternacionaldelCancerdeMama.

O 19 de outubro é unha data que busca sensibilizar e concienciar as persoas de todo o mundo sobre a importancia de realizar un exame de mamas regularmente, coa finalidade de detectar calquera signo ou anomalía. Tamén se pretende facer un recordatorio do compromiso da sociedade contra o cancro de mama.

É recomendable que as mulleres fagan os controis necesarios previstos pola sanidade de cada país, así como manter unha alimentación sa e equilibrada, ademais de facer exercicio físico. Todos estes son factores que reducen considerablemente o risco de padecer este tipo de cancro e, en xeral, calquera cancro.

O Concello promove clases de ciberseguridade entre o alumnado porriñés

Lourdes Moure, concelleira de Educación visitou esta tarde o obradoiro sobre ciberseguridade que está a desenvolverse nos centros de ensino secundario porriñeses. A concelleira compartiu actividade con alumnos e alumnas de 3º da ESO no IES Pino Manso.

A concelleira explicou que esta actividade ven motivada polas “novas formas de aprender, crear e comunicarse de xeito que nenas e nenos acceden cada vez máis cedo a dispositivos conectados a Internet. Xa sexa dende o móbil, o ordenador, a tablet ou a videoconsola, se non se forman en ciberseguridade poden correr riscos innecesarios”.

“As ameazas máis habituais nestas idades son o ciberacoso e a ciberviolencia, a suplantación de identidade, as fake news (noticias falsas), as estafas e incluso as adiccións dixitais. Por iso dende o Concello de O Porriño e a OMIX promovemos estas formacións dirixidas a 3º da ESO, para que saquen todo o partido a Internet protexendo a súa integridade física e mental”, engadiu a concelleira Moure Varela.

Trátase dunha actividade escolar das que organiza cada ano a Concellería de Educación coa OMIX do Porriño en colaboración cos centros de ensino do concello. Precisamente Lourdes Moure indicou que o vindeiro mércores 27 de outubro terá lugar a reunión preparatoria coas direccións dos centros educativos para determinar o calendario de actividades de 2022.

O Concello terá unha iluminación especial en catro datas inminentes de conmemoracións

O edificio do Concello terá unha iluminación especial en catro datas conmemorativas nas próximas semanas. A OMIX do Porriño, xunto coa Concellería de Educación e a de Igualdade e Cultura, anunciaron estas accións reivindicativas para estas catro datas: o 19 de outubro, Día Mundial contra o cancro de mama; 24 de outubro, Día Internacional contra o Cambio Climático; o 20 de novembro, Día Universal da Infancia, e o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller.

A primeira destas accións celebrarase o vindeiro martes 19, cando tanto a fachada principal como o lateral do edificio do concello estarán iluminados de cor rosa claro con motivo do Día Mundial contra o cancro de mama, unha data que busca sensibilizar e concienciar as persoas de todo o mundo sobre a importancia de realizar un exame de mamas regularmente, coa finalidade de detectar calquera signo ou anomalía. Tamén se pretende facer un recordatorio do compromiso da sociedade contra o cancro de mama.

Desde a OMIX de Porriño, a Concellería de Educación e o Consello da Infancia e a Adolescencia do noso concello, “animámosvos a que compartades todo o que descubrades sobre o cancro de mama nas vosas redes sociais e a que motivedes ás mulleres para realizaren o auto diagnóstico co cancelo #DíaInternacionaldelCáncerdeMama.

 

A alcaldesa informou ao presidente do Cabildo da illa de A Palma, da achega acordada polo Concello

Esta mañá enviouse a carta que a alcaldesa Eva García dirixe ao presidente do Cabildo da illa de A Palma, Mariano Hernández, informándolle da axuda económica que o Concello do Porriño acordou para os afectados polas erupcións volcánicas.

A rexedora apórtalle o acordo da corporación municipal, acadado no pleno ordinario do 29 de setembro, de enviar unha achega de 20.000 € que se ingresará na conta creada polo propio cabildo insular.

Eva García de la Torre indica na carta que Porriño “é un concello de máis de 20.000 habitantes e non me equivoco se afirmo que o 100% da poboación empatiza co seu sufrimento e a dos seus concidadáns vendo como vidas, traballos, bens, historias quedaron completamente trocadas polas consecuencias devastadoras que está a ocasionar o volcán”.

 

Unha empresa doa un gran motor para instalar nunha rotonda do PPI 5

A empresa “RS Motor Power Solutions”, situada no polígono PPI 5, informou á alcaldesa Eva García de que doarán un gran motor para instalalo na rotonda situada fronte ás instalacións da compañía na Granxa. 

A alcaldesa, acompañada por Lourdes Moure, concelleira de Vías e Obras, e José Antonio Olmedo, xefe de persoal, visitaron o almacén de “RS Motor” onde foron recibidos por Ramón Gómez Rúa e Agustín Alonso, socios propietarios, xunto con Celia Villar, xefe de administración e Analía Martínez, community manager da firma.
A alcaldesa agradeceu no nome do Concello a doazón que fará a empresa. A comitiva comprobou no lugar o punto onde se instalará, na rotonda onde conflúen tres estradas.
O motor, un “Deutz” de 10 toneladas que foi retirado dunha depuradora, será restaurado pola propia empresa para a súa posterior instalación na rotonda, en colaboración cos servizos técnicos municipais.

Concello e ADIF realizaron una reunión técnica sobre o proxecto de supresión do paso a nivel

A alcaldesa Eva García, asistida por técnicos municipais, e a directora xeral de Planificación e Proxectos de ADIF, Monserrat Rallo, tamén asistida por técnicos do seu departamento, mantiveron esta mañá unha reunión telemática para revisar detalles sobre o proxecto de supresión do paso a nivel no centro de Porriño.

A alcaldesa trasladoulle a ADIF a posibilidade de que estuden aumentar a lousa (é dicir, o tramo da vía férrea que será soterrada) para que haxa un espazo peonil máis amplo que permita unha maior trama urbana.

Os técnicos de ADIF valorarán esta posibilidade, que se resolverá nunha próxima reunión técnica, que xa será presencial, que se celebrará en novembro en Madrid.

Eva Garcia amosouse “moi esperanzada” de que o proxecto de supresión do paso a nivel no Porriño reciba unha das partidas de inversións contempladas nos Orzamentos Xerais do Estado para 2022.

Declaracións da alcaldesa