O Tren do Nadal xa está no Porriño!

¡Pasaxeiros ao tren! O Tren de Nadal xa comezou os seus percorridos levando alegría aos nenos dos coles e aos usuarios de Aceesca Asociación , Afaga Alzheimer e os centros de día.

A partir do 26 de decembro, o tren estará aberto ao público, con viaxes gratuítos pola mañá e pola tarde os días 26, 27, 28, 29 de decembro, 2 e 5 de xaneiro. O 30 de decembro circulará só pola mañá. As paradas serán na Praza Arquitecto Antonio Palacios e fronte ao Pavillón Municipal.

Durante o percorrido, os pasaxeiros poderán gozar do espectacular alumeado de Nadal que ilumina as rúas da vila, creando unha atmosfera máxica que acompaña a experiencia. O Tren de Nadal tamén formará parte da Cabalgata de Reis, poñendo o broche final ás festas cun toque especial.

Envellecemento activo e saudable

O Centro Sociocomunitario de Porriño acolleu hoxe a entrega de diplomas aos participantes do taller Cultiva a Mente, un programa impulsado polo Concello do Porriño en colaboración con AFAGA para promover un envellecemento activo e saudable. Este proxecto contou coa participación de 15 persoas maiores de 55 anos, quen, durante varios meses, traballaron na prevención do deterioro neurodexenerativo mediante actividades centradas na estimulación cognitiva, física, emocional e social.

O acto estivo presidido polo alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado pola concelleira de Política Social, Teresa Veloso, e o presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez,  quen felicitou aos participantes. Lorenzo destacou a importancia de iniciativas como esta, subliñando que “coidar da nosa saúde física e mental non só mellora a nosa calidade de vida, senón que tamén nos permite manternos activos e independentes durante máis tempo” e reiterou o seu “forte compromiso coas persoas maiores, intentando responder ás súas necesidades e preocupacións”.

O taller Cultiva a Mente deseñouse como unha resposta integral para fomentar hábitos saudables e proporcionar ferramentas prácticas na vida cotiá dos participantes. Máis aló dos beneficios físicos e cognitivos, este programa tamén buscou fortalecer a capacidade dos asistentes para afrontar os desafíos actuais, desde o acceso á dixitalización ata o compromiso cunha vida activa e sostible.

Os participantes, que acudiron semanalmente ao centro sociocomunitario, destacaron o carácter práctico e dinámico das actividades, que lles permitiron non só adquirir coñecementos, senón tamén reforzar a súa autoestima e conexión social. Como sinalou o alcalde, esta actividade “non só lles ensina a coidar a súa mente, senón a entender que son parte activa de súa propia saúde. E é que a clave está en involucrar ás persoas maiores na construción do seu benestar, nunha contorna que respecta os seus ritmos e necesidades”. 

O grupo retomará o programa á volta das vacacións de Nadal e desde o Concello anunciaron que crearán novos grupos ante a forte demanda.

Os elfos de Papá Noel chegan ao Porriño para recoller máis de 1000 cartas de desexos

Se hai unha festa que nas nosas escolas se celebra con especial cariño é, sen dúbida, o Nadal. O alumnado que cursa ensinanzas de Educación Infantil e Primaria no Porriño recibe desde hoxe a visita dos axudantes de Papá Noel. As concellerías de Educación e Cultura, xunto coa OMIX organizan estas visitas dos elfos aos centros educativos os días 16, 17 e 18 de decembro, para ir con tempo a que as cartas da cativada cheguen ao Polo Norte.

Estes axudantes comezaron a súa andaina o esta mañá no CEIPP Antonio Palacios, CPR Santo Tomás e CPR Hnos. Quiroga, nos que recolleron 412 cartas repletas de desexos. Mañá retomarán a súa actividade nos colexios CEIPP de Atios, EI de Mosende e Aceesca para recibir 217 cartas e o mércores concluirán as súas visitas no CEIP Cruz Budiño, CEIP da Ribeira e CEIP Fernández López para atender as peticións de 406 nenas e nenos.

Realizarán unha visita por cada un dos nosos colexios para saudar os grupos escolares e interactuar con eles (arredor de 1060 alumnos/as), ademais de recibir todos os desexos e ilusións da cativada para estas datas sinaladas tan especiais.

Cestería con alma: Julia de la Cal conquista a artesanía galega

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, recibiron na Casa do Concello a Julia de la Cal, a destacada artesá e deseñadora porriñesa especializada en cestería, quen foi galardoada co prestixioso Premio de Artesanía de Galicia 2024. Este premio, dotado con 9.000 euros, recoñece a súa obra “PERIFERIA #01”.

Julia, quen ten o seu estudo-obradoiro La Parabólica no barrio de San Sebastián, dedicou a súa vida á cestería, unha paixón que descubriu durante a súa formación na Escola Massana de Barcelona, tras estudar Ilustración na Coruña. Desde o seu regreso ao Porriño en 2015, traballou incansablemente, obtendo a Carta de Artesá de Galicia e acumulando unha serie de recoñecementos, entre eles a Bolsa Eloy Xesto de Artesanía de Galicia en 2021, que lle permitiu formarse en técnicas tradicionais de cestería en Francia. Ademais, foi finalista nos Premios Nacionais de Artesanía en 2023 na categoría de Emprendemento.

O seu traballo caracterízase polo uso de vimbia que ela mesma cultiva, creando pezas únicas. Julia destaca polo seu enfoque na sustentabilidade, utilizando vimbia viva para tecer estructuras que reflicten o seu compromiso co medio ambiente.

Programa de incentivos á contratación para promover a inserción dos participantes no obradoiro de emprego

O Concello do Porriño puxo en marcha un novo programa de axudas a través de incentivos á contatación temporal, co obxectivo de facilitar a inserción laboral do alumnado-traballador do Obradoiro Dual de Emprego “Porremprego Cualifica II”. Esta iniciativa, financiada pola Dirección Xeral de Formación para o Emprego e a Orientación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade , busca fomentar a empregabilidade e ocupabilidade dos participantes no obradoiro.

Poderán beneficiarse destas axudas todas as entidades empregadoras, incluídas as persoas autónomas, sociedades civís ou comunidades de bens, cuxa actividade estea relacionada coa formación impartida no obradoiro. En particular, en ocupacións relacionadas cos certificados de profesionalidade de Hostalería: Operacións Básicas de Cociña e Cociña, así como cos certificados de profesionalidade de  Novas tecnoloxías e Economía Dixital : de Operacións de Grabación  e Tratamento de Datos e Documentos e de Actividades Administrativas na Relación co Cliente.

A contratación temporal terá unha duración mínima de 3 meses, e deberá comezar nos días seguintes á finalización do prazo da presentación da  documentación obrigatoria por parte das empresas interesadas no Concello do Porriño. Con tal motivo o prazo para facer as solicitudes está aberto  dende o 9 de decembro 2024 ata o xoves 2 de xaneiro de 2025 para a presentación da documentación obrigatoria según as bases que que figuran na Sede Electrónica de do Porriño: https://oporrino.sedelectronica.gal .

Para máis información poden contactar co teléfono 691 35 37 45

É importante destacar que non poderán acceder a estas axudas as administracións públicas nin entidades vinculadas a elas.

O principal obxectivo deste programa é facilitar a contratación dos participantes no obradoiro dual, garantindo unha duración mínima de 3 meses e unha xornada laboral a tempo completo.  A contía total destinada a estas axudas ascende a 30.000 euros, cunha subvención fixa de 1.500 euros por cada traballador/a contratado/a , ata un máximo de 20 traballadores. 

Charla informativa sobre a limpeza de fincas

O Concello do Porriño en colaboración co Servizo Agrario Galego organiza unha charla informativa sobre a limpeza de fincas situadas na franxa secundaria, arredor de vivendas ou núcleos de poboación, para a prevención de incendios forestais. Será o 17 de decembro, ás 17 h, no Centro Cultural Municipal e participará personal técnico e directivo da sociedade autonómica.

O Seaga inspeccionou máis de 10.000 parcelas no municipio, detectando que aproximadamente o 50% deben someterse a unha limpeza total ou parcial.

As notificacións comezarán a chegar aos propietarios nas próximas semanas, dándolles un prazo de 15 días naturais para cumprir coas súas obrigas de xestión da biomasa. No aviso advírtese de que o incumprimento pode conlevar multas reiteradas cada 3 meses por unha contía de 900 euros por hectárea, ou o proporcional no caso de ser unha parcela de menor superficie. Tamén a execución subsidiaria por parte do Concello co correspondente cargo de gasto ao propietario.

O Porriño presenta o seu V Plan de Igualdade

Nun acto celebrado no Concello, o alcalde Alejandro Lorenzo e a concelleira de Igualdade, Carolina González, presentaron o V Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes, un documento que marca un fito no compromiso do Concello coa igualdade de xénero e o cambio social.

“Hoxe damos un paso importante cara ao futuro”, afirmou o alcalde, quen destacou que este plan non só inclúe unha serie de medidas concretas, senón que tamén reflicte o firme compromiso do Concello coa igualdade de xénero. “No Porriño, a igualdade non é só un obxectivo, é unha realidade á que aspiramos todos os días”, engadiu.

O V Plan de Igualdade, que se implementará entre 2025 e 2028, ten como obxectivo garantir que todas as veciñas e veciños do Concello teñan as mesmas oportunidades, dereitos e liberdades, sen distinción de xénero. Con 10.446 mulleres fronte a 10.116 homes na poboación, o alcalde subliñou a importancia de que “esta equidade se reflicta nas políticas e decisións que tomamos”.

Entre os obxectivos do plan atópanse promover a igualdade real e efectiva, facilitar a conciliación da vida laboral, persoal e familiar, e erradicar a violencia machista, unha das maiores secuelas da sociedade actual. “Cada unha das 50 medidas que propoñemos está deseñada para transformar a sociedade de maneira real”, explicou Lorenzo.

Cabe destacar que o documento ten un forte enfoque educativo, recoñecendo que a clave para o cambio radica nas novas xeracións. “Debemos educar sen roles nin estereotipos de xénero para construír unha sociedade libre de violencia, onde todos e todas podamos vivir sen medo e con liberdade”, afirmou o rexedor.

A concelleira de Igualdade, Carolina González, explicou o documento polo miúdo  agradeceu a todos os que traballaron na elaboración do plan, destacando o labor da responsable do CIM do Porriño. “Non só falamos de medidas concretas, senón dunha folla de ruta que sitúa á igualdade no centro das políticas municipais.  Este plan é un gran paso cara a unha sociedade igualitaria, inclusiva e libre de violencia”, concluíu.

O alcalde pechou o acto reafirmando o compromiso do Concello: “O cambio é posible se estamos unidos na loita pola igualdade. Estamos aquí como administración máis próxima para lideralo”.

Aberto o prazo para inscribirse na Cabalgata de Reis 2024

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Festexos e Cultura, abre o prazo para que as ANPAS dos centros educativos e as asociacións culturais do municipio poidan inscribirse na tradicional Cabalgata de Reis, que terá lugar o próximo domingo 5 de xaneiro de 2025.

A Cabalgata de Reis, un dos eventos máis esperados das festas de Nadal no Porriño, contará con tres carrozas reais acompañadas de dúas de paquetaría e do tren do Nadal, que percorrerán as rúas da vila para levar a ilusión a nenos e maiores. Este ano, as ANPAS e asociacións culturais poderán optar a premios en función do número de participantes que leven á cabalgata.

Requisitos e bases da convocatoria

As ANPAS e asociacións culturais do Concello do Porriño que desexen participar deben contar cun mínimo de seis compoñentes (entre nenos e adultos) e un máximo de 16, con 8 nenos e 8 adultos por grupo. A inscrición estará aberta ata o 20 de decembro de 2024, sendo imprescindible presentar a documentación establecida, que inclúe a fotocopia do CIF da ANPA ou asociación, unha declaración responsable de non ter débedas tributarias nin coa Seguridade Social, así como o certificado orixinal da conta bancaria da entidade.

A inscrición poderán realizarse de forma telemática a través da sede electrónica do Concello.  O número total de prazas está limitado a 76, polo tanto, as ANPAS e asociacións culturais interesadas deben formalizar a súa inscrición o antes posible para garantir a súa participación.

Premios e recompensas

O Concello do Porriño destina un total de 3000 euros en premios para as ANPAS e asociacións culturais que participen na Cabalgata de Reis. Os premios serán os seguintes:

  • 300 euros para ANPAS ou asociacións culturais con entre 6 e 10 participantes.
  • 450 euros para ANPAS ou asociacións culturais con entre 11 e 16 participantes.

DESCARGA AS BASES NA SEGUINTE LIGAZÓN:

400 escolares aprenden a alimentarse de maneira saudable nos colexios

O Concello do Porriño segue apostando pola promoción de hábitos de vida saUdable entre a cativada e a mocidade con múltiples iniciativas centradas na educación. No marco do Plan de Saúde Local a concellería de Sanidade e a OMIX, en colaboración co SERGAS, impulsa un ano máis o programa de “Nutrición na Escola” no que participan 400 escolares de 3º de Educación Primaria e 2ª da ESO. 

O obxectivo desta actividade é promover unha alimentación saudable e tamén a actividade física na infancia e adolescencia; así como reducir o sobrepeso e a obesidad nesta poboación.   Os nenos e nenas que participan aprenden a elixir os alimentos correctamente e nas cantidades adecuadas, favorecendo deste modo o autocontrol da alimentación.

“Promover unha alimentación saudable durante a infancia e os primeiros anos da adolescencia é un aspecto clave para asegurar un correcto crecemento e desenvolvemento de nenos e nenas”, explicou a concelleira, Teresa Veloso.  Ademais, “trátase dunhas etapas moi importantes na adquisición de hábitos alimentarios, polo que é primordial darlle a importancia que merece a alimentación na etapa escolar e desde o Concello non queremos quedar ao marxe”

Mercado de Nadal da AECC do Porriño

A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) do Porriño inaugurou xa o seu tradicional Mercado de Nadal, unha iniciativa solidaria cuxo obxectivo é recadar fondos para apoiar ás familias afectadas polo cancro. Este evento conta coa colaboración do Concello de Porriño e os comercios locais, e estará aberto ao público ata o próximo 30 de decembro, no número 68 da rúa Ramón González, en horario de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.

O Mercado de Nadal ofrece unha ampla variedade de produtos artesanais elaborados polas voluntarias da AECC, así como artigos doados xenerosamente polos comercios da vila. Todo o recadado será destinado á loita contra o cancro, apoiando a aqueles que se enfrontan á enfermidade e aos seus familiares, quen a miúdo atravesan momentos difíciles durante o tratamento.

Mari Palacín, presidenta da AECC do Porriño, destacou a importancia deste tipo de iniciativas: “Desde a AECC de Porriño, queremos achegar o noso gran de area para os enfermos e familiares desta terrible enfermidade. Facémolo con todo o noso agarimo e estamos encantados de recibirvos no noso Mercado de Nadal. Cada pequeno xesto conta e este mercado é unha forma de ofrecer esperanza e apoio a quen máis o necesita.”

Pola súa banda, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, expresou o seu apoio á AECC e ás súas iniciativas:  “Este Mercado de Nadal é un exemplo claro do que significa a solidariedade no Porriño. Estamos moi orgullosos de poder colaborar e constatar que unión dos comercios locais, as voluntarias e as institucións é fundamental para que podamos seguir loitando xuntos contra esta enfermidade e ofrecer o apoio que necesitan os afectados.”