Este xoves, día 3, na Praza de Antonio Palacios, proxección da película ‘Trolls’

Este xoves, día 3 de agosto, ás 9 e media da noite, na Prza Arquitecto Antonio Palacios, ‘Trolls’, unha película do ano 2016, para todos os públicos.

Coñecidos polos seus pelos de cores, tolos e máxicos, os Trolls son as criaturas máis felices e alegres que irrompen no mundo da canción. Pero o seu mundo de arco da vella e cupcakes cambiará para sempre cando o seu líder Poppy (Anna Kendrick) debe embarcarse nunha misión de rescate que a levará moi lonxe do único mundo que sempre coñeceu.

A fin de semana Budiño celebra a Festa na honra a San Salvador

A vindeira fin de semana,  sábado e domingo, 5 e 6 de agosto, organizada pola Comisión de Festas San Blas de Budiño 2018, a parroquia de Budiño celebra a Festa na honra a San Salvador. A mesma empezará ás 11 da mañá do sábado coa misa cantada pola Coral Polifónica do Centro Cultural A Forna e a procesión co grupo de gaitas ‘O son da Forna de Budiño’.

O domingo, logo da misa, ás 2 da tarde chegará a hora do ‘Xantar Popular’ no Torreiro da Forna. Pódense facer as reservas chamando aos teléfonos 605 209 580, preguntando por Balbino, ou ao 653 623 037, preguntando por Vanessa.

Dende as 6 da tarde ‘Verbena’ amenizada pola Orquestra Estrellamar e o Trío Surprise.

Chenlo prepara a ‘IX Festa do Cabrito ao Espeto’, que se celebrará o vindeiro domingo, día 6 de agosto

O vindeiro domingo, 6 de agosto, Chenlo celebrará a “IX Festa do Cabrito ao Espeto”. O campo de fútbol, en Chan da Carreira, será o escenario deste evento que permite recuperar a forma tradicional de cociñar o cabrito nesta zona.

A implicación de todos os vecinos que participan na organización consiguen que, na súa novena edición, a Festa do Cabrito de Chenlo sexa xa un referente na provincia. Dende a organización esperan repetir o éxito das pasadas e recibir a unhas 2.000 persoas .

A partir das 11 da mañá terá lugar unha degustación de pinchos, e dende primeira hora, a comisión organizadora comezará a asar os cabritos que, arredor da 1 e media da tarde, se servirán na comida popular.

Os prezos serán os mesmos da anterior edición: 20€ por cada ración de cabrito, 12€ a ración de churrasco, 180€ un cabrito enteiro e 90€ medio cabrito. Todas as racións inclúen empanada, patacas, bebida, pan, café e un pedazo de rosca.

Durante toda a xornada amenizará a festa un grupo de gaiteiros e, xa pola tarde actuará o grupo musical 3.COM e levarase a cabo o sorteo dun Cabrito dos Cabreiros de Chenlo e varios agasallos entre todos os asistentes.

O evento completarase coa Ruta Cabalar que se desenvolverá pola tarde, a partir das 5, e a actuación musical e dj Mark Novo.

Segue a desenrolarse o Plan de Igualdade do Concello coa posta en marcha do taller ‘Descúbrete, unha nova ollada de ti’

Seguindo a liña de actuación do III Plan de Igualdade de Oportunidades do Concello de Porriño, 2016 – 2019, dende a Concellería de Igualdade, que dirixe Soledad Girón, estase a traballar en distintas liñas de actuación coa posta en marcha de diferentes accións que se recollen no devandito plan, logo de facer unha diagnose da situación social e demográfica do Porriño.

Ditas accións acométense trimestralmente: no primeiro trimestre deste ano abordouse a Saúde, no segundo o Emprego e neste terceiro “abordaremos a  participación social e o  Empoderamento con un claro obxectivo: incrementar a participación da cidadanía na loita a prol da Igualdade entre mulleres e homes, adicando o derradeiro trimestre do ano á Violencia Machista”.

Os vindeiros meses de agosto e setembro, indica Soledad Girón,“realizaremos talleres de crecemento persoal e habilidades sociais”, dende a perspectiva de xénero, “para fomentar nas mulleres as estratexias necesarias para mellorar a comunicación e as relación interpersoais”.

Desde a Concellería de Igualdade saliéntase a importancia do ‘empoderamento feminino’ que facilita as ferramentas precisas para “ampliar a capacidade de configurar as nosas vidas e a súa contorna”.

O taller “Descúbrete, unha nova ollada de ti” ten coma obxectivo “ampliar a conciencia sobre a noa vida, a realización persoal e individual, o descubrimento das diferencias, compartir vivezas e éxitos e comprender que  pódense crear novos camiños individuais,  proporcionar ferramentas imprescindíbeis para afrontar doutro xeito a experiencia da vida e ‘empoderarse’ , tomando conciencia e exercendo o poder de liderar as nosas vidas”.

O taller será o 28, 29 de Agosto e 1 de Setembro, cunha duración de 8 horas, en horario de mañá, no centro Cultural do Porriño. Para máis información e formalizar a inscrición as persoas interesadas poden dirixirse ao CIM do Concello do Porriño ou chamar ao número de teléfono  teléfono 986337429. O número de prazas é limitado.

Millerios de persoas gozaron en Porrigalia que este domingo despediuse ata 2018

Porrrigalia 2017 rematou este domingo con varios dos eventos máis agardados destes días de festa: a final dos Xogos, que este ano consistiron en Tiro de Corda, Tragabolas, Cuadrigas, Tres en Raia, Canasta, Tiro, Esquis Comunitarios e Tiratacos; o Desfile das comparsas, e o espectáculo de luz e fume de Troula Animación.

As finais dos xogos desta edición de Porrigalia estiveron moi disputados e houbo que agardar seica ata as últimos intres das distintas probas para coñecer aos gañadores, que recibiron os seus trofeos e medallas de man da alcaldesa, Eva García de la Torre.

Se os xogos levaron a emoción as gradas do ‘circo’, instalado na Praza de Antonio Palacios, diante do Concello, o desfile dos romanos, galos, exipcios, vikingos, celtas, castrexos e gregos, estivo aínda máis discutido, posto que todos eles amosaron a súa imaxinación, a súa arte, a súa orixinalidade e a súa forza.

O agardado desfile da Garda Pretoriana, xusto antes do apagado do Pebeteiro, co que se remataba o Porrigalia 2017, foi un dos espectáculos máis aplaudidos destes días xunto co impresionante montaxe de ‘Troula Animación’.

Orcos, trolls e animalias… seres saídos da máis profunda escuridade dos tempos, envolveron aos asistentes no seu delirio de bengalas, instrumentos de percusión, fume, iluminación, levando aos presentes a unha peregrinación eterna, sorprendente e fantástica polas rúas do Porriño.

A noite dixo adeus ao son de ‘Pa ti na ma’, coas mellores versións de flamenco, para despedir esta edición de Porrigalia que viuse completa coa Animación na rúa, a cargo da Asociación Cultural Os Zoqueiros do Porriño, a Charanga Os Imperiais a Asociación Cultural San Xurxo de Mosende e Os Festicultores.

Ademais, os miles de asistentes tiveron a oportunidade de coñecer a arte dos Oficios Tradicionais, da Loita Romana, do rock dos galegos de Astarot ou comprobar que Obús segue soando como hai tres décadas.

‘Elixe a túa plataforma de comercio electrónico’, tema do taller deste mércores, día 26, no do Punto SmartPeme do Porriño

O Punto SmartPeme do Porriño organiza o vindeiro mércores, 26 de xullo-ás 7 da tarde-, no Multicentro Municipal de Torneiros o taller, ‘Elixe a túa plataforma de comercio electrónico’.
 
Neste taller amosarase a autónomos e micropemes a evolución e tendencias do comercio electrónico, as ferramentas que existen e ás que poden achegarse e outros puntos clave que deben ter en conta para elixir unha solución ou outra.
Os contidos do taller abranguen: evolución e perspectivas do comercio electrónico en España, tipos de plataformas de venta en liña e como elixir a plataforma máis axeitada para o teu negocio.
 
As persoas interesadas en participar neste taller poden enviar un correo ao enderezo electrónico oporrino.smartpeme@depo.es; chamar ao teléfono 886 20 20 20 ou entrar no portal web SmartPeme – www.smartpeme.depo.es .

#Porrigalia2017 segue co ‘Desfile de Comparsas’ e as Finais dos Xogos antes do peche da man de Troula Animación e ‘Pa ti na ma’

Porrigalia seguiu este domingo co Desfile de Comparsas, que saíu preto do mediodía da Capela de San Sebastián cara á Praza de Antonio Palacios, no que, sen dubida, foi un dos momentos máis salientabéis da edición deste 2017. 

Centos de persoas seguiron o desfile, no que participaron representantes de todas ‘civilizacións’ presentes en Porrigalia.

Así mesmo, os membros da Asociación Cultural Os Zoqueiros, da Charanga Os Imperiais e da Asociación Cultural San Xurxo, de Mosende levaron a música por todo o casco urbán dentro de ‘Animación na Rúa’, que seguirá ata as 11 da noite.

Pola tarde chega o momento da emoción coa Final dos Xogos e a Entrega de Trofeos e Medallas, na Praza de Antonio Palacios; o Desfile da Garda Pretoriana-dende a Capela de San Sebastián ata o Concello- e o apagado do pebeteiro.

Ás 11 da noite o Espectáculo de Luz e Lume de Troula Animación percorrerá as rúas da vila antes de que na Praza de Antonio Palacios empece, ás 12 da noite, o Concerto de ‘Pa ti na ma’, co que quedará pechado este Porrigalia 2017.