O lugar da ‘Volta da Moura’, foi o escenario, este domingo día 6 de agosto, da homenaxe  a 9 veciños do Porriño que foron asasinados polo Exército franquista días despois do golpe de Estado de xullo de 1936.

Os voceiros do Grupo Municipal socialista no Concello do Porriño, Soledad Girón, do BNG, Pedro Pereira, e de EU-SON, Pedro Ocampo, ademaís do concelleiro Orlando Mázquez, estiveron presentes no acto ao que acudiron ducias de persoas, entre elas familiares dos represaliados, veciños, amigos e os alcaldes de Tui, Enrique Cabaleiro, e de Salceda, Marcos Besada.

Un monumento, obra do artista Marcos Escudero, lembra para sempre a Víctor Valverde Mayo, oficial primeiro do Concello do Porriño, Domingos Carpintero, Juan Grova, Marcelino Rey e Demetrio Pérez Mayo, gardas municipais, Adolfo Pérez Mayo, Juan Carpintero e Daniel Pérez Sebes, vixiantes de arbitrios, e Luciano Baladrón, porteiro, todos eles axustizados logo de ser sacados pola forza das súas casas e levados ata a ‘Volta da Moura’ en dúas quendas.

Os seus nomes están a carón da Oliveira na que cada 14 de abril, Día da República, por iniciativa da ‘Asociación Levada Libre’, de Tui, faise unha homenaxe ás persoas que asasinadas polos golpistas hai xa 81 anos.

Xunto aos nomes destes nove veciños do Porriño, noutra das caras do monumento, están esculpidos os das súas mulleres e compañeiras, Asunción, Carmiña, Emilia, Manuela, Carmen, Consolación de la Asunción e Elvira, que como se indicará na mesma pedra, “a pesar da dor infinda, preservaron con orgullo e dignidade todo o lume que portaban os seus ollos e agromara e florecera”.