Benestar social, fomento do emprego, actuacións nas parroquias e  humanizacións, son os eixes fundamentais do novo orzamento do Concello do Porriño, aprobado polo Pleno da Corporación logo de seis anos-dende 2012- nos que as contas municipais tiveron que ser prorrogadas, mesmo durante o mandato dun Goberno local que contaba con maioría absoluta.

En total, este ano investiranse na vila máis de 4,2 millóns de euros, que servirán, para levar o saneamento a Chenlo, Mosende, Pontellas, Cans, Atios ou Budiño e para a mellora do estado das vías públicas- máis de 1,5 millóns de euros; para a urbanización das rúas Coruña e Pontevedra, 370.000€; para a creación de emprego, un 600.000€ e para incrementar as accións no eido do Benestar e Servizos Sociais, en conxunto 1,3 millóns.

As contas reflicten, así mesmo, as inversións que se realizarán no barrio do Contrasto, en Torneiros, vía remanente de Tesourería, que superan os 350.000€ para conectar as casas á Rede Municipal de Abastecemento de Auga, tal e coma se comprometerá a alcaldesa cos veciños e se recolle no plan entregado o pasado mes de decembro á Xunta de Galicia.

Con cargo ao Plan Concellos da Deputación, se recolle a Humanización da Avenida de Galicia, cun proxecto que contempla melloras neste entorno para facilitar o seu aproveitamento e o gozo por parte dos veciños, un proxecto que achégase os 500.000€ e, tamén financiado pola Deputación, o investimento de 1 millón de euros na nova pista de atletismo.

Como subliña a alcaldesa, Eva García de la Torre, estas contas dan “resposta aos problemas do día a día que teñen as veciñas e veciños do Porriño” e son os “primeiros orzamentos consensuados coas forzas da Corporación”.

Neste sentido García de la Torre agradece a “EU SON a actitude de colaboración, aberta a aprobar as contas do Concello con propostas  que van a mellorar o funcionamento dos servizos municipais, como un Plan Integral de Actuación en Torneiros, dotado cun millón de euros, no que haberá unha intervención directa dos veciños, a creación dunha Oficina de Participación Cidadá e as súas aportacións para que haxa unha maior transparencia na xestión municipal”.

Do mesmo xeito, a alcaldesa preza a colaboración e o“traballo conxunto na mellora das condicións de vida das porriñesas e porriñeses con máis dificultades”, por parte da concelleira do grupo municipal de Non Adscritos e, aínda que non foi posible un entendemento total que permitise un voto a prol das novas contas, “maila a que o Goberno local fixo súas gran parte das súas proposicións” , a abstención do BNG, que fixo posible aprobar finalmente os orzamentos municipais.

Eva García de la Torre ve un cambio de talante no Partido Popular aínda que, ao seu entender “redactou unha carta aos Reis Magos, con propostas  non cribles, que non se axustan ás posibilidades reais de gasto o que suporía que tivésemos que desatender servizos básicos” o cal non permitiu incorporar as súas emendas e chegar, finalmente, a un entendemento.