Os romanos levantaron unha fortaleza defensiva de varias hectáreas no Faro de Budiño un lugar no que, ademais, había un asentamento romano construído, posiblemente, hai uns 1.200 anos.

Estas son algunhas das conclusións ás que apuntan os estudos dos arqueólogos Francisco Alonso, Oria Ferreiro, Mario Fernández-que está a facer a súa tese doutoral- José Carlos Sánchez e Tania Rial, pertencentes á Universidade de Santiago de Compostela (USC), e que durante o seu traballo sacaron a luz restos dunha edificación e restos de tellas, cerámica e vidro que, segundo indicaron, poderían ser da época ‘tardo-antiga’, á que os científicos refírense coma ‘séculos escuros’, un dato que podería ser confirmado cando un laboratorio estadounidense remate as probas do ‘Carbono 14’.

O concelleiro de Medio Ambiente, Marcelino Coto, xunto co presidente da Comunidade de Montes de Budiño, José Luis Martínez, visitou os restos e mantivo unha xuntanza co equipo de arqueólogos coa finalidade de “decidir cales serán as medidas que imos tomar dende o Goberno  local para preservar e facilitar o estudo deste importante achádego que é patrimonio de todos os porriñeses”.

A intención de Marcelino Coto é que o Concello, xunto coa Deputación de Pontevedra, impulse e facilite a continuidade do traballo, que se leve adiante un “proxecto de conservación e recuperación neste lugar” e que o mesmo sexa visitado polos porriñeses con especialistas que expliquen a súa importancia e a súa historia.

O concelleiro salientou o feito de que coma indicaron os arqueólogos, ata hoxe non se fixera unha escavación así nun xacemiento semellante en toda Galicia, e que se tratase dunha ‘acrópole’ que formaba parte dunha construción composta por tres ‘coutos’, con tres liñas de murallas, que puideron ocupar, en conxunto, unhas 11 hectáreas, facendo do Faro de Budiño, coma salientou Mario Fernández, “unha grande fortaleza” en altura.