Este sábado, Raimundo Amador e Javier Vargas inician no Porriño a xira das súas ‘Noites de flamenco e blues’

O Porriño será este sábado, día 29, ás 10 e media da noite, o ‘primeiro paso’ da xira do espectáculo ‘Noites de flamenco e blues’, da man de Raimundo Amador e Javier Vargas e a a súa ‘Vargas Blues Band’.

O considerado ‘concerto estrela’ das Festas do Cristo 2018, arrancará no escenario instalado na rúa Domingo Bueno, primeiro con actuacións de cada un dos protagonistas por separado para tocar xuntos, de seguido, no que se agarda que sexa o momento máxico co blues e o flamenco complementándose grazas a dous dos músicos máis singulares do país.

Como subliña, de novo, a alcaldesa, Eva García de la Torre, este concerto, “coma todas as actividades, eventos e actuacións  programadas, será de balde”, algo que foi un dos eixes da programación das Festas do Cristo deste ano que, salienta a alcaldesa, grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, abranguen , ao longo de máis de dúas semanas, “74 propostas, dende deporte a teatro, pasando pola música, animación na rúa, obradoiros, ou gastronomía de primeiro nivel coa celebración da 25ª Festa dos Callos o vindeiro domingo, día 30”.

Este domingo, día 30 de setembro, os mellores callos do mundo sírvense no Porriño

¿Queres probar os “mellores callos do mundo”?, o domingo que vén, día 30, en plenas Festas do Cristo, os entusiastas deste plato poderán gozar del en 38 locais do Porriño: Amaquía, A Capela, A Francachela, Adega de Montero Vinoteca, Argentino 2, Bar Celtiña, Bar Liceum, Café Bar Adèle, Cafetería Alameda, Cafetería El Sol, Cafetería O Porriño, Cafetería Platinum, Cafetería Rami, Cafetería Xuntos, Cólleo con Pinzas, El Alambre del Abuelo, Elcincuentaicinco, Hamburguesería Fran, Hotel Parque, La Bici, La Cueva, La de Chato, La Pantera Rosa, Los Milagros Panadería, Maloserá, Mesón Mondariz, Milenium 33, O Xantar de Pepa, Paso a Nivel, Restaurante Manolo, Restaurante Pontenova, Restaurante Val da Louriña, Saspi, Scala, Tapería Maracaibo, The Classic, Timarsane, en Torneiros, e Zentral.

https://www.facebook.com/ConcellodoPorrino/videos/2129762194007603/

A alcaldesa, Eva García de la Torre, o concelleiro de Comercio, Marcelino Coto-convencido da idea de que “no Porriño temos os mellores callos do planeta”, o presidente da Asociación de Hostaleiros do Porriño, José Manuel Fernández, a xerente da Asociación de Comerciantes e Industriai do Porriño (ACIPOR), Noelia Conde, e unha das grandes atraccións deste ano, o pregoeiro: o grande futbolista Antonio Pexegueiro Riveiro, “Vavá”, presentaron esta festa gastronómica que cumpre este 2018 as súas ‘Bodas de Prata’.

https://www.facebook.com/ConcellodoPorrino/videos/249278612454866/

Parte do espectáculo que agarda no pregón adiantouno xa ‘Vavá’ na presentación desvelando a súa receita dos callos-que as e os interesados poden ainda recuperar entrando no Facebook e Twitter do Concello do Porriño-; outro dos atractivos foi a “grande variedade” de presentación e xeitos de servir os callos, entre elas os famosos callos con pasta ou a receita vegana e sen glute e, cómo non, o poder acompañar este plato co inigualable pan do Porriño.

https://www.facebook.com/ConcellodoPorrino/videos/151415799126199/

Outro dos motivos para non deixar de estar no Porriño este domingo será o prezo das racións: 4,5€-o mesmo que a edición de 2017- ou 4€ se os callos son para levar, algo moi recomendable para quen vaia a xantar ese día en familia e queira quedar coma un rei.

@festivaldecans noraboa polo merecido Premio da Cultura Galega 2018 no eido Audiovisual!

O Concello do Porriño amosa o seu orgullo e transmite, no nome de todas as veciñas e veciños a noraboa ao Festival de Cine de Cans que vén de ser distinguido co Premio da Cultura Galega 2018 n eido Audiovisual.

O festival, feito íntegramente no Porriño, por porriñesas e porriñeses, obtivo o premio outorgado polo Goberno de Galicia, xunto ao lucense Ramón Villares, Antón Santamarina, Xosé María Álvarez Cáccamo, Luz Darriba, o Festival Internacional de Outono de Teatro-FIOT, o grupo A Roda e a Asociación O Sorriso de Daniel.

A Cidade da Cultura acolleu este luns a reunión do xurado, presidido polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e do que tamén formaron parte o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manuel Núñez Seixas; a tesoureira da Real Academia Galega, Marilar Aleixandre; a académica numeraria da Real Academia de Belas Artes A nosa Señora do Rosario, Asunta Rodríguez; o reitor da Universidade de A Coruña, Julio Abalde, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella.

A alcadesa súmase á iniciativa da @depo_es ‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’ e subliña a importancia de “desterrar os micromachismos e os macromachismos’

A alcaldesa, Eva García de la Torre, e a deputada provincial de Cohesión Social e xuventude, Digna Rivas, presidiron este xoves, na Praza de Antonio Palacios, “Mulleres en Acción. Violencia Zero” unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra  que é unha aposta decidida e visual pola loita contra as violencias machistas.

A actriz Mónica Camaño coa súa interpretación de “Proxecto Aurora” representou diante dun cento de alumnas e alumnas dos centros José Fernández López e Hermanos Quiroga, escenas nas que empregando frases que aínda se escoitan de cote, coma  a muller e a sartén na cociña están ben”, e que son un exemplo moi claro de actitudes e comportamentos machistas e intolerantes que so buscan degradar ás mulleres.

Digna Rivas asegurou aos estudantes que acudiron ao acto que son a clave para rematar coa lacra dos asasinatos por violencia de xénero”, con comportamentos que rexeitan ese machismo e son acordes coa igualdade, unha meta na que o goberno da Deputación, dirixido por Carmela Silva é pioneiro coa creación dunha área de Igualdade que traballa para desterrar os comportamentos e actitudes machistas.

A alcaldesa sinalou que “a discriminación e a violencia contra as mulleres non vai cambiar se a mentalidade dos mozos non cambia e temos que empezar por desterrar os micromachismos e os macromachismos que conducen á violencia”.

García de la Torre insisto una importancia de que “as mulleres deixemos moi claro que somos iguais, exactamente iguais en dereitos que os homes”.

@depo_es trae este xoves, día 20, ao Porriño o programa ‘Violencia Zero’ da man da actriz Mónica Camaño

A deputada de igualdade, Digna Rivas, xunto á alcaldesa, Eva García de la Torre, participarán este xoves, 20 de setembro, na 21ª intervención artística do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”.

Trátase dunha iniciativa da Deputación de Pontevedra que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

A acción escénica, que terá lugar ao mediodía na Praza de Antonio Palacios, será protagonizada pola actriz galega Mónica Camaño, unha artista cunha longa experiencia e que participou en series como Serramoura, O Códice ou Matalobos; en longametraxes como Doentes, A biblioteca da iguana, O bosque de Levas ou O club da calceta.

A obra que representará Inherente Teatro é “Proxecto Aurora”. Trátase dunha acción escénica na que se fará un chamamento ao fin das violencias machistas e das actitudes patriarcais que, por desgracia, son tan frecuentes na actualidade. Á acción asistirán, xunto ao seu profesorado, alumnos e alumnas dos centros José Fernández López e Hermanos Quiroga.

Axentes da Policía Local arrestan no Porriño a un individuo de 60 anos coma presunto autor un delito de violencia de xénero

Axentes da Policía Local do Porriño arrestaron este luns pasado, día 17, a J.A.S.V., un individuo de 60 anos de idade, coma presunto autor de un delito de violencia de xénero.

Segundo indica o responsable da Policía Local, os feitos sucederon ás 20:39 horas de antonte: a esa hora a vítima achegouse á Xefatura para denunciar que viña de ser agredida pola súa parella, “amosando uns claros hematomas”.

Axiña activouse o protocolo de actuación establecido na Policía para situación de violencia machista, sendo trasladada a vítima ao Punto de Atención Continuada (PAC) de urxencia do Centro de Saúde do Porriño para que fora asistida e, posteriormente, tramitando a presentación da denuncia contra o suposto agresor, “atopándose, en todo momento, acompañada polos axentes, ata a detención da súa parella”.

Do mesmo xeito, deuse aviso ao servizo xurídico do Centro de Información á Muller (CIM) do Porriño, para que asesorase á denunciante.

Logo de varias xestións, ás 22:10 horas foi detido o presunto autor dos feitos e presentado ante o Xulgado de 1ª Instancia e Instrución nº 3 do Porriño, que atende os casos de violencia de xénero.

Pinchonen@ este sábado co ‘Obradoiro de chocolates e galletas’ da cociñeira e blogueira Inés Carcacía

Este sábado, día 15, as actividades do Pinchonen@ comezaron ao mediodía cun ‘Obradoiro de chocolates e galletas’, coa famosa cociñeira e blogueira Inés Caracía, na que as rapazas e rapaces participantes aprenderon a facer estesalimentos;  ás 6 da tarde está un Show Cooking, impartido por Miri e as 9 da noite Photocall, todo coa participación de Noemí Fernández.

As persoas interesadas en seguir case en directo as actividades e o minuto a minuto deste ‘Pinchonen@’ poden facelo entrando no seu perfil de Facebook, creado para esta ocasión, www.facebook.com/pinchonenao.

Os convenios asinados dende o Concello con empresas de automoción acadaron, no que vai deste ano, un total de 46 contratos de traballo, o 73% dos participantes na formación

O vindeiro luns, día 17 de setembro, 7 participantes no ‘Curso de carretilleiro e loxística’ no Grupo Maviva, especializado en  servizos loxísticos e premontaxes para o automóbil, comezan na planta desta empresa a súa formación práctica.

Dende a Concellería de Emprego e Formación, que dirixe Soledad Girón, subliñase que no que vai deste ano executáronse xa 14 convenios de formación en empresas do sector da automoción, entre elas Maviva, Gestamp, Viza, Grupo Automotive Systems SA e Lear.

Estes convenios con empresas da automoción, que abranguen formación teórica en instalación do Concello do Porriño e formación práctica nas mesmas empresas, “contaron nos meses que transcorreron deste 2018 con 66 participantes dos que 46 foron contratados polas empresas, o que representa un 73%”.

A concelleira subliña que nalgúns casos, coma no do curso de soldadura ‘Mig Mag’, “acadouse un 100 por 100 con 8 participantes que foron contratados pola empresa coa que se asinara o  el convenio de colaboración”.

A Concellería de Vías e Obras, coordinando os seus traballos cos de asfaltado que realiza a Deputación na EP-2405, leva o saneamento a 11 vivendas do barrio de Casal, na parroquia de Budiño

A Concellería de Vías e Obras, simultaneando os seus traballos cos de asfaltado que a Deputación de Pontevedra está a realizar na estrada EP-2405, ao seu paso polo barrio de Casal, na parroquia de Budiño, está a levar o saneamento a 11 vivendas deste lugar.

Manuel Carrera lembra que para poder realizar esta obra o Goberno local aprobara, pola vía de urxencia, a redacción dun proxecto que supuxo impulsar unha modificación orzamentaria “moi criticada polo Partido Popular”, dado que se fixera pouco tempo despois de que o Pleno aprobase os orzamentos municipais, os primeiros que ten O Porriño en seis anos.

“Pois ben”, engade o tenente de alcalde, “grazas a ese proxecto e esa modificación orzamentaria, que era necesaria, en contra do criterio amosado polo PP, as veciñas e veciños desta parte de Casal verán cumprida unha antiga demanda e, o que é moito máis importante: terán acceso ao saneamento, que é o que tiñamos que garantir dende o Concello”.

Carrera subliña que para que isto sexa unha realidade vanse instalar 518 metros lineais de tubaxe de 315 mm de diámetro, se completarán 11 acometidas, remataremos 19 pozos de rexistro e 5 sumidoiros de pluviais, ademais de varios ‘cruzamentos’ de  abastecemento para vivendas que precisaban pasar á outra parte da estrada para acceder á rede municipal.

Manuel Carrera amosa a súa “ledicia” por cumprir cunha demanda de hai anos das veciñas e veciños e agradece á Deputación de Pontevedra que “atendese, de novo, as nosas solicitudes” arranxando unha estrada que ten treitos que non se tocaban dende hai máis de 10 anos.

As obras que comezaron hai dúas semanas e que contan cun orzamento total de 50.000 euros, estarán rematadas a principio do vindeiro mes de outubro.

O Porriño celebra este venres e sábado o ‘1º Pinchonen@’, coa participación de Miri, de Masterchef5, a blogueira e cociñeira Inés Carcacía, e Noemí García, finalista de ‘La Voz Kids’

A concelleira de Xuventude, Lourdes Moure, a responsable de Festas, Soledad Girón, e o concelleiro de Limpeza, Orlando Mázquez, inauguraron este venres a 1ª edición do ‘Pinchonen@’, organizado a través da OMIX do Porriño, como parte da iniciativa de participación infantil e adolescente, enmarcada na candidatura do Porriño ao recoñecemento de Cidade Amiga da Infancia de UNICEF.

O Consello Municipal de Infancia do Porriño,  órgano  que  representa a tódolos nenos, nenas e adolescentes da vila, acordara no seu último Pleno, entre outras iniciativas, a  realización do  “Pinchonen@” con produtos saudables e “non tan saudables” durante as datas  14 e 15  do mes de setembro,  coincidindo coa antesala das Festas do Cristo.

Miri, de Masterchef5, a cociñeira Inés Carcacía e Noemí finalista de La Voz Kids

Este 1º ‘Pinchonen@’ empeza a andar cunha completa axenda de actividades que terán coma escenario a   ‘Carpa do Roxy’ que hoxe acolleu a devandita presentación coa presenza de Miri, concursante de ‘Masterchef5’-á que os seus fans poden seguir na súa conta de Instagram @mirimchef5-  e da porriñesa Noemí García, finalista de ‘La Voz Kids’, seguida do concerto infantil ‘Eu cociño, ti cociñas?’, do grupo Mamá Cabral.

Mañá, sábado, día 15, as actividades empezarán ao mediodía cun ‘Obradoiro de chocolates e galletas’, coa famosa cociñeira e blogueira Inés Caracía; ás 6 da tarde un Show Cooking, impartido por Miri e as 9 da noite Photocall, todo coa participación de Noemí Fernández.

As persoas interesadas en seguir case en directo  as actividades e o minuto a minuto deste ‘Pinchonen@’ poden facelo entrando no seu perfil de Facebook, creado para esta ocasión, www.facebook.com/pinchonenao.