A banda folk “Abril” actúa este sábado no Porriño

A praza Arquitecto Antonio Palacios acollerá este sábado, a partir das 21 h, un dos concertos do ciclo Cultura no Camiño, da Xunta de Galicia, a cargo da formación de música folk Abril.

Abril está formado por Mariña Carpente ao violín, Claudia Abril á voz e pandeireta e Antón Lago á guitarra clásica.

As distintas influencias musicais do trío vigués conflúen no seu repertorio, que inclúe melodias tradicionais galegas e tamén do resto da península arranxadas e mesturadas con ambientes sonoros máis actualizados. Para isto utilizan guitarra flamenca, arranxos de fiddle con influencias americanas e europeas e percusións tradicionais ibéricas. Tamén utilizan todas a voz como acompañamento e harmonías das músicas modernas.

Bonificacións de ata o 95% no ICIO e o IAE aos autónomos e empresarios que aposten polo Porriño

Os autónomos e empresarios que aposten polo Porriño para desenvolver a súa actividade produtiva poderán beneficiarse de bonificacións no IAE e no ICIO de ata o 95%.
 
O Goberno Municipal levou a pleno o pasado luns a modificación das dúas ordenanzas fiscais que regulan estes impostos, co fin de promover a implantación e fixación de empresas no municipio e impulsar a actividade económica. Unha vez aprobadas inicialmente en sesión plenaria, estes acordos levaranse a exposición pública para poder aprobarse definitivamente e entrar en vigor.
 
No tocante ao Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) inclúense unha bonificación do 35% da cota ás empresas que utilicen ou xeneren enerxía renovables, un 40% ás que instalen puntos de recarga para vehículos eléctricos e bonificacións de ata un 95% para aquelas que creen emprego (95% para as que creen máis de 20 postos de traballo, 75% polos 11 traballadores e 50% para os que creen ata 10 postos de emprego).
 
Respecto do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras aplicarase unha bonificación do 95% da cota ás obras que sexan declaradas de “Especial interese ou utilidade municipal por concurrir circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento do emprego”; do 50% pola posta en marcha de proxectos empresarias de interese municipal e do 30% para a instalación de aproveitamento térmico ou eléctrico de enerxía solar, que será do 95% no caso de uso residencial.
 
Esta medida beneficiará ao conxunto da veciñanza e permitirá ao Porriño adquirir a condición de Concello Emprendendor.

O Porriño favorece a conciliación cunha nova actividade infantil

Do 14 de agosto ao 8 de setembro as/os nenas/os poderán disfrutar dun obradoiro ludoteca no que realizarán múltiples actividades

A concellería de Igualdade, que dirixe Carolina González, organiza unha nova actividade dirixida aos rapaces e rapazas de 3 a 12 anos de idade co fin de facilitar a conciliación da vida familiar e laboral. Terá lugar entre o 14 de agosto ao 8 de setembro en horario de mañá, de 9 a 14h.

Esta actividade desenvolverase dentro do proxecto “Medidas de impulso por unha mellora na búsqueda de emprego e incorporación ao mercado laboral das mulleres con cargas familiares” cofinanciado pola FEMP e IMS, no marco do convenio suscrito o 31 de marzo de 2023.

O prazo de inscrición abrirase o 2 de agosto, ás 9 h, e pecharase o 8 do mesmo mes, tamén ás 9 h.

A folla de inscrición estará a disposición das/os interesadas/os , na páxina web do Concello a partir do 1 de agosto. A listaxe de persoas admitidas publicarase na web do Concello do Porriño o día 9 de agosto.

As prazas están limitadas a 50 participantes e a selección realizarase previa baremación por orde de rexistro de entrada, tendo prioridade as nenas e nenos empadroados no Porriño.

Chenlo prepárase para celebrar a XIII Festa do Cabrito ao Espeto

A parroquia de Chenlo celebra o 6 de agosto a décimo terceira edición da súa Festa do Cabrito ao Espeto. Como cada primeiro domingo de agosto, o campo de fútbol en Chan da Carreira, acollerá esta festa gastronómica que grazas ao esforzo e á implicación dos veciños, logrou consolidarse como evento de referencia en toda a provincial.

Os verdadeiros cabritos, acompañados polo alcalde Alejandro Lorenzo, que é un deles, presentaron a nova edición que aspira a repetir o éxito das anteriores. A parroquia preparará preto de 100 cabritos con todo disposto para recibir a centos de comensais.

A festa arrancará ás 11 h coa degustación de pinchos , amenizada por un grupo de gaiteiros e unha charanga. Ás 13 h dará comezo a comida popular do Cabrito ao Espeto, na que todos poderán degustar este exquisito prato elaborado na súa forma máis tradicional. A nota musical da xornada correrá a cargo do grupo 3.COM e como cada ano levarase a cabo entre todos os asistentes o sorteo dun cabrito dos Cabreiros de Chenlo.

No tocante aos prezos, o cabrito enteiro terá un custe de 220 euros, medio cabrito 110 euros, a ración de churrasco será de 20euros e o pincho degustación de 5 euros. Este ano hai unha novidade, o Combo para parellas que costará 70 euros.

As reservas pódense facer físicamente ata o venres, 4 de agosto no restaurante Timarsane, no Café Bar Lourambal e na tenda de Natursueño Porriño. Tamén se pode se pode ata o 3 de agosto facendo unha unhta trasferencia na conta ES24 2100 9302 0051 3345 e enviando o comprobante de pago a cabritoespeto@chenlo.gal ou ao whatsapp 666979043 indicando número de persoas e teléfono de contacto. Para máis información podedes chamar aos números 647142782 ou 666979043.

“Para min esta festa é orgullo e identidade, ademais de significar a unión de toda unha parroquia que se xunta para pasar un día marabilloso xunto a todos os que nos visitan”, explicou o rexedor, animando a todas e todos “a visitarnos e gozar con nós da nosa gastronomía e da nosa xente”.

I Tractorada de Chenlo

Este ano a festa gastronómica terá como antesala un evento que arranca con ánimo de consolidarse tamén. Trátase da I Tractorada de Chenlo, que ofrecerá unha exhibición de tractores clásicos e novos a todo aquel que se achegue ao campo de fútbol o 5 de agosto. A partir das 17 h comezarán a ruxir os motores e comezará a festa, con premios, agasallos para os participantes e o chouripán para coller forzas.

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño avanza no seu plan de sustentabilidade turística en destino PSTD

A concelleira de Turismo do Porriño, Vanessa Ucha, participou onte na reunión mantida por representantes de todos os concellos que conforman o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño , do que forma parte O Porriño.

O Xeodestino acadou unha subvención de fondos europeos por valor de 1,5 millóns de euros ao abeiro da convocatoria extraordinaria do ano 2022 de Plans de Sostibilidade Turística en Destino PSTD, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e do Fondo Next Generetion EU.

Na xuntanza sentáronse as bases e concretouse a folla de ruta dos vindeiros meses, constituiuse un equipo de traballo e preparouse a firma do convenio que permitirá seguir avanza na execución do PSTD “A Despensa de Galicia”, que poñerá en valor a calidade e diversidade dos produtos do territorio.

Deste xeito, os concellos que conforman o Xeodestino pechan o mes de xullo dando un paso máis na súa estratexia turística común.

Iniciamos o procedemento para converternos en Concello Emprendedor

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo , decretou o inicio dos trámites precisos para que o Concello do Porriño se adhira a iniciativa de Concellos emprendedores. Co obxectivo de sumarse a este protocolo de impulso á iniciativa empresarial, o vindeiro luns levaranse a pleno as modificacións precisas nas ordenanzas fiscais que regulan os impostos do ICIO e o IAE, que permitirán completar os requisitos necesarios para solicitar a adhesión á rede.

“A declaración da Concello Emprendedor é algo que o noso tecido empresarial leva reclamando tempo e que beneficiará á veciñanza do Porriño, xa que facilitará o asentamento de empresas no noso termo municipal, e con elas a creación de emprego de calidade, e impulsará o emprendemento”, explicou o alcalde, “Con este acordo entre administracións facilitaremos o acceso a solo industrial e aportaremos estabilidade e seguridade xurídica, algo esencial neste momento para impulsar un proxecto empresarial”.

Así, o Concello comprométese a proporcionar ás empresas e persoas emprendedoras máis incentivos fiscais, con bonificacións de ata o 95% no IBI, IAE e ICIO a aqueles proxectos que impliquen implantación ou ampliación de empresas, simplificación administrativa e máis facilidades de acceso a solo industrial, con bonificacións e incorporación do dereito de superficie para favorecer o acceso a solo empresarial no Porriño.

Pola súa parte, a Xunta de Galicia establecerá unha discriminación positiva na ordes de axudas , que se convocan en réxime de concorrencia competitiva tanto a favor do concello como das empresas, autónomos ou entidades sen ánimo de lucro para a implantación de iniciativas empresariais no Porriño.

O Porriño acollerá a I Carreira de Empresas de Galicia: un evento solidario que promove a actividade deportiva

As empresas galegas teñen unha cita co running no Porriño o vindeiro 8 de outubro. A vila do Louro acollerá a primeira edición da Carreira de Empresas de Galicia, un novo formato en auxe das carreiras populares para o fomento da práctica deportiva nas empresas, apostando polo benestar a nivel persoal e laboral. Tal e como se indica dende a organización, a práctica deportiva por parte dos empregados mellora o seu rendemento e desempeño laboral, polo que as empresas que apostan polo talento deben preocuparse polo benestar dos seus traballadores en todas as súas dimensións.

Neste peculiar evento poderán participar traballadores por conta allea (sempre que se inscriban como equipo de ata 4 compoñentes todos da mesma empresa ou ben sexan socios acreditados da mesma), profesionais autónomos ou parados de maneira individual ou atletas ou deportistas individuais. É dicir, non é necesario participar como traballador en equipo, calquera pode facelo!

A carreira está organizada polo Interrunning Club, en colaboración co Concello do Porriño, e aspira a superar todas as expectativas.

O prazo de inscrición abrirá o próximo 31 de xullo en https://ccnorte.com e o custe será de 8 euros (do 31 de xullo ao 15 de agosto) e de 10 euros (do 16 de agosto ao 30 de setembro). Hay que destacar o carácter solidario deste evento, xa que o importe íntegro da inscrición será doado á Asociación Bicos de Papel (Asociación de axuda aos Nenos Oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro).

Serán un total de 3 carreiras: unha andaina de 6 km, unha carreira de 5 ou 10 km e unha carreira de 100 metros para os Pitufos. A idade mínima para participar é de 16 anos, excepto na proba dos Pitufos (nados a partir do 1 de xaneiro do 2019). A andaina e a proba de Pitufos son probas non competitivas pero as carreiras 5K e 10K si o son.

Danos ao mobiliario urbano

Dende as concellerías de Parques e Xardíns e Limpeza denuncian que nos últimos días téñense producido unha serie de danos contra o mobiliario urbano, aparecendo pintadas nos elementos de xogo dos parques infantís, colectores de lixo, marquesinas e outros elementos que se atopan na vía pública.

Isto conleva que teñan que ser inutilizados para a súa reparación e un perxuízo económico que pagamos todos, o mobiliario urbano é patrimonio de todas as veciñas e veciños do Porriño. Por iso, dende o Concello do Porriño facemos un chamamento ao civismo e a que non se repitan estas accións que perxudican ao conxunto da cidadanía.

Lembramos que estes feitos son constitutivos de infracción administrativa, contemplando sancións económicas que van dende os 100 aos 600 euros

O autobús LabEmprende fai escala no Porriño

O busde Lab Emprende, o proxecto educativo itinerante promovido pola Fundación La Caixa a través de EduCaixa, fixo escala no Porriño, incluíndo a nosa vila no percorrido que está realizando por diferentes localidades de España, para que pequenos e maiores, principalmente mozos, coñezan o mundo do emprendemento.
 
Para iso utilizan as últimas tecnoloxías, creando un espazo multimedia con diferentes actividades interactivas, que poñen de manifesto o proceso do emprendemento, as súas características e os valores dunha actitude emprendedora.
 
A concelleira de Educación, Carolina González, visitou a unidade móbil esta mañá para coñecer de primeira man como se desenvolve esta actividade que conta coa colaboración do Concello do Porriño.
O espazo interior de este bus comprende cinco ámbitos de experimentación: Emprender é unha actitude; Somos emprendedores; Mira. Aprende a observar; Pensa. Solucións innovadoras; Fai. Da idea ao negocio e Empeza. Si queres, podes.
 
Ao LabEmprende poden subirse principalmente mozos e mozas de idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos.
 
“É unha proposta moi interesante que permitirá aos mozos e mozas estimular novas formas de pensar e de actuar, permitíndolles desplegar os seus talentos e potenciais”, apuntou a concelleira, “Por iso convido á mocidade a visitar este bus e descubrir todo o que lles pode ofrecer”.

O Parque Piñeiro estreará novas zonas de xogo e espazos de lecer

O Concello do Porriño está a executar as obras de reacondicionamento e mellora do Parque Piñeiro, en Torneiros, unha área de xogo que constitúe o principal punto de encontro para os nenos e nenas da parroquia e da que gozan preto de 800 pequenos e pequenas que residen na súa contorna, ademais do alumnado dos centros educativos próximos que o utilizan como espazo de aprendizaxe ao aire libre.
 
“A situación que presentan moitos dos elementos instalados nesta área infantil poñen en perigo a seguridade dos nenos e nenas que diariamente concorren ao mesmo, polo que resultaba imprescindible a súa reparación”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.
 
O proxecto, que conta cun orzamento de 44.103 euros, reacondicionará un espazo de 1.300 m2 e inclúe a creación unha nova área de xogo, ampliando a oferta de actividades de lecer a nenos e nenas de idades post-infantís nunha área de 550 m2.
 
Os traballos contemplan a reparación e substitución de elementos de xogo danados, a reparación do pavimento, instalación de novos elementos como un novo tobogán, unha tirolesa de 20 metros de lonxitude ou unha pirámide de 3,5 m de altura, así como novo mobiliario urbano que fará deste un espazo verde para distrute de todas e todos.
 
Cabe destacar que se integrarán os xogos habituais con xogos accesibles e adaptados para nenos e nenas con problemas de mobilidade, para todas e todos poidan facer uso por igual deste parque.
“Queremos ampliar a oferta de actividades de espazos e actividades de lecer en Torneiros e no resto do Porriño, ofrecendo novas posibilidades de xogo activo para fomentar o desenvolvemento físico, cognitivo, emocional e social dos máis pequenos”, concluíu o rexedor.
 
Esta é unha das intervencións impulsadas polo Concello do Porriño para a posta en valor da parroquia de Torneiros, unha das máis poboadas do municipio con 3.950 habitantes. Os polígonos residenciais, onde se atopa o Parque Piñeiro, concentran o 98% da súa poboación e neste punto estase a intervir con diversas actuacións de mellora, entre as que destaca o proxecto de rehabilitación a nivel de barrio que achegará 1 M á veciñanza para a reparación das súas vivendas. Nas próximas semanas publicaranse as bases para a solicitude destas axudas.
 
Ademais, o Concello do Porriño adianta que destinará 300.000 euros máis de fondos propios a diferentes melloras e obras dirixidas a mellorar a calidade de vida da veciñanza desta parroquia.