A Biblioteca Municipal do Porriño, que depende directamente da Alcaldía, é segundo os datos proporcionados pola Xunta, unha das 4 mellores bibliotecas públicas de Galicia.

Na actualidade, dacordo cos devanditos datos, a Biblioteca Municipal do Porriño é a primeira biblioteca galega en número de préstamos por habitante, superando un crecemento do 1.000% nos últimos 11 anos, un aumento que, dacordo coas estatísticas do primeiro trimestre deste 2018, indican que o número de préstamos aumentou un 30% en relación co mesmo período do ano pasado.

Hoxe a Biblioteca Municipal ten preto de 6.100 usuarios, está recoñecida pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) coma unha das 350 mellores bibliotecas do Estado, recibindo esta distinción ata en 13 ocasións entre os anos 2002 e 2017 e, entre outros recoñecementos conta con Premio Mes de Abril da Xunta de Galicia, Mención Especial do Premio María Moliner de Animación á Lectura, do Ministerio de Cultura ou o 1º Premio Nacional de Animación á Lectura.

En febreiro de 2017 a Consellería de Cultura elixiu á Biblioteca do Porriño para integrarse na renovada Rede de Bibliotecas de Galicia baseada na plataforma de software de código aberto Koha; un ano antes puxo en marcha un programa de actividades, que seguiu en 2017 e 2018, no que participaron varios centos de persoas.

As devanditas actividades abranguen obradoiros de alfabetización dixital para persoas maiores, clubs de lectura, grupos de conversa en alemán e inglés con profesores titulados, obradoiros de fotografía dixital con profesionais, de escritura creativa, roteiros, cursos de cociña ou documentais.

Ese 2018, a Biblioteca ten en marcha o programa ‘Bibliocultura’, que supón a realización dunha obra de teatro infantil ao mes coa finalidade de animar á lectura e achegar as artes escénicas á poboación infantil:  trátase de 9 actuacións de 9 compañías de teatros e monicreques de Galicia.