Esta mañá operarios do Servizo de Vías e Obras do Concello iniciaron un zafarrancho de reparacións de beirarrúas que se estenderá ao longo das vindeiras semanas polo centro urbano, parroquias e polígonos industriais.
Comezaron co arranxo e reposición de baldosas de pedra na praza Arquitecto Antonio Palacios e na rúa peonil. “Demos preferencia á contorna do Concello pola maior afluencia de peóns que está a notarse co incremento dos peregrinos e visitantes” subliñou a alcaldesa Eva García.
Indicou que “de seguido continuarán co zafarrancho por outras rúas do centro urbano e despois pasarán a reparar beirarrúas en parroquias e nos polígonos industriais, nomeadamente, na Granxa onde hai moitas deterioradas”, engadiu a alcaldesa.
Estes traballos realízanse grazas á incorporación de novos traballadores ao Servizo Municipal de Vías e Obras, contratados por seis meses, a través da achega do Plan Concellos 2021 da Deputación.