L

A CONCELLEIRA DE IGUALDADE RECLAMA “FACER COTIÁN” A DIVERSIDADE SEXUAL

A concelleira de Igualdade do Porriño, Cami Moreira reclamou a necesidade de falar e facer cotián a diversidade sexual para aceptar as diferenzas sen temelas, para poder vivir de xeito libre e sen discriminacións”, afirmou na presentación dos actos de celebración do Día do Orgullo LGTBIQ+ 2021 que se desenvolverán durante a fin de semana.

A concelleira nacionalista explicou que os actos de celebración -todos eles nas instalacións do Centro Cultural Municipal- comezarán o sábado coa representación da obra “Debut”, coa dirección e interpretación de Rosa Romero. E continuarán o domingo coa presentación do mural elaborado pola artista Lidia Cao, no patio do auditorio exterior do Centro Cultural. Tamén se presentará outro mural feito polos nenos e nenas do Consello Municipal da Infancia e Adolescencia. Na roda de prensa un deles, Laura Carmona explicou que pretenderon representar “a unión de dúas persoas con xénero indefinido”.

A continuación haberá un recital poético e a lectura do manifesto que realizará o poeta Samu Merino, quen volve repetir nese cometido. Samuel agradeceu á concelleira a confianza amosada e “de xeito especial que, de novo, a poesía sexa o vehículo para a reivindicación da diversidade sexual”.

Os actos do Orgullo LGTBIQ+ 2021  no Porriño rematarán o domingo noite co concerto musical a cargo de “Cinta Adhesiva”, tamén no auditorio exterior do Centro Cultural.