A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, asinaron este luns pasado, no Pazo Provincial, un convenio de  de colaboración para a execución e financiación dun proxecto beneficiario do Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (DepoRemse), impulsado pola Deputación e dos que resultaron tamén beneficiados outros 9 concellos, representados polas súas alcaldesas e alcaldes.

O Porriño desenvolve, indicou a alcaldesa “a mellora da mobilidade e seguridade viaria na rúa Doantes de Sangue e a súa contorna”, que contará cun orzamento total de 499.815,87 euros, dos que a Deputación pon 424.843,87 euros, o 85 por cento do total, e o Concello do Porriño, 75.000, o 15 por cento restante.

A presidenta da Deputación, subliñou que o Plan DepoRemse “continúa no obxectivo do Goberno provincial de implementar en toda a provincia un modelo de territorio baseado na seguranza viaria, na mobilidade, na accesibilidade universal e na recuperación do espazo público”.

Pola súa banda, a alcaldesa salientou que é moi importante no Porriño, o segundo concello que máis medra de Galicia e que está xa nos 20.000 habitantes, que as noas veciñas e veciños conten con espazos máis amplos, abertos, humanos e amábeis, nos que ‘facer vida’, nos que moverse, estar e relacionarse e facelo sen atrancos, sen barreiras e sen perigos”.