O Goberno Municipal do Porriño instou á Xunta de Galicia a resolver as deficiencias que apareceron nos centros educativos de Torneiros, tanto na Escola Infantil Galiña Azul como no CEIP Antonio Palacios. A través de dúas cartas o Concello porriñés reclama a sendas instancias da administración autonómica que poña os medios necesarios para arranxar os problemas detectados.

No caso da gardería, o pavimento do comedor que é de tarima flotante está levantado, desgastado e constitue un risco para os nenos e nenas como expón un informe do arquitecto municipal acompañado con fotografías. O informe ilustra a misiva dirixida pola alcaldesa Eva García ao presidente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez na que lle insta para que ese departamento asuma o seu arranxo.

No caso do CEIP Antonio Palacios, é a concelleira de Educación Lourdes Moure a que prantexa por carta ó xefe territorial de Educación, Julio César Pérez Ares a necesidade de acometer as obras necesarias de arranxo do patio de xogos do centro que está moi deteriorado. A carta adxunta outro informe do arquitecto municipal, José Luis Basanta que propón a renovación total do pavimento do patio do colexio, cunha superficie aproximada de 625 metros cadrados, instalando outro máis axeitado para soportar as inclemencias meteorolóxicas.