Por primeira vez na historia do Concello de Porriño, haberá un organigrama e relación de postos de traballo do persoal que traballa na administración municipal. A proposta da “RPT” levouse hoxe ó pleno da corporación e aprobouse por maioría 11 votos a favor (PSOE e PP) e catro abstencións de UDDL, BNG, EU-Son e a concelleira non adscrita, Sabela Landín. Nesta sesión plenaria non acudiron dous representantes, un de UDDL e outro do PP.
A aprobación da Relación de Postos de Traballo “trátase dun fito para este Concello e de un gran avance para os dereitos dos traballadores municipais”, manifestou Lourdes Moure, concelleira de Fazenda e Persoal que defendeu a proposta durante o debate plenario. Argumentou que “despois de meses de negociacións cos sindicatos que representan á plantilla municipal, acadamos un acordo que reflicte a necesidade que tiñamos”.
Lembrou que o catálogo de postos de traballo e organigrama municipal negociouse polo goberno municipal coa xunta de persoal e que os delegados de UXT, CCOO, CIG e CSIF aprobaron por unanimidade a proposta que se levou ó pleno que “entre outras cousas garantirá a equiparación salarial dos funcionarios deste concello cos de outros limítrofes” dixo Moure.
A “RPT” establece que a plantilla do Concello sexa de 105 traballadores máis 20 postos que serían de nova creación. Determina o organigrama administrativo e establece doce departamentos. A súa entrada en vigor será a partir do 1 de xaneiro de 2020.

O acordo de aprobación foi recibido con aplausos por unha nutrida representación de funcionarios municipais que acudiron ó pleno

O pleno extraordinario tiña outros tres puntos máis na orde do día que tamén foron aprobados.
Polo tanto acordouse a aprobación inicial da desafectación da Escola Unitaria de Torneiros, producto das negociacións coa Comunidade de Montes, baseadas nunha sentenza firme.
Tamén lévouse ó pleno a aprobación provisoria da modificación do PXOM para facilitar a ampliación das instalacións da empresa bio-farmacéutica “Lonza” en Torneiros, asunto que vén tramitándose dende 2016. O goberno municipal confire a este acordo un valor especial xa que facilitará a ampliación da producción e polo tanto un incremento das contratacións dunha empresa que actualmente da emprego a 350 persoas. Nesa mesma liña os voceiros de PP, Carlos Martínez e UDDL, Marcelino Coto argumentaron o apoio dos seus grupos á modificación do PXOM proposta. Abstiveronse por diferentes razons, BNG, EU-son e a concelleira non adscrita.


E finalmente aprobouse por unanimidade un novo cadro de condicións técnicas para as contratacións do Servizo de Axuda no Fogar facendo constar os voceiros dos grupos o bo traballo feito pola concelleira de Servizos Sociais, Soledad Girón.