Vintecinco profesionais entre gardas civís, policías nacionais e locais así como outros axentes que interveñen na atención ás víctimas inscribironse noutro dos cursos que promove o Concello de Porriño con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Daniel Rodríguez, Inspector Xefe da Policía Local de Porriño inaugurou este serán o curso denominado “Violencia de Xénero: ámbito xurídico e tecnolóxico forense”. Adícase ó persoal dos Corpos e Forzas de Seguridade e profesionais que interveñen na atención e investigación desta casuística. O Inspector Xefe disculpou as ausencias tanto da alcaldesa coma da concelleira de Seguridade, xustificadas pola coincidencia horaria co pleno municipal extraordinario que celebraba esta tarde a corporación local de Porriño.
A primeira ponencia correu a cargo de Encarni Igrexas Pereira, presidenta de “Stop Violencia de Xénero Dixital” que informou sobre os tipos de violencia de xéneros que se atopan nas redes sociais e a través das tecnoloxías da comunicación.
Segundo explicou a persecución e castigo deste tipo de delitos “tropeza con dous inconvientes: a falta de preparación do persoal policial que tén que investigarlos e a diferenza de criterio dos xuices á hora de procesar ou non.
Encarni Igrexas engadiu que os formatos más habituais que se están a dar hoxe en día para a violencia de xénero dixital son o ciberacoso e o sexting ou sextorsión. “Dánse nas redes sociais coma Facebook, Snapchat ou Whatsapp de xeito masivo e a diario”, dixo.
No curso participarán nos vindeiros días dende responsables policiais ata profesionais do mundo de Dereito. Entre os relatores están anunciados Santiago Martínez, Oficial da Policía Local de Vigo; José Manuel Alonso Regueiro, xefe da Unidad de Atención á Familia e á Muller (UFAM) da Comisaría de Vigo, a maxistrada Belén Rubido, xuiza decana de Pontevedra e titular do Xulgado Penal nº 4 e Juan Sagredo, fiscal coordinador da área de Vigo.