O Concello do Porriño vén de adxudicar a obra para o acondicionamento do local que albergará a Sala de Exposicións Antonio Palacios, un museo no que se mostrará, a través de diferentes materiais, a traxectoria profesional e tamén persoal do artista, algúns deles incluso inéditos e descoñecidos ata o día de hoxe.

Trátase dun baixo, cunha superficie de 107,88 metros cadrados, localizado na rúa que leva o nome do ilustre arquitecto, situado ao carón da nova aula de estudios, coa que estará unida pola parte interior e coa que compartirá servizos como os aseos.

Os traballos adxudicáronse nunha mesa de contratación celebrada esta mesma mañá por un importe de 66.988,64 euros. Os mesmos teñen un prazo de execución, segundo proxecto, de dous meses. Con todo, dende hoxe establécense 20 días para a formalización do contrato máis un mes máis de marxe para que a empresa comece coa obra. Deste xeito, prevese que para o mes de maio o Porriño inaugure esta sala museística en honra ao seu ilustre veciño Antonio Palacios, do cal este ano se conmemora o 150 aniversario do seu nacemento.

Precisamente, a apertura desta mostra permanente é unha das moitas actividades e actos que encherán a axenda cultural porriñesa neste 2024, no que tamén se cumpren 100 anos da construción da Casa Consistorial, a obra máis representativa das deseñadas por Antonio Palacios na súa vila natal. Outra das iniciativas, como reclamo turístico e cultural, será a Ruta Palacios.

“Teremos unha ampla programación ao longo de todo o ano para poñer en valor a figura de Palacios”, remarca o alcalde Alejandro Lorenzo. “Antonio Palacios é un absoluto referente na vila e queremos poñer en valor o seu legado, especialmente o que deixou no Porriño. Neste 2024, Palacios estará, se cabe, máis presente no Porriño”, subliña.

A Sala de Exposicións Antonio Palacios albergará unha mostra permanente con todos os textos, debuxos, planos, maquetas  e documentos que se gardan del. “Temos moito material orixinal de gran valor, un verdadeiro tesouro cultural que queremos dar a coñecer a toda a veciñanza e facelo público a todo o mundo”, explica o alcalde.

Honra floral e calendario

Foi un 8 de xaneiro, do ano 1874, cando naceu Antonio Palacios. Precisamente, o pasado luns, o alcalde Alejandro Lorenzo achegouse ao cemiterio para deixar na sepultura onde foi soterrado un ramo de flores en nome de toda a veciñanza do Porriño como xesto de homenaxe a un dos veciños máis ilustres.

O deseño do calendario municipal deste ano está dedicado integramente á figura deste artista, con imaxes de arquivo e actuais a través das cales se observa o transcorrer do tempo, “perdurando sempre a esencia, o patrimonio cultural e arquitectónico, ese gran legado que Palacios deixou na vila e que agora atesouramos todos”. Un almanaque pensado para repartir entre todos os porriñeses e que, así, “todos sexamos partícipes desta herdanza e reservemos un recuncho dos nosos fogares para expoñela”. Deste xeito, aquelas persoas interesadas en ter un exemplar do calendario poden recollelo no centro cultural ou no Concello.