O Concello pecha coa CMVMC de Torneiros a cesión dunha parcela para habilitar aparcamentos na Fase I

 O Concello do Porriño e a Comunidade de MontesVeciñais en Man Común de Torneiros asinaron hoxe o convenio de cesión que permitirá á administración local facer uso duns terreos situados frente á Fase I do polígono residencial de Torneiros.


Concretamente, trátase dunha parcela segregada de 914 m2, propiedade dos comuneiros, que o Concello do Porriño destinará a ampliación do viario e a habilitar novas prazas de aparcamento na zona.


O acordo asinado hoxe transmite a propiedade e a posesión do terreo á administración local e lexitima ao Concello á ocupación do solar e a realizar no mesmo as obras oportunas.


“Trátase dun acordo que levaba tempo negociándose e que permitirá reordenar o tráfico nesa zona e habilitar algunhas prazas de aparcamento para a veciñanza da Fase I, que carece de zonas onde estacionar preto das súas vivendas”, explicou o rexedor, Alejandro Lorenzo, quen agradeceu á CMVC de Torneiros “a súa disposición a chegar a acordos en beneficio dos veciños da súa parroquia”.

As pistas de tenis do Porriño dispoñerán de vestiarios equipados

Os tenistas do Club Tenis Porriño e todos aqueles que fagan uso das pistas municipais de tenis dispoñerán de vestiarios totalmente equipados. Ata o de agora, os usuarios e usarías destas instalacións carecían dun lugar apropiado para cambiarse e asearse tras a práctica deportiva e con esta actuación non terán que desprazarse ao polideportivo municipal como viñan facendo.

Para acometer estas obras, cuxo importe ascende a 48.389,49 euros, o Concello do Porriño asinou un convenio de cooperación coa Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. En virtude do mesmo, o ente autonómico aportará preto de 40.000 euros e o restante o asumirá o Concello con fondos propios.

“As instalacións contarán con dous vestiarios principais para xogadoras e xogadores, así como cun almacén”, explicou o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, “Ambos vestiarios contarán cun aseo adaptado independente. Para iso, acondicionarase un local do semisótano dunhas instalacións colindantes ás pistas”.

Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que “se trata dunha obra moi necesaria que vén sendo reclamada polos usuarios e usuarias das pistas de tenis dende hai anos. Son moitos os deportistas que fan uso destas instalacións e a falta de vestiarios suponía un problema para eles”. O rexedor concluíu incidindo en que “o mantemento e acondicionamento das nosas instalacións deportivas é algo que está destacado na axenda deste goberno dende o inicio” reafirmando a súa aposta polo deporte no municipio “con atención a todas as modalidades non só ás maioritarias. O respaldo á práctica deportiva abrangue todas as disciplinas, tantas como os porriñeses e porriñesas practiquen ou desexen practicar”.

O Porriño facilita o volante de empadroamento por internet

O volante de empadroamento no Porriño xa pode obterse por vía dixital. As veciñas e veciños poden xestionar este documento a través da sede electrónica municipal.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, explicou que esta mellora da atención ao cidadán responde á intención do novo executivo de “facilitar a interacción da veciñanza coa administración, axilizando a realización dos trámites municipais e reducindo os tempos de xestión. En definitiva, pretendemos que o Concello do Porriño sexa unha administración o máis próxima posible á cidadanía”.

Para facer este trámite ás persoas interesadas deberán dispoñer dun sistema de autenticación como o DNIe, certificado dixital ou Cl@ve; acceder á páxina web municipal (https://www.oporrino.org ) e clickar en “Sede Electrónica” para seleccionar a opción “Padrón de habitantes”.

 

A danza urbana de máis alto nivel darase cita este domingo no Porriño

O polideportivo municipal do Porriño será este domingo epicentro da danza urbana. Uns 150 bailaríns e bailarinas chegados de toda a xeografía galega disputarán o I Trofeo Concello do Porriño de Hip-Hop, unha competición puntuable no ranking nacional da Federación Española de Baile Deportivo. 

No evento, organizado polo CBD Pasos-BaileGalicia, en colaboración co Concello do Porriño, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, os deportistas competirán en trece categorías, con premio para os tres primeiros de cada unha delas. 

O xurado está composto por tres bailaríns do máis alto nivel na modalidade: Max One, que chega dende Barcelona, Lidia Rioboo, de Madrid, e Julia Laport, que ven dende A Coruña. 

Dende a organización destacan  o nivel dos participantes e a vistosidade do evento. “Entre os deportistas que competirán no Porriño están grupos que son campións nacionais, bailaríns do máis alto nivel da Federación de Baile Deportivo”, explicou Miguel Abreu, “Convido a todo o mundo a disfrutar deste evento, que non defraudará pola súa espectacularidade”. 

Cabe destacar que a danza urbana é unha modalidade relativamente nova dentro da Federación de Baile Deportivo. O breaking será por primeira vez deporte olímpico en París 2024 tras ser recoñecido dende hai pouco como deporte polo Comité Olímpico Internacional. 

Comezan as obras de acondicionamento da Fonte de San Sebastián para asegurar a súa potabilidade

Onte deron comezo as obras de saneamento e acondicionamento da Fonte de San Sebastián, que permanece sen subministro tras detectarse contaminación na súa auga.

Os valores paramétricos que aparecían alterados nas analíticas correspondíanse con posibles filtracións de fecais (bacterias coliformes e microorganismos aerobios 22º), polo que foi preciso proxectar a canalización do caudal no tramo ata o grifo para impedir filtracións contaminantes e garantir a súa potabilidade.

Así, colocarase unha tubería de PVC de 75 x 10 atm. desde el la entrada a la mina hasta el naciente y una tubería de ventilación para poder realizar los actuales y posteriores trabajos en la mina. Ademais acometerase a construción dunha arqueta á entrada da mina, xunto ao parque infantil, para a conexión da auga non potable coa rede de pluviais.  

“Esta fonte ten un gran valor, non só patrimonial senón tamén funcional, xa que son moitos os veciños e veciñas da vila que consumen esta auga cada día, polo que supón un gran perxuizo que non esté en funcionamento”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Por iso estamos a facer o necesario para que o subministro se poida manter con todas as garantías sanitarias”.

No mesmo sentido se explicou o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, “o importante é asegurar que a auga mantén a súa calidade e é apta para o consumo”.

 

 

 

 

Escolares do Porriño deseñan o seu “Plan de acción para o futuro”

Un total de 183 alumnas/os de 3º e 4º da ESO dos centros de educación secundaria do Porriño participan estes días no Obradoiro sobre novas profesións “Plan de acción para o meu futuro” organizado pola concellería de Educación, que dirixe Carolina González, a través da OMIX.

A actividade de Mentoring para adolescentes ten como obxectivo ensinar ás/os mozas/os a tomar boas decisión sobre o seu futuro, nun momento clave da súa etapa formativa no que teñen que elexir entre moitas opcións de desenvolvemento profesional.

“Neste obradoiro traballan no seu proceso de autocoñecemento para que detectar as súas fortalezas e intereses”, explicou a concelleira, “Tamén descubrirán novas profesións que nin siquera existían fai uns anos e o papel que da tecnoloxía e a dixitalización nelas, ademais de coñecer como estudiar e traballar en Galicia”.

A vangarda da investigación e a innovación ten selo porriñés

O novo executivo continúa a súa rolda de visitas nos polígonos industriais para coñecer a fondo a situación actual da actividade empresarial e de I+D+i do Porriño, co obxectivo de establecer posibles vías de colaboración en materia de emprego e formación, entre outras.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Urbanismo, Antía Carrera, visitaron esta mañá as instalacións do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) acompañados polo seu director xeral, Luis Moreno, e o director da división de ITS e Electrónica, Francisco Sánchez.

Con máis de 900 empregados, o 80% deles titulados superiores, o centro tecnolóxico ubicado no Porriño sitúase á vangarda da investigación e da innovación, con máis de 50 proxectos colaborativos en marcha.

“O potencial da CTAG reside sen dúbida nos seus recursos humanos, que tal e como nos refire o seu director, son o seu maior activo”, apuntou o rexedor, “Isto supón unha enorme oportunidade para O Porriño, pois as nosas mozas e mozos poden formarse e desenvolver a súa profesión ao máis alto nivel sen necesidade de marcharse”.

Lorenzo destacou que a “capacidade innovadora do centro tecnolóxico e o seu volume  de investimento en ensaios e estudos fai que necesiten incorporar persoal cualificado de maneira constante”  e nese sentido tendeu a man do  concello para colaborar en materia de recursos humanos.

Lanzadeira de CTAG

Os representantes municipais coñeceron tamén en profundidade un dos seus proxectos máis recentes, o shuttle (lanzadeira) do CTAG, un vehículo de aspecto futurista que abre a porta ao transporte de pasaxeiros eléctrico, intelixente, autónomo e sostible.

Tras coñecer as características do proxecto e incluso realizar un recorrido de proba, valórase a posta en marcha dunha experiencia piloto en Porriño que permita coñecer o funcionamento deste bus nunha contorna aberta no que teña que interactuar con tráfico real. 

O Porriño contará co servizo de Atención Temperá

O Concello do Porriño vén de dar o primeiro paso para implantar o programa de atención temperá no municipio. Falamos dun servizo moi demandando no Porriño consistente nun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil (ata 6 anos) e á súas familias, que ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades permanentes ou transitorias que poidan presentar as nenas e nenos con trastornos do desenvolvemento ou risco de padecelos.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Sanidade e Educación, Carolina González, informaron ao persoal de pediatría do centro de saúde do Porriño do inicio das xestións para implantar este servizo, valorar e coordinar con eles as medidas a tomar.

“A atención temperá permite que se poidan detectar dificultades do desenvolvemento con maior prontitud e que os nenos e nenas, polo tanto, poidan recibir atención profesional canto antes, algo de vital importancia nunha poboación como a do Porriño cun alto índice de natalidade”, explicou o rexedor, “As pequenas e pequenos que nacen no noso pobo e as súas familias deben contar con toda a atención posible que se lle poida prestar desde as administracións”.

Pola súa banda, a concelleira explicou que “xa se solicitou  a subvención da Consellería de Política Social no marco da Rede Galega de Atención Temperá para poder poñelo en marcha no Porriño á maior brevidade posible”.

O Porriño comparte os seus coñecementos sobre a industria da pedra cos Balcáns

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación e Programas Europeos, Carolina González, recibiron onte aos representantes dos centros de educación de Italia, Grecia e Rumanía que xunto co Porriño participan no proxecto “Higher Education – Entreprise platform for fostering, modernisation and sustainable growth in natural stone industry in Western Balkans”.

Trátase dun proxecto no que socios da Unión Europea trasferirán as súas competencias e coñecementos relacionados coa extracción, elaboración, colocación e comercialización no sector da pedra natural aos Balcáns.

No frente galego, representan ao proxecto o IES Ribeira do Louro, da man do seu impulsor Amador Ordoñez, que traballa baixo a Secretaría Xeral de Educación e Formación, e a Universidade da Coruña.

No que respecta aos países da Unión Europea, participarán centros de educación superior e FP de España, Italia, Grecia e Rumanía e como receptores do coñecemento participan universidades de Albania, Bosnia Herzegovina, Montenegro e Kosovo.

“O Porriño é un lugar de referencia na industria mineira polo que, ademais de exportar pedra podemos exportar os nosos coñecementos e experiencia a países cun gran potencial no sector, nos que as súas empresas institucións de formación carecen dos coñecementos e tecnoloxías que lles permitan acceder aos mercados internacionais”, explicou o alcalde, que aproveitou para dar a noraboa aos organizadores pola iniciativa xa que, “Para nós é un pracer manter estas sinerxias á vez que os nosos estudantes aprenden e se forman”.