20 caixóns de solidariedade para axudar ás familias porriñesas que máis o necesitan

O espírito solidario da veciñanza do Porriño segue a evidenciarse cando de atender ás familias que o necesitan se trata. Desta vez, foron os máis pequenos os que aportaron o seu gran de area para axudar a quen está a pasar un mal momento.

20 caixóns repletos de alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene e alimentación para bebés se recolleron nos centros educativos e pavillón municipal, atendendo á chamada do banco municipal de alimentos SOS PORRIÑO.

Máis de 1000 kg de alimentos e produtos infantís que o SOS PORRIÑO destinará atender ás 150 familias usuarias do servizo municipal.

O concelleiro de Servizos Sociais, Abel Estévez, quixo agradecer “a impagable resposta da cidadanía á petición que fixemos dende o banco de alimentos, demostrando unha vez máis que a veciñanza porriñesa está disposta sempre a tender a man e sumar esforzos cando é necesario”.

Dende o Concello estase a traballar para reforzar este servizo municipal. Con tal motivo, nos últimos meses leváronse a cabo obras de mantemento nas instalacións, eliminación de humidades, pintado, etc…

“A resposta da cidadanía do Porriño foi extraordinaria, como sempre, e isto é algo que agradecemos enormemente”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Moitos dos nosos veciños están a pasar situacións complicadas e dende o Concello intentamos poñer en marcha todos os recursos que están ao noso alcance para darlles a atención adecuada, e para iso é indispensable a colaboración da veciñanza”. 

Os colexios do Porriño implícanse coa compostaxe

Os nenos e nenas do CEIP da Ribeira mergúllanse no mundo da compostaxe da man do Concello do Porriño. O alumnado do centro participou esta semana na “Posta en marcha do composteiro” e, da man da técnico de medio ambiente, montaron o seu propio composteiro para o cole.

As rapazas e rapaces, moi implicados e voluntariosos, aprenderon cal é a utilidade deste elemento no seu colexio, que se pode botar dentro e que non, como traballar con el e que tipo de tarefas son necesarias para que o proceso de compostaxe sexa o correcto, como tapar ben con estruturante a materia orgánica, remexer e regar de cando en vez… Posteriormente, realizarán xuntos o baleirado para que comproben o froito do seu traballo e coñezan os usos do compost.

As concellerías de Medio Ambiente e Limpeza, que dirixen Antía Carrera e Jose Carlos González, están volcadas no fomento da reciclaxe no municipio e parte importante deste empeño é a sensibilización e formación dos máis pequenos. Por iso, están programadas máis actividades educativas nos centros escolares do Porriño adaptadas ás necesidades de cada un deles.

 

 

 

O Porriño proxecta a construción do seu primeiro centro residencial de maiores

O Concello do Porriño proxecta a construción dun centro residencial para maiores con capacidade para 24 usuarios/as. Un proxecto que foi presentado ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a súa financiación a través dun convenio con cargo a fondos europeos.

“Trátase dun proxecto ambicioso que ascende a 1,2 M de euros, pero que supoñerá un salto cualitativo na atención aos nosos maiores”, explicou o rexedor, Alejandro Lorenzo, “Traballamos e seguiremos traballando para conseguir inversións que melloren a calidade de vida da veciñanza do Porriño”.  

A residencia ubicaríase na parroquia de Budiño, nunha parcela de titularidade municipal situada na marxe do Polígono Industrial SUR PPI-6 de máis de 4.000 m2.

“O centro residencial que propoñemos evoca a idea dunha gran vivenda na que os inquilinos farían vida familiar, cun porche exterior, un xardín para pasear e un bosque que os separía do polígono industrial e daría intimidade aos residentes” , apuntou Lorenzo, “Trátase de que se sintan integrados no barrio, como un veciño máis”.

As instalacións, de planta baixa, contarían con doce habitacións dobres dotadas de baño propio, salón de perruquería, multiusos, comedor… Como explicou o rexedor, a zona axardinada será parte importante.  Todo o necesario para garantir a confortabilidade dos usuarios e usuarias.

Licitado por primeira vez o mantemento do Paseo do Louro

O plan de recuperación e acondicionamento do paseo do Louro avanza coa licitación dos traballos de mantemento e limpeza da senda fluvial. Por primeira vez, licítanse mantemento deste espazo, servizo que anteriormente se viña prestando sen contrato.

A licitación contempla a retirada de árbores caídas e eliminación de ramas perigosas, a limpeza do paseo e recebado seis días á semana, a roza e limpeza de maleza varias veces ao ano, limpeza de embornais e a eliminación de especies alóctonas para plantar árbores autóctonas. 

O acondicionamento dos terreos colindantes de titularidade municipal tamén están cubertos, xa que neles se desenvolverán múltiples actividades para que a veciñanza disfrute deste tesouro natural.

“En resumo trátase de mellorar e conservar este espazo natural en bo estado botánico e de uso”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Para iso é necesario facer as cousas ben, contratando dacordo á legalidade, algo no que este executivo se está a volcar e polo que xa se abriron 23 procedementos de contratación administrativa. Queremos que O Porriño mellore e que o diñeiro da veciñanza se destine a iso, da maneira correcta. Que se gaste con luz e taquígrafos”.

Ademais, no marco deste plan de recuperación, operarios municipais están a levar a cabo a mellora das pontes e elementos de madeira do paseo.

“O paseo do Louro é un tesouro para nós, contorna natural ao carón do casco urbano que temos a obriga de manter en perfecto estado”, concluíu o alcalde.

O Servizo de Normalización Lingüística do Porriño pon en marcha o seu propio espazo web

O Servizo de Normalización Lingüística do Porriño, pertencente á Concellería de Educación, conta xa cun espazo web propio (www.normalizacionlinguisticaoporrino.wordpress.com) co obxectivo de achegar o noso idioma á cidadanía e co que poderá dar visibilidade ás campañas de dinamización e normalización lingüística, así como a diversos materiais e recursos en lingua galega.

As persoas usuarias poderán, ademais, resolver as súas dúbidas lingüísticas e achegar as súas suxestións a través do formulario de contacto co que conta este espazo web.

A través do espazo dedicado a novas o SNL do Porriño manterá informada a súa cidadanía da actualidade relativa á lingua galega, tanto local coma autonómica.

O blog abre as súas portas co concurso O galego é, co obxectivo de dinamizar a lingua galega na mocidade, e coa presentación da Unidade Didáctica: Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), para achegar a figura do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2022 á nenas e nenos de 5º e 6º curso de primaria. 

Nito Pereiro-Oliveira inaugura a súa exposición “Verdades e quimeras”

O Círculo Recreativo Cultural do Porriño acolleu onte a presentación da exposición “Verdades e quimeras”, do porriñés Nito Pereiro-Oliveira.

A mostra foi presentada polo seu discípulo e membro da asociación O Porriño Arte, Carlos Díaz, e polo alcalde, Alejandro Lorenzo.

Díaz indicou que foi da man de Nito Pereiro con quen tivo a oportunidade de recuperar unha afición que tiña aparcada dende hai moitos anos. “Con el, tanto eu como moitos outros pintores porriñeses entusiasmámonos co mundo da pintura”, explicou, “Con Nito aprendín o pouco que sei e a el recurrín sempre ante calquera dificultade e para que puxera algúns toques de realidade en moitos dos meus cadros”. Asegurou que o artista porriñés é para el “un gran maestro da cor. As súas obras están repletas de imaxinación, pasión, compromiso…Nito fálanos a través dos seus cadros”.

Pola súa banda, o alcalde puxo en valor a obra e a figura de Pereiro-Oliveira. “Falar do Porriño é falar de cultura, e falar de cultura é falar de Nito Pereiro-Oliveira”, asegurou, “Hoxe xoga en casa, apoiado por un montón de porriñeses que se sinten, coma min, orgullosos de contar cun artista do seu nivel na vila”.

“Hai 47 anos saín do Porriño cun único obxectivo: estudiar e formarme o máximo posible para convertirme nun bo pintor. Pero nunca perdín o contacto co Porriño. Aquí nacín, aquí viviu sempre a miña familia e aquí está moita xente que me importa”, confesou Nito Pereiro,  “Hoxe síntome emocionado de estar aquí con esta mostra que presenta unha obra que creei durante a pandemia e reflexa o que me afectou e o que quixen compartir”

A exposición estará aberta ao público ata o 2 de xuño no salón de actos do Círculo Recreativo Cultural.

Longa e prolífica traxectoria

Nito Pereiro-Oliveira é un dos máis prolíficos artistas plásticos do Porriño. É membro de ARGA (Asociación de Artistas Plásticos Galegos) e da Asociación Española de Pintores e Escultores. Durante estes anos de pandemia desenvolveu unha incesante e recoñecida labor. Participou, por citar algunhas, na Exposición colectiva 40+1 na Casa de Cantabria en Madrid, Exposición en Galería Souto de Vigo, “REENCUENTRO” na Galería Santana Art de Madrid, “VERANO” na galería OCCO-ART de Madrid, “CINCO MIRADAS” na Galería ALEMI de León, “PRIMAVERA na galería OCCO-ART de Madrid. Destaca tamén a súa recoñecida obra, “Intento Mirarte” que obtivo o premio BALUARTE na 85º Edición do Salón de Otoño, que estivo exposta na prestixiosa Sala Baluarte do Centro Cultural Adolfo Suárez de Madrid, e que hoxe pode disfrutarse na mostra do Porriño.

O autobús de “Coidados porta a porta” chega ao Porriño para ofrecer servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernándo González Abeijón, e os concelleiros Abel Estévez, Rosario Costas e Carolina González, vistou hoxe o autobús de Coidados Porta a Porta, que está a ofrecer servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria ás persoas maiores da localidade xeito gratuíto.

Segundo informaron, as citas están completas os catro días que a unidade móbil permanecerá no Porriño, no aparcamento da Piscina Municipal.

“É unha iniciativa pioneira que aplaudimos chegue ao Porriño e que está a ter moita demanda”, explicou o alcalde, “Desde o Concello volcámonos especialmente na atención aos nosos maiores e en poñer á súa disposición todas as ferramentas que estén ao noso alcance para mellorar a súa calidade de vida”.

Neste sentido, cabe destacar que o novo executivo puxo en marcha a tal fin a concellería de Terceira Idade, un departamento específico que traballa de maneira transversal co resto das áreas para dar resposta ás necesidades das persoas maiores e garantizar que a localidade ofreza a calidade de vida que estes merecen. 

Comeza o reparto de composteiros coincidindo coa Semana Internacional da Compostaxe

Coincidindo coa Semana Internacional da Compostaxe, o Concello do Porriño, a través da concellería de Medio Ambiente, inicia a entrega dos composteiros individuais que se entregarán a aquelas persoas que o tiveran solicitado.

Polo de agora foron 25 os composteiros requeridos pero todo aquel que queira facerse con un, de maneira gratuíta, pode solicitalo no Rexistro do Concello. 

A entrega realizarase no Punto Limpo, no seu horario de apertura habitual (de luns a venres de 10 a 14 h e ademais os luns pola tarde de 16 a 20 h).

A Semana Internacional da Compostaxe (ICAW – International Compost Awareness Week) celébrase a primeira semana de maio de cada ano en diferentes países do mundo para informar e promover o uso da compostaxe, explicar de onde provén o compost, como utilizalo e cales son os seus beneficios.

“Dende o Concello queremos destacar a importancia de incorporar o proceso da compostaxe como un hábito de vida e dar todas as facilidades a aqueles que decidan facelo”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “O compost é un recurso chave na xestión dos residuos orgánicos. Trátase de reproducir o ciclo natural da materia orgánica e así contribuír na loita contra o cambio climático”.

A porriñesa Ana Belén Gómez imponse na Maratón de Brooklyn

O pasado 24 de abril máis de 20.000 runners déronse cita na 10ª Maratón de Brooklyn e, entre eles, a porriñesa Ana Belén Gómez Sousa que se impuxo na súa categoría.

Nun tempo de 3 hora, 28 minutos e 42 segundos, completou os 42 km que unen o vangardista North Brooklyn con Prospect Park; conseguindo o primeiro posto nesta icónica carreira (cunha vantaxe de case 7 min á segunda no podio).

Ana Belén, funcionaria municipal, foi recibida entre aplausos no Concello e recibiu, de mans do alcalde Alejandro Lorenzo, un agasallo para recoñecer o seu logro en nome de todos os seus compañeiros e compañeiras e do seu pobo.

Ana comezou no mundo do atletismo de maneira casual, hai case 8 anos, cando unha amiga a animou a participar nunha carreira benéfica contra o cancro. Eses 5 km despertaron nela a inquedanza que a levou a ir máis a alá e correr a súa primeira maratón, a de Berlín. A día de hoxe, e con 8 no seu haber, a porriñesa conta cun palmarés envidiable no que destaca ser a primeira española en entrar en meta na Maratón de Chicago (2019) e ser primeira na súa categoría e terceira na xeral na Maratón de Tromso (Noruega).

A súa próxima parada: a Maratón de de Nueva York, que preparará da man da súa adestradora, Amaya Sanfabio.

“Ana destaca polo seu sentido da responsabilidade,  compañeirismo e polo seu rigor; algo que todos os que traballamos con ela recoñecemos e valoramos”, afirmou o alcalde, “Iso unido ao seu afán de superación é garantía de éxito. Non podemos sentirnos máis orgullosos como compañeiros/as e como veciños/as”.