O Porriño acolle unha nova edición, e xa van tres, das xornadas para familias e profesionais Acompañando na aventura de crecer, impulsadas pola Concellería de Cultura a través da Biblioteca Municipal.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, presentaron hoxe as xornadas xunto co responsable da Biblioteca Municipal e a coordinadora das mesmas, Laura Alonso Coto.

Nesta nova edición abordarase novamente e dende diferentes perspectivas, como favorecer e previr problemas de atención e aprendizaxe. A atención e a presenza plena son habilidades que se cultivan dende a primeira infancia e as persoas adultas temos a responsabilidade de ser modelo e fomentar o espazo que lle permita á nosa infancia cultivar esta aprendizaxe.

Repetindo o formato do ano anterior, que tivo tan boa acollida, nesta ocasión volverase realizar un obradoiro, previo á conferencia, no que se favorecerá a experimentación en grupos reducidos e que precisa dunha inscrición previa na biblioteca ou a través do correo electrónico: biblioteca@oporrino.org

Despois do obradoiro terá lugar a conferencia aberta a todo o público, que non require inscrición. Cabe destacar que durante o tempo da charla contarase con persoal para acompañar ás crianzas e aproveitar para mostrarlles o fondo bibliográfico da Biblioteca Municipal.

A actividade arrancará o venres 16 de febreIro, coa conferencia A importancia do sono na saúde dos/as nenos/as a cargo de Isabel Portela, graduada en Enfermería experta en diagnóstico e tratamento de trastornos do sonos. Nela explorarase a relación entre o sono, o crecemento físico e o rendemento cognitivo dos/as nenos/as. O obxectivo é que os/as asistentes saian cun entendemento máis profundo da importancia do sono e obteñan as ferramentas prácticas para promover hábitos saudables nos/as pequenos/as.

A seguinte quenda será o venres 15 de marzo e abordarase a Visión e atención da man de Blanca Olmedo García-Señoráns, Óptica e Optometrista. Nela falarase sobre como a visión inflúe directamente no nivel de atención e no rendemento escolar.

A última será o 19 de abril a cargo da fisioterapeuta especialista en desenvolvemento infantil, Yolanda García Pizarro baixo o título O corpo e o movemento do/a neno/a como ferramenta para a súa aprendizaxe. Nesta xornada tratarse a conexión entre o desenvolvemento motor e os problemas de aprendizaxe.