Proxectada a humanización do antigo “Campo da Feira”

Un dos grandes iconos patrimoniais do Porriño é, sen dúbida,  o Templete de San Luis, emprazado dende o ano 1970 no “Parque Infantil”.

Co dobre obxectivo de poñer en valor este monumento e facer máis atractivo e funcional o espazo que o acolle, o Concello do Porriño proxectou o acondicionamento e humanización do parque, antigo “Campo da Feira”, e da súa contorna, dende a Avda. Domingo Bueno ata a rúa Parque Infantil.

Este espazo verde, situado en pleno centro urbano, coñécese habitualmente como “Parque Infantil” pero foi durante moitos anos unha gran carballeira onde se realizaban as feiras semanais. Ademais, como xa dixemos, nel emprázase un dos maiores tesouros patrimoniais da vila: o Templete de San Luis, antiga entrada ao Metro de Madrid deseñada por Antonio Palacios.

“Na actualidade perdeu por completo a súa esencia e non é funcional, nin a zona de lecer nin o parque infantil que non dispón dos elementos en condicións para o disfrute dos nenos e nenas”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “O que queremos é recuperar a antiga esencia da carballeira e campo da feira e facer deste espazo un lugar de encontro, mellorando a mobilidade peonil, contectandoo co núcleo urbano, o camiño de Santiago e o cemiterio municipal, aumentando a zona verde e, por suposto,  poñendo en valor o Templete de San Luis para fomentar a recuperación histórica e patrimonio inmaterial do lugar”. 

Para facelo posible, o Concello do Porriño traballa xa nas posibles vías de financiación. “A proposta de orzamento deste goberno municipal está rematada e pendente tan só de ser informada polos técnicos”, continuou o rexedor, “Lamentablemente, ata que se aprobe traballamos cun orzamento prorrogado do ano 2018 que non responde ás necesidades actuáis do concello nin nos permite facer inversións, polo que dependemos das restantes administracións para financiar os nosos proxectos. Pero iso, non nos vai frear”.

Posta en valor do Templete de San Luis

Co compromiso da Xunta de Galicia para a rehabilitación do Templete de San Luis, a proposta xira en torno á súa posta en valor, respectando a súa ubicación á vez que se mellora a súa conexión e visibilidade. Dispoñerase un espazo de graderío vexetal en torno a el que lle dará un novo uso como telón de fondo de pequenos actos e conferencias e tamén como porta de acceso ao cemiterio. Ademais, comunicarase co camiño de Santiago e crearanse espazos de estar, descanso, reunión, convivencia e máis zonas de sombra.

Área de xogo infantil con gran vinculación á auga

CUn dos grandes obxectivos do executivo local é facer máis atractivo e útil este espazo, sobre todo para os máis pequenos. Por iso, e á vista de que a zona de xogo actualmente non cumpre as súas funcións, dispoñeranse novos elementos xogo para todas as idades na zona central. Proponse tamén a substitución da pista deportiva por uns chorros de auga que se integrarán na praza central e completarase a oferta lúdica con pequenas zonas de xogo que se situarán nas lomas vexetais do parque.

Cabe destacar, que o Concello elaborou un plan de mellora dos 38 parques infantís do municipio que inclúe a renovación e mellora de elementos e solos para que os nenos e nenas do Porriño dispoñan de espazos aptos para xogar con seguridade.

Humanización

Un dos principais obxectivos deste proxecto é o de conectar o parque co resto do espazo urbano para o que se conectará mediante aceras e pasos de cebra empedrados directamente coa zona peonil de San Benito e se humanizará a a rúa Parque Infantnil. Os límites do parque borraranse e xerarase un espazo do que se poderán espazos de estar, vinculados aos locais de hostalería.

Os nenos e nenas protagonistas do día do mercado

Coincidindo coa celebración do Día Internacional do Mercado, os nenos e nenas do Porriño foron hoxe os clientes preferentes da Praza de Abastos.

Os participantes no “MercaPorri”, actividade organizada pola concellería de Mercado que dirixe Antía Carrera, fixeron as súas compras na praza co seu “diñeiro MercaPorri”, que lles daba acceso a agasallos. Os máis pequenos puideron coñecer así aos praceiros e praceiras da vila, a súa profesionalidade, o seu bo facer e a gran variedade de produtos que ofrecen.

No seu empeño de poñer en valor a Praza de Abastos municipal, o Concello do Porriño sumouse á campaña da Xunta “Quere o teu mercado”, que a nivel internacional está organizada pola World Union of Wholesale Markets (Unión Mundial de Mercados Mayoristas) con motivo do do Día Internacional do Mercado.

Ademais das actividades infantís, todos os usuarios e usuarias da praza levaron hoxe as súas bolsas e mandís de regalo.

Publicado o bando coas normas para celebrar con seguridade a noite de San Xoan

As solicitudes para autorizar as cacharelas deben presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica antes das 23 h do 17 de xuño

O Porriño xa está preparado para celebrar con seguridade a noite de San Xoán. O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, vén de emitir un bando municipal regulando as normas para a realización das tradicionais cacharelas e sardiñadas en espazos públicos.

En primeiro lugar, deberán realizarse en lugares despexados que distén un mínimo de 15 m ás edificacións e árbores. Ademais, o diámetro máximo da zona de combustión da fogueira será de 4 m de ancho e cunha altura máxima de 2 m.

En segundo lugar, os asistentes non poderán concentrarse a unha distancia inferior á do ancho da fogueira.

Os materiais a empregar serán leñas, polas, toros de árbores e vellos materiais de madeira, xa que está prohibida a queima de neumáticos, plásticos ou aceites. Quedan prohibidas tamén as fogueiras baixo tendidos eléctricos, telefónicos etc

BANDO: https://oporrino.org/wp-content/uploads/2022/05/1614_001.pdf

Puede ser una imagen de fuego y al aire libre

1515

11 veces compartida

Me gusta

Comentar

Compartir

A Policía Local detén a un home en busca e captura

A Policía Local do Porriño detivo na tarde de onte a un home que levaba varios meses fuxido da xustiza española. O detido, A.A.G.R., de 36 anos de idade, asentárase en Portugal para eludir as responsabilidades penais que pesaban contra el pola comisión de diferentes delitos.

Na tarde de onte, foi localizado por axentes da Policía Local nun taller mecánico do municipio ao que acudira para posteriormente regresar ao país veciño. Tras realizar as pertinentes comprobacións coa autoridade xudicial e constatar que contra esta persoa estaban ditadas tres ordes xudiciais de busca e captura, procedeuse á súa detención e foi posto a disposición da autoridade xudicial correspondente.

O alumnado-traballador de carpintería do “Porriño Labora” coñece o CIFP Valentín Paz Andrade

O alumnado-traballador da especialidade de Carpintería do obradoiro de emprego “Porriño Labora” visitou hoxe as instalacións do CIFP Valentín Paz Andrade para coñecer polo miúdo a oferta formativa deste centro de formación profesional na súa modalidade.

Durante a visita estiveron acompañados polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, que xunto con eles participaron dunha mesa redonda co servizo de orientación do centro para resolver as súas dúbidas. De seguido, realizaron unha visita ás aulas e talleres de formación das que dispón o centro na familia profesional de madeira nas especialidades de “Carpinteria e Moble”, “Instalación e Amoblamento” e “Deseño e Amoblamento”.

“É de vital importancia que, ademais de formarse para obter os seu certificados de profesionalidade e acumular experiencia profesional, coñezan as diferentes opcións coas que contan para ampliar a súa formación e especialización”, explicou o alcalde, “Queremos que os/as participantes no obradoiro conten coas ferramentas necesarias para consolidar a súa carreira profesional no ámbito que elexiron”.

Son dez os alumnos/as-traballadores/as que participan no Obradoiro de Emprego “Porriño Labora” na especialidade formativa de carpintería. Todos eles, contan cun contrato de formación e aprendizaxe de nove meses de duración e, á vez que se forman, levan a cabo diferentes proxectos. Unha vez finalizado o obradoiro os alumnos e alumnas obterán os certificados profesionais de “Mecanizado de madeira e derivados”, “Traballos de Carpintería e Moble” e “Aplicación de barnices e lacas en elementos de carpintería e moble”.

 

A Feira do Libro desembarca no Porriño do 26 ao 29 de maio

As novidades editoriais volven sair á rúa no Porriño para achegarlle á cidadanía o libro e a lectura da man da federación de Librarías de Galicia.

A Feira do Libro de Galicia, que leva polas catro provincias galegas os postos de venta de exemplares xestionados polos libreiros, recala no Porriño cunha extensa programación de actividades paralelas dirixidas a todas as idades como charlas, encontros con autores, espectáculos infantís, presentacións de libros, etc… que fan deste evento unha cita de alto interese cultural.

A feira abrirá as súas portas o xoves 26 e extenderase ata o domingo 29 de maio. Será no barrio de San Benito, onde porriñeses e visitantes poderán disfrutar das propostas literarias das librarías participantes: Recondo, Paz, Copi Rey, Pedreira, Uróboros e o stand da Deputación de Pontevedra.

O acto de inauguración, contará coa autora porriñesa Sandra Estévez Calvar como pregoeira. As súas verbas acompañadas pola música da Asociación cultural Lumeirada darán o pistoletazo de saída a catro días de actividades que incluirán a cinco autores locais máis: Beatriz Cabaleiro, Diego Giráldez, Andrea Martínez Baladrón, Sandra Burgos e Begoña Yglesias Porta.

“As rúas do Porriño serán un espazo de encontro e contacto ao que convidamos a todo aquel que queira compartir experiencias ao redor dos libros”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Dende o Concello seguimos dando a man cultura e en especial á literatura, impulsando esta e outras iniciativas que axuden a dinamizar a actividade do sector libreiro e fomenten o hábito da lectura”.

O horario de apertura das instalacións será de 11-14 h e de 17-21 h (o xoves só pola tarde). Cabe destacar que as librarías ofrecerán un 10 % de desconto en todos os libros.

O “XogaJudo 22” reunirá este sábado no Porriño a 558 judokas

558 judokas procedentes de diferentes puntos de Galicia participarán este sábado 21 de maio, no pavillón municipal do Porriño, nunha xornada de xogo e competición.

A Federación Galega de Judo e D.A., en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello do Porriño, organizan os Xogos Galegos Deportivos “XogaJudo” que esta mañá foi presentado polo alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, o xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides, e o presidente da Federación Galega de Judo, Mario Muzas.

“Fomentar a participación, o compañeirismo, o respecto e a amizade, instaurar hábitos deportivos saudables e facer vivir aos nenos e nenas experiencias de xogo enriquecedoras, son algún dos obxectivos deste programa de Deporte Escolar que recala no Porriño”, explicou o rexedor, “Trátase de que os nenos e nenas disfruten e aprendan practicando deporte cun regulamento que dá prioridade á deportividade por riba do resultado deportivo”.

A xornada arrancará ás 10 h e desenvolverase durante toda a mañá en dúas quendas, empezando a segunda delas ás 12:30 h.

“A pista do municipal vestirase de tatamis nos que os/as pequenos/as judokas participarán nas diferentes categorías: benxamín, alevín e infantil”, concluíu o edil de Deportes, “En total serán 35 os clubs que se dean cita no Porriño , un total de 201 judokas en categoría feminina e 357 na masculina”.

O Porriño dinamiza a súa praza de abastos co “MercaPorri”

O Concello do Porriño quere dinamizar a súa Praza de Abastos e achegala á cidadanía. Con este propósito, o vindeiro sábado 28 de maio, organiza “MercaPorri”, unha actividade dirixida aos nenos e nenas na que poderán canxear o seu “diñeiro MercaPorri” por regalos e sorpresas nos diferentes postos da praza, á vez que coñecen como funciona o mercado e os produtos que este ofrece.

O Porriño súmase así á campaña da Xunta, “Quere o teu mercado”, que a nivel internacional está organizada pola World Union of Wholesale Markets (Unión Mundial de Mercados Mayoristas) con motivo do Día Internacional do Mercado.

“Seguimos apostando pola posta en valor do noso mercado”, explicou a concelleira Antía Carrera, “Con actividades como esta queremos incentivar o consumo de productos frescos entre os máis pequenos e promover a compra local, así como a profesionalidade e o bo facer dos nosos praceiros e praceiras”.

Para participar é necesario inscribirse enviando un email a gabinete.alcaldia@oporrino.org

O Porriño instalará casetas para gatos na rúa

O Concello do Porriño instalará casetas para gatos en diferentes espacios da vila para dotar estas zonas de mellores condicións para os felinos das colonias que se están a controlar. Os alumnos/traballadores do Obradoiro de Carpintería foron os encargados de elaborar a primeira estas casiñas que permitirán aos animais resgardarse da choiva e do frío.

Ademais, os participantes do obradoiro veñen de rematar máis dunha ducia de bancos de madeira que se instalarán en diferentes puntos do municipio.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, achegouse hoxe ás instalacións onde se desenvolve o Obradoiro de Emprego en Torneiros para coñecer o seu traballo e agradecerlles a súa contribución. O rexedor recordou que “a colocación destas casetas súmase á aposta do noso Concello polo benestar animal e co control ético da poboación felina en liberdade”.

Detido o presunto autor de varios roubos no Porriño

Un operativo conxunto de Garda Civil e Policía Local do Porriño culminou hoxe coa detención do presunto autor de varios roubos con forza no centro urbano.

O detido, un veciño do Porriño de 36 anos de idade, está investigado por un delito continuado de roubo con forza, como presunto autor de máis de 20 roubos no termo municipal. Entre os feitos que se lle imputan están roubos e danos en vehículos, locais comerciais, destrozos no cemiterio municipal e tamén na Capela de San Benito.

O pasado mércores, foi detido e posto a disposición xudicial, decretando o xulgado a súa posta en liberdade. Finalmente, esta madrugada foi interceptado polos axentes esta noite tras roubar e causar cuantiosos danos na Praza de Abastos Municipal.